‘Carla’ vs ‘Cine’
Xornada 3 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Sofía Sicilia e Pilar Vilaboy.
Traba: o relato debe esscribirse utilizando a segunda persoa.
Carla
Pilar Vilaboy.
Benquerido Lois,
Pídesme no teu correo electrónico que che cubra unha enquisa de cultura xeral sobre cine. Sabes que se che podo axudar vouno facer, por algo es o meu sobriño favorito. E fas moi ben en pedirmo, esquecendo os problemas que teño con túa nai.
Por suposto que coñezo os irmáns Lumière; de feito, están pouco recoñecidos para min. Sabes que nunha das súas primeiras proxeccións o público entrou en pánico: semellaba que un tren se abalanzaba sobre eles na sala. En Cinema Paradiso, Totó, aquel neno listo coma un allo, cando ve as imaxes en movemento tamén cre na maxia do cine. Na enquisa mencionei esta xoia cando pedías títulos que falasen sobre cine.
Supoño que xa che contei cal foi a miña primeira película. Fun ver Cantinflas con meu pai e túa nai. Non lembro o título, sei que rimos moito coas parvadas que facía o personaxe, estrafalario nos falares e na vestimenta. Túa nai Candela e mais eu criámonos nunha familia desestruturada e no meu caso a pantalla salvoume de moitas terapias. A pertenza aos lugares é algo subxectivo, pero eu naquela escuridade da sala descubrín que estaba entrando nun lugar fantástico que me ía acoller sempre.
O club dos poetas mortos verás que vai como imprescindible. Penso que debera ser materia obrigatoria nos institutos: esa figura do profesor transgresor das normas que se converte no heroe dos alumnos. Quen tivera un mestre así que che dá pautas para cuestionar as verdades absolutas. Non che encanta ese triunfo final de John Keating, cando os seus orgullosos alumnos o despiden derriba da mesa chamándolle “Capitán” en honor a Whitman?
E escollín a película Los lunes al sol porque, ademais de estar rodada no meu prezado Vigo, xa tiña nela os meus actores favoritos: Javier Bardem (mellor actor español) e Luís Tosar (mellor actor galego). Creo que é unha película onde a precariedade laboral é tratada desde outra perspectiva. Lembras que teu avó foi despedido de Barreras, parece que Santa contaba a súa historia.
De mulleres, mencionei a Blanca Portillo como mellor actriz española por Maixabel e como mellor actriz galega, a María Rodríguez Vázquez por Quien a hierro mata. Escollo esta película porque a vinganza é algo xenético na nosa familia. Supoño que sabes o motivo polo que non me falo con túa nai: as malditas partillas.
Son unha cinéfila empedernida. Intúo que me escolles para a enquisa polo meu traballo, case dez anos vendendo entradas nos cines Norte. Iso permíteme ver case todas as películas que pasan polas miñas mans. Eu antes non era feliz. Pedín a conta no supermercado, farta de unir unhas baixas laborais a outras. Agora vivo folgadamente, pero ilusiónome cada día coma se fose o último. Espero que ti tamén vaias topando o teu sitio aos poucos Non te conformes nin teñas medo a equivocarte. Así serás capaz de entender como me sinto eu desde que topei o meu lugar no mundo.
Despídese cun abrazo virtual a túa tía Carla.
Cine
Sofía Sicilia.
Abres a sala coa chave oxidada do teu peto, entras. As luces que iluminan o escenario son tenues e amareladas, coma a luz do final do día, presuntuosa e vella. Camiñas entre as butacas: lémbraste de cando eras ti quen estaba subido aí enriba? Tantas e tantas imaxes proxectadas nos teus ollos, nas túas meixelas. Cando Verónica interpretou a Xulieta e tivéchela que coller mentres caía pola torre. Pobre Romeo, pobre Frankenstein, pobre Ovidio, pobre ti. Ninguén pode impedir o paso do tempo, ninguén pode facer que o tempo se estanque. Pero dime a verdade, ti que farías? En que momento da túa vida dirías: «vale, aquí quedo?». Non é unha tarefa sinxela, sobre todo porque se a escolla é neses días nos que os ensaios ocupaban toda a túa xornada, non volverías ver a Grabriela, nin a túa filla. Como mudan as cousas, este vello teatro convertido nun cine. Agora a xente vén e senta, e polos seus ollos pasan imaxes mortas, constrinxidas, artificiais.
Segues camiñando, apalpas a platea; as cortinas vermellas seguen aí. Sobes. Miras de esguello cara atrás, imaxinando a Francisco, co guión na man. Sénteste miserable. É coma se a vida morrese. Pensas en que os afeccionados do cine son afeccionados á morte. Pouca xente comparte a túa opinión, pero ti séntela dentro, coma un coitelo que te atravesa.
Cantas, bailas, gritas, choras, estombállaste no chan. A función comeza. Paeas declamando a Shakespeare, a Brecht, a Lehman. Emociónaste.
De súpeto, unha voz. «Estimados traballadores da Sala Paradiso, dispóñanse a limpar, a sesión das cinco da tarde comezará dentro de nada».
Carla
Gustame o primeiro parágrafo. É moi formal, pero o xusto como para darlle personalidade á quen escribe o texto sen chegar a resultar pouco crible, e ademais introduce ese confilcto familiar coa nai do sobriño.
Leo 2 parágrafos mais e empezo a notar algunha cousiña que se sae do estilo. o da “familia desestruturada” renxeme un pouco para unha carta de tía a sobriño que non trata ese tema en concreto, habia que dicilo doutra forma menos tecnica. E o de “na escuridade daquela sala” é unha frase de narrador/a, non de alguen que está escribindo un mail.
un paráfrago mais. acepto o de ir mencionando peliculas cun breve comentario como medio de conduccion da historia. funcionou moi ben coa de cantinflas. coa dos poetas mortos, en cambio, a análise que fai é identica ó de outros miles de persoas e o ritmo perdese. nota miña: vela deberia ser materia obrigatoria PARA OS PROFESORES.
Este “problema” repítese cos luns ó sol, excepto coa última frase. Admito algo de recheo como necesario, pero nestes ultimos 2 parágrafos o recheo (as explicacions das pelis) cómense ó argumento, habia que modulalo algo mais para que non houbese tanto lorem ipsum seguido entre chicha e chicha
O realmente interesante é isto:
-cantinflas: familiar, infancia.
-poetas mortos: xuventude, escola, estudos.
-luns ó sol: vida adulta, problemas laborais.
-pelis “de mulleres” (sic): aqueles problemas coa nai de Lois e/ou outras feirdas vitais sen curar. Ata nin facia falta mencionar a partilla.
O final resultoume un pouco confuso, no sentido de que conta algo do presente, despois do pasado e remata cunha especie de consello sobre atopar o lugar no mundo que non me veu moi a conto. Non me parece a forma natural de pechar a carta tal como ía encamiñada. Parece un parágrafo para o lector e non para o sobriño.
a miña conclusion final é que me parece un relato ben construido ó que lle faltou traballar mellor a relacion da narradora coas peliculas para poder ir fiando a sua historia con elas coa mesma sutileza pero maior presenza emocional e lle sobrou, sobre todo, ese final con intencions conclusivas e autoexplicativas tan concentradas, coma nun escaparate para o lector. Eses datos tiñan que ir saindo na secuencia das pelis.
nota final: este non é un relato escrito en segunda persoa. É un relato escrito en primeira persoa. Cando nun relato aparece un “eu” do narrador é un relato en 1º persoa, da igual a quen vaia dirixido ou a cantidade de veces que use a 2º persoa. Enton, este relato non cumple co atranco da xornada.
Cine
Este si que é un relato escrito en 2º persoa. Lelo (este ou outros coma este nos outros duelos) è a mellor explicacion.
Teño que admitir que me cargan un pouco as personaxes que -porque aman o teatro- o cine lles parece o peor do peor. Dito iso penso que hai un bo traballo psicolóxico no relato para que o lector se identifique suficientemente coa personaxe, sobre todo nos primeiros 2/3 do relato. Cambiaria algunha cousa, adxectivos ou algunha frase reformulada, pero basicamente vexoo correcto, ben, lino todo seguido con moita atencion.
O que non me prestou foi o final. Esa catarse final paréceme artificial, efectista. Para que o prota se puxera así de tolo ten que haber algo mais. É demasiado teatral (haha!). Entenderia que fixese algo: bailar, declamar a shakespeare, cantar opera… pero todo o anterior e ademais estomballarse polo chan xa se me fixo moito. Tamen o peche, coa voz que avisa ós traballadores, me sacou do relato, porque chegando xusto despois da tolemia aquela quedoume algo desliga da reaccion da personaxe. En resumo, que lle poño reparos á execucion do final, precisamente por sairse do tono do resto do relato cando tan ben ía. O patetismo en realidade funciona mellor narrado sen estridencias, mostrandoo tal como é, decepcionante antes que emocionante.
Voto por Cine.
Máis unha xornada. Imaxino que o ritmo de produción comeza a ser un reto en si mesmo para todos.
Carla
Pareceume unha moi boa idea utilizar o formato de responder a unha enquisa. Non é algo habitual e pode dar xogo. Porén, penso que a execución non foi a mellor. Ao meu ver, creo que lle falta algo máis de traballo estilístico. Queda excesivamente real, un email que se podería enviar nun contexto profesional calquera.
Penso que ese último parágrafo quedaría mellor como segundo parágrafo para darlle antes entidade á narradora. Creo tamén que as películas que cita deberían facer referencia todas ás súas vivencias. Máis como o parágrafo de Cantinflas e menos como o do clube dos poetas mortos.
Cine
Concordo con Lois en que o final é un tanto efectista. Poderíase comezar dicindo que a muller é limpadora no cine e antes foi actriz de teatro e non pasaría nada. Ao contrario, penso que serviría para empatizar máis con ela. Con todo, penso que é un texto ben traballado. Moi agradábel de ler.
Por iso o meu voto vai para Cine
Imos alá.
Do primeiro relato non me convence o do inquérito como escusa para un discurso tan profuso. O ton da carta tampouco me parece axeitado: hai algo de profesoral no tono que non me parece o indicado entre tía e sobriña, e paréceme un erro non incluír o cuestionario. Tamén me parece forzada a referencia aos problemas familiares. Gustoume a idea, pero non a formalización. E non me parecen títulos para “unha cinéfila empedernida” pero aí xa igual me paso de voltas.
Do segundo direi que ten, ao meu ver, moitos cabos soltos. A referencia ao pasado actoral do protagonista e a mutación do teatro a cine, así como a relación de todo isto co protagonista aparecen ganduxados nunha linguaxe excesivamente vaporosa e evocativa, ao meu ver. Creo que o final está moi conseguido, en cambio.
O meu voto é para “Cine”.
Bo día¡ Seguinte ornada, case no meridiano da competición. Aínda así, a xulgar polos relatos, peso que estamos aguantando todos ben o maratón.
Carla gústame como plantexamento. A carta e máis o mail non se ven moito como formato por aquí e para a traba da segunda persoa é unha solución ideal. Ten algunhas frases que me renxen un pouco. Como a da “familia”. Son referencias a un contexto coñecido por ambos falantes e polo tanto superfluo. Os filmes que fían o relato non me desentoan tanto, pero o final quizais sexa demasiado climático. É un relato cun acercamento orixinal, que me gustou.
Cine é un relato moi reducido. Quizais sexa pola segunda persoa, que forza un ton apelativo. Concentrado queda moito mellor, creo. Está ben escrito e na súa brevidade consegue retratar á personaxe.
Eu tamén teño algún problema co final. O corte de volta á realidade poderíase dar con algún elemento da propia escena. O megáfono parecese referir ao lector incluso, e o sentimento de ter sido desaloxado funciona contra o resto do relato.
O meu voto vai para Cine.
Que difícil a traba da segunda persoa!
“Carla”: Gustoume o comezo e parecíame que a cousa prometía pero logo non hai moito… Un texto ben narrado, unha personaxe que me gsutaría coñecer… pero non vexo máis que as notas para unha promesa de historia que se cadra aconteceu fóra do cine.
Por outra banda, xa sei que hai controversia co tema, non está narrado en segunda persoa.
“Cine”: Este si está en segunda persoa e, para min, un puntiño máis xa é. Tamén promete e logo meh. Fáltame algo, ou sóbrame depresión anticuada anticine (e os cómics non son literatura, blah blah blah). Iso si, paréceme que a narración é fermosa e poética, que hai boas imaxes e de súpeto… pois non ese final tan brusco e simplón.
Voto por “Cine”.
“Carla”, é boa a idea de contar unha historia a través dun mail e combinando varias películas. (Eu son desas persoas que odia El club de los poetas muertos). O problema é certo estancamento de ideas pola metade e tamén o ton algo artificial que adquire por momentos. A min tampouco me parece que estea en segunda persoa pero eu tampouco son un teórico destas lides.
“Cine” é máis redondo como relato. Aposta pola segunda persoa de maneira afouta e incluso economiza en palabras. Hai imaxes moi fermosas polo medio e tamén certo efectismo, pero en xeral gustoume bastante.
O meu VOTO vai por “Cine”.