BiosBardia

O país dos libros en galego

Carmen Martín Gaite crítica literaria

Carmen Martín Gaite.

Xesús González Gómez.

Paseando polo barrio de Les Corts entro na Biblioteca Montserrat Abelló e collo, entre outros, un libro de Carmen Martín Gaite: Tirando del hilo (artículos 1949-2000), publicado no 2006 por Ediciones Siruela en edición de José Teruel. Cólloo porque no libro se recollen todas as recensións que fixo a autora de Retahilas no suplemento literario do fenecido xornal madrileño Diario 16. Neste xornal colaborou dende o 18 de novembro de 1976 até o 26 de maio de 1980, cando o abandona en solidariedade co destituído director do xornal: Miguel Ángel Aguilar. O libro, porén, non só recolle as súas colaboracións neste xornal madrileño e durante os anos mencionados, senón, como se avisa no «subtítulo», artigos que van dende 1949 ao 2000; artigos publicados en diferentes xornais e revistas, dende Medicamenta a Triunfo, a pasar polo xornal Informaciones, a revista Cuadernos Hispanoamericanos, El País e El Mundo, entre outros medios.

Non imos facer unha recensión deste volume de máis de 500 páxinas, senón que nos imos centrar nas recensións de libros que realizou a nosa autora para o devandito xornal madrileño. E centrarémonos nelas porque, ao meu modo de ver, son modélicas, irónicas ás veces, informativas e, sobre todo, emite opinións «contundentes», á marxe do mundo e da vida literaria e, sobre todo, da propaganda, aínda que ás veces, como se sinalará, non se estea de acordo con ela, coas súas opinións sobre un autor ou sobre un libro determinado.

José Teruel, no seu informativo e documentado limiar, reproduce uns parágrafos dun artigo de Silvestre Codac, «Lunes ya no es lunes», publicado no número 907 (12-18 de xuño de 1980) da revista Triunfo a respecto do «abandono» de Martín Gaite da súa colaboración no xornal madrileño: «España ha perdido una de las mejores críticas literarias que se ha merecido últimamente […] La vi un día llorar para decir que no era de este mundo, que a ella no la compraba ni la coca-cola de la edición multinacional. […]. Lo suyo es decirlo todo pareciendo que pide perdón por decirlo. Muchos de sus criticados habrán respirado tranquilos»[1]. As recensión da escritora publicábanse, seica, na edición do luns de Diario 16, e así o artigo de Codac comeza dunha maneira un pouco absurda: «Antes, uno se despertaba los lunes con el exabrupto de Carmen Martín Gaite», digo absurda porque a escritora salmantina nunca usou, nas súas recensións, do exabrupto, senón da claridade, a esixencia, a súa sabedoría literaria, e tamén, por sorte!, a súa subxectividade. Por outra parte, e ás veces fala do tema nas súas recensións: o que está a ler pódese doadamente relacionar coa súa obra. Como escribe José Teruel: «Son numerosos los ejemplos que podría señalar de la relación de contigüidad, explicitud y anticipación entre estos artículos y el proceso de composicion de su obra», por iso «he optado por la ordenación que marca el hilo del tiempo […] En el fondo, aspiro con este criterio cronológico a ofrecer al lector las relaciones entre lo que Carmen Martín Gaite leía y lo que estaba escribiendo», pero talvez isto interesa máis ao estudoso da obra da escritora do que á lectora ou lector «normal», a aquel/a a quen lles aconsellaba: «por moito que teimen os entendidos, non leades nunca unha novela que vos aburra». Polas recensións que aquí se recollen, Martín Gaite leu máis dunha que, infelizmente, a aburriu: é o imposto que debe pagar quen cada semana entrega unha recensión.

As recensións adoitan ser, en certo modo, sinxelas. A primeira condición que se impuxo, seica, é nunca explicar a trama da obra e, moito menos, o final. Outra, non axeonllarse ante os nomes consagrados. E, en xeral, explicar o que intenta, e de que modo, o/a escritor/a. Como non queremos facer unha recensión ad usum, reproduzamos algunhas das «opinións» de Martín Gaite a respecto das obras que comenta –das obras, nunca do escritor ou escritora, xa que un escritor pode dar unha mala novela hoxe e unha excelente pasado mañá, e ao revés. E unha característica xeral das súas recensións, é a última frase ou o último parágrafo. Por exemplo, a recensión de El beso de la mujer araña, de Manuel Puig, novela da que gustou acaba: «un tango bien contado».

A escritora española non se limitou a comentar libros narrativos, novelas e relatos, senón que tamén comentou libros de poesía, de ensaio, biografías ou autobiografías, libros de historia, etc. e autores españois e estranxeiros. No apartado de memorias, comenta Memoria personal, de Gerald Brenan, e di cousas moi axeitadas: «Brenan é un notábel historiador altamente dotado para as descricións, non é e, en cambio, un gran narrador. Ao libro fáltanlle paixón e fantasía e sobra flegma». Ás veces as súas explicacións son «metafóricas», con moita graza, como cando sinala que esta obra de Brenan «está ben de motor, pero regular de carreira».

Cando comenta o libro do socialista Julian Zugazagoitia (entregado a Franco pola Gestapo e fusilado), Guerra y vicisitudes de los españoles, escribe algo que aínda hoxe ten toda a validez –a recensión é de xuño de 1977–: «Porque non se trata só de enxalzar o pulso e os acertos desta narración, senón de meditar en algo máis significativo: en que só pode contar ben as cousas quen as mirou ben, é dicir, atento ao seu real devir e non á paixón partidista dende a cal se miran. Baixo ese aspecto, e non baixo o meramente literario, xa o creo que sería un síntoma tranquilizador atopar nalgún texto político dos nosos días unha prosa como a de Zugazagoitia», e é que hoxe, sabémolo todos, aos políticos lles escriben até as súas salutacións, e os escritores destes políticos son dunha calidade literaria por baixo de menos 35. Mais vaiamos aos comentarios máis «duros»:

Sobre Los nacionales, de Francisco García Pavón: «Algunhas das históricas resultan patéticas e estarrecedoras na súa propia sinxeleza. Mais dende o punto de vista literario, talvez pequen de falta de ambición, e dese mesmo encoller os ombreiros que reflicten».

Las lecciones suspendidas, de Félix de Azúa: «Las lecciones suspendidas é un novidoso exercicio literario inzado de resonancias miméticas, unha exhibición de superficial elegancia, unha proba de habilidade para fascinar os “cazatalentos”» e acaba: «como simple lectora […] como mera afeccionada ás historias ben contadas, declaro que a presente brilla pola súa ausencia e que todos os artificios e artimañas formais montados para chamar a atención cara a ela son dignos de mellor causa.// Demasiada esfinxe para tan pouco segredo». Sería curioso comparar a recensión de Martín Gaite coas recensións que das novelas de Azúa (pero quen lle dixo que era novelista?) argalla un Jordi Gracia, que, para defendelas, só se lle ocorre dicir que son «novelas intelixentes», cando as novelas son: infumables, infames, malas, mediocres, pasadeiras, boas, moi boas, excelentes, obras mestras. Iso de intelixente é, simplemente, unha parvada.

Germán Sánchez Espeso: Narciso, premio Nadal 1978: «A este tipo de monólogo [perorata insoportábel] pertence de cheo, e hipertrofiado grotescamente, o que Germán Sánchez Espeso pon en boca de Narciso, o protagonista-embigo da novela ganadora do último Nadal […] O feito de que o autor se desdobre nun personaxe prosmeiro (ou “paliza”, como se di hoxe) exímeo de recibir na súa propia carne as miñas acerbas críticas sobre a súa insoportábel pesadez […]», e remata «O resultado é un relato sincopado, atrapallado e incómodo, contra cuxas arestas o lector, tantas veces implorado, se estrela e debate procurando, en van, respiro e acomodo ao que ten dereito […]».

Luis Goytisolo, La cólera de Aquiles: «[…] El edicto de Milán, novela presuntamente escrita pola protagonista e intercalada polas boas no texto principal, ao cal rouba tres capítulos […] á parte dun pegón no conxunto, é unha novela malísima e relambida, que distrae coa inútil aparición de personaxes novos de cartón pedra e nada achega ao entendemento da alma de Matilde. Iso si, dálle a Luis Goytisolo pretexto para glosala nos capítulos seguintes e lucir os seus saberes estruturalistas elaborando unha teoría sobre a operación de ler como acto creativo. E o lector séntese estraño, esquecido e estafado».

Eduardo Mendoza, El misterio de la cripta embrujada: «Os grandes mentiráns de todos os tempos sempre se apañaron para seren cridos, e o código de valores da literatura nunca se apoiou, por suposto, na verosimilitude obxectiva dos feitos expostos, senón na credibilidade que o narrador sexa capaz de espertar no oínte para facerllos pasar por moeda verdadeira. E dende este punto de vista tan verdade pode ser Alicia no país das marabillas como unha novela de Flaubert. El misterio de la cripta embrujada, en cambio, non pasa de ser unha broma, a ratos algo pesada.

Fernando Sánchez Dragó, Gárgoris y Habidis: «ao rematar o libro, queda un dabondo desorientado. […] acho que non é necesario falar dos derviches nin de que o campo eúscaro “se derrama en infinitas tetas sen pezóns”, nin de que o autor militou “nas falanxes fascistoides do partido comunista”. Engade que non lle importa que o chamen carca […] infórmanos a cada paso das variacións do seu brillante ego […], das súas múltiples viaxes, do seu desprezo por isto ou polo outro, dos seus asuntos de cama, incluídos os onanismos sen exaculación (dalgúns dos cales debe ser fillo este libro) […] Mais, xa digo, a min o que máis me fatiga do discurso é a linguaxe. Non tantos polas súas incoherencias ou inexactitudes como pola súa continua pretensión de ser gracioso».

Peter Handke, El miedo del portero al penalty: «Os comentaristas da obra de Peter Handke xustifican a glacial frialdade do seu estilo explicándoa como un reflexo, levado até o paroxismo, da incapacidade de relación padecida por algúns esquizofrénicos e propiciada pola desintegración dun mundo en que a afectuosidade deixou de ter cabida. Mais teño para min que a literatura é, aínda hoxe, capaz de trasuntar este mesmo panorama de relacións desencaixadas e anhelos insatisfeitos mediante procedementos menos ermos que os que Peter Handke desprega para facernos chegar a atrofia de Josef Block.// Prefiro reler O castelo, a verdade.»

Manuel Vázquez Montalbán, Los mares del sur: «Unha novela, en suma, hábil e inconsistente, que se le sen pena nin gloria e que tardara en esquecerse menos do que tardou en escribirse, pero o seu autor logrou o que quería, levar o Planeta: parabéns.»

Guillermo Cabrera Infante, La Habana para un infante difunto: «Trata, en van, Cabrera Infante de disimular o seu feroz narcisismo e o seu talante de coleccionista de mulleres co mecanismo dunha dubidosa ironía […] E a todo isto, a trapallada do texto refráctase progresivamente en parénteses entorpecedores e carentes de toda funcionalidade e multiplícase en pesadas excrecencias verbais baseadas no parecido de vocábulos como pene e pena, Vargas e vergas, urxencia e turxencia, e un etcétera tan interminábel como vacuo.// Parodiando un dos poucos chistes realmente graciosos do escritor cubano, e que aparece na páxina 482, atrévome a definir esta novela como un auténtico “coito-circuíto”.»

Italo Calvino, Si una noche un viajero: «Malia o material inxente de suxestións que esperta este libro, algo que me parece dabondo imperdoábel é que Calvino non terminase cando menos algunhas das espléndidas historias comezadas, que nos pasa por diante da cara como se lle pasa un guiso apetitoso a un famento. É unha espléndida construción suicida que acaba devorándose a si mesma, ou para dicilo con frase do propio autor, “unha ponte baleira”./ Iso si, construída por un xenial enxeñeiro.»

Martín Walser, La enfermedad de Gallistl: «Un texto tan lúcido como frío e implacábel e que semella escrito co fin primordial de exaltar –coma tantos nos nosos días –a inutilidade das historias. Todo o creado corre –segundo Walser– o perigo de se tornar irreal; e se contas unha historia, “a outra persoa non te terá xa a ti fronte a ela senón que terá a historia impenetrábel”. Pode ser, pero dende logo, por este camiño, están a matar a afección.»

Claro que non todas as recensións de Martín Gaite son deste estilo. A maioría todo o contrario. A escritora salmantina saúda a aparición de Álvaro Pombo, reivindica a Juan Eduardo Zúñiga, talvez un dos mellores autores españois de relatos de 1960 para aquí, pon no seu lugar, é dicir, moi alto, a novela de M. Sánchez Ostiz La gran ilusión, saúda a novela de Juan Iturralde Días de llamas –considerada como unha das mellores sobre a guerra civil española–, reivindica a Rosalía, o Padre Feijóo, a Eça de Queiroz, a Agustina Bessa-Luís e a un longo etcétera entre o que se contan nomes como Mercé Rodoreda ou Montserrat Roig ou Rafael Dieste. Avisa dunha novela «policial» que, segundo ela, é algo máis ca iso. Novela policial que hoxe os lectores de tal xénero, que adoitan comprar e ler libracos que é mellor esquecer, nunca leran: Luces de Hollywood, de Horace McCoy, etc. Ás veces un, é dicir eu, non está de acordo con ela, pero iso é o de menos, porque as súas recensións son provocadoras de reflexión e creadoras de dúbidas que poñen en solfa as conviccións literarias do lector ou da lectora. Un exemplo, pon moi ben unha novela que a min me parece moi frouxa, Las mil noches de Hortensia Romero, de Fernando Quiñones. Outras veces, non coincido, e penso que neste caso non só eu, coa súa opinión: «Novela inzada de felices sorpresas e de apaixonantes reflexións, capaz de revivir cunha eficacia poucas veces igualada o ambiente da posguerra española. La muchacha de las bragas de oro, a despeito dalgúns descoidos e precipitacións, é, para min, con diferenza, a mellor novela de Juan Marsé, e desde logo a mellor das que até hoxe conseguiron o desprestixiado premio Planeta.» Tendo en conta que antes desta novela Marsé xa publicara Últimas tardes con Teresa e Si te dicen que caí (por non citarmos unha das súas novelas malditas, por mal lida: La oscura historia de la prima Montse), acho que o xuízo de Martín Gaite e demasiado arriscado, e que se equivoca na súa valoración.

Hai cousa de catro anos, nesta mesma web, apareceu un escrito meu titulado «Tripla ración de loanzas á literatura española», no que se daba conta das loanzas fora de control que certos críticos facían de obras das que hoxe non se lembra ninguén (nin eles mesmos). Ás veces Martin Gaite cae na loanza máis ou menos gratuíta de obras que hoxe non son nada, e non vou dicir títulos, mais ler as súas recensións resulta, ao final, unha operación de hixiene moral e… literaria.


[1] Digamos, e non queremos facer de zoilos, que José Teruel incorre nun erro absurdo, dando por numeración da revista o 47,cando 47 é o número da páxina en que aparece o artigo de Silvestre Codac.

One thought on “Carmen Martín Gaite crítica literaria

  1. Moi interesante.
    Martín Gaite foi a que descubriu a Chirbes, é dicir a que lle recomendou a Herralde a publicación do seu primeiro libro. Sen ela, Chirbes quizais tería moitas máis dificultades para publicar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *