BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Azul’ vs ‘Poseidón harmonizado’

Violoncellista no fondo do mar. DOROTHE.

Xornada 5. David Botana fronte a Carlos Vega.

Azul

Unha tartaruga asoma a cabeza debaixo dun coral. A quenlla aproxímase desde o fondo, tan de vagar coma a morte natural. O violinista de pedra fai saír burbullas cun tocar maxestático, soa «No Quarter», guitarra, Plant, mellotron e todo. No horizonte vese unha catedral, deformada pola difracción, derrubada, mal soñada ou mal editada. O coche escacharrado ten un faro aceso. Todo está fóra de escala. Todo é azul.

Eu chego canda o soño, pois esta postal surrealista de imaxes libres e Photoshop pirata non é máis ca iso, unha mente a durmir. O tempo da melodía é tan errático coma uns ronquidos. Está só medio durmida, é un soño recente. Ao mellor por iso estou aquí. Son unha idea. Seguro que esa mente me buscaba e foi dar comigo xusto cando perdeu a consciencia. Quedei, de maneira paradoxal, ceiba pero presa. Non pertenzo a ninguén, a nada, podo definirme como queira nesta prisión acuática.

«The Crystal Ship», a música semella vir de fóra. Outra canción… líquida. Teño fame, quero ser. Expándome dentro do soño, este cede ata certo punto, logo chega unha presión constante, aumenta a enerxía, as campás da catedral restalan, a tartaruga escóndese, a quenlla arríncalle a cabeza ao violinista, este toca sen control. «The Music Scene». A luz do coche latexa, algo entra. Cores, animais que se deforman, licuan e se transforman, pantallas, luces. Estímulos, argamasa.

Ordeno eses elementos no meu mar. A catedral está de pé, desafiante. É gótica, as gárgolas son tartarugas e violinistas. As quenllas forman unha sociedade. Hai unha voda, alguén chega nun coche e ten un accidente. . Creo un golfiño.«Mala mujer». Sente dor, corre desesperado. Quere a alguén que non o quere. O seu desexo lastima e non o pode evitar. Sofre por iso, pero inda así actúa. Iso é o que son, un xermolo de historia.

A música aféctame, ou poida que sexan as personaxes que agroman do que son unha e outra vez. Pai, loita, amor, odio, nenez, xogar, desexar, medo, morte. «Do the Evolution». O conflito narrativo sen fin arremuíñase, ameaza con engulir todo. Quero saír. Aquí son un movemento orbital. Preciso a linealidade do principio e da fin. «Roads». A luz está acesa, a mente nin sequera soña plenamente. A súa semivixilia evita que chegue a ser un concepto, algo profundo e definido. Algo digno de ser contado. Neste estado son o Sharknado das tellas verdes. Teño que influílo, achegalo ao soño profundo… ou, que pasaría se o esperto? Podería… ser nel?

Achégome ao coche. Enriba do cadro de mandos dorme un home calvo duns corenta, viste unha batiña de cadros. Doulle volume á radiocasete e probo canles: «Zappa & Bozzio epic», piratas e pichas, «I Follow Rivers», bailar, «I want to break Free», saír, «Lost on you», cando abres os ollos.

Son eu, son el. Estaba a escribir cando o cazou o sono. Na pantalla, o azul amniótico do meu nacemento e as letras nas que me leo. Son o espello que se mira ao espello.

David Botana.

………………………………………………………………………….

Poseidón harmonizado

Bricoux nunca parara a pensar en por que tocar ata que se atopara alí, baixo todo o peso do mundo. Nos primeiros recordos que gardaba de neno xa se vía co violín baixo o brazo. Daquela tivera varios profesores, pero a ningún lle lembraba máis que as mans. Fixábase nelas ata que era capaz de roubarlles á perfección os movementos. Ata que coñecera a vello mestre. Cando o vía tocar había algo que se perdía entre o que lle recollían os ollos e o que replicaban as mans. Algo que lle caía ao baixarlle dos oídos, e se lle diluía no sangue, pola zona do peito. Foi o único mestre do que recordaba a cara, sempre afundida tras un mar de engurras. 

Non embargante, non daba en presumir de talento innato e gardara respecto por todas as mans que era capaz de lembrar. Pensaba que todas contribuirán de maneira uniforme, como partes dunha escaleira sobre a que el erguera a súa vida en Southampton.  

Co tempo perdera aquilo que lle quecía o sangue cando acudía a ver o vello mestre, aínda que nos últimos días semellara recrealo na casa, cando se pechaba a ensaiar. Fose o que fose aquilo que cada vez se lle estendía máis polo peito e que na última sesión chegou a rozarlle as mans, quedou tras a liña de escuma do barco, coa terra e cos pais. 

Foille doado entrar na banda dun enorme cruceiro. Os grupos non se decataban de canto necesitaban un contrabaixo ata que oían un bo e, polo menos no país que deixaba atrás, el chegara a ser o mellor. O resto non era capaz de reconstruílo con claridade e víñalle a cachos, coma perdido nas sombras dunha modorra de sábado tarde. Podía ver, como a través dun cristal, momentos inconexos da derradeira noite do barco, co iceberg diante del, roubándolle destellos á lúa. 

O único que lle permitía conectar os recordos daquela noite era a última frase do violinista, mentres os botes salvavidas afundían do peso, ao lonxe: Foi un pracer tocar convosco, cabaleiros.

Non se atopara ningún deles alí abaixo, cando as roupas enchoupadas que tiraban del tocaron o fondo. Non embargante, cos pensamentos afogados, só lle sobreviviu na cabeza a imaxe dos outros membros da banda, a tocar mentres os reclamaban as augas.

A escuridade que lle invadira os sentidos entón reduciuno ao seu sentimento primordial. O orgullo dun músico que servía de apoio ás partituras do resto da banda, que imaxinaba nalgún recuncho do mar, agardando a que lles dese entrada.

Ao principio seguía o compás que recordaba dos ensaios, pero co tempo, ao acostumárselle os oídos á presión, comezou a prestarlle máis atención ao auditorio que tiña arredor. Descubrira a súa razón para tocar. Bricoux tocaba polas rápidas corcheas que case pasaban nas puntas polas cordas, acompañando os bancos de peixes que o rodeaban, ou os tímidos silencios de branca que, case de esguello, seguían os enormes tiburóns ata a superficie, onde batían ao compás contra as rochas da batea.

Carlos Vega.

6 thoughts on “‘Azul’ vs ‘Poseidón harmonizado’

  1. Boas! Admito que era unha imaxe complicada, imos ver o que inspirou:

    ‘Azul’: a descrición dunha paisaxe onírica sempre vai ser algo confusa, coma neste caso, pero tamén contribuíu a sobredose de enlaces; paréceme unha gran idea a de acompañar o relato cunha banda sonora, pero penso que foi excesiva. Valoro os riscos que asume o autor, pero sentinme algo confundida.

    ‘Poseidón harmonizado’: gustoume a linguaxe e como vai contando a historia de Bricoux, sen présas, e cun toque fantástico, na miña opinión, ben conseguido, xa que dende o inicio sabemos que o protagonista atópase nunha situación, digamos, extraordinaria.

    O meu voto é para ‘Poseidón harmonizado’.

  2. Comento o terceiro duelo da 5ª xornada.
    Azul
    Concordo con Ana que hai demasiadas referencias musicais. Non entendín ben o relato, para min é demasiado enrevesado e caótico. Nestes casos sempre penso que teño eu o problema, non o autor.
    Poseidón harmonizado
    Unha homenaxe preciosa a Roger Bricoux, violonchelista da orquestra do “Titanic”. A imaxe tamén semella un violonchelo, pero o autor fala dun violinista. Se cadra tamén era un virtuoso do violín, non o sei… Son unha gran admiradora da película Titanic co cal namoroume desde a primeira liña Bricoux. Os meus parabéns ao autor, que creo que sei quen é. Tampouco o vou dicir…
    O meu voto para Poseidón harmonizado.

  3. Azul

    gustame a descripcion onírica da foto. Non fai mais que dicir o que hai na foto, pero dalle unha forma nova. Tamén me parece fascinante o concepto e creación da “idea” do soño e de como se describe a sua recen estrenada autoconsciencia. Teño que confesar que non oin as cancions. Bueno, si, unha, e non me dixo nada en especial. Penso que os enlaces non lle achegan o que deberian. Para empezar é imposible oir todas esas cancions mentres les o relato. Enton, o feito de ver o link (e non usalo ou usalo e non sacar nada) fai que o lector teña a sensacion de que hai un recurso que se perde, e iso non axuda a crear un clima de complicidade.
    Gustame a exploracion que fai a idea dos seus dominios e entendo a conclusion á que chega. O final está ben, a obra contemplase a si mesma, é un concepto moi interesante. A frase final descolocame, penso que agardaba algo mais mundano, un xuizo mais emocional que filosofico.

    Poseidón harmonizado

    Un relato moi serio, moi ben montado. Gustanme as frases que din mais do que a suma das suas palabras, e este relato está cheo delas. un case pode ir adiviñando como se xestou o relato. primeiro a foto, despois a idea do musico do titanic, e desde esa estampa tirar para atrás, a caracterizalo e darlle unha voz (ou unha melodía, mellor dito). Foi boa idea facer elipse de todo o innecesario. Aí polo medio do relato notei un vaiven da historia, como se lle estivese costando chegar ó final, un final xa pensado que facia falta enganchar co afundimento sen desgastarse no afundimento en si. Por sorte enseguida se nos situa ó prota no seu lugar e temos todo un parágrafo para desfrutar da sua musica baixo o mar. Non o vexo un relato redondo-redondo pero está moi ben, da o que ten que dar.

  4. Este é o duelo no que máis me custou tomar unha decisión. Vexo ambos relatos moi parellos en canto aos protagonistas e escenario escollidos (a foto condicionaba moito), mais son moi diferentes no seu xeito de narrar. En ‘Azul’ non me resultaron pesadas as referencias musicais porque non os tomei coma algo que interrompe a narración, senón coma unha banda sonora que vai levando ao lector por unha viaxe de emocións e reflexións. En ‘Poseidón harmonizado’ gocei desa viaxe ao inferno do artista que, neste caso sen buscalo, emprende unha travesía ao único lugar onde pode expresar a súa arte sen límites, á morte.

    O meu voto vai, só por resultarme máis orixinal, para ‘Azul’

  5. Feliz ano a todas e todos! Afrontamos a recta final con forza polo que vexo nos relatos.

    Complicadísimo duelo. Complicadísima imaxe. Complicadísima decisión. Os dous autores están a un altísimo nivel. A miña decisión foi variando cos días, primeiro pensaba votar por un, logo polo outro, despois volta ao de antes… Se sigo a reler e pensar vou acabar mareado e afundido coma o tipo do cello. Así que aí vai.

    Azul

    Complexo. Psicodélico. Multisensorial. Chegou a afectarme á vista. Coma se eu tamén estivese baixo desa «auga» que deforma a realidade. Faltoume o White Rabbit de Jeffeson Airplane, quizais porque o autor o consideraba demasiado obvio. Ten varias frases para tatuaxe. E, o peor de todo, en todas as lecturas acabo coa mesma reflexión filosófica: “¿Qu’a pazao?”.

    Poseidón harmonizado

    Relatazo. Escrito cun corte máis clásico que o seu competidor, o que provoca un contraste divertido. Boa idea conectar o músico coa orquestra do Titanic. Dá moitísimas posibilidades. A escolla é máis que aceptable e o escrito queda ben rematado.

    Xa dixen que a decisión é complicada, pero coma sempre vou premiar o risco. O meu voto vai para Azul.

  6. Moi bos relatos e moi diferentes para unha foto rara, rara. Parabéns a ambos autores. Desfrutei moito con ambos e con ambos aprendín cousas.
    “Azul” Este relato é unha gozada para unha melómana con tendencia á que a cabeza se lle enrede nas cousas. Os enlaces son excesivos, por suposto. Non creo que a súa función sexa servir de banda sonora, as cancións en si son como grandes conceptos polos que avanza a narración ou eu entendinos así, “Do the evolution”, por exemplo, ese enlace sobraba e “I want to break free” o mesmo pero perdería coherencia por iso está ben como está. Como ben di Fran ten frases brutais e aínda que é confuso coido que é moi difícil resolver este relato sin certa dose de confusión. O título por certo non me convence moito, creo que lle queda pequeno a este relato.

    “Poseidón harmonizado”
    Gustoume este relato, moi ben narrado e unha idea xenial a de utilizar o personaxe do Titanic pero como nin vin a película nin sabía quen era Bricoux lin un pouco á deriva. En sucesivas lecturas atópolle mais cousas. Ai hai unha tensión ….afectiva co mestre ou é cousa miña? Un gran relato. Parabéns! Sen embargo xa me tiñan o corazón gañado.

    Voto por “Azul”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *