BiosBardia

O país dos libros en galego

Carlos Vega: “En ‘O lamento da hidra’ quero anotar as preguntas que fai o protagonista e burlar as respostas que cre atopar”

Carlos Vega.

Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Carlos Vega

Carlos Vega, ou O Príncipe Invisible, naceu no 1997, a 30 días de que acabase o verán. Fai o que pode por rematar os seus contos de medo, que se abriron paso nun puñado de antoloxías autopublicadas, ente eles Aldea, Doméstico, Os Contos  Dislocados, Os textos Amados e en volumes de varios autores. Ninguén sabe como, apareceu en revistas como Contos  Estraños, Revista Mordedor ou Círculo de  Lovecraft. Participou en  magazines como Grimorio  Novum, Guisomo Eu, Barullo  na rede ou A que  cheira papá? e tamén participou en varios Torneos de Duelistas nos que chegou a ocupar o segundo posto. Campión da I Copa
Biosbardia de relatos, foi derrotado como finalista en concursos como Contos  Arrepiantes, Ligas  Maruxairas, onde quedou en terceiro posto, Concurso de  microrrelatos  Aliteraclara, de  Contos de Terror Biblioteca Ánxel Casal ou Certame de  Microrrelatos  Tórculo.

Para o Torneo Aira de Novelas, Vega preparou un proxecto titulado O lamento da hidra. Así fala del:

“Sobre a trama non poido adiantar moito. Nin eu teño claro onde ir a parar. Si sei que quero facer un estudo de personaxe. Pretendo retratar as peripecias dun individuo, por suposto adolescente, pechado en si mesmo. Anotar as preguntas que el mesmo se fai e burlar as respostas que cre atopar. Un exercicio de taxidermia, onde poder estirar sobre a mesa a pel do animal e comprenderlle o sentido de todas as pezas que o compoñen”.

O autor explica as súas coordenadas literarias:

“Nas novelas, as personaxes que máis me chaman a atención sempre son as grandes perdedoras: as infelices que vagan de principio a fin do libro, buscando o seu propio xeito. No meu caso, a miña personaxe perdida é unha de moitas cabezas que levo tempo observando e quero retratar”. 

Para Vega, o torneo ten un obxectivo moi concreto:

“Vexo o torneo como unha valiosa oportunidade de aprender sobre o oficio. Non sendo capaz de escribir moito máis ca un relato longo, agardo atopar na competición a constancia para desenvolver un proxecto de máis extensión. Cos comentarios e lecturas dos compañeiros tamén espero poder entender máis acerca dos mecanismos e ferramentas que axudan o novelista”. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *