Carne picada. Capítulo 2
Adrián Bokas.
A RODA
25 de outubro de 2025
Xa chego tarde de novo, esta semana traballo de mañá e son incapaz de chegar cedo á fábrica. Ao entrar polo portón vexo agardando a Camilo, o xefe da planta, mirándome coma se lle debese cartos. Apóiase na parede e comeza a mastigar nun bolígrafo como se ese anaco de plástico fose o meu pescozo. Tira ao chan o Bic mais o pequeno cartafol que tiña debaixo do brazo e achégase a min rápido, violento, con gran zancada. A súa respiración simula a dun Miura e parece estar ben cabreado.
—Outra vez, Cibrán?! Hai quince minutos que tiñas que estar no teu posto! A este paso ocupamos a túa praza cun incons. Despois que veñan desde o Goberno a tocarme o carallo…!! —grítame o moi animal a dez centímetros da miña cara.
—Síntoo, Camilo, había moitísimo atasco e o bus non daba avanzado —explico mirando o chan.
—A min non me contes películas. Todos os días a mesma gaita; se non es ti é Antonio… Xa está ben!
—Joder, a min non me metas, que hai tempo que estou sempre á miña hora, eh? —replica Antonio desde a fresadora.
—Veña, vístete! Hoxe tócache a cortadora, a ver se así espiles! —remata Camilo sinalando a máquina.
Merda… a puta cortadora. Eu son soldador e a empresa contratoume para ese posto, pero como o cabrón de Camilo sabe que odio estar con esa máquina, cada vez que chego tarde mándame para aí… maldito fillo da puta. Esa cortadora ten máis anos que Matusalem, e non ten ningunha medida de seguridade. So mirala dáme arrepíos. Poño o casco, as gafas e os guantes de malla de aceiro e premo o botón de acendido. A folla comeza a xirar a gran velocidade, collo a primeira prancha de metal e empezo a cortala polo debuxo. A coitela entra en contacto coa prancha e as chispas saltan como fuxindo do lugar. Oxalá puidese fuxir eu tamén… o ruído é enxordecedor e inda por riba esquecín os tapóns para os oídos. Os meus dedos pasan a milímetros… sei que un mínimo despiste faría da miña man un anaco de carne tirado no chan. Intento sacar esas imaxes da miña cabeza e centrarme no choio. Collo a segunda prancha e fago a mesma tarefa.
Aí vai a terceira.
A cuarta.
Imos coa quinta.
A sexta.
Son un número, joder, un puto número… levo tropecentos anos traballando na fábrica, e non fun capaz de avanzar na miña vida laboral máis que para unir e separar metais. De cativo a miña nai cría que tiña diante de si un neno intelixente, que se convertería nun enxeñeiro ou nun médico de prestixio, pero a realidade e que ao morrer ela naquel incendio aos meus 17 anos, deixeime ir cara ao mundo da noite, da carallada, do alcohol e da cocaína. As noites pasaron a ser máis longas ca os días e con algo máis de 20 anos o meu pai, que estaba a punto de se xubilar, falou cos seus xefes para meterme na fábrica e cubrir o posto que ía deixar libre e ver se así me centraba. Entrei encantado, pensando que ía ser algo pasaxeiro, pero foron pasando os anos sen decatarme e aquí me atopo, no mesmo sitio que onte, antonte e mais o día anterior…
Sétima prancha.
Oitava.
Estou ata o carallo de vir aquí todos os putos días, joder. Aguantar a Camilo, a Antonio e a todos estes pallasos que me amolan de forma case profesional. Ás veces danme ganas de coller os tarecos e marchar para non volver… pero fáltanme collóns para iso. Como me financiaría estes dous anos que me quedan de consciencia?
Novena.
Por fin soa a campá de ir tomar o bocata. Deixo todo no chan e doume présa en chegar á sala de descanso. Somos moitos na planta, así que nos apresuramos todos a intentar coller unha cadeira. Desde fóra pode parecer unha idiotez, pero estar doce horas de pé diante dunha máquina obriga a descansar as pernas de cando en vez. Hai uns sete anos que legalizaron a utilización dos incons nos ámbitos laborais, así que aos que estamos aínda conscientes non nos quedaron máis hostias que rebaixar os nosos dereitos se queriamos competir dalgunha forma cos incons. Antes traballabamos oito horas e o soldo non estaba nada mal. Os transformados mandábanos a Cremación e listo, pero agora cambiou o conto… Como competir cun ente que pode traballar vinte e catro horas sen descanso, que non é consciente, pero que por pura inercia pode facer o traballo que estivo facendo nos últimos anos de consciencia? Cando aprobaron a reforma lexislativa, as rúas enchéronse de manifestacións, pero os grandes empresarios aforraban unha morea de cartos en persoal, e aumentaban a produción, así que pouco se podía facer.
Chego á sala o primeiro e collo unha cadeira que está ao final da habitación. Alí sento e vexo a Antonio entrar pola porta, coa respiración acelerada polo esforzo de subir rápido as escaleiras. Está gordo coma un pipote. Sempre foi un tipo bastante atlético, pero hai un par de anos deixouno a muller e o único que fai é traballar, durmir e comer.
—Antonio, cada día está máis fodido subir as escaleiras ou que? —búrlome de forma amigable.
—Cala, cabronazo, pésame o cu, hostia, pero xa me dá igual. Teño unhas ganas de que remate isto que non vexo a hora.
—Ben, tío… tranquilo, quédanche un par de meses, non?
—Si, xa é a única forma que teño de deixar esta merda —responde rendido.
Quito o papel de prata que envolve o meu bocata de atún e cebola e pégolle a primeira dentada, como se houbese quince días que non probo bocado. A cebola está ben picante e iso gústame. Aperto o pan e o aceite de oliva enzoufa as miñas mans.
—Vaia porcallada de bocata, macho… —dime Antonio con cara de noxo.
—Mellor, así non teño a tentación de compartilo nin contigo nin con ninguén —contéstolle con sorna.
Seguen entrando compañeiros na sala de descanso ata que queda a estancia coma se fose un bar o sábado ás 3 da mañá. Fóra só quedan os incons, traballando coma putos autómatas. Sei que vou ser un deles… pero ás veces danme noxo. A adquisición dos incons por parte das empresas fodeu o mercado laboral para os que non temos máis que os estudos primarios.
A través da xanela da sala vexo pasar a Jana, unha das enxeñeiras da empresa. Ten o pelo longo e negro como a noite. É delgada e algo máis baixa ca min. Sempre viste esas saias longas vaqueiras cuns tacóns que resaltan as súas cadeiras. A camisa branca de hoxe deixa ver a través un suxeitador negro que fai activar os meus instintos máis animais. Jana é un pouco máis nova ca min e gústame desde o primeiro día que entrou na empresa. Aínda así, imponme. Supoño que é un tanto inalcanzable para un proletario coma min… e iso ponme inda máis.
—A ver, paspán…!, vaslle dicir algo algún día ou non? —pregúntame rindo Antonio.
—Non, ho, tío… estou ben como estou… non quero complicarme a vida —explícolle.
—Coma se tiveses algunha oportunidade con ela! —estámpame.
Algúns compañeiros que están ao redor escarállanse co comentario de Antonio, pero a min non me fai nin puta graza… así que calo e sigo comendo o meu bocata. Xa hai tempo que non teño parella. A última vez namoreime coma un parvo e ao rematar a relación custoume máis dunha visita ao psicólogo recuperarme. Sempre penso que a sensación de perda é algo co que vou convivir ata o momento en que me converta, e iso fai que unha nova relación se faga moi complicada. Ás veces coñezo alguén con que pasalo ben durante unha tempada… pero co paso das semanas, comeza o runrún, o medo a caer de novo, o medo a pasar de volta por hostia semellante e non estou disposto a tal cousa. Aínda así… a un foguete con Jana non lle torcía o fociño.
Merda… alá van os quince minutos de descanso. Apresúrome en rematar o meu xantar. Quédanme aínda outras seis horas de traballo e non temos máis descanso ata o final da xornada. Puta vida, hostia…
NON É MÁIS QUE POLÍTICA
15 de Novembro de 2025
Boas tardes e benvidos ao Xornal Diario da Cuarta Canle. Comezamos falando dos candidatos á presidencia do Goberno.
Ana Rivas, a candidata polo partido PROL, acudiu esta mañá á inauguración da conserveira Mar e Auga en Pontevedra, onde o 80% do cadro de persoal está composto por incons que traballan vinte e catro horas ao día sete días á semana. A candidata, volveuse mostrar a favor da libre explotación dos incons. Estas foron a súas palabras:
—É importante para a nosa economía que os empresarios poidan utilizar os incons da forma que eles crean conveniente a favor dos seus negocios. A sobreprodución supón a exportación do produto e así conséguese o aumento dos beneficios.
Pola contra, a súa contrincante na carreira presidencial, María López, á saída da sede do partido CASO, quixo deixar clara a súa posición oposta á utilización sen control dos incons.
—É un camiño de difícil retorno, que se achega ao uso indebido duns corpos que con anterioridade pertencían aos nosos seres queridos. Ademais, nalgún momento todos nós pasaremos a ser un incons, polo que estaría ben que teñamos en mente que é o que queremos que fagan co noso corpo unha vez cumpramos os 40 anos.
(Ráfaga do Xornal Diario)
Noutra orde de cousas, o barco pesqueiro Liberdade, con bandeira galega, foi atopado encallado onte a media noite por mor do temporal que afecta a todo o litoral atlántico do noso país. Os labores de busca de superviventes continúan nestes intres. Alí atópase o noso compañeiro Gabriel Dos Santos. Boas tardes Gabriel:
—Ola, moi boas tardes. Si, desde as 12 da noite o corpo de bombeiros mais un equipo composto por catro submarinistas, realizan a busca de superviventes ao redor dos restos do Liberdade. Estes labores non son sinxelos pola bravura do mar nesta zona da costa galega. Ata este punto achegáronse desde o primeiro momento familiares dos tripulantes, así como a Garda Civil e tres ambulancias medicalizadas.
Moitas grazas Gabriel, seguiremos informando….
vou empezar cunha proposta, que o ano non sexa o 2025 senon outro mais remoto. Non sei, o 2066 por exemplo. Non me dou situado nese 2025, paréceme que é como dicir que é mañá.
No primeiro parágrafo hai 3 comparacions seguidas referidas ó mesmo personaxe. tampouco vexo necesario falar da camisa e o suxeitador da tipa, nin das cadeiras. É demasiado explicito, no sentido de que se nota que fala cara o lector, non cara si mesmo. Ten que lle gustar a el, non a nós. E danos igual como vista se antes non describiches como vestian todos os demais cos que se cruzou. Non sabemos como ia vestido o xefe de planta. Enton, tampouco debes dicir como vai vestida ela, excepto por algun detalle necesario. E ningun mo pareceu.
“A través da xanela da sala vexo pasar a Jana, unha das enxeñeiras da empresa. Ten o pelo longo e negro. É delgada e algo máis baixa ca min e sempre viste esas saias longas vaqueiras.”
Só con dicir isto, xa sabemos que se fixou nela hoxe e que se fixa nela cada dia. Entón, cando o colega lle fala despois é todo igual de evidente pero mais sutil, porque o lector logra “deducir” o trasfondo sen que lle teñas que sacar á vista a roupa interior.
E sempre tes a opcion de volver sobre o tema mais tarde se queres facelo mais intenso. Son cousas doadas de correxir, nada grave. O capítulo está ben. O único que de verdade necesita unha interveción armada é a parte do xornal e os politicos. Quitaría de forma urxente as declaracions das 2 politicas, que non din nada novo, ó contrario, parecen un autoresumo do pouco que o lector xa sabe. Se queres que as escoitemos falar, enton ponlle algo novo que dicir, algo sorprendente para o lector, algo significativo. E se non o entendemos de todo non pasa nada. Non sei, que falen das revoltas dos colonos en Marte ou de uqe os hobbits piden o o dereito ó voto nas municipais. O que se che ocorra, pero que non qeudamos igual despois de lelas.
Grazas polo comentario Lois!
Tanto ti coma Fran tendes toda a razón respecto o ano no que sucede a trama. Utilicei un futuro próximo tan so para darlle proximidade á historia e que non existisa ningún cambio na tecnoloxía por exemplo ou no modelo político… pero si que é certo se cadra, que é preto de máis.
Nos próximos capítulos seguirei nese ano, simplemente porque é importante para a historia a cantidade de tempo transcurrido. Se agora pego un salto no próximo capitulo de… vinte anos, váiseme a estructura a tomar vento.
Pero si… tería que telo posto nun futuro máis lonxano.
Cambia o ano sen problema para o seguinte capitulo. O torneo é para iso!
Ok! bueno quedará para a seguinte entrega, que a que ven xa a teño entregada hahaha
Penso que esta é unha das dúas novelas que está a coller vantaxe no meu cerebro. Probablemente este sexa o mellor segundo capítulo da xornada cunha dosificación da información moi ben proporcionada na miña opinión. Ou non, porque o autor xa revela a natureza dos incons, que até agora é o gancho que tira da miña curiosidade para seguir a ler. Xa sabemos que, e agora toca preguntarse polo como, o cando e o por que.
O meu temor agora é que, liberando información a este ritmo, a novela poida quedar sen ganchos cos que seguir tirando da lectura. Aí Adrián vai ter que tirar de toda a súa pericia.
Estou de acordo con Lois, 2025 é o ano que vén. Está tan próximo que semella imposible un cambio tan radical da sociedade en tan pouco tempo. Se a escolla é a mantenta e o autor mantén ese ano, supoño que será por algo.
O estilo mellorou respecto ao primeiro capítulo. Hai menos diálogos intranscendentes e moitas menos frases feitas. Parabéns.
Grazas polo comentario!!
Igual que lle contesteis a Lois, tendes razón en canto a proximidade da data no que sucede a historia. Agora seguirei con ela pola importancia que ten na historia a cantidade de tempo transcurrido, pero é algo a cambiar de cara o futuro.
Polo demais… dubidei moito se soltar ou non info de máis dos incons… veremos nas próximas se foi ou non unha boa decisión.
🙂
Este capítulo despistoume un pouco. Por unha banda, segue mantendo a forza da voz narrativa en 1ª e os diálogos funcionan. Ademais, a posición desta voz narrativa ofrécese cun nivel de cabreo crecente, o que engade verosimilitude. Por outra, dános información que, por momentos, parece non conxugar ben co resto. A alusión ao incendio, por exemplo. Parece máis dunha voz en 3ª que desa 1ª que nos está a trasladar o moito que o cabrea a situación no traballo, o uso que se dá aos incons e, de paso, a súa bagaxe tráxica.
Penso que como ir trasladando a historia dos incons é un dos puntos fortes desta novela. Como dosificala e cal é a voz que a vai facendo chegar.
A parte final descolócame un pouco porque a vexo máis previsible que no primeiro capítulo. Pero supoño que esa é parte da intención do autor, polo que segue a ser unha estrutura que funciona. Interesante o punto no que remata.
Grazas polo comentario Damián!!
A alusión do incendo non é máis que un dato para darlle pasado á personaxe. Si que é certo que non entra nesa mala hostia que ten Cibrán… pero é simplemente unha lembranza que explica a vida de esmorga que leva a personaxe. De tódolos xeitos, pode ser que leves razón en que está fora do que é o texto en termos xerais.
Grazas de novo!
Parabéns, Adrián! Este capítulo tira varias liñas e permite á parte lectura picar en varios anzois e escoller cal é o que máis lle gusta.
Concordo totalmente no tema das datas, sería mellor estirarse no tempo ou xustificar con anterioridade os sucesos que nos levan a este mundo paralelo.
Vexo bastante ben os diálogos na fábrica, eu traballei en producción e loxística, e vin reflexadas algunhas conversas típicas da liña e da hora do descanso. O único que lles falta, no meu parecer, son os cortes de frase e as muletillas típicas de cada fábrica.
Agardo ver como continúa a historia. Este capítulo sube a aposta e o nivel do primeiro.
Grazas polo comentário!!
Si, para a seguinte inda non que xa a entreguei, pero para a cuarta entrega mudarei o tema das datas, inda que segundo teño estructurado, vai a haber un pequeno lío un pouco mais adiante… pero bueno, agardo que se entenda hahaha. Viñemos a xogar!!
Boas, Adrián! Os compañeiros fixeron comentarios moi constructivos. O contexto distópico mola moito e a introdución dos “incons” plantexa un dilema ético e social interesante para o lector. Con vontade de ler máis!