BiosBardia

O país dos libros en galego

Balanzo da poesía catalá no 2018 (e II)

Maria Mercé Marçal.

Xesús González Gómez.

Despois de repasarmos as edicións de obras completas, as reedicións de «clásicos», os aniversarios, as antoloxías e as traducións máis salientábeis, na nosa opinión no apartado poesía que se deron en Cataluña no 2018, pasemos agora a dar a relacións dalgúns premios. De poesía, de institucións públicas e privadas, existen en Cataluña unha morea de premios; e se engadimos os que se conceden en Baleares, no País Valencià, en Andorra, etc., imaxine o lector cal pode ser a cantidade. Premios que axudan á edición e promoción da poesía. A maioría das institucións públicas que outorgan este tipo de premios son concellos. Concellos que ademais de concederen o galardón (monetario) ao poeta premiado, adoitan sufragar a edición do libro premiado. Cousa, por outra parte, doada: abonda con engadir á partida do premio unha cantidade X para axudar á publicación do libro. Cousa, ou engádega, que, seica, esquecen moitos concellos galegos que convocan premios de poesía. Velaí unha pequena (?) mostra de libros premiados:

Quaderns del port, de Hilari Cara, Jocs Florals de Barcelona (Proa); Un arbre molt alt, de Jaume Coll Mariné, Premio Àusias March (Edicions 62); Torna la pluja sobre nosaltres, Jordi Pujol Nadal, Premio Jordi Pàmies/Ajt. de Guissona (Pagès); El rastre d’uns escrits, de Carles Camps Mundó, Premio Vicent Andrés Estellés/Ajt. de Burjassot (3i4); A la intempèrie, Jpsep Ballester, Premio Ciutat d’Alzira (Bromera); Disponibilitat, de Carles Morell, Premio Màrius Tiorres (Pagès); Apartheids, de Montse Assens, Premio Marià Manent (Cossètania); Fils de llum, de Francesc Pastor, Premio Ciutat Torrent (Tabarca); L’ordre de les coses, Carles M.Sanuy, Premi Joan Alcover Ciutat de Palma (El Gall); Resplendor de foc, de Jaume Mesquida, Premio Joan Llacuna (Viena); Zero, de Yolanda Esteve, Premio Betúlia Memorial Carme Guasch (Cossètania); Ample vol de la nit, Premio Carles Riba (Proa); Pell d’ànima, de Josep Checa, Premio Senyoriu d’Àusias March (3i4); Fourmillante, de Miquel Àngel Llauger, Premio Sant Cugat a Gabriel Ferrater (Edicion 62); La nostra casa oberta, de Manuel Roig Abad, Premio Vila de Martorell (Viena); Svalbard, de Joan Josep Barceló i Bauçà, PremiMiqwurl Bauçà/Ajte. de Felanitx; Les despulles d’un somni, Antoni Ribas Tur, Premi Joan Perucho Vila d’Ascò (Saldonar), Quan els gran arbres cauen, de Àngels Gregori, Premi Vicent Andrés Estelles/Ajt.e Burjassot (Bromera); Desintegar-se, de Esther Xargay, Premi Cadaqués a Rosa Leveroni (Lleonard Muntaner, etc. etc., até untotal de vinte e sete premios (o que nonquere dicir que nonhaxa máis, que os hai). Anotemos que destes vinte e sete premios, quince son convocados por concellos, tanto de Cataluña como do País Valencià ou as Baleares. E volvámolo a repetir, os premios convocados polos concellos estes sufragan tamén súa edición, que é, en última instancia do que se trata: de que se publique o libro.

Por outra parte, cantos libros de poesía se editaron en Cataluña no 2018, deixando de lado as reedicións? (No apartado de reedicións cómpre salientarmos a publicación individualizada de todos os libros poéticos de Maria Mercé Marçal, realizada por Edicions 62. Esta mesma editorial publicou unha versión crítica de Les dones i els dies, de Gabriel Ferrater, a cargo de Jordi Cornudella, que é de obrigado cumprimento,) Non se sabe, pero penso que a cifra debe andar entres os 350 e 400 títulos, e destes tñitulos salientan, ao meu parecer os seguintes: Manera Negra, de Narcís Comadira (Ed. 62); Ermita, de Jordi Llavina (Meteora); La netedat, de Sebastiá Alzamora (Proa); Elegies, de Quim Espanyol (Edicions de 1984); Aigües desprotegides, de Antoni Vidal Ferrando (Eumo); La gota negra, de Cèlia Sànches-Mústich (Pagès); A ull nu, de Francesc Vallverdú (Pagès); Alguns paisatges, de Miquel de Palol (LaBreu);  Amor a la brega, de Blanca Llum Vidal (Pagès); Bardisars, de Xavier ,Palau (AQuaderns Crema), Tots els cavalls, de Antònia Vicens (LaBreu); Obreda, de Pere Jaume (Ed. 62). Dentro do apartado de poesía talvez podiamos colocar Els limits de Quim Porta, de Josep Pedrals, publicado por LaBreu. Con este libro pedral pecha a triloxía De Bolló: El furgatori e El romanço de Anna Tirant (libro que gañou a Lletra d’Or o 2013). O libro é un ensaio «novelizado» sobre poesía e poética, e está inzado de poemas. A variedade é total, o que quere dicir que na poesía catalá actual conviven unha multitude de propostas e tendencias e, hoxe por hoxe, á parte das calidades dos poetas, ningunha tendencia é maioritaria e as divertidas polémicas e liortas que tiveron lugar hai uns anos, hoxe, infelizmente, desapareceron e semella que reine a paz dos cemiterios, cando a poesía, como afirmaba Mandelstam, «é a guerra». Ou talvez reine a calma que precede ao combate. Veremos que acontece nos próximos meses

A poesía catalá, que no século XX alcanzou, esta si, unha verdadeira idade de ouro, malia as desaparicións mantén un nivel por riba da aura mediocritas. A aura mediocritas, como sabe todo o mundo, é o estadio en que se encontran as literaturas normalizadas, é dicir, aquelas que teñen unha serie de escritores de calidade media que son lidos pola maioría dos lectores e gozan dunha base de lectores que posibilitan a solidez dunha literatura e o seu consumo sen necesidade de que ninguén descubra unha obra mestra cada semana.

ANTONIA VICENS

 De noviña quería ser     amazona

a culpa      un anuncio de Martini*

no que unha muller    con vestido de tule

percorría a liña    infinita do mar

montada nunha egua

branca     díxose ten cancro non

sobrevivirá     entón quixen

ser un cabalo     alado

a galopar na sela     da Morte

 

(*á autora a memoria xógalle unha mala pasada, o anuncio era do brandy Centenario Terry. N.d.T.)

 

JORDI LLAVINA

ERMIDA

(fragmento)

Volvo subir, tantos anos despois

só, á vella ermida de San Pedro.

Nin un bafexo de aire, e un sol cru

de xullo que me deixará

ardentes o pescozo e mais o lombo

–no serán, tocarame padecer

a queimadura do comechón:

a pel, que semella que latexe

como a do corazón (e queixareime

de subir, co torso nu, a pendente).

E no entanto e unicamente así

que, ás veces, sentimos o corazón:

polos músculos lañados, espertos,

a vixiar unha ánima durmida

(e agora non me referirei

as enfermidades rigorosas

que fan do corpo escuro pasto:

tumores e pragas, cancros e úlceras). –

 

CARLES CAMPS MUNDÓ

TIRESIAS

Era a claridade duns ollos sen mirada.

A claridade de ollos cegos. Pupilas claras

Polo baleiro do non visto: os corpos

que as escurecen. Vellas bonecas espidas

de vida, espidas da claridade de fóra.

 

De onde que fosen claras como unhas augas

sen reflexos: lágrimas amargas de cego,

lágrimas baleiras dun pranto transparente.

 

CARLES MORELL

MANEIRAS DE MIRAR

Homenaxe a John Berger

Se non hai perspectiva,

o home xa non é o centro;

o espectador non ten

a potestade

da ollada indiscutíbel.

 

E a nostalxia,

a socialización,

a mistificación

só son mecanismos

do poder.

CARLES M. SANUY

O PREZO DO PARNASO

Na cortesía prudente dun verso

discretamente escrito con mesura,

controlado arraiga o prezo da usura

que amansa o verbo fácil e perverso.

 

Proclama o poeta o sei dicir diverso

en versados cenáculos, con cura,

porén, de non caer en imposturas

que lle torne no dicir con eco adverso.

 

Se o discurso resulta denso ou adverso

fuxirá, sensato, da rima escura

e aliviará, se cómpre, a feitura

 

mentres apreixa o verso p’lo perverso.

Moi digno, dirá un último verso

– Deus, que dura é… a literatura.

JORDI PUJOL NADAL

 MALAS NOTICIAS

Soa o teléfono.

volve de novo a choiva

sobre nós.

 

No cemiterio

apálpase o silencio

dos vivos. Pon medo.

 

A morte non pesa.

É unha folla seca

que o vento se leva.

ÀNGELS GREGORI

ALTERIDADES

Pensábate coma se imaxina unha cidade.

e citábate nos libros

coma unha discreta nota a pé de páxina.

Isto é o paraíso,

dicíame cando te atopaba

entre o público dunha conferencia.

Despois, rumores e conversas na rúa.

Talvez un bar, fume até a madrugada

e de repente paso a fundar as túas leis,

a conquistar os dominios dun corpo

que se despregue coma un libro.

Ao teu carón a noite é miña, vou dicíndome

e entro en ti como se me achegase soa,

camiñando pola herba, até o centro dun estadio.

Correr para te encontrar foi

o meu xeito de ficar quieta.

De amarrar o teu corpo á miña paisaxe

como despois dun diluvio

unha barca descansa no porto.

NARCIS COMADIRA

 MALDICE A TRISTURA

Maldice a tristura, é letal e traidora,

quérenos sempre quietos, nun lamento perpetuo.

Pois non, de ningún xeito. Maldice a tristura.

Mira o mundo, a terra, con montañas e bosques,

co mar que se move sempre, o ceo conmovedor.

Mira o odio, a rabia dos mozos, o rexeitamento

a deixarse engulipar. E si, mira os crimes,

mira tamén o sangue, mira a fame dos nenos

de corpos deformados, mira o engano, o medo

que nos goberna, todo forma o tecido da vida.

E aínda que endexamais chegue o día soñado

en que reine a xustiza, que non, non virá nunca,

maldice a tristura, dáte esa alegría.

JOAN JOSEP BARCELÓ I BAUÇÀ

+ 0.4. A PROFUNDIDADE

os meus testículos son

vulnerábeis.

con todo, gústame ser vulnerábel.

nin hai que dicilo.

a existencia esperta con man firme,

mais na vitoria

non son consciente

da miña debilidade.

No deseño dos océanos

do tempo, o mar

estrutura a intención do teu xogo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *