BiosBardia

O país dos libros en galego

Cando Dinamarca tivo un imperio colonial

Postal ilustrada da cidade de Christiansted, Saint Croix, nas actuais Illas Virxes Estadounidenses. PICRYL.

César Lorenzo Gil.

A recente ameaza do presidente dos EUA, Donald Trump, contra Groenlandia, territorio atlántico baixo dominio dinamarqués, sorprendeu, tanto pola virulencia coma polos termos da demanda estadounidense. A Casa Branca ofrecía comprar ese territorio ou, no caso no que Dinamarca non aceptase negociar unha oferta económica, ocupalo militarmente. Para moitos comentaristas, parece estrambótico que Washington ofreza diñeiro a cambio de tomar conta dun territorio, e tamén apenas se falou de como Groenlandia forma parte dunha metrópole, Dinamarca, que está moi lonxe e que nos parece hoxe desvinculada coa historia imperial e colonial. Mais na verdade, Groenlandia é o derradeiro vestixio dun imperio ultramarino ben antigo.

A colonización de Groenlandia, envolta no mito, tan propicio e exitoso entre os nórdicos, remóntase a Erik, o Roxo, que estableceu os seus vikingos no século X. No século XIII, ese asentamento pasou ao dominio do rei de Noruega. A Unión de Kalmar, do 1397, que xuntou baixo a mesma coroa Suecia, Noruega e Dinamarca coincidiu co declive da colonia groenlandesa, que sufriu moitísimo a denominada Pequena Idade do Xeo, e que na práctica converteu este territorio setentrional nun asentamento pantasma.

No século XVI, especialmente despois da volta ao mundo de Drake (que demostrou que os océanos non eran de exclusiva propiedade portuguesa e castelá), varias monarquías europeas viron a oportunidade de expandir a súa influencia ao Novo Mundo e a Asia. Inglaterra, especialmente, mais tamén Francia e os Países Baixos, empezaron a competir por comerciar e posuír territorios, nun momento de crise en Portugal, que culminou coa súa incorporación á Coroa de España.

Bandeiras de Groenlandia, á esquerda, e Dinamarca, sobre a illa do Atlántico Norte. NEEDPIX.

As políticas de Christian IV (1588-1648) uniron a Dinamarca e Noruega a esa carreira polas especias e o azucre. No 1616 creouse a Compañía Dinamarquesa das Indias Orientais, que tras unha expedición falida a Ceilán (actual Sri Lanka) acabaron creando un enclave en Thanjavur (no actual estado indio de Tamil Nadu). Ao tempo, o rei refundou a colonia de Groenlandia, para impedir que tomasen conta dese territorio os franceses ou os ingleses, que nese momento buscaban territorios ben ao norte do Atlántico para escapar da influencia española. Aínda así, non foi até o 1742 que os daneses realmente consolidaron o seu dominio sobre a illa, que se uniu a Islandia e as illas Feroe como área principal de influencia do reino de Copenhague.

No 1671 creouse a Compañía Dinamarquesa das Indias Occidentais, que construíu un posto comercial e militar moi perto da actual capital de Ghana (Accra) e que serviu de base para o tráfico de escravos. Estímase que os tratantes dinamarqueses foron responsables do 2% do mercado global de escravizados africanos.

Estes escravos tiñan como destino América, principalmente as plantacións de azucre das Antillas. Pouco a pouco, Dinamarca entendeu a necesidade de intentar tamén producir unha das materias primas máis apreciadas do mundo. No 1672, Dinamarca colonizou a illa de Saint Thomas, e pasado o tempo engadiu Saint John (por conquista) e Saint Croix, comprada ao Reino de Francia no 1733. Nesas tres illas os dinamarqueses plantaron azucre. A cidade máis importante de Saint Croix segue levando un nome ben elocuente: Christiansted.

A posesión de illas azucreiras favoreceu o enriquecemento das clases altas dinamarquesas e moito do esplendor que se pode admirar na arquitectura de Copenhague ten a ver cos beneficios do florecente comercio do azucre, sustentado sobre os corpos de miles de escravizados negros. Foi en Saint John onde tivo lugar unha das revolucións de escravos máis importantes das Antillas (1733) e Dinamarca só puido sufocar a revolución grazas ao apoio armado de Francia.

Coa abolición da escravitude e a competencia do azucre extraído da remolacha, a importancia económica das colonias do Caribe decaeu. Dinamarca vendeulles aos EUA as tres illas no 1917, en plena I Guerra Mundial. O goberno estadounidense temía que se Alemaña conquistaba Dinamarca, o arquipélago se convertese nunha base de submarinos moi próxima a América, polo que acordaron con Dinamarca a súa cesión a cambio de 25 millóns de dólares. Para entón quedaban poucos dinamarqueses alí.

Hoxe en día, as Illas Virxes Estadounidenses forman parte dos EUA como territorio organizado non incorporado. Os habitantes do arquipélago teñen a cidadanía estadounidense, pero non poden votar; elixen un delegado para o Congreso en Washington, pero este non pode votar. Até o 1970, o gobernador do arquipélago escollíao directamente o presidente estadounidense.

No século XVIII, amais da cidade de Tranquebar (no territorio támil), os daneses establecéronse en Bengala, na cidade de Serampore. O seu dominio indiano acabou no 1845, cando ante os problemas internos e a presión de Gran Bretaña, optaron por venderlles estes dominios aos británicos.

Anos antes, no 1814, e tras verse Dinamarca obrigada a aliarse coa Francia napoleónica tras o bombardeo británico de Copenhague, as consecuencias para os daneses da derrota gala foron moi relevantes. Suecia esixiu a Noruega continental, pero a Coroa dinamarquesa quedaba con aqueles territorios setentrionais que en orixe foran noruegueses.

Outra volta unha guerra internacional supuxo cambios na estrutura dinamarquesa. Tras a conquista alemá do 1940, británicos e, posteriormente, estadounidenses, ocuparon preventivamente Islandia, que se independizou pacificamente de Dinamarca tras un referendo popular no 1944.

Groenlandia tamén foi ocupada polos estadounidenses, tras unha operación heterodoxo da diplomacia danesa en Washington, que se “independizou” do seu goberno, cativo dos alemáns en Europa. Despois da guerra, o presidente Harry S. Truman ofreceulle a Dinamarca 100 millóns de dólares pola illa. Dinamarca non aceptou.

Hoxe en día, á parte de Groenlandia, Dinamarca segue a gobernar as illas Feroe, aínda que os cidadáns deste arquipélago gozan dun status especial (non son cidadáns da UE, por exemplo) e unha ampla autonomía.

Aínda que a historia non se repite, rima; e a actual situación de incerteza que se vive en Groenlandia non é algo inédito, nin para a xeopolítica mundial nin na historia de Dinamarca e os seus intentos de se converter nunha potencia imperial.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *