BiosBardia

O país dos libros en galego

Autoficción e novela lineal: as dúas fillas do posmodernismo literario

Michel Leiris.

Xesús González Gómez.

Non se pode dubidar de que o posmodernismo está defunto, porque, malia os «superviventes», o posmodernismo morreu de morte natural, é dicir, de morte política (tanto pola dereita como pola esquerda: ao cabo, talvez o posmodernismo era de centro-centro, é dicir, do famoso xusto medio) e, xa que logo, de morte literaria e artística[1]. Tampouco de que nos deixou unha herdanza, que semella precedida por varios testamentos coa obriga de executalos. A herdanza consiste nunha literatura que está a triunfar «masivamente», sexa en vendas e, curiosamente, tamén entre certa crítica. Crítica que, por outra parte, semella máis unha axente publicitaria de certas editoriais do que outra cousa. [Claro que podiamos entrar no debate de se a crítica, actualmente, ou mesmo dende o seu nacemento, non é outra cousa ca un viveiro de axentes publicitarios, incluído quen isto asina, por suposto.]

Esa literatura que nos deixou en herdanza o finado, e case que finiquitado, posmodernismo, divídese, coma se fose maoísta, en dúas: unha non é outra cousa que o que se está a denominar autoficción. Ou, mellor dito, a apoteose da autoficción. E a outra é unha especie de narrativa, de novelística, filla directa (ou irmá xemelga) da vella literatura sen sobresaltos, é dicir, novelas lineais ou de liña recta. Unha narrativa que non só non lle pon dificultades ao lector (que non hai por que poñerllas) senón que lle dá todo mastigado para que máis ca interacción entre o lector e lectora e autor ou autora (interacción que é, á fin e ao cabo, o que produce a literatura) haxa identificación cos personaxes, monicreques que move ao seu pracer a ou o novelista. Noutras palabras, esta literatura narrativa saída do posmodernismo o que quere, simplemente, son lectoras e lectores seducidos, cando non asoballados, que non se interroguen sobre o que están a ler. Aquela ou aquel (novelista) que use da imaxinación, vai dado ou dada, normalmente. E cando uso a palabra imaxinación quero dicir imaxinación, non fantasía. Por exemplo: en Cien años de Soledad, n’A esmorga, ou en Merlín e familia, úsase a imaxinación. Novelas de tanto éxito como La península de las casa vacías e outras lanzan a imaxinación pola borda e abusan da fantasía.

A autoficción está de moda e tomou conta de gran parte do mercado. Coma se non houbese outra maneira de narrar. Todos estamos de acordo que todo texto narrativo (e mesmo poderiamos dicir que poético) é máis ou menos autobiográfico, porque tamén todos sabemos que só se escribe co noso vivido e co noso saber, mais isto non significa que se deba só falar de si, non meter en escena a historia, só inventar feitos e personaxes (como ocorre, por exemplo, en moitas novelas de moito éxito ultimamente). A literatura, segundo Barthes (aínda que un seguiu durante moito tempo o consello de Jon Juaristi, cando este era alguén: «Con Barthes / ni te cases ni te embarques») é un feito oblicuo. Este carácter oblicuo, indirecto, non concirne necesariamente só á escrita. A ficción, sábese dende El ingenioso hidalgo don Quijote de la Mancha, pode ser unha maneira de ir ao esencial polo indirecto. A ficción é un modo de elaboración, tanto da realidade coma da historia. Véxase, por exemplo, o que di Ivan Jablonka en L’histoire est une littérature comtemporaine, (París, Ed. du Seuil, 2014). E esa elaboración pode conseguir, de feito acaba conseguíndoo, que haxa máis verdade (que debería ser o último obxectivo da novela, da literatura) sobre a vida de alguén que practica a autoficción, porque, en realidade, aquel ou aquela que practica a autoficción está simplemente a deitar un discurso sobre o que el ou ela coida que é a súa vida. Na ficción —e non hai que chamar a ningunha autoridade en axuda, pero se alguén pide nomes, citemos simplemente a Erich Auerbach e o seu Mímesis—, o «desvío» do imaxinario pode darnos acceso a unha realidade que nos disimulamos. Un exemplo: lean vostedes Jean Santeuil, de acordo, é unha novela inacabada. Mais tamén un intento de autoficción, de Proust e a continuación introdúzanse de cheo en À la recherche du temps perdu. Nos sete tomos desta magna obra, en todos os sentidos, o autor afástase dabondo da descrición do vivido por el, mais, non se pode negar que se achega máis a verdade, á súa verdade. Talvez porque na ficción —se cadra equivócome, e ao mellor só se dá nas grandes ficcións– aquilo que Gérard Genette denomina «focalización cero» ou «non focalización», é dicir, aquela narración en que o narrador está á vez ausente e omnipresente, o que acontece na obra mestra de Proust, e mesmo, no Ulises, de Joyce e, estou por afirmar, en todo Faulkner e en case toda V. Woolf, entre outras e outros, é presenza total. Ou, por dicilo doutro xeito: domina completamente o «texto». Con todo isto, e máis que podería seguir a escribir, non quero negar que a denominada autoficción non dese boas «novelas», máis ben «textos», pero non se pode negar que os e as practicantes deste xénero narrativo, despois da primeira entrega adoitan repetirse dabondo. Salvemos un nome: Michel Leiris, mais Leiris non intenta describir a súa vida, senón atopar a súa verdade e a verdade do mundo e, ademais, pon na escrita tanto o mundo coma a historia.

Alguén, e con razón, pode aducir que estas dúas «producións» da posmodernidade xa existían durante e mesmo antes da modernidade, dito co que estou de acordo, mais a posmodernidade, ademais de usar destes dous tipos de narración como reacción contra a modernidade (o que me leva, a considerar estes dous tipos de narrativa como reaccionarios, literariamente falando), elevounos a un grao de saturación tal (no sentido que se lle dá en física e química á palabra), que pode rematar levando (e vai polo camiño) este tipo de literatura ao que, parafraseando ao mencionado Barthes) poderiamos chamar «grao cero da narrativa ou da novela».

Cando collo unha novela para ler o que lle pido é unha mestura de tradición e innovación. Acho tan ilexíbeis os libros dos que se pensan que son os primeiros ou as primeiras escritoras do mundo (ou dun sistema determinado), que coidan poder prescindir de todo o anterior, coma as obras dos e das que asumen que, non tendo nada a dicir, limítanse a combinar ou se apropiar do que xa está inventado. E, das obras que máis aborrezo, das que adoito a fuxir normalmente a partir da páxina 30, son aquelas que intentan agachar a súa inutilidade baixo o manto da ideoloxía. De calquera ideoloxía: marxista, nacionalista, feminista, socialdemócrata, freudiana, «vangardista», «experimental», etcétera.

[1] Polo que respecta aos planos socioeconómico e político, digamos que triunfou plenamente e as lamas entre as que agora vivimos son fillas directas daqueles pos. Sobre o posmodernismo recomendo o libro de Andreas Huyssen: Modernismo después de la posmodernidad, Barcelona, Editorial Gedisa, 2011.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *