BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Cando levanten as brétemas’, cru relato da Guerra de Bosnia

Josip Mlakić.

Pablo Fernández Barba.

Que unha novela como Cando levanten as brétemas, do escritor e guionista croata Josip Mlakić, chegase a nós da man da tradución ao galego de Jairo Dorado Cadilla, é un luxo que non merecemos. Así o digo. Cando Periférica editou hai uns anos o Manual de exilio, de Velibor Čolić, apareceu recomendada e publicitada por terra, mar e aire: un podía atopar a novela ata na sopa do caldo a pouco que se descoidase, e coido que funcionou dabondo como produto comercial dentro do mercado español. Traio o exemplo por proximidade temática (as vivencias dun veterano da guerra de Bosnia) e por proximidade editorial xeográfica, non porque me prestase especialmente (arranca moi ben e vaise desinflando ata rematar un pedindo a hora sesenta páxinas antes do final). Pero en Cando levanten as brétemas estamos a falar dunha novela moi, moi superior, inédita en castelán. Un auténtico agasallo para os lectores en galego ao que apenas se lle prestou atención, sendo a pouca que recibiu fugaz e inxusta.

Editada e traducida cun coidado e cun gusto exquisitos, con continuas referencias sociais, culturais e políticas a pé de páxina (práctica habitual na colección de Hugin e Mugin), a novela de Mlakić lévanos de volta á fronte oriental da guerra de Bosnia a través das lembranzas dun veterano croata das trincheiras que se recupera do estrés postraumático nun hospital psiquiátrico. A petición do seu médico, o protagonista comeza redactar unha colección de diapositivas da contenda (inconexas algunhas, outras non tanto), cun relato cru, ás veces distante, ás veces íntimo, que alterna habilmente a narración entre a primeira e a terceira de persoa para dotar de credibilidade a esquizofrenia moral e afectiva provocada pola guerra. Mlakić foxe deliberadamente da pirotecnia ou do morbo, e opta por un estilo seco de máis, case neutro. Nesta liña, unha das moitas virtudes da novela reside na ausencia dun discurso antibelicista explícito, de tipo adoutrinante, para entendérmonos. Atopamos no seu sitio algo moito máis elaborado, sutil e, polo tanto, crible. A narración completamente normalizada da execución a sangue frío dun antigo compañeiro de xogos é, se cadra, o mellor exemplo da distancia tomada sobre calquera sentenza de tipo moral. Tampouco comete o autor o erro de caer en expresións de exaltación nacional para xustificar nada, que xa é dicir moito nunha novela ambientada no desmembramento da antiga Iugoslavia. De feito, tamén aquí toma distancia dende o principio cunha explicación memorable sobre a proporcionalidade directa que hai entre o fervor patriótico e a distancia á fronte.

Estamos ante un relato no que non se xustifica nada, no que non se defende nada. Un relato sobre a deshumanización producida pola barbarie onde non hai bos nin malos nin moito menos heroes. Só seres grises metidos en buratos sucios que pasan frío e fame, espectros que matan segundo esperan a que os maten, monstros que queiman as casas dos veciños ou que ven como aqueles queiman as súas, fantasmas que entre tiroteos e bombardeos beben, len ou escoitan música mentres, coma no título da novela de Kundera, as súas vidas están noutra parte, agochadas polas brétemas do título que o cobren todo como alegoría da propia guerra. O desacougo é constante e, nese aspecto, a novela non é doada: moitas das imaxes, na súa sinxeleza, son dunha crueldade devastadora, e voume resistir a describilas aquí para non estragar a sensación que provoca de primeiras a súa lectura, aínda que non poida deixar escapar estas liñas sen lembrar o passariño de Kavi ou a vella da aldea arrasada. Sería inxusto. Como inxusto sería non recoñecer o traballo literario que nos brinda Dorado Cadilla en tradución directa do (serbo) croata que, alén da propia narración, sae con ben das formas coloquiais e adapta con éxito a fala dun personaxe afectado de problemas de dicción.

Sen dúbida, do que máis me prestou nestes últimos meses, e iso que aínda non me dei recuperado do Limónov, de Emmanuel Carrère. Sexa “escollido” ou por obriga, Cando levanten as brétemas está entre o mellor que se pode ler en galego a día de hoxe.

♦ Cando levanten as brétemas, de Josip Mlakić. Tradución de Jairo Dorado Cadilla. Hugin e Munin, 2016. 190 páxinas. ♠16€

17 thoughts on “‘Cando levanten as brétemas’, cru relato da Guerra de Bosnia

  1. Xusto rematei esta novela hai un par de semanas e non podo máis que concordar coa crítica que aquí se fai. Unha moi boa historia e unha gran traducción (non sei serbo-croata mais o texto galego flúe moi ben). O nivel que temos en Galicia de tradutores/as e de editoriais especializadas en treaduccións é moi, moi alto.

    1. A editora serve directamente a través da web e seica ten acordo comercial cunhas poucas librarías, mais descoñezo cales.
      Xa contarás cando o leas!

  2. A novela, marabillosa. A tradución, un traballo literario profundo e axeitado. A edición, de dez, na liña de todo o que propón Hugin e Munin. Mágoa dunha maior presenza na crítica, ou de que a aquí publicada non afronte o texto cunha maior profundidade e só fique na tona e no obvio.

    1. Grazas por comentares, Soledad. Concordo contigo de principio a fin e estou certo de que ti poderías achegar moita máis profundidá á crítica, cousa que che convido a facer nestas liñas para lle facer xustiza a unha obra que xente moito máis válida e experimentada ca nós non pasou de lle comentar a contracapa.
      Saúdos.

    2. hehehe…Polo menos o tipo este, o Pablo, leu o libro. Outros nin iso… Faltoulle quizais comentar se o autor é un primate da orde dos Tallón ou descubrirnos se come caracois ou ostras para medir a distancia narrativa. Todo o mundo sabe que eses detalles marcan a diferenza. Pero a min a crítica prestoume e espertou o interese polo libro. Non lle pido máis. De feito fun a unha librería e apuntaron o meu nome debaixo de outro que xa o tiña pedido “por un artigo que saíu…”.

      1. “Agasallo para os lectores”, “relato cru”, “a novela non é doada”, “crueldade devastadora”… Como comentario de texto de bacharelato non está mal. Como crítica literaria, non sei eu…

      2. Grazas de novo, Soledad, polos teus comentarios construtivos.
        Tes que comprender as limitacións propias do principiante. De ter eu máis experiencia e, sobre todo, de saber que me había saír unha admiradora tan atenta coma ti aos meus textos, tería apuntado máis alto. Se hai unha vindeira colaboración limitareime a fusilar a contracapa e a engadir cousas como ‘ben documentado’ no sitio de ‘cru’, ‘ben escrita’ no lugar de ‘non é doada’ e ‘obra necesaria’ en vez de ‘agasallo para os lectores’. A ver se escollo tamén unha novela con personaxes fimininos para coar algunha ‘brava’ e ‘afouta’ polo medio que che poidan namorar definitivamente. No entanto, recibe un saúdo grande.

      3. Non sexas rabudo, Pablo. Ignoraba que debutabas na crítica. Se é así, os meus parabéns. Fan falta máis voces e máis diversas. Levo 30 anos corrixindo comentarios de texto e a este poríalle unha boa nota. Iso si, hai que afinar o uso do “te” e do “che”. Saúdos.

      4. Máis de 20 anos de inmersión lingüística en castelán no Barrio de la Concepción,15 no galego de Santa María de Roo, máis de ciencias ca unha folla de excel… e aínda pides que afine os pronomes? Se cando dicía que me saíra unha admiradora…
        Mais, oe, a topísimo aí con mellorar, eh! Non penses!
        Así que grazas de novo polos teus azos.
        P.S.: e non me digas rabudo, que son un amor.

  3. Noraboa a Fernández por descubrir “Limónov” en 2019. A ver se para o 2022 dá lido “El Reino” e “Conviene tener un sitio adonde ir”.

    1. Grazas, José,por tan interesante aportación. Só por completala un pouco, dicir que hai un mes descubrín ‘Dos anxos e dos mortos’ (1977); hai dous, ‘Marya’ (1986); haberá sete anos, ‘La canción del verdugo'(1979); e non descarto poñerme algún día coa saga de Proust.
      O meu fillo anda a descubrir agora mesmo ‘Las ratas’ (1962), que nesta casa somos moi de LIX, pero estamos abertos a máis suxestións. Serias, claro. Pintan ben esas de ‘El reino’ e ‘Conviene tener un sitio adonde ir’, grazas, que de Carrère só lin a maiores ‘Una semana en la nieve’ e todo moi rico e moi ben presentado tamén.
      Saúdos.

  4. Non acabo de entender o nivel de esixencia dalgúns comentaristas (e iso de criticar que P. Fernández use nun comentario informal o cheísmo da súa zona xa me parece de traca). Non sei se a recensión é frouxa ou non (non chego a ese nivel de discernimento), pero a min animoume a mercar unha obra que, a priori, non me atraía moito pola ambientación histórica. Felicidades ao recensionista: a min convenceume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *