BiosBardia

O país dos libros en galego

Camiño da II Liga Maruxairas de relatos

Duelo.

A II Liga Maruxairas de Relatos consolida a experiencia do pasado verán cun formato esixente para os competidores e acaído ao número de participantes que se intersou por formar parte deste combate a morte entre teclas e pantallas.

A principal novidade é que substituímos o modelo de puntuación suízo polo dunha liga tradicional, con tantas xornadas como fagan falta segundo o número de competidores, a unha soa volta. Ao igual que na anterior liga, utilizaremos unha xornada preliminar de “todos contra todos” que nos servirá para desempatar nas xornadas ordinarias cando fixer falta.

A competición terá xornadas semanais a partir do mes de novembro.

Como xa é costume, os duelos estarán inspirados en imaxes. Os competidores saberán que imaxes e que duelos teñen por diante desde antes do inicio da competición.

Contamos novamente co patrocinio da libraría Maruxairas, especializada en libro de segunda man e libro de vello. É un establecemento diferente que se desfruta como visitante (o gran pracer de follear libros que xa non se poden conseguir novos) e tamén por internet xa que gran parte do seu catálogo se pode recibir no propio domicilio.

Aínda quedan algunhas prazas dispoñibles. Se che apetece competir e che presta escribir narrativa, asgurámosche que vas desfrutar.

Bases da II Liga Maruxairas de Relatos

 

1 Convocatoria

A I Liga Maruxairas de Relatos é unha competición entre escritores e escritoras, composta por un conxunto de duelos de relatos curtos en lingua galega, estruturados en base a certas características. A cerna da liga son os comentarios aos relatos, non os relatos en si, por iso é importante participar activamente nas dúas dimensións da liga, a de autor/a e a de comentarista dos traballos dos demais. O obxectivo da liga é compartirmos o gusto pola literatura, desfrutar da convivencia e aprendermos todos xuntos.

2 Inscrición

As inscricións deben facerse no correo biosbardia@gmail.com. Os participantes deben ser maiores de 16 anos. A preferencia será por orde de solicitude pero incluirase un factor de corrección para favorecer que polo menos tres participantes sexan mulleres, sempre que haxa suficientes solicitudes.

2.1 Lectores/as beta

Recoméndase que cada autor/a participante na Liga conte cun ou con varios lectores beta. Os lectores beta axudan a puír os textos antes de publicarse e preparan os autores e autoras diante das futuras críticas ao redor dos seus textos.

2.2 Imaxes como tema para os duelos

Cada autor/a enviará 20 imaxes e asegurarase de que teñen licenza de creación común con ou sen atribución ao seu autor. Estas imaxes empregaranse como tema dos duelos. A imaxe inspiradora de cada duelo será sorteada pola organización entre as enviadas polos participantes xunto co seu correo de inscrición ao Torneo, unha vez realizada a selección de participantes. As imaxes terán que ter formato horizontal.

3 Relatos

Os relatos nas xornadas ordinarias deberán ter entre 150 e 500 palabras, sen incluír o título. Na xornada preliminar os relatos non poderán superar as 150 palabras. A organización resérvase o dereito de aceptar algún relato que non cumpra esta norma por unhas poucas palabras, pero farase público este incumprimento para que as persoas votantes teñan en conta isto, se queren, na súa valoración.

O relatos deben ser orixinais e inéditos, e deben inspirarse nunha imaxe escollida para cada duelo. Serán as persoas votantes e non a organización quen valoren, segundo o seu criterio persoal, o cumprimento deste apartado.

Canda a publicación do calendario tamén se publicarán os prazos de entrega de cada xornada. Polo xeral, os e as autoras disporán de sete días para a entrega. Cada participante ten dereito a pedir unha prórroga de dous días para enviar o seu relato. Cando un participante pide prórroga, o seu rival dispón automaticamente dunha prórroga equivalente sen que lle conte como utilizada.

Os relatos enviaranse ao correo biosbardia@gmail.com. Agradécese que cada participante especifique no “asunto” do correo os seguintes datos: o seu nome e a xornada á que pertence o relato.

O anonimato dos relatos será parcial. Será pública a identidade dos dous duelistas, pero non se revelará ata a fin da xornada de votacións quen é o autor/a de cada relato.

4 Organización dos duelos

A liga disputarase en xornadas ordinarias máis unha preliminar.

4.1 Xornada preliminar

Na xornada preliminar todos os participantes competirán entre si, ao redor da mesma foto, con relatos que non superarán as 150 palabras.

A puntuación total obtida por cada autor/a determinará a posición inicial da liga. Esta “clasificación preliminar” servirá para desempatar aqueles duelos das xornadas ordinarias que así o requiran.

4.2 Xornadas ordinarias

Haberá tantas xornadas ordinarias coma se necesiten polo número de duelistas. Todos os duelistas se enfrontarán entre si, a unha única volta.

5 Votacións e resultados

5.1 Xornada preliminar

O sistema de votación nesta xornada será por puntos. Cada autor deberá outorgar 5, 3 ou 1 puntos aos seus tres relatos favoritos. Os duelistas non poderán votarse a si mesmos.

Tras as puntuacións de cada xornada cada autor/a recibirá unha asignación de posto do 1º ao 8º. En caso de empate a puntos, a posición final decidirase por sorteo.

Estas posicións servirán para:

  1. Definir os duelos da primeira xornada ordinaria segundo o criterio de 1º contra 8º, 2º contra 7º, 3º contra 6º e 4º contra 5º.
  2. Servir de referencia para posibles empates a votos nas xornadas ordinarias
  3. Definir as posicións definitivas na clasificación logo da derradeira xornada servindo de criterio de desempate cando varios participantes compartan o mesmo número de vitorias.

5.2 Xornadas ordinarias

Todos os participantes están obrigados a votar de maneira pública en todos os duelos, salvo aqueles nos que participen como duelistas. A votación realizarase na páxina web de Biosbardia, no fío correspondente a cada duelo, nomeando o título do relato que se considera gañador dunha forma explícita. A votación deberá ir acompañada dun comentario no que se valoren ambos relatos e se xustifique brevemente a elección dun sobre o outro.

O esquema de comentario é o seguinte:

1º parágrafo: impresión xeral do duelo.

2º parágrafo: comentario crítico sobre o primeiro dos relatos do duelo.

3º parágrafo: comentario crítico sobre o segundo dos relatos do duelo.

4º parágrafo: voto, coa seguinte fórmula: “O meu voto vai para (o nome do relato).

As persoas participantes (agás as excepcións xa referidas) poden debater libremente durante o período de votación calquera aspecto sobre os relatos ou sobre a valoración doutros votantes, sen menosprezar a opinión doutros comentaristas nin o traballo dos autores/as. Cada votante pode empregar o seu propio criterio persoal de valoración, sempre que se axuste a razóns literarias, sexan de forma ou de contido.

O público en xeral tamén pode comentar e opinar, sempre co seu nome completo, a través dos comentarios da revista ou nos espazos do Twitter e do Facebook de Biosbardia. Estes comentarios non se terán en conta como votos á hora de resolver os duelos.

5.3 Voto de desempate

Ningún duelo pode ter como resultado final un empate. No caso de que dous relatos teñan o mesmo número de votos tras o reconto final o gañador será o do autor/a que quedara mellor clasificado na xornada preliminar.

6 Clasificación final

A orde clasificatoria decidirase polo número de vitorias conseguidas. En caso de empates aplicarase como método de dsempate o posto obtido por cada autor na xornada preliminar.

7 Premios

Premio para o campión/campioa de liga: un cheque regalo de 100 euros para gastar en Maruxairas*.

Premio para o subcampión/subcampioa: un lote de libros galegos actuais.

Premio para o ou a pechacancelas: un lapis de carpinteiro.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *