BiosBardia

O país dos libros en galego

Balanzo da Diada de Sant Jordi para o libro en catalán

Victor Amela.
Victor Amela.

Xesús González Gómez.

O pasado ano 2015, o Gremi de llibreters de Catalunya afirmou que se venderan 20,3 millóns de euros en libros o día de Sant Jordi (23 de abril). En libros vendidos polas librarías afiliadas, xa que moitas delas pertencen a outros gremios, e tampouco se contan os libros vendidos polas librarías de vello ou de segunda man, que ese día facturan moito. Por exemplo, no 2014, os libreiros de vello esgotaron todas as existencias que tiñan de libros de Gabriel García Márquez (había unha semana escasa que o colombiano morrera), libros –vendas–, evidentemente, que non entraron nas contas do Gremi de llibreters. Tamén os responsábeis do Gremio afirman que a venda de libros nesta diada representa entre un 6% e un 7% das vendas anuais en Cataluña: para algunhas librarías pequenas, aínda máis.

Este 2016 o día presentábase un pouco aventureiro, por mor de que caeu en sábado, sempre mal día, sobre todo para as librarías dos barrios (semella ser que as vendas se concentraron nas librarías e postos do centro), e tamén polos augurios, que finalmente se cumpriron, a partir, máis ou menos das sete do serán, de choiva en Barcelona; en Girona a choiva comezou a caer horas antes. Segundo as cifras do Gremi de Llibreters, as vendas deste ano baixaron entre en 10% e un 15%, e foi debido, sobre todo, ás últimas horas da tarde, xa que a choiva fixo “desertar” dos postos de venda a moitos posíbeis compradores. Como curiosidade, digamos que afirman que se venderon cinco millóns e medio de rosas.

Outro dos datos que sempre se entregan ao día seguinte da xornada de Sant Jordi é o da lista de máis vendidos, en catalán e castelán. Hoxe referirémonos só á parte catalá. O que nunca se dixo é que porcentaxe das vendas corresponden a libros en catalán e a libros en español ou castelán. Sábese, iso si, que o ano pasado a venda de libro en catalán subira sobre un 7%, o que está moi ben. O que é difícil saber é a cantidade de exemplares que se venden de cada un dos libros situados na lista dos máis vendidos. Esta lista componse de cinco libros de ficción e cinco de non-ficción, así como cinco infantís-xuvenís, tanto en catalán como en castelán. O que si se sabe é que a lista dos mais vendidos representa máis ou menos un 5% do total de libros vendidos, palabras do presidente do Gremi de Llibreters pronunciadas o luns día 25 de abril. Mais vaiamos, inicialmente, á lista de libros máis vendidos en catalán.

Ficción:

1.- La filla del capità Groc, de Victor Amela.

2.- Tot això ho faig perquè tinc molta por, de Empar Moliner.

3.-La noia del tren, de Paula Hawkins.

4.- Res no és perfecte a Hawaii, de Màrius Serra.

5.- La vida sense la Sara Amat, de Pep Puig.

É dicir, dos cinco libros de ficción máis vendidos en catalán, catro son de autores autóctonos, e o outro unha tradución. Engadamos, como de pasada, que tres dos libros cataláns foron premios literarios: Victor Amela, Ramon Llull 2016; Empar Moliner, Mercé Rodoreda 2015 (de narracións), e Pep Puig, Premi Sant Jordi 2015. Outros dos datos a engadir, é que os catro autores cataláns foron editados por Planeta (1) e Proa (3), mais cómpre lembrarmos que Proa pertence ao Grup 62, é dicir, a Planeta. A novela da británica Paula Hawkins editouna Edicions La Campana, unha das editoriais independentes de máis “incidencia” en vendas en catalán ao longo de todo o ano e desde hai moitos anos.

Empar Moliner.
Empar Moliner.

Ora, se estes foron os cinco primeiros libros de ficción máis vendidos en catalán esta diada de Sant Jordi ao longo de todo o principado, hai que sinalar que a oferta ofrecida ao lector en catalán era máis que interesante, tanto en calidade como en cantidade. Velaí unhas pequenas listas de libros de ficción (orixinais cataláns e traducións) aparecidos no que vai deste 2016, e que competían polos primeiros postos (non engadimos os cinco máis vendidos):

Narrativa catalá: Espanya de Merda, Albert Pla; Veus al ras, Sebastià Perelló; Jonàs, Isabel-Clara Simó; Jardí a l’obaga, Blanca Busquets; L’amor fora de mapa, Roc Cassagran; Un tros de paper, Noèlia Beltran; Abans que el teu record torni cendra, María Escalas; D’incògnit, Puig Puigdevall; Jambalaia, Albert Forns, Estimades Zambrano, Mercé Foradada; Ni aquesta tarda ni cap altra, Andreu Grau; Les roses de Stalin, Monica Zgustova; Un cop morta, Laura Tejada; 60 dies a Cuba, Roger de Gràcia; Cinergies (microrrelats), Elisenda Solsona; L’aniversari, Imma Monsó; El dia del cèrvol, Marina Espasa; Els dies sense glòria, Sílvia Alcàntara; Els ocells, Victor Grarcía Tur; La muntanya maleïda, Begoña García Carteron; Germà de gel, Alícia Kopf; Haru, Flavia Company; Trèmols, Biel Mesquida; Diamant Blau, Care Santos, etc. Deixo no caderno de apuntes como 15 títulos (e non son totalmente exhaustivo) e ás reedicións de “clásicos” como Mercé Rodoreda ou Blai Bonet.

A estas novelas, engadimos as novelas policiais que aparecen nestes xa case catro meses en catalán, de autor catalán: e non son totalmente exhaustivo), El camí de la pesta, David Clesa; Tota la veritat, Nùria Cadenes; Tres dies d’agost: Jordi Serra i Fabra; Campanades de boda, Teresa Solana; La violencia justa, Andreu Martín; Foc verd, Marc Sergiot.

No apartado de narrativa traducida, o lector catalán podía escoller, entre outros, títulos como: El noi de la casa de la muntanya, John Boyne; Sempre els diners, Hans Magnus Enzensberger; La guitarra blava, John Banville; Historia del meu cognom, Elena Ferrante (desta autora, o lector catalán tamén podía comprar calquera dos catro título da famosa tetraloxía da “amiga”, xa que todos están vertidos á lingua de Maragall); L’elefant desapareix, Haruki Murakami; No és procedent, Claudio Magris; Avinguda dels misteris, John Irving; L’assasí que va somiar amb un lloc al paradis, Jonas Jonasson; La llei del menor, Ian McEwam; Petronile, Amelie Nothomb; ou versión de autores que escriben españois: Els petons al pa, Almudena Grandes; Història d’un Canalla, Julia Navarro ou Abans de gairebè tot, Victor Árbol, último premio Nadal. E as últimas entregas de Herman Koch, Lucia Berlin, Karen Joy Flower, etc, sen esquecermos as novelas policiais traducidas: Policia, Jo Nesbo; Mary & John, Pierre Lemaître; El cas Santamaria e Una veu en la nit, de Andrea Camilleri; Mestra, L. S. Hilton; Els àngels de gel, Toni Hill etc.

No que respecta á poesía, nestes tres meses viron luz libros de Pere Gimferrer: Marinejant; Joan Margarit, L’ombra de l’altre mar; Dret al miracle, Victor Obiols; Matí de la mort, Jordi Llavina ou Panorama de poemes, de Kenneth Ptachen, por citarmos os máis coñecidos. No apartado clásicos na sección novidades, o posíbel comprador podía atopar títulos como El món on visc, de Hellen Keller; Els evangelis apròcrifs: textes gnòstics, Armand Puig editor; Les faules de Fedre, Xeremier del Francolí; Nosaltres, de Yeugenui Zamiatin (unha nova tradución); Cartes d’amor de la monja portuguesa (nova tradución); Judoci a una meuca, Apolodor; Tot sol, A. Strinberg e diversas edicións, para lector común e para especialistas, de Ramon Llull. Do que o pasado ano se celebrou o oitavo centenario do seu pasamento.

Non ficción

No apartado de non-ficción, os libros máis vendidos foron os seguintes:

1.- Confessions d’un culer defectuòs, Sergi Pàmies.

2.- Educar millor, Carles Capdevila.

3.- La màgia de l’ordre, Marie Kondo

4.- Aquella porta giratòria, Lluís Foix.

  1. Sucs verds, Carla Zaplana

 

As curiosidades neste apartado son máis de orde editorial, só dous (Sergi Pàmies e Lluis Foix, foron publicados por algunhas das editoriais do grupo Planeta, Empùries e Destino respectivamente), os outros tres títulos repartíronos editoriais máis ben pequenas, ou medias sen chegar a ser medias grande: Ara editorial, Cossetania e Arcadia, coa curiosidade de que esta última editorial se dedica normalmente a publicar textos máis ben curtos, con excepcións, de autores de “culto” e para lectores que antes se denominaban “exquisitos”: Norman Manea, Oriol Bohigas, Georges Steiner, Giorgio Agamben, Carlo Ginzburg, Robert Darnton, Baumant, etc., e que está vinculada á cadea de librarías La Central –talvez as mellores librarías de Barcelona, sen discusión posíbel, outra cousa é a súa política de relacións cos traballadores.

Sergi Pámies.
Sergi Pámies.

Ora, se ben estes curiosos títulos, un sobre fútbol, outro sobre educación, o de Marie Kondo non queremos nin definilo: unha enfermidade xaponesa da orde, outro de “gastronomía” e, o de Lluís Foix, sobre o mundo xornalístico, mellor dito, sobre La Vanguardia, xa que foi durante anos director de  tal xornal, no que aínda traballa. Non folleei o libro, mais gustaríame saber se conta o show daquela entrevista co ex honorable Jordi Pujol, entrevista que apareceu en La Vanguardia sen asinar, porque o señor Pujol autoentrevistarase e enviáraa ao xornal, que lla publicaron tal cal: nese momento, seica, rompeuse o idilio Foix-Pujol.

Se estes foron os títulos máis vendidos neste apartado, a oferta era, penso eu, moito mellor, aínda que non tan “mediática”, e abondo ampla: Pensar l’Islam, de Michel Onfray; L’arrelament, Simone Weil; L’or blanc, E. de Waal, Estrès i llibertat, Peter Sloterdijk; Barcelona de novel·la, Raúl Mantilla; La revolució que ara toca, Pau Riba,o cantante que revolucionou as augas tranquilas da “Nova cançó”; Els pont trencats, Manuel Milián Mestre (o home de Fraga en Cataluña que hoxe aposta, xa, pola independencia), Jacint Verdaguer. Una biografía, Marta Pessarrodona e Narcís Garolera (considerada como a biografía definitiva do maior poeta catalán do XIX); El nazi de Siurana, Toni Orensanz (investigación sobre os nazis refuxiados en Cataluña e protexidos polo réxime franquista) ou, incluso, Quan volien silenciar-me: memòries d’un periodista inconformista, de Wifredo Espina (inconformista fronte ao franquismo, non contra Jordi Pujol, quen o subvencionou durante moitos anos), etc. Dentro deste apartado de non-ficción, apareceron estes meses tres libros de historia abondo importantes, que non sei cal foi a súa venda este Sant Jordi, ben que son libros de “longa duración”. Anar de debò, de Borja de Riquer (xustificación histórica do actual independentismo catalán), Traficants d’ànimes, de Gustau Nerin (as grandes fortunas escravistas catalás) e Anarquistes i baixons fons, de Francisco Vázquez Osuna –de como unha serie de delincuentes se introduciron na CNT e na FAI durante a guerra civil, e mesmo antes. Tamén se editaron diversos libros sobre a figura do actual presidente da Generalitat, libros que tiveron boa aceptación, xa que a maioría dos cataláns –independentistas ou non– saben abondo ben cara a onde quere dirixirse Carles Puigdement, mais tamén a inmensa maioría ignora de onde vén. E un libro curioso e divertido: Herois indepes, de Jordi Calvis e Andrea González, no que se explica ao lector quen foron aqueles que fixeron medrar até as súas actuais cotas o independentismo catalán: Mariano Rajoy, Jose Mª Aznar, Jiménez Losantos, Tribunal constitucional, Paco Marhuenda, Curri Valenzuela, Alfonso Guerra, Rodríguez Ibarra, etc. etc.

Deixo moito libros sen transcribir do caderno de apuntes: non se trata de estar a recitar un monte de libros e de autores que aborrecería demasiado ao lector, mais lembrémoslle tres títulos máis que interesantes: Repòrters gràfics de Barcelona, VV.AA; Pere Català i Pic. Fotografía, Avantguarda i literatura, de Pablo Giori e unha excelente recuperación a cargo de Julià Guillamon, crítico de literatura catalá en La Vanguardia: L’enigma Arquimbau. Sexe, feminisme i literatura a l’era del flirt, que recomendo ao lector, sobre todo a lectora, procure información na rede.

Para acabarmos, unhas poucas curiosidades mais. No apartado de libros de ficción en catalán tiña no meu caderno anotados 41 títulos, destes, dezanove e medio foron escritos por mulleres. Digo e medio porque un, El ball de la vida, foi redactadi a catro mans por Anna Tohà e Albert Salvador. Das seis novelas policiais de autor catalán, dúas son de mulleres, etc. Outra das curiosidades sería que entre os autores máis vendidos de ficción dous deles son colaboradores/traballadores de LaVanguardia: Victor Amela e Màrius Serra; e no apartado de non-ficción acontece o mesmo, dous dos autores traballan neste xornal: Lluís Foix e Sergi Pàmies. Un terceiro autor, Carles Capdevila é o director do xornal, independentista, Ara.

Carla Zaplana.
Carla Zaplana.

Os máis vendidos en castelán

E xa para acabar, os libros máis vendidos en castelán ou español foron os seguintes.

Ficción

La chica del tren, Paula Hawkins; Historia de un canalla, Julia Navarro; Los besos en el pan, Almudena Grandes; El secreto de la modelo extraviada, Eduardo Mendoza; e… 13 Rue del Percebe, de Francisco Ibáñez, obra mestra da literatura do absurdo.

No apartado de non ficción, velaí os “gañadores”: La magia del orden, Marie Kondo; X, Risto Meijide; AuronPlay, el libro, Auronplay; Ser feliz en Alaska, Rafael Satandreu e El libro de las pequeñas revoluciones, Elsa Punset. Evidentemente, tanto nun apartado como noutro, a transcrición é por orde de vendas, de maior a menor.

Esquecemos transcribir os máis vendidos, tanto en catalán como en español, no apartado libros xuvenís e infantís. Digamos que en catalán, os cinco títulos foron escritor por autores do país. En español foron dous da serie Vegetta777; outro de Nickelodeon (¡Cachorros al rescate!); un de Disney, e outro de Cristina Boca (Forever).

E até o ano que vén.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *