BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Bucle’ vs ‘Esas flores vermellas’

Lúa gris. PEXELS.

No grupo C nesta terceira xornada asistimos ao duelo entre Marcos López e Sabela González sobre o tema: “Tempus fugit”.

Esas flores vermellas

Era unha idade rexa a que tiñas naqueles anos cando os acontecementos máis escuros abrochaban como flores vermellas.

 

Chegada a vellez precipítase o tempo no teu dormitorio voraz de enfermo. A caída inevitable fai unha única concesión permitindo que a memoria impoña unha leve resistencia, que recupere desde o pasado unha lembranza para darlle sentido a toda unha vida. Comezas unha vez máis a rememorar algo importante e durante un intre perdes o fío. Desvías o discurso. Atopas recunchos que atrasan o final, paras en mansas canellas do pasado, retrocedes nalgún sendeiro, saboreas un recordo que non vén ao caso pero cóntalo igual, mentres o que intentabas dicir nun principio se posterga e cansas a ouvinte, unha asistenta social que se despide até o próximo luns. Nunca escoita esa parte na que estabas disposto a confesar o que foi que enterraches no xardín cando eras novo e sempre era primavera.


Bucle

…abro a porta do armario amodiño e boto unha ollada triunfal en derredor antes de me atrever a saír. A madeira do chan, tan vella coma a casa toda, renxe ao pousar o pé sobre as táboas mentres saio, paseniño e con cautela, de debaixo das escaleiras, daquel oco escuro no que se agocha o armario da planta baixa. Os sons que me estartelaron, penso, soaron preto deste vestíbulo.

Nesta semiescuridade non son quen de ver o paragüeiro de latón e reprimo un grito de dor ao darlle coa deda pequena do pé esquerdo. Boto a man ao pé instintivamente e fállame o equilibrio. Recupéroo axiña, agarrando o pasamáns, pero segundo o fago temo que o intruso oíse o golpe na madeira e conteño a respiración sen me mover.

De novo, soan pasos. Agora, no primeiro andar, acompañados de novos sons que me confirman que o intruso non está só na miña imaxinación. Non sei como chegou ao piso de arriba, pero aí está, xirando unha maneta, abrindo unha porta vella que gralla coma un corvo.

Sabe que estou aquí, de nada me serve disimular. Debería encerralo onde está antes de chamar a policía, así que subo as escaleiras e corro cara ao fondo do corredor, dende aló viñan os sons. Si, seguro que era alí pero, cando chego, o cuarto está baleiro agás pola máquina de coser e o armario do avó.

Óioo de novo. Un rechío do chan, de volta na planta baixa, logo uns pasos lentos e siseantes. Soa unha especie de badalada de campá grave, seguida dun golpe xordo na madeira. Teño que volver ao armario, desta volta descubrireino.

Xiro a chave da porta do armario e ábroo. Enrúgaseme o rostro todo co rechío da bisagra. O armario cheira a naftalina e a humidade. Así é máis sinxelo: o cheiro lémbrame o avó. Os pasos soan agora rápidos e sen disimulo e oio como se achegan. Na completa escuridade, repito nun murmurio aquelas palabras súas que tanto me custou crer. «Se apertas os ollos moi forte», dixera o avó, «e apertas os xeonllos tamén moi forte e de verdade pensas en escapar, un armario levarate ao outro e enganarás o tempo por uns minutos». Aperto o corpo todo, quero escapar, penso de verdade en escapar, pecho os ollos con forza e un segundo despois…

17 thoughts on “‘Bucle’ vs ‘Esas flores vermellas’

  1. Vou escribir de novo todo o que escribín antes porque son tan parvo que ‘perdín’ o meu comentario anterior… Dicía que dá unha sensación de despedida esta votación, que se me fai difícil facela porque vai marcar a saída de algúns de nós. Tamén reflexionaba sobre a sorte que tivemos de partirllar os nosos soños neste excercicio (máis que duelos) de convivencia e que, polo menos a min, me pareceu marabilloso.

    O meu voto é para ‘Esas flores vermellas’. Argumentábao por ser eu un melancólico-romántico incurable e porque estas historias (sobre todo así de ben contadas) gáñanme á primeira. O que máis me chegou foi a lírica do percorrido desa viaxe a piques de rematar e a traxedia de querer transmitir esa lembranza tan importante (a unha descoñecida) e non ser quen.

    Dicía do ‘Bucle’ que a premisa pareceume moi potente. Tanto que, talvez, botei en falta un chisco máis de profundidade/complexidade/arrepío na trama que vai desde unha porta á outra. Non sei, penso que esperaba que acontecería algo máis que a tensión de tentar manterse a salvo e/ou averiguar que era o que estaba dentro da casa.

    En todo caso, parabéns aos dous 😉

  2. Esas flores vermellas

    Gustoume. O tempo remata para ese ancián e a memoria váiselle. E xusto cando recorda algo que paga a pena, non ten a quen contarllo. Non se sabe se enterrou unha semente ou unha cabeza humana. De novo o lector pode interpretar ó seu gusto, pero sen que quede a sensación de que faltan respostas, porque o relato non depende desa verdade oculta, só a toma como excusa. As pezas que temos encaixan, é cousa nosa que imaxe montar.

    Bucle

    Gústanme as fantasías borgianas pero aquí pásame igual ca Duncan, fáltame algo nesta persecución de si mesmo. Temos o elemento fantástico e un relato circular (coa boa elección do presente como tempo verbal), pero non basta con iso. É como se o relato quixese dicirnos que a existencia do bucle (e por iso é un mal título) xustifica a súa existencia.
    Tampouco me convenceron os puntos suspensivos. É forzar algo que ten que sair do lector.
    Se o relato aparentase ser “normal” e a través da súa lectura puidesemos interpretar un bucle, daquela si tería un valor engadido. Ou se o rapaz usase o bucle dentro doutra historia mellor definida, é dicir, que houbese un asaltante real e non unha sombra tras dunha sombra (non sei ata que punto o rapaz pode chegar a atoparse consigo mesmo, de feito iso sería tan singular que tamén aportaría algo interesante á historia).

  3. “Esas flores vermellas”
    Un ton melancólico, un deixo de tristura… a pesar do lonxe que me poida quedar o tema, é un relato no que se entra moi ben. As verbas flúen durante todo o relato e fan que este avance á velocidade adecuada.

    “Bucle”
    Tamén doado de ler, tamén baseado en recordos e tamén cun deixo de tristura. O relato é plenamente circular, o final vai seguido do principio, sen necesidade de facer trampas. Nunha primeira lectura tamén me incomodaron os puntos suspensivos… pero na segunda (e posteriores) xa non.

    Vou votar por “Esas flores vermellas” porque é un relato triste que non quere ser nada máis.

  4. Voto por Esas flores vermellas. Non o considero o mellor relato da xornada, penso, pola súa metraxe escasa. Gustoume tanto, que se me fixo curto. Aínda que, quen sabe, se cadra reside aí a súa virtude. Parabéns por esa coidada prosa poética.

    En canto a Bucle, sen desgustarme, que non foi o caso, logo de o reler varias veces quedei coa sensación de que a súa redacción fora forzada. Non sei me explico, mais durante a lectura pensaba se non estaría escrito ás présas, contra o crono. Insisto en que foi unha sensación, posiblemente errada, pola que anticipo desculpas ao/á responsable de estar eu equivocado.

  5. Paréceme que hai fondura en calquera dos dous relatos e están ben escritos pero coido que vou votar por bucle (prescindindo dun título que tampouco me gusta pois anticipa demasiado o contido; moitas veces a levidade tamén é un valor).
    Paréceme que o que se conta nas flores vermellas, malia ser interesante, poético e agradábel de ler non xustifica tan curta extensión (para min) nun formato xa ben curto (500 palabras como máximo). A cuestión do xardín ao mellor merecería algún “conector” no comezo que boto en falta ao final cando se nos presenta esta cuestión sen resolver. Doutra banda, tampouco hai que resolvela, supoño que se trata de literatura.

    Pásame como a Lois Z, gústanme os labirintos borgianos ou borgesianos (é unha dúbida que teño sempre: borgiano ou borgesiano?) e valoro a vontade deste segundo texto de afondar nunha idea e tentar avanzar por ela con certa solvencia (dobra en extensión, alomenos, ao primeiro, e a min causoume por tanto o dobre de goce:) ). No tocante aos puntos suspensivos non vexo que lle resten nada ao texto e vénme á cabeza un fermoso conto de Tsao Hsue-Kin contido nesa Antoloxía da literatura fantástica: “O soño infinito de Pao Yu” que acaba cuns fantásticos puntos suspensivos. E nada lle restan ao conto… 🙂

    Parabéns aos dous!

    1. Tes razón, “borgiano” soa como relativo ós Borgia.

      Seguro que Tsao usou perfectamente os puntos suspensivos nese conto que mentas -ou non-, pero en Bucle non vexo a razón do “suspenso”. Nin no final, nin moito menos ó principio. Ó final non poría ningún signo de puntuacion, e talvez o cortaría en “pecho os ollos con forza e”. E o inicio podería ir en minúscula, como xa vai, pero sen os puntos. Non ten sentido indicar unha pausa anterior ó comezo da lectura do relato. É como empezar un relato cun punto ou unha coma.

      Por outra banda, tampouco me parece xusto facer de menos un relato que cumple as normas de tamaño (entre 150 e 500 palabras). É o mesmo que se alguén di que un relato de 500 lle parece “moi longo” só porque agota o límite de extensión. Entendería unha crítica a que alguén meta recheo estirando o relato innecesariamente ou que non remate ou desenvolva ben o relato tendo espacio para facelo, etc. Un relato é demasiado longo ou demasiado curto cando ten un erro de deseño ou de estructura. Vamos, que non me parece que lle estedes aconsellando ó autor/a que tralo alongue ó relato para arranxar unha falla, da a impresión de que os medistes ó peso.

      1. Non. A min sóubome a pouco, simplemente. De feito dixen que quedara con ganas de máis, e de feito votei por el. Eu só dixen que a escasa metraxe non o convertía (para min) no mellor da xornada.

  6. Vaia, daquela foi correcta -polo menos para a RAE- a miña primeira intuición. Penso que xa a tiña lido ese adxectivo antes, pero non sabía se era o “oficial”.

  7. Voto por “Esas flores vermellas”.
    Volvo dicir que para que Bucle funcione sen sairse da idea orixinal, o prota ten que darse conta de que se está perseguindo a si mesmo. É realmente dificil facerlle chegar ó lector unha emoción ou sentimento do que non é portador ningunha das personaxes do relato.

  8. “Esas flores vermellas”

    Gústame o título, úsase alegoricamente no texto dunha forma moi potente. A idea do relato é tan boa que non precisa máis que un par de cargas emocionais, prescindindo de todo o redundante. Iso faino grande, e ao ser autor afouto. Gústame que se experimente con este pequeno formato das cincocentas verbas. Esta pequena xoia triste, evocadora e ambigua compre con creces. Parabéns.

    “Bucle”

    A min tamén me encantan este tipo de relatos. O xogo está moi ben conseguido e o relato escrito de forma solvente. Bótase de menos algo que ten o seu rival, unha carga emocional máis grande, poida que incluso o medo que sinta o protagonista semelle algo nebuloso ante o efecto do bucle.

    O primeiro relato experimentou apostando polo xeito máis clásico de empurrar unha historia, a emoción. O segundo, pese a ser máis atrevido, resolveu de forma máis convencional. VOTO por “Esas flores vemellas” porque para narrar unha boa historia chegan ata vinte palabras.

  9. Tiven moitas dúbidas á hora de decidirme neste duelo.

    Esas flores vermellas
    Este relato está no fronteira do microrrelato, mais este é un torneo de relatos curtos e como tal o valoro. Gustoume moito a linguaxe utilizada, a fluidez das frases e como con moi poucos elementos acada un resultado final tan potente.
    O seu hándicap é a inconcreción, que como o lector non estea moi centrado corre o perigo de non entender nada ou de esquecelo case instantaneamente.
    A primeira frase queda algo rara, como colgando. Porén, o final é espectacular. Xoga coa imaxinación do lector, conta sen falta de detallar, chega con suxerir. É de gran sutileza, bravo.

    Bucle
    Creo que nunca un título lle fixo tanto mal a un relato neste torneo. Explícome: quítalle a intriga á historia. Ao lelo pensei “outro relato circular tantas veces visto” . E logo mira por onde, o conto gustoume. Coido que a atmosfera está ben lograda. As descricións do que vai experimentando semellan pouco relevantes, mais, no meu caso, lograron manter unha certa tensión. Pero claro, grazas ao título xa sabemos como acaba.
    Non teño moi claro que se poida dicir que é borgiano, case lle vexo máis semellanzas co mito de Sísifo: sae do armario, paseniño explora a casa, soan pasos, agóchase no armario. Unha mágoa que como xa dixeron os outros críticos non vexamos un pouquiño máis de profundidade na historia.

    O meu voto vai para Esas flores vermellas.

  10. Comento:

    ‘Flores vermellas’: É un relato en espiral que pretende desembocar nunha frase final que harmonice todo. Paréceme ben e coido que está ben executada a técnica. O problema é que creo que o camiño para chegar aí é algo insubstancial, adubado cun mundo de adxectivos que non engaden significado e que, ademais, intentan un preciosismo ben pouco orixinal.

    ‘Bucle’ é un relato que en efecto xa se desvela desde o título. Tamén é unha fórmula clásica pero coido que funciona. Un divertimento que emprega todos os recursos técnicos da narración en primeira persoa, a historia detallada e detallista e o suspenso. Seguro que o autor/a puido esmerarse máis nas imaxes e nos relanzos do bucle pero en liñas xerais coido que os obxectivos iniciais están conseguidos.

    Voto por ‘Bucle’.

  11. Comezo por Esas flores vermellas, gustoume a brevidade tan crea de contido. En porquiñas palabras agocha unha vida enteira. Tamén me gustou a forma de resolvelo. Considéroo unha elección clásica con respecto á premisa, pero pareceume un texto fermoso.
    Bucle, aprecio moito a elección da trama con respecto ao tema proposto, ademáis aprezo moitísimo a forma de manter en todo o momento o nivel de imcerteza, así como o final circular.
    Voto para: Bucle

  12. Comento rapidiño porque se non non vou chegar as votacións. Voto por “Esas flores vermellas” porque consigue contar nunhas poucas liñas unha historia potente, un misterio que queda a un tris de ser desvelado e, que marabilla, non conseguimos descubrir. “Bucle” tamén me gustou, paréceme que ten un potencial enorme, e cunhas pingas máis de suspense (ou escuridade / arrepío / estrañeza) gañaría forza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *