Breve historia da revista ‘Destino’
Xesús González Gómez.
En 1990, na colección Vaixells de Paper, do Col·legi de Periodistes de Catalunya, viu lume o libro de Josep Maria Huertas Claveria e Carles Geli, Les tres vides de Destino, que o ano seguinte publicaría, en edición castelá ampliada, a editorial Anagrama. No 2001, as Ediciones Áltera de Barcelona (hoxe en mans da extrema dereita e publicando desde Madrid), deron ao prelo, La resistencia cultural bajo el franquismo: en torno a la revista Destino (1957-1961), de Isabel Cabo. Seis anos despois, na Fundación Carles Pi i Sunyer, de Barcelona, Pilar Cabellos e Eulàlia Vallverdú publicaron Destino. Política de unidad (1936-1946). Tres aspectes de l’inici de una transformación, volume que é un pouco como o «prólogo», ou «prolegómeno», de Franquismo i cultura. Destino Política de unidad. La lluita per l’hegemonia cultural a la potsguerra catalana (1939-1949), de Francesc Vilanova (Palma de Mallorca, Lleonard Muntaner, 2018). Dous anos despois, Francesc Vilanova entregou o volume: Al voltant de Destino: una batalla cultural de posguerra (1944-1950) (Barcelona, Edicions de l’Abadía de Montserrat, 2020). Con estes cinco volumes, o lector ou lectora pode saber da historia desta revista que nas súas diferentes xeiras dedicou amplo espazo a Galiza, e tivo como colaboradores galegos a Álvaro Cunqueiro, Augusto Casas, Xosé Fernandez Ferreiro, Vicente Risco, José María Castroviejo, Xavier Costa Clavell, Manuel María, Francisco Fernández del Riego, Ramón Otero Pedrayo, Xosé Luís Franco Grande e outros máis.
A revista Destino fundárase en Burgos en 1937 da man dos denominados «cataláns de Franco», aínda que en realidade foron dous homes ligados á Falange: Xavier de Salas e José María Fontana, quen puxeron as bases (é dicir, os cartos). Logo entraron aqueles que, despois da «liberación» de Barcelona polas tropas franquistas, tomarían as rendas da publicación: Josep Vergès –o home dos cartos e verdadeiro propietario da revista–, Ignacio Agustí, que proviña do catalanismo de dereitas, e Juan Ramón Masoliver, que despois duns anos máis ou menos radicais, durante a súa estadía en Italia a mediados dos anos 1930 se convertera ao fascismo, acabando militando na Falange. Son estes tres homes quen, a partir de 1939, comezarán a darlle o ton a revista. En realidade, era o ton de calquera outra publicación daqueles anos, e nela colaboraban os falanxistas cataláns de sempre e os que entraron coas tropas franquistas, como os galegos Augusto Casas, José María García Rodríguez, este falanxista, Álvaro Ruibal, que chegou a ser seu director, Cunqueiro, Euxenio Montes, Carlos Martínez Barbeito e outros.
Cando a revista nacida en Burgos se instala en Barcelona non se diferencia en nada doutras revistas nacidas naquel 1939. E pouco podería diferenciarse. Como todas as revistas que se publicaban daquela, Destino, malia a lenda urbana que intenta patentar o contrario, era tan franquista como Franco, ou máis. Lenda axudada por estudosos que están a revisar a historia confundindo os seus desexos coas realidades. Desexos, por outra parte, que concordan nun 99% cos desexos dos poderes españois: dos poderes culturais, neste caso, e tamén dos políticos: aos económicos, a cousa dálles o mesmo. Os revisionistas da historia adoitan ser moi «graciosos». Por exemplo, Jordi Gracia cualifica a Gregorio Marañón como «opositor silencioso» ao franquismo: supomos que o prólogo que lle puxo á súa tradución –do doutor– a Almas ardiendo do rexista –fascista– belga Léon Degrelle, era unha das bases marañonianas de oposición ao franquismo; e a difusión do libro de Degrelle, de aí que o traducise, axudaría a minar as bases ideolóxicas do Estado franquista (Por certo, o libro de Degrelle leva unha única ilustración interior, un debuxo, asinado pola artista M. A. Dans). Destino, que intentaron e intentan vender como revista pro-aliada, foi, até despois de Stalingrado, xermanófila e antisemita. O de que era falanxista, nacionalista español, anticomunista, etc., todo iso dáse por descontado. A lenda dunha revista pro-aliada durante a II Guerra mundial, o que sería un «paxaro solitario» na España daqueles anos, dicimos, esa lenda iniciouna o propietario da revista, Josep Vergès –e evidentemente, foi secundado polos seus colaboradores e polos haxiógrafos destes colaboradores. Vergès iniciou tal lenda mentindo descaradamente, no libro que conforma o numero 45 da obra completa de Josep Pla (editada por Vergès): Imatge de Pla, que é unha recompilación fotográfica acompañada dun texto de Vergès. Como lenda foi que Destino era unha revista na que se agruparon os catalanistas conservadores que nun momento determinado apoiaron a rebelión militar. Non: os redactores e os colaboradores principais da revista eran anti-republicanos, moitos anti-catalanistas aínda que proviñesen do catalanismo conservador, falanxistas, etcétera, etcétera. O mesmo «subtítulo da revista», «Política de Unidade», dío todo, ou case todo. Este só foi eliminado en 1945. É dicir, despois de que o nazismo e o fascismo fosen vencidos en Europa.
Cando Destino se instala en Barcelona unha vez «liberada» a cidade das oprobiosas forzas conxuntas do xudaísmo, o comunismo, a masonería e o capitalismo (sic) internacionais, os seus principais homes (non había ningunha muller) eran: Josep Vergès (catalanista conservador), Ignacio Agustí (que sería o director, proviña do catalanismo), Jaume Vicens Vives (o historiador, que non era nacionalista, pero tampouco anticatalanista e que fora «depurado», sentiuse nun momento dado atraído pola xeopolítica, materia que conducía naqueles anos directamente ao nazismo[1] –de aí o seu cegamento, curto, fronte a Alemaña nazi–), José Ramón Masoliver, falanxista, da cuadrilla de Dionisio Ridruejo (Masoliver, curmán de Buñuel, tivo unha xeira catalanista-vangardista; en 1934 ou 1935, xa fascista-falanxista despois de vivir en Italia, intentou convencer das bondades do fascismo o seu ilustre curmán que, segundo Max Aub, o botou da súa casa a patadas–), Carlos Sentís (tamén proviña do catalanismo conservador), Santiago Nadal, monárquico ultraconservador e antirrepublicano, Manuel Brunet «Romano» (catalanista conservador) etc. Sentís e Brunet eran furibundos antisemitas, así como Jaume Ruíz Manent. que estaba obsesionado cos xudeus, e que proviña da primeira democracia cristiá catalá aínda que derivaría axiña cara a posicións católicas integristas (un día, algún historiador, que non sexa un apoloxista da relixión, terame que explicar a diferenza, nos anos 1930-1960, entre catolicismo e catolicismo integral), Ignacio Agustí escribía sobre os exiliados españois que estaban vendidos ao «xudaísmo internacional», todos españolistas e, bien sûr, pro-nazis e pro-fascistas durante os primeiros anos da II Guerra mundial. Destino, contra do que algúns teiman en querernos facer crer, non foi unha «illa» pro aliada nun «mar» profascista e pronazi: era parte dese mar, quizais con menos sal fascista e nazi, pero parte. E que era parte dese mar, pódese comprobar doadamente botando unha ollada á colección da revista daqueles anos.
A partir de 1942, máis ou menos, os dirixentes e propietarios da revista decátanse de que seguindo a estratexia dos falanxistas puros (a que era seguida nos xornais Solidaridad nacional e La prensa, dirixidos por Luys de Santamarina e nos que colaboraban José María García Rodríguez, Miguel Villalonga, José María Villacrosa, Pedro Álvarez, Manuel Vela Giménez, e «preclaras» firmas falanxistas, de Ridruejo a Cunqueiro, pasando por Tovar, Rosales, Vivanco, etc. etc.) a incidencia no mundo cultural catalán ía ser mínima. De aí o seu cambio de estratexia: deixan de ser furibundamente falanxistas sen deixaren de ser franquistas (franquistas rexionalistas: aquilo do «regionalismo bien entendido») e viran uns poucos graos con respecto as primeiras entregas da revista e, ademais, dedícanse a criticar o concello de Barcelona, a compañía municipal de transportes etc. Porque, como afirma Francesc Vilanova no mencionado libro, Destino quere ser unha «revista urbana [….] que só pensaba no marco barcelonés: se a cidade funciona ou non etc.» Non obstante, cando os representantes do Concello de Barcelona protestan a Madrid, acábanse as críticas municipais (case sempre redactadas por Néstor Luján).
E en 1943-44, nunha loita polo hexemonía cultural, enfróntanse aos falanxistas dirixidos por Luys de Santamarina, que atacan a revista desde as páxinas dos mencionados xornais e desde a revista do SEU, Alerta, revista na que escribían futuras firmas de Destino como Néstor Luján, Joan Perucho, Josep Palau i Fabre ou Antonio Vilanova. Atácana por «anti-falanxista» e porque nela se agachan vellos catalanistas, que se acolleron ao paraugas protector do franquismo para non perderen os seus privilexios. Outros nomes que atacan a Destino son o falanxista xerundense José María Gironella ou o ex comisario político do exército republicano, recuperado polos falanxistas «liberais» (Ridruejo, Tovar and company), e que fora condenado a morte, Rafael Santos Torroella. O enfrontamento chega a palabras maiores e mesmo os falanxistas atacan a sede da redacción da revista: evidentemente, os agresores nunca foron identificados.
A revista, pouco a pouco, e grazas a colaboradores como Josep Pla, Carles, Soldevila, Joan Teixidor (que por suposto asinan co seu nome en castelán), as incorporacións de Perucho, de Vilanova, de Luján, etc., cuxa calidade literaria, e mesmo intelectual, está a anos luz dos escritores falanxistas, gáñanlles a estes o terreo e acaban liderando o mundo cultural barcelonés xa antes de 1949, ano en que acaba o traballo de Vilanova. Ademais, para gañaren lectores, comezan, moi timidamente, a informar de libros e actos (estreas teatrais) cataláns en catalán, mais sempre dentro diso que denominamos «regionalismo bien entendido», sen nunca deixaren de ser franquistas, anticomunistas, antirrepublicanos, antidemócratas. Eran, simplemente, franquistas non-falanxistas, autoritarios e a maioría deles monárquicos. E, ademais, o ton antisemita redúcese até case desaparecer despois da caída do nazismo e as noticias que chegaban do holocausto. Finalmente, Vergès acaba tomando as rendas totais da revista e desfaise de Ignacio Agustí. As relacións entre este último e aquel nunca se recomporán. (Véxase, Ganas de hablar, de I. Agustí.) Se tanto Agustí e os outros dirixentes de Destino, e os falanxistas (en medio e con máis poder político) se pelexaron entre eles, no fondo eran lobos da mesma camada: acabaron pelexándose, simplemente, por mor de quen devoraba a ovella máis branca e máis tenra do rabaño. Gañaron os de Destino. E hai quen, aínda hoxe, considera que a revista era algo así como proto-demócrata, e diso nada, monada.
[A respecto do enfrontamento Vergès-Agustí. Unha anécdota. Cara a mediados finais dos 1960, Cunqueiro que colaboraba semanalmente na revista e gañara o premio Nadal 1968 con Un home que se parecía a Orestes, empezou a publicar na Editorial Destino, que decidiu publicar todo Cunqueiro narrador. Os dereitos (en castelán) de Merlín e familia e de As crónicas do sochantre foron fáciles de liberar –estaban en mans da Editorial AHR, que agonizaba. Necesitaba, porén, liberar os dereitos de Las mocedades de Ulises e da versión castelán de Se o vello Sinbad volvese as illas, que publicara a Editorial Argos, propiedade de… Ignacio Agustí. Cunqueiro sabía do enfrontamento deste co propietario de Destino, así que para negociar a cesión chamou en axuda súa a Manuel Casado Nieto, daquela fiscal da Audiencia de Barcelona, presidente do Centro Gallego desta cidade e «compadre» do mindoniense, xa o mindoniense era padriño da filla daquel. Xoán-Manuel Casado, fillo maior do fiscal, explica, no seu diario (inédito) como foron as «negociacións»: «Día 19 [de maio de 2001]. – Hai novelas que forman parte da paisaxe vital dunha sociedade e a Mariona Rebull, de Ignacio Agustí é, no ámbito catalán, unha delas.
»Ao autor trateino episodicamente e por un preciso motivo. Tratábase de negociar o desvencellamento editorial de Álvaro Cunqueiro da editorial que Agustí dirixía. Nos anos pasados, publicáranse nese selo algúns volumes cunqueiráns en preciosas edicións de luxo, e agora tratábase de recuperar os dereitos. Como o pai atravesaba un provisorio atranco de saúde, fun eu, adolescente daquela, o encargado de acudir onda Agustí. Citoume na súa libraría do Paseo de Gràcia, e recibiume sen o menor indicio de distancia que as circunstancias autorizaban.
»Non estaba autorizado a revelar que o propósito final era cederlle os dereitos deses libros e dos futuros de Álvaro Cunqueiro a Destino, mais non fixo falta: Agustí deuno expresamente por descontado. Non opuxo nada, non pediu contraprestacións: era amigo e admirador do escritor galego, e viña dun tempo que facía gala de cortesía.» Finalmente os dous libros de Cunqueiro publicados en Argos foron reeditados por Destino na colección Ancora y Delfín. Se algunha lectora ou algún lector teñen a man a edición de Argos de Las mocedades de Ulises, verá que a novela está dedicada «A Ignacio Agustí», dedicatoria que na edición de Destino desapareceu. Imposición da editorial (Vergès) ou Cunqueiro non quixo indisporse cos seus novos editores? Ai!, as miserias literarias… e as outras.]
En 1949, Destino era unha das revistas máis vendidas de todo o Estado. A editorial do mesmo nome había cinco anos creara un premio literario, Eugenio Nadal, coñecido máis popularmente como Premio Nadal, que sería durante moito tempo, até a aparición do premio Biblioteca Breve, instaurado por Carlos Barral, a xoia da coroa dos premios literarios españois. Os homes de Destino, triunfaran. A cultura falanxista en Cataluña era residual, os xornais do Movimiento vendían pouco máis de 5000 exemplares, contando os que compraban as delegacións ministeriais e os obrigados a comprar polas bibliotecas públicas. Os colaboradores de Solidaridad Nacional fuxiron a outros medios. O franquismo non falanxista, monárquico e autoritario hexemonizaba o campo cultural en Cataluña, porque os ataques a Destino e aos seus homes emitidos polos nacionalistas cataláns, ou pola oposición franquista catalá, só se podían ler en publicacións do exilio ou clandestinas. Vilanova, en Al voltant de Destino recolle un cento de textos sobre a revista aparecidos nestas publicacións. A segunda parte do título do libro, una batalla cultural de posguerra (1944-1950), penso que é equivocada: non houbo tal batalla cultural, porque as opinións emitidas polos exiliados ou pola oposición do interior só chegaron a unha minoría e a batalla nunca puido darse a campo aberto. Os exiliados e clandestinos eran guerrilleiros, con pouca loxística e case sen bases de apoio, polo que exército de Destino a tiña ganada a batalla desde o seu inicio. Por outra banda, se ben os exiliados denunciaban nunha e outra vez a Destino, cousa que tamén facían os opositores interiores, algúns líderes morais do catalanismo tomarán, en privado, iso si, posición a favor de Destino: estamos a falar de Carles Riba, o símbolo moral do catalanismo do interior. E é que os exiliados estaban contra calquera tipo de colaboración: un catalán non pode publicar en catalán baixo a pouta franquista sen se converter nun colaborador. Con estas ideas, o catalán, o galego, como lingua literaria ou de cultura, que supervivían a duras penas, desaparecerían completamente. Escribir, e publicar, en catalán un libro de poemas ás flores ou a lúa, era, nos anos corenta e parte dos cincuenta, un acto tan revolucionario, ou máis, que publicar un artigo contra o franquismo nunha publicación do exilio, ou nunha publicación clandestina, que non chegaban a moito máis de cen lectora/es.
Destino foi, até os anos 1960, unha revista franquista, non falanxista. Logo cambiou e foi portavoz dun catalanismo non franquista, liberal e mesmo socialdemócrata, con colaboradores comunistas: todo iso baixo a batuta de Néstor Luján, e sen que colaboradores conservadores como Josep Pla ou Álvaro Cunqueiro deixasen de escribir. Cando a revista caeu en mans do que sería honorábel Jordi Pujol, todo cambiou, Luján (un home liberal-conservador, pero demócrata) foi despedido e volveu sufrir a revista outros grandes cambios: a historia repetíase, mais esta vez como comedia ou farsa dirixida por un banqueiro e mais un escritor, un bo escritor, con moita ambición política– Baltasar Porcel–: outra vez o comunismo volvía ser o grande inimigo.
[1] Hoxe, tal «disciplina» conduce directamente a dous polos teoricamente opostos: ou á OTAN ou ao «putinismo» e, tamén, a considerar a China como unha potencia «comunista», e o islamismo como unha forza revolucionaria, etc. É dicir, a bebedeiras ideolóxicas moi achegadas ás de Donald Trump, aínda que semellen todo o contrario.