Breve mapa da narrativa de Carlos Casares
César Lorenzo Gil.
A obra narrativa de Carlos Casares non foi prolífica pero si imprescindible para entender a literatura galega actual. Tras as moitas máscaras dunha personalidade que chegou a ser a primeira autoridade institucional da cultura galega (director de Galaxia, presidente do Consello da Cultura, académico da RAG, o máis famoso columnista de La Voz de Galicia) estaba un autor comprometido coa súa obra. Velaquí un mapa para atopar que paraxes e relanzos narrativos son os máis atractivos para cada intención lectora.
Para entusiasmarse
Vento ferido é a primeira obra publicada por Casares, no 1967. Un monllo de relatos que hoxe en día se segue a ler co entusiasmo da adolescencia. O autor tiña cando o publicou 26 anos mais o universo que nos presenta parece creado por un autor con máis anos e máis obra publicada. Non hai espazo nin para a exhibición nin para o ego creador. Ben ao contrario, o escritor limiao contén a expresión e dota os relatos dunha forza, dunha violencia en moitos casos, que se transmite aos poucos, pola calada. É este un libro moi recomendable para a mocidade e tamén para aspirantes a escritores porque se fai querer e degustar, inoculando unha necesidade de contar e de vivir máis libros.
Para vangardistas
Aínda que unha das pegadas de estilo de Casares, que cultivou en todas as súas obras sen excepción, é a vontade de ser accesible aos lectores a través dunha lingua próxima e unha narración clara, non por iso renunciou a facer unha literatura do seu tempo, ao tanto das novidades que se estaban a escribir en toda Europa. Cambio en tres,do 1969, é quizais a novela máis social do seu autor pero non optou por unha mirada sinxelamente realista senón que utilizou técnicas de vangarda para falar da emigración, da desigualdade, da falta de oportunidades dun Ourense que xa vivía naquel tempo a decadencia da sociedade tradicional da Galicia interior.
Para recordar
Xoguetes para un tempo prohibido (1975) consolida a Casares como narrador. Este libro recibiu o premio co que Galaxia celebrou o seu 25º aniversario e gañou o Premio da Crítica española. Por primeira vez, Casares se sente na necesidade de novelar a súa propia vida, non tanto quizais por facer balance senón por recordar de onde vén, cal foi a súa formación e onde están as raíces do seu mundo. É unha obra que o escritor publica nun tempo convulso no político (está a piques de morrer Franco, el mesmo sente unha evolución ideolóxica) e ilusionante no persoal, xa que vén de ser pai do seu primeiro fillo, Hakan, tres anos despois de casar coa sueca Kristina Berg. A adolescencia en xeral e o paso polo seminario, en particular, convértense nun mundo literario que quere ser ademais testemuña dun tempo que pronto vai deixar de existir en Galicia.
Para amantes da Historia
Casares sempre estaba dándose a réplica a si mesmo. Escritor deses que non queren repetirse e que non entenden a literatura como algo alleo á diversión, Os escuros soños de Clío (1979) cumpre varios obxectivos literarios a un tempo para un autor preocupado como estaba por entender a narrativa como unha creación pensada para satisfacer as propias arelas que el tiña como lector. Son relatos inscritos na historia de Galicia coa amplitude dun milenio pero sen pretensións historicistas xa que en moitos casos é a ficción, a inventiva, a imaxinación pura fermentada nas lecturas a que conforma un universo delicado no artístico ao tempo que tenro e carismático no tratamento do pasado. A historia que lle interesa a Casares é a de Marcel Schwob, a de Álvaro Cunqueiro. Incluso se pode encontrar un lazo inconsciente de Angela Carter, case da mesma idade ca Casares e que no 1979 publicaba A cámara sanguenta, obra ben diferente pero que comparte a fascinación por evocar aquilo que imaxinamos. E soñamos.
Para empezar
Ilustrísima, 1980, é a obra pola que debería empezar calquera lector que queira introducirse no universo Casares. Esta deliciosa historia sobre a intolerancia, ambientada no Ourense ao que acaba de chegar o cinematógrafo, nos anos primeiros do século XX, profunda nas pulsións da obra anterior do ourensán mais baixo unha estrutura máis potente e uns obxectivos claramente populares. Casares, xa na madureza dos seus 40 anos, ensaia abertamente unha literatura afastada de si mesmo no aparente mais moi fiel aos seus intereses persoais e sociais no conceptual. Esta novela é quizais a máis lida do autor e aínda que non está á altura doutras del, si contén algo moi importante: é capaz de seducir lectores, de facerlle entender a quen se achega por vez primeira ao autor cal é a proposta literaria dun xeito sedutor, practicamente irresistible.
Para comprender o autor
Carlos Casares foi un autor interesado en ser coñecido e lido mais fiel ás súas obsesións. Unha delas que foi repetindo en moitos dos seus libros é o pánico ao triunfo do dogmatismo. Con esa base temática constrúe Os mortos daquel verán, do 1987, a súa primeira obra narrativa tras oito anos nos que viviu unha enorme transformación persoal e profesional. O libro volve definirse a través da técnica para non caer na banalidade do realismo para tratar un tema claramente social, caso do preámbulo do golpe de Estado e posterior represión fascista en Galicia. Esta novela “da guerra” de Casares non foi moi comprendida no seu tempo, foi incluso acusada de ser escrava da linguaxe (toda a obra se constrúe mediante as fórmulas estritas da lingua da administración). Mais pasados os anos (30!) a novela non perde contundencia e ese universo constrinxido mantén en pé o propio tirapuxa do autor por conseguir a maior expresividade cos menos recursos “literaturizantes” posibles.
Para exportar
Carlos Casares, ao igual que case todos os autores galegos contemporáneos a el, foi un autor de consumo interno, unha característica que malia as excepcións, segue a definir o noso sistema cultural. Si houbo traducións pero nunca conseguiu recoñecemento fóra de Galicia. De haber só unha posibilidade de reivindicar para a literatura universal unha novela, esta sería Deus sentado nun sillón azul, publicada no 1997. O escritor asume este texto como un desafío literario. En todas as frontes aos que se expón un creador, mostra unha ambición máxima: quere que a novela trate un tema complexo, formulando máis preguntas ca respostas: o compromiso intelectual, as relacións entre pensamento elaborado e moral. Quere que a novela teña unha estrutura perfecta, a través dunha voz férrea que se impón a unha narración máis ben escasa de movementos. Quere que a prosa sexa natural pero esixente, exacta en cada parágrafo e precisa no ritmo interno. E en todos os obxectivos, Casares sae gañador.
Para recuncar
Hai lectores que voltamos a un autor do que lemos algo, moito, pero non todo. Pasa o tempo e reencontrámonos, pensamos, cun vello amigo que hai tempo que perdemos de vista. Non sabemos se aquela admiración vai permanecer, se o tempo foi convertendo as vidas paralelas en vidas incompatibles tras a acumulación de lecturas e ideas desde aquela última novela, aquel último relato. Para eses lectores que leven tempo sen leren a Casares, O sol do verán é un bo porto de recalada. Publicada no 2002, a derradeira obra narrativa do escritor acumula todo o que el foi aprendendo en toda a súa vida. Nótase seguro, capaz, inventor dun mundo no que xa conviven sen complexos a propia experiencia e esa imaxinación á que nunca quixo renunciar. A lingua é a dun home que xa non ten por que conformarse coa contención da primeira obra senón que pode xogar coa elipse e coa prosa máis poética sen medo a equivocarse.