Boas e malas lecturas, bos e malos novelistas
Xesús González Gómez.
No anterior artigo reproduciamos o que sobre diversos escritores nacidos en Galicia comentaba o xesuíta Pablo Ladrón de Guevara no seu libro Novelistas buenos y malos. Avanzabamos que tanto institucións como cregos da Igrexa católica publicaran unha serie de guías de boas e malas lecturas para «información» do lector en xeral, e o fregués en particular. Un destes cregos, un especialista na publicación destas guías de boas e malas lecturas, foi o xesuíta A. Garmedia de Otaola, S. X., redactor de El mensajero del Corazón de Jesús, colaborador cultural de radio Vaticano, Director da Biblioteca de Buenas Lecturas y Bibliotecas Circulantes de Bilbao. O padre Garmendia publicou diversos traballos sobre o tema: Guiando las lecturas y los espectáculos (1948), Lecturas buenas y malas a la luz del dogma y la moral (1948), Lecturas femeninas (1951) ou o Indicador moral de lecturas y espectáculos, sección da revista El Mensajero del Corazón de Jesús, etc.
En 1948 publicou a primeira edición de Lecturas buenas y malas a la luz del dogma y de la moral, cunha tiraxe de 5.000 exemplares, publicado por El mensajero del Corazón de Jesús. En 1951, un suplemento a este libro. En 1953, a segunda edición, revisada e aumentada, coa engádega do primeiro suplemento. O segundo suplemento aparecería en 1954, e o terceiro, e que nós saibamos último, en 1960.
O padre Garmendia, no prólogo que lle apón á segunda edición (a que manexamos) dá unha serie de noticias bibliográficas abondo interesantes para quen se sinta atraído polo tema, e afirma que «ás fichas bibliográficas propias engadín os datos publicados polo P. Ladrón de Guevara na cuarta e derradeira edición (1933), se ben os datos son actualizados e modernizados». A partir, xa que logo, desta segunda edición de Lecturas buenas y malas, coa engádega do primeiro suplemento, e mais a do terceiro suplemento, publicado, como se dixo, en 1960 (non coñecemos o segundo suplemento), artellamos a nosa lista.
Antes de transcribirmos o que sobre escritores galegos e nacidos en Galicia di nestes volumes o Padre Garmendia, comentemos que este, sobre todo no volume de 1960, é menos «bruto» que o P. Ladrón de Guevara, e que mesmo sabe recoñecer a calidade literaria de escritores que acaba, evidentemente, «excomungando»: «Alberti, Rafael (nacido en 1903). Poeta do grupo andaluz. Perdido posteriormente para a literatura, puxo a súa musa ao servizo do marxismo». Ou a falar da obra de Augusto Roa Bastos, El trueno entre las hojas, escribe: «…O drama do home oprimido na súa propia terra polos amos que se suceden na expoliación colectiva dunha raza. Todos son [os contos] como un mosaico que exemplifica un problema que se repite en América nunha e outra medida e tamén un testemuño do detido proceso en que se atopan os pobos desta América. Roa Bastos posúe forza expresiva, poder descritivo, plasticidade». Aquí hai, evidentemente, un lector.
E vaiamos agora polos escritores nacidos en Galicia e comentados polo Padre Garmendia. Como na anterior entrega, por orde alfabética.
Xavier, Adro (Pseudónimo). (…) Rojo y español, episodio dramático da Cruzada Española (…) Amores en Fátima. Novela que pasa con facilidade a historia atractiva e encantadora. Para todos.
Álvarez Blázquez, José María. Dúas novelas para todos: El crimen en la isla e En el pueblo hay caras nuevas. El libro del porqué. Datos interesantes sobre descubrimentos científicos, feitos históricos, etc. Aceptábel para nenos de nove anos en diante a quen haberá que precaver contra algúns erros. Libro ameno.
Andrade, Jaime [recorde o lector, pseudónimo de Francisco Franco Bahamonde]. Raza. Novela histórico-patriótica. Para todos. Co seu argumento filmouse a película do mesmo título.
Antón de Olmet, L. Los grandes españoles (Menéndez Pelayo, Alfonso XII, Echegaray, Canalejas, Maura, Galdós, Moret). Sete tomos. Para persoas formadas.
Armesto, Victoria. Historias de Nueva York. Tres narracións independentes con temas moi americanos como son a cuestión racial e a economía. Para adolescentes.
Assía, Augusto. As seguintes obras son para lectores cultos: Los ingleses en su isla (…), Cuando martillo, martillo (…) Mi vuelta al mundo (…) Para todos. Los yanquis. Reportaxes xornalísticas enviadas desde Nova York. Obra moi interesante. Para lectores con algunha formación. La traición como arte. Historia dalgúns casos de espionaxe soviética en Norte-América. Amena, clara, instrutiva. Para todos, con algunha cultura.
Barbeito Herrera, Manuel. El retorno (A Coruña, 1944). Inmoral. Non debe lerse.
Barbeito, María. Breviario Humano de Concepción Arenal. Bela antoloxía de pensamentos e pasaxes entresacados dos escritos da ilustre escritora, socióloga e pensadora galega.
Barreiro, Alejandro. La ruta de la casa de la Troya. Comentarios á famosa novela, sen reparos morais.
Caba, Carlos. Roger de Flor. Biografía con tintes de novela, para lectores formados. Wolfram, wolfram. La diplomacia en la bocamina. Loita internacional polo wolfram. Desenvólvese en Galicia. Para adultos
Camba, Francisco (morreu en 1948). (…) Madridorado, especie de crónica novelada para persoas maiores. Las luminarias del señor ministro. Fiel reflexo dos incendios en igrexas e conventos. (…) ¡Maura, no! Inconveniente (…) Fernando Villamil, biografía para todos.
Camba, Julio (naceu en 1882). Distinguíuse case exclusivamente no xornal e os seus libros son artigos coleccionados (…) La casa de Lúculo o el arte de comer, é unha nova «bioloxía (sic) do gusto». A obra é do máis delicioso que produciu, senón o noso humorismo, cando menos o noso bo humor. Para persoas formadas. Etcétera, etcétera. Narracións intranscendentes sobre tópicos actuais. Para lectores dalgunha cultura (…) Sobre casi nada. Glosas ás cousas vulgares da vida. Para lectores dalgunha cultura. Sobre casi todo. Comentarios a moitas cousas. Para lectores dalgunha cultura. Nalgunhas das súas narracións e comentarios humorísticos adoita asomar certo espírito volteriano e irreverente coas persoas consagradas a Deus, e non poucos detalles picantes, demasiado suxestivos (…).
Casas, Augusto. El papa Luna (…) Pode lerse por todos e gustará especialmente aos afeccionados a esta clase de estudos. Fray Junipero Serra. Biografía encantadora e exemplar do gran misioneiro mallorquino. Para todos.
Castro, Rosalía de. Versos en castellano: La flor; A mi madre; En las orillas del Sar. En gallego: Cantares Gallegos; Follas novas. Novelas: La hija del mar; Flavio, para persoas maiores dalgunha formación. Ruinas, nada hai de rexeitábel. El caballero de las botas azules, non deben lela os moi novos; El primer loco, non deben lela persoas que non teñan bastante cultura relixiosa. Las mejores poesías de Rosalía de Castro, selección para todos.
Castroviejo, Concha. Los que se fueron (…) Para adultos formados. Víspera de odio. Novela rexeitábel para todos.
Castroviejo, José María. La burla negra. Novela coa historia dun galego que acaba en capitán pirata. Clima feroz. Para adultos formados.
Cela, Camilo José (naceu en 1916). (…) La familia de Pascual Duarte, para persoas moi formadas. El nuevo Lazarillo. A imitación da famosa novela picaresca do Século de Ouro, vén a contarnos este novo Lazarillo as súas estrañas aventuras no século XX. A obra é triste, desenfadada, repugnante, e, ás veces, groseira. Só as persoas formadas poderán lela e non é probábel que atopen demasiado pracer. (…) La Cátira. Novela ambientada en Venezuela; pola súa crueza resulta perigosa para a maioría dos lectores (…).
Cunqueiro, Álvaro. Balada de las damas del tiempo pasado. Ensaios. Para lectores formados. El caballero, la muerte y el diablo y otras dos o tres historias. Narracións de lenda e fantasía. Asuntos escabrosos, crueza e ton irreal. Las crónicas del sochantre. Conxunto rexeitábel. Obra similar á anterior.
Eiján, Samuel (O.F.M.). Ademais de obras ascéticas, históricas, poéticas e outras escribiu a lenda antoniana denominada El socialismo modelo, moi boa. Flores y espinas. Narracións e lendas de oriente; Franciscanismo Ibero-americano en la historia, la literatura y el arte: Solaces del hogar; Lecturas amenas para todos los días del año. Para todos.
Fernández Flórez, Wenceslao. (…) Silencio. Tema forte, fondo, tratado con fonda delicadeza, indiferente. El hombre que se quiso matar; Huella de luz; Un error judicial; El ilustre Cardona; La calma turbada, moralmente aceptábeis non así Unos pasos de mujer (…) La seducida é obra rexeitábel; Secreto de Barba Azul; La procesión de los días e La tristeza de la paz, son perigosas. La conquista del horizonte e La novela número 13, son para lectores formados.
Filgueira Valverde, José. El libro de Santiago. Belo libro sobre Compostela, fermosas «estampas». Para todos.
Fraga Iribarne, Manuel. Luis de Molina y el derecho de guerra, para persoas de gran cultura.
Franco Bahamonde, Francisco. Caudillo de España. De grande intelixencia e corazón, entregado por completo á gobernación de España. Naceu en Ferrol en 1982. Azorín estudou en 1947 o estilo literario de Franco e consagrábao como un estilo propio e transido de valores artísticos. Franco posúe un castelán puro, manexado con garbo e firmeza. A adecuación do pensamento á palabra é tamén outra condición preceptiva da súa obra literaria (…)
García Martí, Victoriano. Rosalía de Castro o el dolor de vivir. Biografía. Para afeccionados ás letras. Máximas, caracteres y reflexiones. Obra dun observador poético e obxectivo. Para lectores cultos.
García Rodríguez, José María. Vida de doña María de Molina (…) aceptábel para nenos de 12 a 14 anos.
Gómez Ledo, Avelino. Templos serenos, verdadeiro emocionario espiritual e artístico. Sois de Cristo; Ángel Amor Ruibal (1869-1930), boceto bibliográfico. Para lectores cultos.
Linares Rivas, Manuel (naceu en 1787). No teatro imitou a Benavente e por iso deu algunha obra de certo interese e puido semellar, en 1904, cando estreou El abolengo, que arredor de Benavente comezaba a se formar toda unha escola teatral, é unha peza de estimábeis valores e correcto diálogo, aínda que xa apunta nela a debilidade de Linares Rivas por un teatro de tese, que despois lle proporcionou fáciles éxitos, mais cuxa debilidade fundamental deu con el por terra. (…)
López Carballeira, Antonio. Aryel, religión del porvenir: ¿Cristo es un mito? Ensayo filosófico, científico e histórico. Prohibido polo señor Arcebispo de Santiago de Compostela o 20 de setembro de 1942.
López de Serantes, Josefina. Orgullo vencido. Para mozos. El misterio de Foretner. Novela «rosa». Para adultos.
Madariaga, Salvador. Ingleses, franceses, españoles. Estudo psicolóxico racial para o coñecemento da idiosincrasia deses pobos. A orientación filosófica do autor, reflectida na obra, require un lector ben formado. The rise of the Spanish American empire (La formación del Imperio hispanoamericano). O novo da obra non está no seu mesmo contido, senón en que sexa o seu autor quen o recoñeza. Para persoas cultas e afeccionadas á historia. El corazón verde, novela que deixa malparada a moral. El enemigo de Dios, novela perigosa, sensual, errónea na súa moral. Este autor hai que tomalo sempre con cautela pois o seu criterio é con frecuencia desorientador. (…) Una gota de tiempo, boa novela e mala historia. Rexeitábel.
Martínez Barbeito, Carlos. Las pasiones artificiales. Inmoralidade, escepticismo. Novela para adultos formados.
Montero Díaz, Santiago. Alejandro Magno. Estudo biográfico perfecto, axustado á maior exactitude histórica. Lectura moi recomendábel para todos. De Caliclés a Trajano. Historia sobre política do mundo antigo. Para afeccionados.
Montes, Eugenio. Nacido nas rías (!?) galegas co século. Catedrático de filosofía e xornalista. As súas obras son para universitarios e lectores cultos.
Morales, M. Luz. Dona ratita se quiera casar (Barcelona, 1944). Conto. Para nenos de cinco a oito anos. (…) Balcón al Atlántico. Reconstrución da vida familiar de fin de século. Hai escenas moi poéticas. Para adultos.
Mur Oti, Manuel. Destino negro. Novela, finalista do Premio Nadal de 1948, contén un magnífico guión cinematográfico. Moralmente debe reservarse para persoas de criterio moral firme e rigoroso.
Nan de Allariz, Alfredo. Novela: A golpes de hacha. Poesías, de amores platónicos. En conxunto, desaconsellábel.
Novás Calvo, Lino. Pedro Blanco el negrero, totalmente rexeitábel; absolutamente inmoral.
Olmo, Lauro. Doce cuentos y uno más. Colección de narracións, moi crúas. Ayer, 27 de octubre, novela coa historia das dez familias que moran nunha casa. Inconveniente para todos.
Otero Pedrayo, Ramón. Vida del doctor don Marcelo Macías y García (1843-1941). Biografía interesante deste gran español, humanista, epigrafista e numismático. La vocación de Adrián Silva. Novela de ambiente galego. Para adultos.
Pardo Bazán, Emilia [transcribe moitos dos xuízos de Ladrón de Guevara] (..) No fondo, dona Emilia Pardo Bazán considérase cristiá, e en moitas ocasións moralizadora. Mágoa que o naturalismo transpirenaico infectara a ideoloxía de pluma tan magnífica (…) Obras escogidas. Gañarían moito a autora e a selección das súas obras se se fixera esta cun criterio moral máis exacto. O prólogo de Sainz de Robles contén xuízo moral erróneo e desorientador.
Pastor Díaz, Nicomedes (1811-1863). Poeta lírico-romántico; en medio dos delirios mostrouse sempre cristián.
Quiroga y de Abarca, Elena. La soledad sonora. Tema xa tratado: un marido tido por morto e que reaparece subitamente. Novela ben concibida e escrita; está reservada a lectores dalgunha formación. La última corrida. Novela da «fiesta» e doutros detalles que a arrodean. Amores ilícitos. Para adultos formados. (…) La enferma. Historia dunha muller fracasada. Novela abondo crúa, reservada a adultos maduros.
Risco, Vicente. Historia de los judíos. Criterio católico. Pode pórse en todas as mans. Satanás Para lectores cultos e experimentados. El oriente contado con sencillez. Para mozos dalgunha cultura.
Rubinos, José (S.I). (…) O poema da Cruña; A epopeia da sega; A xesta de cómo a América nasceu da melodía; Dial poético da viaxe dun galego polos Estados Unidos. Sen reparos. Para todos, con algunha cultura e formación.
Sánchez Cantón , F. J. (…) Los retratos de los reyes de España. Libro de grande alcance, avalado por unha magnífica colección de ilustracións. Fiel reflexo do desenvolvemento da nosa pintura. Obra, ademais, patriótica e cultural. (…)
Suárez, Marcial. La llaga. É de ambiente galego, para persas formadas.
Torrente Ballester, Gonzalo. Javier Mariño. Novela de ambiente degradado e corrompido, con procacidades e groserías de escenas e linguaxe intolerábeis. Rexeitábel en absoluto. El casamiento engañoso, auto sacramental moderno no que baixo unha correcta forma clásica se tratan, fonda e ardentemente, os máis esenciais problemas do noso tempo. Para todos. Compostela, historia e tradición da cidade. Belo libro que se recomenda a todos.
Tudela, Mariano. Más que maduro. (…) ambiente da hampa e inmoralidade pululante. Rexeitábel. La Bella Otero (…) excesivo erotismo. Para lectores adultos formados. El techo de lona. Historias dun circo. Novela para adultos formados.
Valle-Inclán, Ramón del. [Case dúas páxinas sen que se salve unha obra do autor, moralmente] Divinas palabras (1920). Traxicomedia de aldea, que se estreou no Teatro Español en 1933. Boa literariamente, resulta agoniante e dolorosa. Intervén a Galicia rural que se pode considerar como auténtica protagonista. Hai un pouco de traxedia clásica e deformacións usuais nos personaxes valleinclanescos (…) El rey de la máscara. Dun cura carlista guerrilleiro. Invención calumniosa e escandalosa contra ese e outros curas. (…)
Vicetto, Benito (reproduce o dito por Ladrón de Guevara).