Carlos Callón: “A pesar de todo, o nivel de compromiso social co galego é moi alto”
César Lorenzo Gil.
Carlos Manuel Callón Torres (Ribeira, 1978) deixou o 26 de abril a presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística logo de 12 anos. Nesta entrevista coñecemos as súas arelas para o futuro: filólogo, historiador e moi pronto tamén poeta.
Tras máis dunha década, pasa vostede á “vida civil”. Seguro que arestora é o momento de avanzar naqueles proxectos que tiña aparcados por falta de tempo.
Teño varias “carpetiñas” con proxectos futuros que en efecto agora ocuparán máis do meu tempo. Estou a preparar a tese doutoral, que aprofunda no estudo da homosexualidade na Idade Media, na liña do libro Amigos e sodomitas (premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011, editado por Sotelo Blanco), con máis documentación e novos enfoques. Xa no mes de xuño publico o meu primeiro poemario, da man de Xerais, aínda que xa adianto que seguramente non haxa máis traballos literarios meus no futuro. Si que me apetece continuar coa liña de ensaios, xa non só sobre lingua, que tamén, senón ao redor doutros temas que me interesan. Agora quero centrarme naquelas cousas que me satisfán, que me apetecen.
Pensou en dedicarse á política de maneira orgánica, logo destes anos na primeira liña da política lingüística?
Seguirei no traballo de base da Mesa e por suposto continuarei a defender o ideario nacionalista galego. Pero non quero optar a ningunha responsabilidade nin partidaria nin pública.
Xa liberado das esixencias do seu cargo na Mesa, como ve a situación do galego. Dá a sensación de que en Galicia vivimos dúas crises paralelas: a económica e a lingüística, que se cruzaron no nivel empresarial, por exemplo no peche de varias empresas baseadas na defensa e difusión do idioma. Unha crise influíu na outra ou serviu de escusa a situación económica para atacar o galego?
Hai que unir os dous elementos: a profunda recesión que vive o Estado español e, en especial, Galicia, cun proceso de desprotección política da lingua. As primeiras medidas de Alberte Núñez Feixoo en contra do galego xustificáronse na necesidade de aforrar. O noso idioma sufriu decisións políticas que non sufriron outras comunidades tamén en crise, tanto Euskadi como, especialmente, Catalunya, onde se fixeron recortes e non por iso se deixou de apoiar o catalán. E esta decisión foi aínda máis grave porque o status do galego non é o mesmo ca o do éuscaro e o catalán. O seu nivel de protección era moito máis baixo e estas políticas foron moi devastadoras. Ademais, nós contamos coa desvantaxe do noso nivel de renda. Aquelas capas concienciadas e comprometidas coa defensa da normalización non teñen recursos sobrantes para investilos en iniciativas culturais ou sociais a prol do galego. En Euskadi poden erguer iniciativas a base de contribucións particulares de 3.000 euros. Aquí ese modelo é inviable. O peto non dá para tanto.
Aínda así, non son os galegos menos activos no apoio persoal aos proxectos de defensa da cultura propia?
Non estou de acordo. A nosa renda é moito menor ca noutros lugares. Se aplicásemos a lóxica económica, o certo é que o galego xa tería deixado de existir. E en troques, existe e mantéñense en pé e nacen novas iniciativas ao redor do idioma. A nosa eiva non é a sociedade civil senón a protección das Administracións. Desafortunadamente desaproveitouse a autonomía para garantir a protección da lingua. Agás nos tempos do bipartito, as empresas que se encargaron de dignificar e fomentar o galego non recibiron as axudas que por lei lles correspondían. A Mesa tivo que reclamar o diñeiro que lle correspondía e aínda así acabou cobrando unha cantidade irrisoria. Todo o mundo sabe que A Nosa Terra non percibía o que por dereito lle correspondía segundo a propia lexislación sobre o uso do galego na prensa. A Fundación Camilo José Cela, que se encarga unicamente de conservar o legado dun escritor en español, recibe da Xunta 45 veces máis que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, que reúne o colectivo profesional da Literatura.
Na sociedade existe un tópico paradoxal: critícase que a lingua acabe sendo patrimonio do nacionalismo galego mais ao mesmo tempo só os partidos galeguistas apoian decididamente a normalización.
Recordo que cando Queremos Galego convocou a primeira manifestación en contra da política lingüística do Goberno Feixoo, no 2009, o presidente acusounos de “apropiarnos do galego”. É o contrario, queremos que el, o seu goberno e o seu partido se apropien da lingua de Galicia, que a defendan e a protexan. Só co amparo das Administracións se pode avanzar. Mais non podemos escudarnos en que a Xunta non fai nada a prol da lingua. Existen administracións nas mans doutras siglas que non están a facer todo o que poderían polo galego.
De todos os xeitos, se atendemos aos procesos que xa se deron de revitalización de idiomas minorizados, sempre os avances se acompañaron dun aumento da soberanía propia. Canta maior soberanía, maior respecto pola lingua propia. Fixémonos en Catalunya: o nacionalismo é forte e arrastra a toda a sociedade na defensa do catalán. Incluso un inimigo desa lingua como o líder de Ciutadans, ten o seu nome en catalán (Albert Rivera) e púxolle o nome ao seu partido nesa lingua.
Hoxe en día, na vida cotiá, aínda segue a falarse de que durante o bipartito houbo imposición do galego. Como un argumento tan falaz e superficial conseguiu pervivir no tempo?
Foi un mito que o PP usou para facer oposición contra Emilio Pérez Touriño e que incluso atinxiu o propio Touriño. Foi patético como chegou a unirse a esa mentira coa que os seus adversarios políticos o atacaban para desgastalo. A principal causa do éxito desa farsa foi que o propio bipartito tivo erros importantes na pedagoxía e comunicación do novo modelo lingüístico na educación. A Mesa advertiu de que cumpría explicarlle á sociedade en que consistía o decreto polo que por lei se lograba que o galego ocupase o 50% das horas lectivas. O PP (que primeiro votou a favor e logo se opuxo por táctica) tomou o tema como cabalo de batalla electoral, a Xunta negouse a defender a súa propia decisión e a sociedade civil ficou soa na súa defensa.
Na relación co galego, o PP galego mudou moito. Nestes días o ex conselleiro popular Vítor Vázquez Portomeñe reivindicou o seu papel como impulsor da Lei de Normalización Lingüística do 1983. Posteriormente, nos derradeiros anos de mandato de Manuel Fraga quíxose ampliar a protección da lingua cun plan ben ambicioso que incluía avances concretos coma o fomento dun xornal deportivo en galego. Que mudou no partido para pasar da indiferenza á belixerancia?
Primeiro, que o “birrete” derrotou a “boina”; as figuras máis “autóctonas” do PPdeG perderon o poder interno. E logo que a FAES dirixe unha ofensiva estatal contra as linguas propias. En Galicia escolleron a vía de fortalecer organizacións ultraminoritarias, herdeiras daquelas anecdóticas AGLI e Mesa por la Libertad Lingüística que intentaran sen éxito abrírense paso na década do 1990. Galicia Bilingüe é un colectivo dirixido por un matrimonio que de repente conta con un millón de euros para actividades. Pagou anuncios nos principais xornais, convocou manifestacións. Da noite para mañá era un lobby. Ese modelo vémolo funcionando tamén nas Balears, onde José Ramón Bauzá usa os mesmos argumentos ca Feixoo; nin sequera os adapta a aquela realidade.
Agora que fala das Balears, nesa comunidade o mundo do ensino mantivo en xaque moito tempo o govern. En todo o Estado sóubose que defendían, por riba dos intereses laborais, a dignidade da lingua propia. En Galicia non se conseguiu o mesmo eco, non si?
Coido que pasou todo o contrario. As organizacións baleares viñeron a Galicia a aprenderen dos nosos métodos de mobilización. A meirande folga do ensino galego non tivo unha orixe laboral ou económica senón a repulsa contra o Decreto contra o Galego. O que ocorre é que non se pode manter a tensión no alto o tempo todo. Pero eu son optimista nese nivel. O próximo 17 de maio organizaranse oito manifestacións e Queremos Galego está traballando en estudos moi rigorosos sobre a situación do idioma no ensino, por exemplo na educación infantil. Cando se publiquen eses datos van ser moi reveladores. O certo é que o PP está desexando que decaia o apoio popular ás mobilizacións a prol do idioma mais de momento non o está a conseguir. E iso que utiliza todos os medios do Estado para desmobilizar.
Estase a referir ás multas que lles chegaron aos participantes da manifestacións do 17 de maio do 2013. Tamén están a aumentar outras medidas represivas máis sutís como inspeccións de Facenda a quen sexa activo na protesta…
O Estado tira da lista de sospeitos habituais. Por exemplo, na xustificación desas multas utiliza unhas pintadas idénticas para criminalizar os movementos feminista, nacionalista ou ecoloxista, por exemplo. Se aparece unha pintada que di “O turismo é colonización” ou outra que poña “Aborto libre e gratuíto”, para o Estado a inspiración desas mensaxes é dos defensores da lingua galega.
No fondo o que se procura é desacreditar o movemento a prol do galego. Quixeron relacionalo con movementos radicais e violentos. Chegaron a dicir que os membros da Mesa iamos ameazando con bates de béisbol aos comercios que tiñan os rótulos en castelán. E a resposta debe ser o compromiso dos que estamos a favor da lingua, que os que a defendemos e podemos facer cousas por ela non decaiamos no entusiamo.
Como lle afectou ao movemento a división do nacionalismo?
Houbo certo enfriamento nalgunhas relacións persoais pero no caso concreto da Mesa non houbo ningunha outra consecuencia negativa. Temos socios de todos os partidos, incluído o PP. Ademais, a relación coas outras organizacións que naceron para defender o galego é de completa fraternidade.
“O antídoto ao preconcepto contra o galego é a naturalidade”
Vostede é un dos maiores divulgadores editoriais da lingua, con títulos como En castellano no hay problema, Como defenderes os teus dereitos lingüísticos ou Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, todos eles publicados por Xerais. Non é común que os lingüistas aposten por estes formatos populares. Lévase máis o ensaio académico. A escolla deste formato ten a ver co seu papel na Mesa?
Non. De feito, algúns deses volumes estaban máis ou menos redactados antes de que eu chegase á presidencia da Mesa. Esa maneira de comunicarme forma parte do meu concepto de relación cos demais. Prefiro esa linguaxe que estoutra na que estou agora mergullado por causa da tese, con tanto apoio documental. Eses formatos permitíronme unha relación cos lectores directa e moi enriquecedora. É moi importante para min que haxa lectores que me digan que grazas a eses títulos decidiron converterse en galegofalantes habituais ou outros que utilizan os meus textos para reivindicarlle á súa compañía que lle redacte o contrato do seguro da moto en galego.
Na vida diaria decatámonos do difícil que é vivir ao 100% en galego. Temos o caso dese bolseiro que perdeu a axuda por presentar un documento no noso idioma ou as dificultades de que a túa compañía telefónica (incluso R) che permitan facer todos os trámites en galego… Dá a sensación de que os individuos teñen demasiada responsabilidades na defensa do idioma e moitos acaban cansos. Cal é a mellor estratexia para defendermos o noso idioma?
O principal é non queimarse. Hai batallas que non se poden gañar, debemos ser conscientes diso ao tempo que debemos pelexar todas as batallas. Porque incluso aquelas que están perdidas poden servir para que no futuro as cousas cambien. Se R sabe que os seus clientes están disconformes con ese trámite que han facer obrigatoriamente en castelán, seguro que buscarán o xeito de corrixilo, polo seu propio interese. Iso ocorre en moitos outros casos. Non debemos caer na frustración. É preferible ceder nalgunhas cousas e conservar as forzas para tentar lograr outras. Se actuamos con naturalidade, os demais, polo xeral, reaccionan ben. Co idioma hai un preconcepto e o antídoto é a normalidade. Por exemplo, hai anos, cando en Bertamiráns (concello de Ames) empezaron a traballar dúas mulleres taxistas houbo clientes que se subían ao coche e ao velas, marchaban botando xuramentos. Hoxe en día sería ridículo queixarse porque te leva unha taxista, verdade? Pois co galego ocorre o mesmo. A meirande parte da xente non te etiqueta por usares o galego nin pensa que escolles esa lingua, por exemplo na actividade comercial, só para dirixirte ao público galegofalente. Ben ao contrario, hai varios estudos que demostran que a sociedade identifica uso do galego con proximidade e innovación.
Vostede é adoito crítico co labor da Real Academia Galega (RAG). Ás veces dá a sensación de que non está conforme coa norma ortográfica de consenso do 2002.
Ao contrario, é a RAG a que se opón a ese consenso. O propio presidente da entidade, Xesús Alonso Montero, fai pública proclamación da súa “insubmisión”. Aquel consenso non se baseou na escolla de dúas ou tres formas senón que procuraba unha filosofía de fondo, no léxico e no ortográfico, que recuperase os elos do galego-portugués.
Ese non é o único tema que lle critica á RAG, non si?
A RAG aínda non fixo un relatorio sobre a LOMCE. Até o Fútbol Club Barcelona fixo unha declaración pública contra a nova lei do Ensino! Eu aspiro a ter unha Academia que estea á altura do país, que non se preste a xogos como o de debater publicamente se pulpo pode considerarse unha palabra galega.
Vostede publicou Amigos e sodomitas, un traballo de ampla repercusión mundial sobre a homosexualidade na Idade Media, que se inscribe na liña de revisión sobre a nosa historia medieval. Mais até agora ese cambio de óptica estase dando máis na historia política que na social, non si?
Hai investigadores que están a traballar na liña social. Por poñer dous casos: Carlos Lixó dedícase ao estudo das minorías e Miguel García Fernández ao papel das mulleres na vida cotiá. O seu contributo é moi importante e seguro que no futuro veremos máis exemplos. Non é fácil o labor nesa época porque por unha banda mantense o clixé que fala da Idade Media como unha época escura e, polo tanto, sen nada interesante que ofrecer, e pola outra a gran precariedade na revelación da documentación da época. Hai moitísimo por descubrir e estudar sobre esa etapa da historia de Galicia.
Que está a ler arestora?
A segunda lingua (Arte de trobar), de Yolanda Castaño. Paréceme unha das nosas mellores poetas, alén dunha excelente comunicadora.
2 thoughts on “Carlos Callón: “A pesar de todo, o nivel de compromiso social co galego é moi alto””