BiosBardia

O país dos libros en galego

Carlos Baliñas: “É hora de deixar tranquilos os reis de Galicia e democratizar a historia social”

IMG_4546César Lorenzo Gil.

Carlos Baliñas (León, 1961) é un dos nosos máis importantes medievalistas. Profesor na Facultade de Humanidades da USC no Campus de Lugo, ten unha ampla traxectoria de estudo da época altomedieval e tamén da evolución histórica da paisaxe. Nesta entrevista falamos sobre algúns aspectos da formación da identidade galega hai mil anos ou así.

Recentemente, o Consello da Cultura publicou o libro Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa, coordinado por Xulio Sousa, Marta Negro e Rosario Álvarez e que inclúe un traballo seu: “A flumine Mineo usque in Tagum: Os camiños diverxentes de Galicia e Portugal na Alta Idade Media (700-1100)”. Neste texto vostede contradí varios dos mitos da historiografía galeguista contemporánea. Por exemplo, nega a continuidade da Gallaecia romana primeiro baixo mando suevo e logo como entidade autónoma dentro do reino visigodo antes e despois da invasión árabe do 711.

O tema é complexo e admite moitos matices e valoracións. É certo que o que o Imperio Romano delimitou co nome de Gallaecia e que viña abarcando desde o Atlántico até aos ríos Cea ou Pisuerga e desde o Cantábrico até o Douro e que ese nome como concepto xeográfico e político perviviu durante séculos. É por iso que no século X, por exemplo, se coñecía como reino de Galicia este territorio entre os franceses ou os árabes. Pero ao mesmo tempo, durante un longo período que vai desde o século IV ao X-XI, os seus límites van modificándose, así como a organización imperial. Os suevos non encaixaron sen máis na Gallaecia romana e para o século X, xa podemos verificar que fronte á idea “global” dunha única Galicia vai xurdindo a que eu denomino Galicia nuclear, que xa polo leste non chega máis alá de Astorga e a Seabra e que polo sur estrema en Coimbra, cunha personalidade xa diferenciada de Castela ou de León.

É dicir, que o que a partir do século XII había ser Portugal formaba parte desa Galicia nuclear.

Si. Mais o proceso de diferenciación de Portugal, é dicir, o territorio ao sur do Miño que estremaba cos reinos musulmáns, foi longo e tivo varias causas. Por unha banda, Portugal era en realidade unha Estremadura galaica, un territorio fronteiro, sometido a dinámicas sociopolíticas diferentes das da Galicia miñota. Do outro lado da fronteira estaba o inimigo, necesitábanse recursos humanos e materiais moi específicos para manter esta “marca” e así se entende que houbese unha importante emigración cara ao sur de leoneses, asturianos ou navarros, por exemplo. Pouco e pouco, a identidade do sur, a personalidade social estremeira xa ten pouco a ver coa galega, vanse rachando algúns dos elos. Sempre poño como exemplo para compararmos o que sucedeu cos EUA no século XVIII a respecto da Gran Bretaña. As colonias van creando unha personalidade propia, van decatándose de que abafan dentro das normas inglesas e deciden camiñar por libre. A Guerra de Independencia supuxo a ruptura política pero os lazos culturais entre Washington e Londres continúan até hoxe e amósanse en diferentes campos. Salvando as distancias, algo así ocorreu entre Portugal e Galicia.

Afonso Henriques foi o George Washington portugués.

A complexidade dinástica que xorde nos reinos de León, Castela, Toledo e Galicia tras a morte de Afonso VI sen descendencia masculina explica o porqué da independencia no momento no que se produce. Afonso Henriques é neto de Afonso VI e a súa principal loita contra o seu curmán Afonso VIII ten a ver coa reclamación da herdanza do avó, a través da súa nai Tareixa, que recibira os territorios ao sur do Miño. Sería unha simplificación pensar que é aí cando nace un desexo real de independencia. Henriques culmina unha eclosión que se viña xestando durante moito tempo.

Mais a relación de Portugal durante o resto da Idade Media cóntasenos cun puntiño de nostalxia, coma se quedase o desexo da reunificación. Por exemplo, o movemento xeopolítico que os historiadores coñecen como atlantismo, que intentou alternativas de unión nos séculos XIV e XV a ambas ribeiras do Miño.

A fronteira é porosa. Mais non só durante a Idade Media. A dificultade de separar ambos os territorios chega até hoxe. Sempre recordo que unha vez estabamos a familia en Lobios e empezamos a falar dos países estranxeiros onde estiveramos. Meu fillo incomodouse e dixo: “Eu nunca fun ao estranxeiro”. “Ai, si”, contesteille. Nun cacho estás alá. Entramos en coche pola Portela de Homem e retruqueille: “Ala, xa estiveches en Portugal, que é o estranxeiro”. Non o dei convencido. “Papá, así non vale. De aquí a acolá non hai diferenzas”. E é que grazas á UE, vivimos unha especie de reintegración de feito da Galicia altomedieval: cal é o aeroporto que deseña a súa actividade para ser O Aeroporto de Galicia? Non o de Santiago senón o do Porto. As empresas operan co prisma do Douro, non do Miño e os galegos do sur saben ben que en moitas ocasións sae máis a conta viaxar a Portugal para compras, turismo…

Estamos sometidos a unha idea historiográfica oficialista española que nos conduce a unha especie de destino prefixado, unha serie de procesos que deberían desembocar na unidade de España.

E en efecto, durante os séculos seguintes á separación, houbo unha arela obvia de recuperar aquela unidade anterior. Pero os reis de Portugal xa mudan as regras: queren controlar eles o proceso, non integrar Portugal no vello reino de Galicia senón ampliar Portugal cara ás terras que consideran propias tamén de Portugal.

Fálase menos da proximidade entre Galicia e León. A finais do século XIV, cando xa o reino está unido a Castela, Galicia, León e Sevilla formaron parte do reino efémero de Xoán, o fillo de Afonso, o Sabio.

Estamos sometidos a unha idea historiográfica oficialista española que nos conduce a unha especie de destino prefixado, unha serie de procesos que deberían desembocar na unidade de España. Mais non tiña por que ser así. España foi antes ca un elemento político un elemento xeográfico, igual que o foi Italia, e iso non impediu que a unificación italiana se dese no século XIX. E puido non darse. Pois o mesmo puido ocorrer con Galicia. Despois da integración en Castela no 1230, quedara entre as clases dirixentes galegas un pouso simbólico da grandeza do reino independente de León-Galicia. Pensemos que o século XII foi o do románico, así que non é estraño que esa colaboración se estenda máis alá.

Por outra parte, o modelo actual de España máis Portugal ben puido ter outras pezas. Se na guerra entre Isabel de Castela e Fernando II de Aragón contra Xoana de Castela e Afonso V de Portugal de finais do século XV, gañase Xoana, quizais hoxe falariamos de España por un lado e de Aragón e Granada por outro. Quen sabe.

Subliñaba agora vostede o papel da historiografía oficial española. Segue a ser hexemónica entre os estudosos, tamén en Galicia?

Si. Só hai que ver como traballa a Real Academia da Historia. O funcionamento académico está sometido aos clixés e mitos españolistas e aínda que se pode facer historia á marxe ou contra esa visión, o certo é que é máis complicado. Danse casos de historiadores galegos que fan as súas teses ou publican en castelán nos medios españois seguindo as liñas historiográficas oficiais e logo cando publican en galego seguen a liña galeguista. Eu non tiven ese problema. A miña foi a primeira tese de historia medieval defendida en galego.

Vostede tamén é crítico coa liña historiográfica galeguista.

Hai determinados mitos que coido que debemos superar. Un, o que indica que nos únicos períodos nos que Galicia viviu ben foi cando tiñamos rei de noso e se falaba galego. Pois ben, no século XVIII a nosa terra experimentou unha etapa de grande esplendor. Só hai que fixarse na arte barroca e no legado que temos daquela época para decatarnos de que había diñeiro. Pois ben, nin había poder propio nin o galego tiña status público. É máis, a historiografía galeguista insire esa centuria nos chamados Séculos Escuros: un cualificativo sociolingüístico que acaba por trasladarse a todos os factores sociais de maneira inxusta.

Non me gusta a historia choromiqueira que nos quere convencer de que eramos moi importantes e agora quedamos como unha cultura que agonía.

De todos os xeitos, hai que recordar que a historiografía galeguista nace para reaxir contra o silenciamento que a historiografía española fixo da nosa identidade. Até hai moi pouco pensábase que na Idade Media Galicia fora algo así como un espazo illado e secundario no devir histórico e só grazas ao galeguismo historiográfico se puido trazar unha liña de estudo alternativa. Neste punto é moi loable o labor de Anselmo López Carreira, co que eu manteño (ao longo do tempo) un debate cordial mais profundo pero a quen sempre lle recoñezo que fai un traballo rigoroso e fundamentado nas ferramentas da ciencia histórica. Outra cousa son determinados traballos de persoas que se aventuraron a escribir sobre a historia de Galicia no medievo sen eses coidados. Buscouse na historia a xustificación e o poder simbólico colectivo para reivindicármonos como suxeito político. E iso estivo ben pero o tempo pasou, as nosas inquedanzas deben evoluír, polo tanto.

Quizais é que non se pode escribir historia sen ideoloxía.

Por suposto. Mais dáme a sensación de que parte da historiografía galeguista está imitando perigosamente o modelo españolista, caendo nos mesmos vicios, encumiando o estudo dos reis, das crónicas, das batallas, por riba doutros aspectos salientables do noso pasado. Por exemplo, eu conseguín dilucidar que no século X o Eo xa formaba unha fronteira entre galegos e asturianos. Analizando a documentación cotiá puiden atopar o momento xusto no que cada veciñanza xa se atribuía a unha demarcación concreta. Este tipo de información non está nos textos canónicos, eses que escribían as cortes monárquicas ou nobiliarias para enxalzarse a si mesmas.

Non me gusta a historia choromiqueira que nos quere convencer de que eramos moi importantes e agora quedamos como unha cultura que agonía. Non. Eu quero formar parte dunha cultura orgullosa, consciente do seu pasado pero que sabe que é no presente onde debe traballar para mudar as cousas.

A historia de hoxe hase facer con outras ferramentas e outros obxectivos, penso eu. É hora de deixar tranquilos os reis de Galicia e democratizar a historia social, reflexionar sobre os quefaceres das mulleres, dos campesiños… Penso por exemplo no importante que sería estudar a importancia do cultivo da pataca na nosa historia; o porqué de que a camelia tivese o éxito que tivo en Galicia, onde o seu cultivo é tan masivo que só nos supera en camelieiras o Xapón.

“No século X, Galicia era un dos centros políticos de Europa”

Un dos seus libros máis populares foi Gallegos del año mil (Fundación Barrié). O século X é denominado o Século do Sangue pola cantidade de acontecementos violentos que sucederon daquela. É o tempo dos vikingos, de san Rosendo…

En efecto, o século X é unha etapa fascinante da historia de Galicia. Facendo un símil co célebre título cinematográfico, daqueles tempos poderiamos dicir: “when we were kings”, cando eramos reis. O reino de Galicia era naquela altura un dos centros políticos máis importantes xa non só dos reinos peninsulares senón de toda Europa Occidental. Estabamos no foco de Inglaterra, de Francia, do Califato de Córdoba. Rosendo foi moi manipulado pola historia eclesiástica pero o Rudesindus real foi un vicerrei dos monarcas leoneses con gran poder… Mais tamén foi destacable Sisnando Menéndez, bispo de Iria, que morreu combatendo os normandos que logo saquearon Compostela.

Que opina vostede da polémica sobre o reino de Asturias? Podemos chamarlle así ao reino cuxa capital foi Oviedo?

Sobre o tema escribiuse moito e penso que aínda que o termo sexa incorrecto, neste e noutros asuntos, como o da Reconquista, é preferible admitir unha terminoloxía establecida para que a nosa historiografía non quede desconectada do estudo internacional. Se un investigador catalán ou alemán le nun artigo científico algo relativo ao reino de Galicia, pois pode ser que se confunda e non saiba se falamos do tempo de García II ou de que. De aí que a min me pareza máis oportuno falar de reino de Asturias. Así non hai posibilidade de confusión e iso non debe implicar ningunha proxección política sobre o noso presente.

Interésame a súa opinión sobre a Reconquista.

A ver, eu penso que é un termo adecuado porque a partir de determinado momento, como elemento simbólico, a perda da integridade do reino visigodo funcionou como motor político e militar na mentalidade dos reinos cristiáns. E esa evocación explica, xunto con outros elementos, o éxito do proxecto de expansión a costa dos reinos musulmáns. Que a palabra non é a máis xusta? Pode ser; pero todos nos entendemos con ela e eliminala tamén sería facer unha historia parcial.

A historia está chea de equívocos, de parcialidades. Pero custa que os historiadores profesionais fagan divulgación.

É. Estamos moitas veces máis pendentes dos puntos que outorga tal ou cal publicación, de manternos nunha torre de marfín, sen achegarnos ao público non especializado. En Galicia, coido que o historiador tivo un papel protagonista na recuperación do orgullo colectivo. Hai anos Ramón Villares ou Xosé Ramón Barreiro eran “estrelas”; daban conferencias con grande éxito, tiñan influencia social. Por unha banda, coido que eles e outros quedaron exhaustos e por outro, quizais esa perda de protagonismo social (que se estende a outras profesións hoxe menos influentes) foi mal dixerido polos profesionais da Historia. O problema é que na era dixital florecen moitos espazos na internet que terxiversan a historia. E non o digo pola wikipedia unicamente; a popularización da historia está hoxe nas mans de persoas que ben non teñen coñecementos ben non teñen escrúpulos.

5 thoughts on “Carlos Baliñas: “É hora de deixar tranquilos os reis de Galicia e democratizar a historia social”

  1. Si, sobre todo agora que se nega sistematicamente o reino de Galiza nas series historicas da televisom espanhola. Por favor, historiografia geral e sem preconceitos, e com suficiente valentia para contestar as mentiras e fabulas da historiografia espanhola.

  2. Ah mui bem… Vamos chamar-lhe Asturias o reino galego para que nos entendam os que levam dizendo burradas 200 anos.. Bravo!

    El Leon a Jallikia, e castrejos os celtas e Visigodos os Suevos…

  3. Estou de acordo com o facto de existirem duas historiografias oficiais, ou três, sobre o mesmo tema da historia da Galécia. A espanhola, a galega e a portuguesa. Entretanto não concordo que pelo facto de existir um reino das Asturias, tutelado pelos descendentes visigóticos de Toledo possa ser considerado muito erradamente como galego. Não o é. Pelo simples facto de em nenhum momento desta entrevista se ter referido o historiador à “Galiza Nuclear” de todo este percurso histórico, que não é Portugal (PortuCale) do Minho ao Mondego, mas é sobretudo a Galiza Bracarense. Qualquer estudo sério sobre a história da Galiza Nuclear deverá começar e terminar em Braga e nomeadamente no seu carácter eclesiástico em ligação permanente e rendilhada com Tui, Lugo e Astorga na actual Galiza Espanhola, excepto a última que é leonesa, e sem dúvida com as cidades meridionais Galaicas do Porto, Viseu, Lamego e Coimbra.
    Devo referir que a divisão geográfica do rio Minho, não foi sempre um marco permanente na definição das extremaduras galaicas, mas sim o espaço que se define entre o rio Lima a norte e o Douro a sul, estando o núcleo permanente galego no vale do Baixo Cávado, ou seja em Braga.
    Por estas razões aqui apontadas, que são sem dúvidas simplistas mas dão o mote de uma historiografia de certa maneira fracturante com as 3 oficialistas mencionadas, deverão na minha opinião ser encetados os estudos sérios da história galega. Sem falsas fronteiras geo-politicas nem poeiras nacionalistas. Mas sobretudo realçar os núcleos fundamentais da identidade galega, nas populações e nas terras fundiárias pré-existentes que perduraram na passagem dos acontecimentos. Nas paróquias, dioceses e arquidioceses que ainda hoje persistem micro e toponomicamente intactas.
    Com respeito aos Reinos da Galécia, Galiza ou Galicia, sob o aspecto régio é um facto que existiram em momentos maioritariamente severos e convulsos, mas em termos eclesiasticos foram apesar de tudo mais duradouros e reivindicativos nas suas prerrogativas territoriais.
    De toda a historiografia medieval e alto medieval, apenas tivemos duas ocasiões onde se poderia falar em reino da Galiza autónomo e independente, durante o reino suevo e nomeadamente no bispado de Martinho de Dume. E decorridos 500 anos no reinado efémero e curto do Garcia I de Ascendência Navarra (e não erradamente II) porque o seu antecessor era Asturo-Leonês de ascendência Visigotica-Toledana.
    Tudo leva a crer que de todos os momentos dinásticos Asturo-Leoneses-Visigóticos da “reconquista”, apenas com Garcia (da Galiza por herança do Pai) se vislumbrou uma verdadeira restauração da velha Galécia centrada na sua capital histórica bracarense aliada pela primeira vez à sua genética eclesiástica primaz de todas as Hespanhas.
    Neste contexto, a manobra de diversão do “dividir para reinar” pela constituição do condado Portucalense (com sede histórica no Porto e não erradamente como certos autores apontavam,em Guimarães), arredado de Braga na sua centralidade e do resto da Galiza tudense, lucense e auriense foi a jogada premeditada “de mestre” dos reis asturo-leoneses-visigóticos-toledanos na aniquilação definitiva da velha Galécia do Norte Atlântico até Coimbra e do Mar Ocidental ao rio Eo.
    Porque o objectivo dos magnatas era e sempre foi uma magna Espanha centrada em Toledo.
    Ainda hoje está bem vivo esse espírito como se vê nos telediários.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *