‘Avelino Cabezas e os seus irmáns’, unha saga de comerciantes en América

César Lorenzo Gil.
Non é moi habitual que se publiquen en galego obras de historia centradas en persoeiros ou sagas non vinculadas coa actividade política ou cultural. Tampouco, malia a importancia da emigración no pasado do noso país, se publican moitos libros sobre os galegos que destacaron, individual ou colectivamente, nos países de acollida. Por iso é unha boa nova por varios motivos a publicación de Avelino Cabezas e os seus irmáns. Un relato de Narón, de Antón Seoane, publicado por Galaxia na súa colección ‘Memoria’, co patrocinio do Concello de Narón.
Antón Seoane é moi coñecido como músico, especialmente por formar parte de Milladoiro, mais non só, e como psiquiatra. Neste libro descóbrese tamén como historiador, pero que ninguén se achegue a estas páxinas buscando un traballo académico. Esta é unha obra que nace da curiosidade, unha curiosidade familiar, e que nunca perde ese punto inxenuo e, sobre todo, moi entusiasta. Un entusiasmo que se contaxia, que conduce a lectura non mediante unha estrutura analítica, senón subxectiva. Seoane, desde as primeiras páxinas do libro, devece por compartir unha historia; por revelar un segredo. É o explorador que atopou un tesouro no fondo da mina do tempo e quere que todos a coñezan.
Esa mina é a figura de Avelino Cabezas, nacido en Narón no 1870, que con 13 anos emigra ao Uruguai e de alí pasa a Bos Aires, onde acabará por lograr o éxito como comerciante na primeira década e media do século XX. O seu legado hano manter os seus catro irmáns, chamados por Avelino a América e que conservaron o esplendor mercantil até o 1936, curiosamente, un ano con bastante máis relevancia na historia galega, como fronteira, ca na arxentina.
Á parte de descubrir esta familia, tan interesante para percibir o modelo de emigración cara a América dacabalo entre os séculos XIX e XX, a obra ten interese polo peculiar estilo narrativo de Seoane. Tomando elementos da psicoloxía individual e social, case nunca vai “ao gran”. Opta por transmitir as propias reviravoltas da súa investigación, cunha xerarquía da información que aínda que ás veces poida parecernos pouco práctica para somerxernos na aventura dos Cabezas, finalmente acaba por operar como auténtico motor desa curiosidade que no fondo queda como pouso tras a lectura desta obra.
Con certeza, Seoane parte con vantaxe porque a materia prima coa que traballa é poderosa. A historia dos Cabezas é fascinante.
Por suposto hai outras historias de emprendedores exitosos na emigración. Se cadra o máis famoso é o caso de Ramón Santamarina, do que se fala neste libro, mais a historia de Avelino Cabezas conta con todos os elementos novelescos que fan moi atractiva unha biografía.
Cabezas naceu en Narón, fillo dun capitán de barco que faleceu cando el tiña doce anos. A súa nai casou novamente cun médico e foi por iso que nin el nin os seus irmáns pasaron unha infancia pobre. De feito, o caso dos Cabezas amosa como a emigración naquel tempo non era unha saída á fame, en moitas das ocasións, senón unha saída persoal que só podían acometer os que tiñan unha base económica factible que lles permitise acometer os gastos da viaxe ao Novo Mundo. Que Avelino partise cara ao Uruguai con trece anos, obviamente, tivo que ver coa morte do pai e o rápido casamento da nai.
O naronés consegue, tras seis anos no departamento uruguaio de Flores, o capital necesario para establecerse na capital da Arxentina. Alí monta un negocio, a famosa Casa A. Cabezas, que non deixará de medrar até a morte do fundador.
Seoane repara na oportunidade do momento. Bos Aires, máis alá do mito de que a primeiros do século XX puido converterse na cidade máis próspera do mundo, mantiña unha medra económica e demográfica constante e firme. A modernización da economía permitiu a consolidación dunha clase media que demandaba produtos xa non só destinados á subsistencia, senón tamén ao luxo. Foi, ademais, aquela, a idade dourada da venda a prazos. O endebedamento era case unha obriga. O capitalismo estendíase entre a poboación cunha promesa de accesibilidade que daban as letras e os créditos. Cabezas, como di Seoane, soubo observar, copiar dos seus competidores os seus acertos, e ser afouto na innovación. O seu almacén non pechaba ao mediodía e traía á sociedade capitalina seda do Xapón, tweed británico, os mellores cortes dos traxes italianos. Chegou a ter 600 empregados e foi norma da casa permitir a consolidación dos postos, a promoción interna e a formación continua. A Casa Cabezas era iso, unha casa.
O autor repasa a época do esplendor e conta substanciosas anécdotas. Desde a ideoloxía socialista do empresario ao papel do seu almacén na fundación do club de fútbol Independiente de Avellaneda, coñecido naquela altura como “el equipo de los gallegos”. Tamén dedica gran parte do libro a repasar os feitos e personalidade dos irmáns de Avelino, que viviron inequivocamente á súa sombra, obrigados a seguilo nos seus proxectos, mais cun protagonismo senlleiro en todo o proxecto empresarial.
Avelino Cabezas morreu moi novo, dunha infección xeneralizada. Once anos despois do seu falecemento, os seus restos voltaron a Narón.
Capítulo á parte merece, no libro, a casa Libunca, construción indiana en Narón no terreo onde antes xa vivira a nai dos Cabezas, mais que foi a súa filla Remedios Cabezas e o seu xenro, Francisco Montenegro, quen converteron nun chalé, nunha “torre catalá”, na década do 1920, que permaneceu nas mans desa familia até a década do 1990. Seoane toma esta construción como exemplo dun tipo de arquitectura (e sociedade) que influíu o territorio galaico cos réditos, modas e usos provenientes da emigración.






