‘Bsanda Ebé. A espada de Deus’, teatro transgresor

Xesús González Gómez.
Hoxe falo de Bsanda Ebé. A espada de Deus, de Raúl Dans (Positivas). Como se pode imaxinar, estamos ante unha obra teatral. Dans, non é ningún descubrimento, é un dos grandes autores teatrais do noso país. E, ademais, goza dunha característica que, infelizmente, non é xeral: a cada obra, a cada peza teatral intenta, e maiormente o consegue, superarse. Aínda que as súas obras, dende o xa afastado Matalobos (1992), sempre, ou case sempre, indaguen nunha temática, ou temáticas, moi concretas. A principal: a familia. E dende hai uns anos: o terrorismo. Véxase As cancións que lles cantaban aos cativos.
Con Bsanda Ebé. A espada de Deus, Dans, á parte da familia, retoma o tema do terrorismo, neste caso sería o terrorismo do fanatismo islámico. E na «liña» das súas obras anteriores máis recentes, con esta peza volve dar un paso cara adiante Nesta obra, cousa que xa acontecía en Unha corrente salvaxe, en Historia dunha descoñecida, en DFW nas profundidades da tristeza infinita, etc., volve dar unha mostra do que, seica, agora se está a chamar «teatro postespectacular», é dicir, Dans non ofrece indicacións para a representación, non presenta os personaxes. A obra non é lineal, aínda que poida semellalo, mais si ofrece –tenuemente– indicacións de tempo e espazo. O que significa que a súa «posta en escena» é doada: o máis difícil sería, ou é, atopar os actores axeitados, porque o teatro de Dans é, á parte de ser un teatro da palabra, un teatro de actores. O que intenta, eu penso que o consegue, con esta peza, e coas que artellou até hoxe, é presentar sempre un fluxo de voces e contravoces que revelen, que dean coñecer, a quen visione e/ou lea a obra, o absurdo dos clixés da sociedade… o absurdo da sociedade, sociedades que conducen doadamente ao terrorismo, como se pode deducir, por exemplo, deste obra teatral. Outra das características deste teatro «postespectacular» é a ruptura ou a interrupción cara ao que foi, durante moito tempo, unha das características do teatro da modernidade: a interacción entre o actor (ou actante) e o espectador. Segundo algún estudoso (véxase Nou(s) realisme(s)?: textos d’un debat al teatre alemany contemporani (Barcelona, Amngle Editorial/Institut del Teatre, 2022) isto «representa o verdadeiro xesto de resistencia». Eu penso que as obras de Dans, dende o primeiro día gozan destas características.
Dans prosegue, xa que logo, a indagar tanto sobre a familia como sobre o terrorismo. Ora ben, non é nin un psicólogo, nin un político, nin intenta dar normas para a explicación de institucións ou individuos ou a solucións de problemas. Preséntalles aos espectadores, ao lectores, uns feitos, normalmente, como debe ser tanto no teatro como na novela, problemáticos, que, teoricamente, inducen, ou deben inducir, á reflexión alén das emocións (sobre todo) ou dos sentimentos que esperte. Ás veces esa exposición é frontal, como é o caso aquí, do terrorismo, outras veces de maneira moi sutil, case que subterraneamente, como é o caso da familia nesta peza. Todo isto, todas estas, digamos, técnicas serven, ante todo, para expor ou presentar o que o autor quere dicir, mais sempre fuxindo da condena ou aprobación dos personaxes: mera exposición sen contradicións (ás contradicións están nos personaxes, nos seus pensamentos, na súa praxe, nas súas actuacións). Noutras palabras, usando ás veces do modo brechtiano –antes de que veñan os reparos, digamos que, para min, o teatro de Dans é postbrechtiano, mais asumindo os «achados» do alemán; como tamén é un teatro post-Weiss, un teatro máis dialóxico e poético que o de Brecht, mais asumindo tamén a súa lección– presenta os personaxes e os feitos sen tomar partido: iso debe decidilo a espectadora e o espectador, ou a lectora e o lector.
Comentando outra obra de Dans, escribín que «cambiou (ou transgrediu, por usarmos un verbo que non me convence) as leis da obra teatral para que as novas leis se adecúen ás formas que (o escritor) xa albiscou no mundo». Ora ben, esas novas leis teñen unha tradición, os citados Brecht e Weis, e, moi «finamente» integrada nesta peza en concreto, Bsanda Ebé. A espada de Deus, o noso dramaturgo incorpora de maneira máis clara o «coro» da traxedia grega. Coro que deben descubrir quen lea ou vexa, se se representa, a obra. Coro que, en realidade, talvez sexa a parte narrativa da obra. Parte narrativa que non quere dicir que o teatro de Raúl Dans sexa un teatro narrativa: ben que semelle o contrario, é un teatro poético.
♦Bsanda Ebé. A espada de Deus, de Raúl Dans, Positivas, 2025. 136 páxinas. ♠15€






