BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Buscáchesme coa boca’ vs ‘Deus ex machina’

Muller con piercing.

Xornada 1 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Xerardo Méndez e Sofía Sicilia.

Traba: No relato deben aparecer as seguintes palabras:  busca, decontado, pene, azar e máis. No seu contexto habitual, non como nomes propios.

Buscáchesme coa boca

Sofía Sicilia.

Buscáchesme coa boca, bicáchesme o pescozo coma se a túa lingua só puidese lamber. Aí estaba eu, estomballada na cama, espida e completamente túa. A roupa que me recubría fuxira das miñas carnes, ao azar, sen motivo aparente mais que lle deixar lugar á túa busca: non quería que entre nós houbese ningunha muralla de tea, ningún oco que se nos resistise. Ti mirábasme coma quen contempla a Cristo en metade da Igrexa.

—Estamos en desvantaxe —Craváchesme os ollos coma un criminal á súa presa. Pola fiestra, o son esmagábase entre as montañas verdes, as nubes desfacíanse como pó no vento. 

—Entón? —Comezaches decontado a pasar a man polo dorso do meu pantalón, repousando os teus finos dedos sobre a tea vaqueira. Sorriches. 

Eu metín a man na boca, rodeando cos dentes as xemas dos meus dedos. De súpeto, dos teus beizos brotou un soriso pequeno, tímido, o máis luminoso dos que eu vira nunca. Máis luminoso aínda cao sol que fuxía por dentro das fraguas do lonxe. 

—Non quero facer nada que tin non queiras. 

—Eu quero facerche de todo —Mentras tremías, agarreiche o pene coa man esquerda, ese vulto duro e maleable que apresaba coas mans mirándote de preto. Movino unhas cantas veces, de arriba cara abaixo, vendo a túa boca entreabrirse e pecharse; apreciando a brancura dos teus ollos, a túa cara alumeada. 

—Son teu —dixeches—. Quero estar dentro. 

Movín a cabeza dun lado para o outro, había un ano que ninguén me penetraba, que ninguén era capaz de entrar nese espazo privado e soamente reservado para as miñas mans: o meu sexo, o último recuncho asolagado da miña intimidade. 

—Entendo —dixeches. 

Non fixo falta moito máis, comprendiches á perfección a calidade do meu silencio. 

Volvín abanearche docemente o sexo coas mans. 

Non moito tempo máis tarde, un alarido musitado percorreu a totalidade do cuarto, a carne desfíxoseme entre as mans volvéndose branda, cos dedos fendendo nela. Deitácheste ao meu carón desfeito, coma se volveses da guerra, coma se o teu corpo fose un territorio conquistado. 

—Estar contigo é coma estar no ceo. 

Sorrín. Despois, coeime co nariz no teu pescozo, o meu corpo facía por fundirse co teu, nunha piscina epidérmica de feromonas. A noite caeu, ouvimos os cans ladrar a través do cristal da fiestra. Non lembraba o que era ficar en éxtase ao carón doutro corpo, dun corpo magro e cheo de dobras. Logo, estendiches a man e tiraches da cadea da lámpada ata que todo o cuarto quedou a escuras, ata que os noso músculos repousaron no absoluto da noite. 

—Nunca me sentira tan vivo como facendo o amor contigo.


Deus ex machina

Xerardo Méndez.

A culpa foi miña. Debín preparar aquela clase pero andaba eu apurado coa mudanza e pensei que podía arranxalo fácil. 

Dirección informárame que para o ano seguirían a contar comigo, e coa gana que tiña de liscar da casa aluguei o primeiro que atopei: un garigolo infame que non chegaba a cortello, a dicir de Sara, primeira e moi desexada visita que recibín naquel pazo.

—Busca ti un mellor, reina

Non rexistrarei a súa resposta; si que o leito, que nos acolleu decontado, renxía cunha indiscreción cómica. Eu tiña aprensión acerca daquel primeiro encontro non automobilístico, pero o rinchar de cabalo do somier levounos, moi humoristicamente,  tan lonxe do tópico, que ao día seguinte tiña maniotas no cocote. Entrei naquela portería sorrindo a María Luisa, que despois de me saudar coa beatitude habitual entrou con franqueza no meu aspecto:

—Hai que durmir máis…

Apurei o paso e esparexín o contido da mochila no meu cochiño, ben achegado á máquina de café moi adrede. Sacrifiquei moedas naquel altar por unha beberaxe negra que insultaba ao café, querendo espantar o sono que alampaba.

Aguantei as primeiras horas suspirando por unhas pinzas para manter os ollos abertos. Crin que o aire do patio sostería unha soá devecente pola horizontalidade… A lingua embazaba nos acrónimos: HD e SSD, CD-Rom, DVD-Ram/rom rom/ram e aí, nos dispositivos portátiles, o ceo caeu sobre a miña cabeza. Como se chama ese chintófano no que gravas o que non queres confiarlle á nube? Pen? Ilustrar o concepto, din. O subconsciente é un traidor e na procura “imaxes” á hora de introducir o texto fóiseme un dedo. Pen… e. Pene. Sen agardar o resultado levantei os ollos da pantalla. Fóiseme a boca a tamaños diminutos e xigantescos… ata bater nas caras de sorna. Marcos Sálvora, desde a súa repetida experiencia no curso tivo a condescendencia de situarme: 

—O negro do guasap!

—O que?

Maldito azar. Quedei pampo coas imaxes que lanzaba o proxector mentres a Carmiña sacaba o móbil e gravaba a pantalla, miña boca aberta, e máis: a grandiosa idea coa que fun deter a fin do mundo:

—Tanto ruído por unhas pirolas…

O mísil da Carmiña arrasaba nas redes sociais. Acabei a clase con certa dignidade. Daquela retumbou a megafonía: 

—Fulano —eu—, preséntese en dirección.

Nin o Espírito Santo podía ser tan rápido. Pero os grupos de Whatsapp de nais…

Dona Olivia gastaba un traxe azul que me acurralaba:

—Acaba de ter vostede un pequeno problema…

Tiven un déjà vu que derivou a unha fotografía daquela súa elegante lingua saíndo dunha bolsa plástica que eu ollaba sobre unha mesa da comisaría… 

—Verá…

—Todos nos equivocamos. 

Revirou o monitor e chantoume o vídeo do Facebook: a miña boca de papón sobre un fondo nada gratificante e a troula nacendo como unha onda salvaxe. 

Marchei. Caín como unha pedra nunha cama baleira e fría. Espertei no pór do sol. No teléfono había un whatsapp e… 

—Colléronme en Londres. E agarrei o avión.

6 thoughts on “‘Buscáchesme coa boca’ vs ‘Deus ex machina’

  1. Parabéns a ambos autores. Penso que resolveron a traba desta xornada con moita solvencia. Gústame moito a foto. Penso que dá moito xogo para facer literatura erótica, algo que non adoita abundar nos torneos de Biosbardia.

    Buscáchesme coa boca
    E xa postos a facer literatura erótica, ir con todo! Gustoume moito este relato. Penso que foi un acerto do autor/a narrar unha escea explícita de sexo. Penso que ademais faino moi ben, con imaxes modernas, de sexo real. De feito, o único que non me prestou na narración é cando esaxera coas metáforas.
    Por exemplo,
    Esta parte encántame:
    —Non quero facer nada que tin non queiras.

    —Eu quero facerche de todo —Mentras tremías, agarreiche o pene coa man esquerda, ese vulto duro e maleable que apresaba coas mans mirándote de preto. Movino unhas cantas veces, de arriba cara abaixo, vendo a túa boca entreabrirse e pecharse; apreciando a brancura dos teus ollos, a túa cara alumeada.

    Namentres que isto penso que non lle acae ben ao relato:
    …Máis luminoso aínda ca o sol que fuxía por dentro das fraguas do lonxe.

    Deus ex machina
    Paréceme tamén un bo relato, unha historia completa e cun punto simpático. Está ben escrito e combina ben as partes narradas cos pequenos diálogos. Con esa estrutura consegue enfatizar o narrado.
    Porén, creo que o escritor/a deixou o freo de man posto cando escribía. Non terminou de decidir se quería un relato erótico ou cómico, e iso ao meu ver faille que lle falte forza cando se compara co relato rival.

    En suma, que felicitando de novo a Sofía e Xerardo, doulle o meu voto a Buscáchesme coa boca.

  2. Parabéns a Xerardo e Sofía porque a foto, paréceme que tiña que acabar en relato erótico, si ou si. A foto penso que foi unha das miñas 10 escollas de imaxes…
    “Buscáchesme coa boca”, está ben escollido o título, considero que está ben narrado e describe ben as escenas sexuais explícitas. De poñerlle algunha traba diría que ten un final previsible.
    “Deus ex machina” empeza bastante ben coa moza e o seu piso infame. Pero vai perdendo azos na parte do instituto e o negro do guasap. E non entendo ese final.
    Despois de pensalo moito, doulle o meu voto a “Buscáchesme coa boca”

  3. Noraboa aos dous! Que propostas tan distintas, isto é o que máis me mola dos duelos, as solucións tan diferentes que lles damos ás imaxes (e ás trabas…).

    “Buscáchesme coa boca”: Persoalmente, non me parece nada fácil escribir unha escea de sexo e que garde a naturalidade. Penso que lle sobran “rebuscamentos” (como o sol que fuxe ao lonxe polas fraguas) e redundancias (“entendo” e a seguir “comprendiches”); o peche paréceme algo frouxo, pero é redondo e traballado. Paréceme arriscado e logrado. Parabéns.

    “Deux ex machina”: Gustei moito do comezo e tamén do devalar da historia. Busca o humor e navega con éxito no presente. Con todo, non acabo de entendelo, non só polos “rebuscamentos”, como me pasaba co relato compañeiro (como o encontro non automobilístico que os leva humoristicamente…), senón literalmente polo final, que despois de lelo catro veces non o din entendido. O toque humorístico paréceme ben buscado, sobre todo porque entendo que quería fuxir do evidente da imaxe e da obrigatoriedade de usar a palabra “pene”, pero quédame frouxa a coña, non sei, inverosímil, quizais. Así e todo, un relato ben organizado e completo.

    O meu punto é para “Buscáchesme coa boca”.

  4. Comezou a Liga do Calamar!

    Buscáchesme coa boca

    Un bo primeiro parágrafo. Directo e suxerente á vez. En cambio, co diálogo comezan os problemas. Non co seu contido, senon o ritmo que se impón. Dame a sensación de que se comeza a forzar o adorno das frases, pero como se se pensasen de forma separada unhas doutras, sen continuidade na acción. Por exemplo: ela está espida, pero el comeza a pasar o dorso da man polo seu pantalón. Que sentido ten iso? Onde estaba o pantalón, no chan, e el anicado acariñandoo? Non logro compoñer esa imaxe de forma satisfactoria.
    Outra: ela di que el sorriu (sorriches). E a continuacion, na frase seguinte, engade que dos seus beizos brotou un sorriso tímido. Tampouco axuda a seguiunte frase, a do sol que fulxía, como xa comentaron outros, non pola frase en si, senon porque xa non era o momento, unha vez esposta a escea o ritmo está pedindo ser máis dinámico, máis verbo e menos adxetivo. Neste punto o dialogo tamen empezan a ser salvas ó ceo. Refírome a que non engade información, poderian estar en silencio e a escena non cambiaría en absoluto.
    Seguindo que digo, nun momento falase de penetración e ó seguinte ela abanealle o pene coas mans.
    Outro exemplo do que falaba antes, precisamente aí: “Movín a cabeza dun lado para o outro, había un ano que ninguén me penetraba”. ok, isto é informacion, aporta algo. Pero despois, o que segue, é unha repeticion do da dito, pero dito con mais palabras e dandolle voltas innecesarias.

    Penso que este relato melloraría baixandoo á terra, e non poñendo na mente deses 2 amantes pensamentos elaborados a posteriori, como os que un narrador pode facer, senon pensamentos que puideran estar tendo nese momento de paixón, que en realidade han ser ben poucos, xa que manda máis o instinto. Outro exemplo: se ese apareamento significase algo mais, se fose un ritual satanico ou apocaliptico, enton esa dimension da escena si poderia tinguir o relato. Pero aqui, onde practicamente so se nos mostra a 2 seres tendo sexo, a calidade non é facer frases bonitas de cada xesto, senon transmitir o que está sucedendo dunha forma mais primaria, polo menos para explotar o que a/o autor/a quixo dar, xa que a parte argumental está baleira.

    En resumen eu creo que este era un relato de traballar mais con verbos, coa accion, que cos adxetivos e as metaforas.

    Deus ex machina

    O relato entra ben, saltando dun tema a outro de maneira fresca e sempre deixando migas de pan no camiño para que non nos perdamos. Paréceme boa idea meter na primeira frase a razón da existencia do relato. É un enfoque normal nun narrador en 1º persoa “mira, vouche contar esta historia que me acaba de pasar”, algo así. É como un codigo que prepara ó lector. Incluso se podería ir máis alá e dicir explicitamente xa como rematou a historia. É un bo experimento ese porque te obriga como autor a darlle ó relato un interés que vai mais lonxe do “quero saber como acaba isto”. Si, sería un “quero que me contes como pasou”.
    Neste relato, por exemplo, a/o autor/a emprega o final (desde que sae o negro do wasap) para darlle bombo á anecdota. Se nos tivera dito desde o inicio o que pasou poderia ter empregado o final para outra cousa. Poruqe realmente a anecdota non da tanto de si, non é nada espectacular, non fai risa nin se cre un que teña tanta consecuencia na vida do protagonista. En cambio si sería un bo punto de partida para o relato:

    “A culpa foi miña. Debín preparar aquela clase pero andaba eu apurado coa mudanza e pensei que podía arranxalo fácil. E agora son o profesor que puxo ó negro do wasap no proxector”.

    E tirar do fío a partir daí. Porque se desvelando iso non tes relato, enton é que non tiñas relato antes tampouco.

    Doulle o meu voto a Deus ex machina, porque non gustandome ningun deles penso que o concepto deste relato ten mais posibilidades de mellorar cunha edición xeitosa, ata no final hai un pequeno indicio de un “algo mais” que poderia explotarse como o tema central do relato trala debacle na clase.

  5. Vexo que nesta edición tirades case todos polo dialogo. Piedade, que para min e moita desvantaxe ☹ Aproveito para agradecer a César polas trabas, porque agora que vexo esta primeira ronda en conxunto, penso que están ben escollidas á par coa fotografía e que danlle un bo empurrón á creatividade.
    Buscáchesme coa boca
    Tirar polo erótico sempre é unha aposta arriscada. E moi complicado poñer na boca algo que entra polos ollos. A segunda persoa ademais, a referencia constante cara o lector é difícil de manter nun relato enteiro. Contra todo isto, creo que se conseguiu un relato decente, trabado polas metáforas, pero con potencial. Tanta adxectivación xoga en contra do frenesí que debe ter unha escena así. Os pensamentos rebuscados, os diálogos demasiado estruturados funcionan de forma similar. Son ríxidos contra a fluidez que ten que ter unha escena tan dinámica. Son trabas que, de deixar de lado, descobren un relato ben armado.
    Deus ex machina.
    Introdúcese de forma suave e denota oficio nos primeiros parágrafos. Gústame o de Fulano. É un bo detalle que xoga a favor do ton anecdótico. Sabe guiar ao lector, pero creo que no remata de ter claro onde quere ir. Debería xogar con esa brevidade da anécdota e non apoiarse no ton final, senón que recrearse na escena, pois o xiro ben podería servir de anzol ao principio.
    O meu voto vai para Deus ex machina.

  6. Moi boa elección da foto, desas que dan envexa. Encantaríame facer un relato con este material.

    “Buscáchesme coa boca”. De feito eu penso que tiraría por esta vertente. Escribir sobre sexo sempre é algo arriscado (levo uns cantos torneos xa e outros tantos relatos eróticos e creo que só gañei con un), aquí o autor ou autora deixouse levar por un ton intimista e lírico que, ao meu ver, non lle acae de todo ben. Para min é coma se o lirismo se comese a intimidade, coma se fose outro máis na cama. Creo que hai algún parágrafo onde o punto de vista é de el, cando fala do pantalón, e despois sempre é o dela. Xogar aos dous puntos de vista neste relato podería ser unha moi boa cousa. De todas maneiras ten sentimento e o sexo (moi malo de levar sempre) está ben narrado e ten frases alá polo final que son tremendas.

    “Deus ex machina”. O título é doblemente bo, fala elocuentemente dos atrancos dixitais e tamén da máquina de Deus (o negro do wassap tan socorrido nos relatos Biosbardianos). É un relato simpático onde creo que o ton non lle acae ben ao que se conta, e por iso o relato se resinte, creo que é moi requintado, cando esta acción pedía lixeireza e dinamismo. Inda así está ben montado e ten frases polo medio para enmarcar. Lino catro veces e podo dicir que con cada nova lectura mellora e iso sempre é bo.

    O meu VOTO vai para “Deus ex machina”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *