BiosBardia

O país dos libros en galego

Biosbardia publica a nova obra de Bieito Iglesias por entregas

Bieito Iglesias. DIARIO DE PONTEVEDRA.

Non é segredo ningún que o Bieito Iglesias (Ourense, 1957) é culé até as barbas. Quizais foi por iso que titulou o monllo de relatos que Biosbardia publicará desde esta semana co evocativo ‘Sextete’, ese neoloxismo tan sexy que se usa no fútbol para cando un equipo é quen de gañar todas as competicións nas que participa, a saber: a liga, a Copa, a Liga dos Campións, o Mundial de Clubs e as respectivas Supercopas estatal e europea. Aquí perto o último club que o logrou foi o Barcelona, na tempada 2009-2010, dirixido por Pep Guardiola e cun Leo Messi espectacular (marcou 37 goles).

Neste Sextete Bieito Iglesias busca experimentar co texto escrito e lido na pantalla. A súa primeira obra narrativa pensada para un formato dixital e interactivo para o que contou con Biosbardia.

A obra está formada por seis relatos que iremos publicando nas próximas seis semanas. Seis mundos interligados e que permiten descubrir un Iglesias un tantiño distinto ao das súas últimas obras publicadas.

É certo que o autor ourensán mantén os seus sinais de identidade literaria, tal o interese pola propia memoria ou, especialmente, o desenvolvemento dun estilo de lingua vizosa, explotando ao máximo os recursos expresivos que dá o galego de raigame popular. Mais asemade, Iglesias propón tamén unha narrativa de corte máis ensaístico, reflexivo, sen nunca desprenderse da proximidade do seu texto á súa propia visión do mundo.

Esta obra por entregas permitiralles aos moitos seguidores da narrativa do ourensán apreciar como nos últimos anos está a perfilar un discurso literario afouto e consolidado, mostrando unha madurez quizais non sorprendente coñecendo a súa traxectoria, mais si esperanzadora de cara a futuros títulos.

A publicación de Sextete é tamén para Biosbardia un reto. Desde o primeiro momento a revista quixo acoller proxectos literarios de creación. Tivemos oportunidade de publicar relatos, poemas e incluos cómic mercé á xenerosidade e confianza de autores consagrados como María do Cebreiro, Xabier López López, Jacobo Fernández Serrano, Ana Lorenzo Blanco, Manuel Veiga Taboada e Xerardo Méndez, entre outros. Tamén convocamos dous torneos de duelos narrativos que produciu interesantes propostas.

Esperamos que a publicación destes seis relatos de Iglesias sirva tamén para animar outros autores a exploraren as posibilidades dun formato que amplía as marxes da experiencia lectora, especialmente nos móbiles. Na seguinte tempada de Biosbardia queremos convocar o III Torneo de Duelos se houber interese dos e das autoras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *