Berta Dávila: “Non me gustan as “obras mestras”, prefiro case sempre os libros imperfectos”
Berta Dávila vive unha tempada gloriosa en canto a recoñecemento da súa literatura. A súa penúltima obra, Carrusel, recibiu o Premio García Barros 2019 e o Premio da Crítica española nese mesmo ano. E a súa última novela, que chega nestas datas ás librarías, Illa Decepción, foi galardoada co Premio Repsol de Narrativa Breve 2020, certame que xa gañara no 2013 c’O derradeiro libro de Emma Olsen. As tres obras están publicadas en Galaxia.
Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?
O primeiro acceso á literatura, polo menos no meu caso, non chega da man dos libros senón da oralidade. De nena contáronme contos e cantáronme cancións a diario, con calquera escusa. Miña avoa conseguía facerme comer pratos inviables de puré mediante un logrado truco de hipnose –esa é a palabra que empregan meus pais cada vez que o relatan– a través dos contos e dos poemas. Miña nai escribía contos extraordinarios para min. Lembro un: “As zapatillas revol-rosas”. Era a historia dunha muller que mercaba un par de zapatillas de estar por casa nun comercio do barrio onde viviamos nós. Ela pedíaas insistentemente brancas, pero cando chegaba á casa cambiaran de cor. Regresaba á tenda para retornalas e a dependenta dáballe outro par de zapatillas brancas, meténdoas na súa caixa diante dela, pero de novo na casa, cando ía estrealas, resultaban ser rosas. Nunca chegaba a explicarse por que pasaba iso, pero aprendín que o asunto, o acontecemento arredor do que xira unha narrativa, non é o que máis importa. Se cadra é a primeira vez que poño isto en palabras, pero creo que a razón de que me interese máis o tipo de literatura que non se preocupa polo “que” senón polos arredores do “que” ten que ver con iso.
Os primeiros libros que lembro ler autonomamente son algúns da colección ‘Merlín’, na que hai xoias que relería con absoluto gusto agora mesmo, ou da colección ‘Árbore’, cando eran estreitos e levaban dúas franxas de cor enmarcando un cadrado cunha ilustración. Lembro que esta última colección tiña un tacto rugoso e algo satinado, e que me desagradaba ao contacto. O meu momento para a lectura era despois da cea, na cama. Suxeitaba eses libros prendendo parte da saba coa man para interpoñela entre a cuberta e a miña pel e non tocar directamente esa textura que se me facía un pouco estraña. Se cadra sería bo acceder sempre á literatura con esa prevención sobre a súa textura.
Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?
Penso no que significa que un libro sexa pouco ou moito coñecido. Diría que un libro é pouco ou moi coñecido dependendo do círculo onde unha o comente. É El honesto mentiroso, de Rafik Schami, un libro pouco coñecido? Non o creo, pero é unha das novelas máis fermosas que lin e non atopei moita xente que a lese. Considero tamén, por exemplo, que o libro menos coñecido de Amélie Nothomb, Hixiene do asasino, é un dos seus mellores, pero non diría que é, en ningún caso, un libro pouco coñecido, e tampouco unha obra mestra. Creo que non me gustan as “obras mestras”, prefiro case sempre os libros imperfectos.
E que obra mestra canónica lle cae das mans?
Tardei moito en que me interesase, por exemplo, Memorias dun neno labrego. Gustoume sendo adulta, pero de nena caeume das mans moitas veces. Podería dicir algo parecido d’O Principiño. Entregáronseme ambos coa expectativa de que tiña que adoralos.
Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a
Creo que escollería pasar unha noite de festa con calquera que non se dedique a escribir, non por nada, agrádame moita da xente que se dedica a escribir.
Mais, se o entendemos de xeito máis amplo, non me importaría compartir unha demorada conversa nocturna con Clarice Lispector, con Alice Munro, con Joan Didion, con Marilar Aleixandre. Para min representan un tipo de escritora parecida. Son escritoras agudas, irónicas, sabias. Creo que o que desexaría verdadeiramente é xuntalas as catro e espreitar a súa conversa desde un recuncho secreto. Escoitalas.
E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o
Seguramente con Cortázar. Non creo que me gustase coñecelo. Ademais está morto, así que non hai conflito.
Un libro recente que lle gustase moito…
O mellor que me pasou durante o confinamento foi descubrir a Joan Didion. Non é moi recente, o primeiro que lin dela é O ano do pensamento máxico, que é de 2015, e a que é, dalgunha maneira, a súa secuela, Noites azuis. O demais que lin dela é todo anterior. Un libro escrupulosamente recente que me gustou foi Diario dun enterro, de Gonzalo Hermo. Pareceume lúcido, intelixente e sutil, moitas veces divertido e profundo. Diría tamén Panza de burro, de Andrea Abreu, creo que é unha novela inmensa.
Unha novela que non puido terminar…
A novela póstuma que escribiu Valente non a rematei. Poucas veces abandono libros porque leo bastante rápido e daquela ten que desgustarme moito un libro para que non pague a pena facer, aínda que sexa, unha lectura diagonal ata rematalo. Non foi o caso, non me disgustaba tanto, pero, polo que sexa, non a rematei. Paréceme que desexaba arredarme da impresión do Valente novelista e conservar só o fascinio que me produce o poeta.
Que novela lle gustaría protagonizar?
Cando era pequena tiven unha etapa, coma moita xente, na que lin aqueles libros de Enid Blyton que protagonizaban rapazas en internados e desexaba intensamente ser unha daquelas rapazas e que me enviasen a un internado inglés e facer festas de media noite coas miñas amigas e beber ginger ale.
Que novela a reconciliou coa literatura?
Nunca me enfadei coa literatura, pero de cando en vez teño epifanías con algunhas autoras. Pasoume con Scott Fitzgerald este verán.
Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?
Cruceiro de verán, de Capote. La nostalgia es un sello ardiente, de Natalia Litvinova.
Que libro lle gustaría ter escrito?
Pasoume hai pouco coa última novela de Juan Tallón, Rewind. Pareceume que a estrutura narrativa era tan intelixente que quedei con ganas de emular esa arquitectura prodixiosa.
Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?
Seguramente a primeira novela que escribín, mais non a detesto. Enténdoa como parte do que foi e do que significou para min. Escribina como parte da experiencia que implicaba o premio Biblos de novela para menores de 25 anos. Eu tiña menos de 20. Compartín o proceso de escrita con Agustín Fernández Paz, que foi quen tutelou a novela. Aprendín moitísimo. Hai unha aprendizaxe moi interesante que percibo entre esa novela miña e a seguinte, que non se tería producido de non escribir eu ese libro e outro que veu despois e que nunca quixen publicar.
Leva vostede un diario ou un dietario?
Non en sentido estrito. Cústame moito facer ese tipo de texto porque sempre dou en escribir coma se alguén o fose ler. Si levo unha axenda e varios cadernos pequenos. Anoto cousas de todo tipo, ao rebumbio, cousas de tipo organizativo, como que falta na casa papel de cociña, e tamén ideas sobre o proxecto que estou escribindo e que me ocupa máis a cabeza, sobre os meus estados de ánimo ou sobre cousas que, nalgún punto, quero contar, aínda que non saiba aínda como nin onde. Anoto, por exemplo, que o 11 de setembro ás nove da mañá xa comezaran a cambiar de cor e a caer as follas das árbores no Campus Sur, en Compostela. Ou anoto unha cita literaria. Ou anoto que me gustaría escribir sobre submarinos, sobre alguén que confecciona un herbario ou sobre alguén que lle ten medo ás treboadas. Ou que sería interesante escribir un poema sobre o concepto da despedida. Anoto tamén algo que soñei e que me pareceu curioso ou divertido. Ou que estaría ben cociñar lasaña de verduras a vindeira semana. Tamén debuxo, tomo moitas notas para debuxos.
Escribirá as súas memorias?
Non. Ao fío da pregunta anterior, seguramente me gustaría máis, nalgún punto, escribir en clave literaria un caderno de notas ou un caderno de campo. O libro de memorias, en sentido estrito, non me interesa, porque me obrigaría a despegarme demasiado da literatura. Tamén é certo que teño trinta e dous anos e nunca antes pensara nisto.
Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
Non me gustaría culpabilizar a ninguén. Todos e ningún.
Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?
Seguramente hai máis de un, incluíndo libros propios, e entendo que é o normal. Diría, de feito, que sobre todo libros propios. Os libros dos demais poden interesarme máis ou menos pero non me producen un rexeitamento tan grande como para afundilos no fondo dunha piscina.
Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?
É evidente que a calquera persoa que lea non lle será difícil en absoluto pensar en máis dun título para dar resposta a esta pregunta ou á pregunta anterior, porque ningunha literatura se conforma unicamente con libros excelentes e moito menos con libros que sexan unanimemente adorados. De feito diría que, mesmo entre as escritoras e os escritores que me fascinan, se a súa traxectoria é suficientemente longa, non é difícil que escribisen, entre outras obras que me parecen magníficas, algún libro que, polo que sexa, eu non soporto. E isto non ten nada de malo. E agardo, tamén, que iso non sexa o titular de todo o que digo aquí, porque me parece unha evidencia, e abúrreme moito o concepto de sinalar continuamente co dedo o que nos parece terrible ou, simplemente, afondar na obviedade de que existen libros terribles. Non ten moito que ver comigo.
O que si é difícil é atopar un título que dicir sen ferir a ninguén, non porque considere que as persoas que escriben son máis susceptibles ca o resto das persoas (non o son, ao meu ver), senón porque non entendo que achegue nada de valor ou de interese facelo, agás que consideremos que emitir opinións mordaces e ferintes sobre os malos libros nos faga parecer máis listos ou máis selectivos, que é algo que a min, particularmente, non me interesa (parecer lista, ou selectiva). Atopo que, as máis das veces, este tipo de preguntas se responden facendo un exercicio de estilo inevitable, máis ou menos hábil segundo quen o faga, e poucas veces cunha verdade directa, case nunca con algún dos tres ou catro títulos primeiros que nos veñen á cabeza. Podería, por exemplo, dar un título dun autor que estea morto, ou dar o título dun libro actual moi denso e xustificar a miña resposta dicindo que eu non estaba probablemente preparada para esa lectura no momento en que a fixen pero que estou segura de que o libro é excelente, ou dicir un libro de este ou estoutro xénero e dicir que non me agrada o xénero. Todas son boas maneiras de eludir a pregunta. Eu vouna eludir así, amablemente.
E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
Direi Ningún cisne, de Manuel Rivas. Diría tamén Ningún precipicio, de Olalla Cociña. Non é brincadeira, aínda que coincidan no título. Diría calquera das novelas de Anxos Sumai, Catálogo de velenos e Lobos nas illas, de Marilar Aleixandre, que é un libro espectacular. Tres segundos de memoria, de Diego Ameixeiras. Casas baratas, de Antón Riveiro Coello.
Tamén falaría de Suso de Toro, que é un dos escritores que me fan pensar máis sobre a literatura, non sei explicar por que. Cústame dicir un. Diría Tic-tac, Círculo: da materia dos soños. Escribiu un ensaio marabilloso, Dentro da literatura, que é a última cousa que lin del.
Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado
Por definición, todos os clásicos están un pouco sobrevalorados porque para iso están. Non se constrúe a historia dunha literatura sen poñer en valor algunhas obras importantes polo que significan para esa literatura. Tampouco pasa nada por facelo. O certo é que non entendo moito que adianta ou que ten de interesante ler os clásicos dunha literatura para poder dicir ata que punto nos parecen sobrevalorados. Sobrevalorados por que ou por quen? Despois, cada clásico ten unha especie de contraclásico para que as persoas que len os clásicos co obxectivo de dicir que están sobrevalorados poidan acollerse a eses contraclásicos. Para que poidan comentar, por exemplo, que o mellor de Cervantes non é o Quixote, son as Novelas Exemplares. A min ocórreme con frecuencia o contrario, preferiría destacar un clásico que merecería estar máis presente. Por exemplo a poesía de Pimentel pareceume sempre marabillosa. Non digo que non se lle outorgue valor e non lle descubro nada a ninguén se digo que a poesía de Pimentel é marabillosa, pero quería dicilo.
E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?
Hai dous libros que sempre agasallo como mostra de afecto, un é Onde viven os monstros, de Maurice Sendak, outro é Vento ferido, de Carlos Casares. É curioso, porque os libros que unha agasalla como mostra de afecto sempre tratan de dicir algo sobre quen somos nós, as que agasallamos, para entregarlle á outra persoa unha pequena parte do que nos conmove e facela partícipe dun certo vínculo de intimidade. Sei que Onde viven os mostros non é un clásico galego, pero si é un fito na literatura galega a tradución de Kalandraka da obra de Maurice Sendak, e por iso o inclúo.
Esta pregunta ten moito que ver comigo. Para min, ler ou escribir é moitas veces unha mostra de afecto.