Carne picada. Capítulo 8
Adrián Bokas.
SEXO
21 de marzo do 2026
Tres dormitorios, un baño, un recibidor e unha cociña que habilitamos como sala de espera para os clientes. Isto é todo o que temos neste piso, que a partir de hoxe mesmo converterase nun puto picadeiro. Tanto os cuartos coma o baño e a cociña teñen unha ventá que dá a un patio interior que impide a entrada de luz nas estancias, o que obriga a ter todas as lámpadas prendidas, sexa de día ou de noite. A ventilación da vivenda é case imposible, o que fai que un cheiro a cartón mollado e a humidade se estenda por todas as esquinas e introdúcese na miña pituitaria producíndome a sensación de estar metido nun cadaleito con cociña de ferro. Onte de madrugada trouxemos os catro inconscientes que imos usar para facer o choio: dous machos e dúas femias. A loxística desta actividade é sinxela se a comparamos coas eliminacións: non hai barras nin bebida que levar todas as noites, tampouco hai unha morea de xente que controlar. O piso témolo en aluguer, o que facilita moito as cousas á hora de mantelo aberto o maior número de horas posible e sacarlle a máxima rendibilidade. Levamos unhas semanas facendo publicidade nas eliminacións e nas torturas, de que hoxe será o día da apertura e persoalmente, coido que vai ser todo un éxito. Xamais imaxinei que a nosa sociedade estivese tan incriblemente enferma.
O primeiro que fixen nada máis chegar ao piso foi meter tres dos catro incons cada un nun cuarto. A que me sobrou —queriamos ter un de reposto, polo que puidese ocorrer—, unha femia duns 50 anos, vestina e púxenlle os brazos en cruz para usala de colgadoiro. Trouxen de casa un Pioneer pequeno co que escoitaba os meus discos cando tiña vinte anos e puxen en bucle un recompilatorio de clásicos brasileiros que merquei hai anos nun mercadiño na rúa Churruca. Para ser absolutamente franco, non teño nin puta idea de como ambientar esta especie de bordel, pero agora soa Garota de Ipanema e a música consegue afastar a soidade por un momento.
—“Ah, se ela soubesse que quando ela passa, o mundo enteirinho se enche de graça, e fica mais lindo por causa do amor…” —cantaruxo mentres recollo toda a merda que xuntei e agardo polos primeiros clientes.
Son as 22:00 e hoxe foi un día ben fodido na fábrica. Teño a mesma gana de estar aquí agora mesmo que de ir a que me arrinquen unha moa, pero tanto Hiena coma Coiote e Voitre decidiron que eu me encargase polo momento desta parte do negocio. Sinceramente, preferiría ir ver unha eliminación, pero agora mesmo non teño nin voz nin voto; traballo e danme a miña parte da recadación, e a verdade que estou contento co meu papel.
Velaí chega o primeiro cliente. Descolgo o interfono. Intento imaxinarme que tipo de persoa pode querer este servizo, e iso ponme nervioso.
—Can de palleiro —murmura unha voz feminina do outro lado.
Ese é o contrasinal. Premo o botón de “open” e escoito a porta de metal abrirse escaleiras abaixo. Os pasos da persoa que está a subir escóitanse en todo o edificio, o que me obriga a controlar se algún veciño se asoma ao relanzo. Unha das ordes que me deu Hiena foi asegurarme de que a xente do edificio non soubese o que alí se está a cocer. Mentres isto sexa ilegal, unha das claves para que o negocio funcione é non estar cambiando cada tres por catro de locais, e para iso é imprescindible que os propietarios non se decaten do que temos montado na súa propiedade.
Fago pasar a muller e axúdolle a quitar o abrigo, que colgo no brazo dereito do incons. Pelo longo louro e ollos azuis grandes coma un mar. Podería dicir que é practicamente da miña estatura, delgada coma un fío e cunhas cadeiras que aceleran o meu pulso. Deixa un maletín de coiro negro no chan e, ao erguerse, móstrame un sorriso que me dá gana de cantar a Garota de Ipanema facendo palmas.
—Home, non sabía que andabas ti metido nesta historia! —dime sen deixar de sorrir—. Xa dicía eu que se che daba demasiado ben aquilo, ha, ha, ha.
Quedo calado, intentando localizar na miña mente de onde é que coñezo esta preciosidade e paréceme incrible que esquecese tal sorriso.
—Desculpa, agora mesmo non caio… —tatexo coma un papaleisón.
—Si, home si, debeu ser hai cinco ou seis meses, naquel piso en…
Merda, o puto timbre de novo.
—Perdoa, teño que abrir —cago en Diola, xusto agora—. Pasa á cociña,por favor. Coma se estiveses na túa casa.
Diríxome de novo ao interfono e fago exactamente a mesma operación. Agardo no recibidor coa porta da entrada entrecerrada. Desta vez é un home da miña idade, pouco máis alto ca min, co pelo castaño e unha barba longa desas que levaban hai uns anos os hipsters.
—Boa noite, terá que agardar aquí un anaco. Ten un cliente por diante e elixides xénero por orde de chegada —explícolle ao tipo.
—Sen problema.
Volvo xunto á rapaza rapidamente. Se me din hai catro anos que ía rematar traballando de madame, escacho coa risa.
—Ben, como ves, non teño moito tempo para pararme… fuches a primeira en chegar, así que, vaia, que elixes: macho ou femia? —Se estivésemos sós… nin incons nin hostias, ofrecíame eu para facer o choio, aínda que non sei se estou disposto a aguantar o que esta lle vai facer ao inconsciente. Ese maletín que leva non me ten boa pinta.
—Pois elixo un macho, se pode ser.
—Sen problema. Supoño que xa sabes como funciona isto: non hai normas, os límites polos ti mais ese maletín que traes, supoño —Ela bota unha risada—. Polo demais, douche esta pílula azul que lle tes que dar ao corpo. Tarda en facerlle efecto uns trinta minutos, así que dálla en canto entres no cuarto. Moitas grazas por pensares en nós para te divertir. Tes o teu incons na segunda porta da dereita.
—Estupendo, moitas grazas —Colle o maletín e érguese da cadeira. Mira cara a min e, sen deixar de sorrir, chíscame un ollo.
*
Hai xa uns vinte e cinco minutos que os dous clientes están nos cuartos. Durante este tempo aproveitei para rematar de limpar a cociña e o recibidor, e para poñer a quentar uns fideos chineses que collín no súper antes de vir para aquí. Encántame a comida étnica. De cando en vez fago na casa tajin: unha especie de caldeirada de polo ou cordeiro que se cociña nunha pequena pota de barro. Coido que se fai moito en Marrocos. Sempre tiven a ilusión de viaxar a esa zona do mundo, pero o miserento soldo da fábrica non dá nin para moverse da provincia, así que, cando teño un pouco de tempo, fago na casa comida típica doutros países e intento pensar que é así como sabe e ole o país en cuestión.
De súpeto comezo a escoitar xemidos, ruídos guturais e algún que outro golpe que saen de dentro dos cuartos, e síntome coma se estivese violando a intimidade dos clientes, así que pecho a porta da cociña e subo o volume do Pioneer.
Oaria riaio, obá obá obá
Mas que nada
sai da minha frente que eu quero passar
pois o samba está animado
o que eu quero é sambar…
PUNTO E Á PARTE
19 de abril do 2026. 10:00
Presentadora:
Bos días e benvidos ao Xornal Diario da cuarta canle, neste especial Eleccións, onde seguiremos a xornada minuto a minuto destes importantísimos comicios onde o PROL de Ana Rivas e o CASO de María López xogan a presidencia deste país. Os dous partidos, tras unha campaña electoral que os levou a viaxar pola meirande parte da nosa xeografía, chegan ao día de hoxe, segundo as enquisas de intención de voto, case empatados, polo que viviremos unha xornada trepidante neste final da carreira pola presidencia. Acompañarannos neste especial dous importantes analistas: Jairo Davila e Alexandre Carballal. Comezamos por Jairo, cóntanos, como ves os nosos políticos? Que cres que sucederá no día de hoxe?
Jairo Davila:
Ola, moi bo día. Ben, como dixeches antes, chegan ao día de hoxe practicamente cun empate técnico. Vai ser unha xornada electoral ben longa, onde este país sairá a decidir non só a persoa que nos vai representar politicamente durante os próximos catro anos, senón que elixirá a tendencia social e económica do futuro co importantísimo punto da libre utilización dos incons como case única base. A cousa está moi apertada e, a verdade, non me atrevo a facer unha previsión. Veremos que ocorre…
Presentadora:
Alexandre, cóntanos ti? Móllaste ti a prognosticar algún resultado?
Alexandre Carballal:
Ha, ha, ha, non, non!! Bos días antes de nada. Ben, a verdade é que sabiamos da bipolaridade destes comicios. Chegamos ao día de hoxe coas cousas tan apertadas que é imposible aventurarse. O que está clarísimo é que os cidadáns terán que tomar a decisión hoxe, de qué son os incons para eles e cal é o uso que lles queremos dar de aquí en diante. Penso, de verdade, que esta situación sociopolítica nos a leva moito máis alá da economía, ou das políticas exteriores. Estas eleccións lévannos a facer case unha reflexión filosófica sobre a vida consciente e a vida inconsciente. Qué somos e cómo queremos que se nos trate no futuro. Coido que é a primeira vez que este país afronta a nosa realidade biolóxica desde este punto de vista. Así que ben, todo está por decidir.
Presentadora:
Moitas grazas, Alexandre . Son agora mesmo as 10:15 da mañá, así que imos facer unha pequenísima pausa para a publicidade e continuamos. Non marchen!
19 de abril do 2026. 10:30
O negocio crece de forma exponencial. As festas teñen tanto éxito que en só dúas semanas vímonos na obriga de buscar tres naves máis en distintos polígonos para lle dar resposta á demanda. Cada festa ten os seus propios xuíces, que tivemos que buscar en tempo récord e nós somos os que distribuímos os incons a cada un dos eventos e, por suposto, os que recadamos a pasta. Os putos cartos; a razón única pola que estou metido neste desfase. En canto aos prostíbulos, polo momento seguimos con un. Paréceme a hostia que o sexo na nosa sociedade segue sendo un tabú pero así é, polo que esta parte do negocio vai avanzando pouquiño a pouco, aínda que nas dúas últimas semanas penso que houbo un bo incremento de clientela. Aínda así, nestes intres seguimos traballando con cinco incons femias e cinco machos, o mesmo ca o primeiro día. A vantaxe dos prostíbulos é que traballan os sete días da semana. Temos tres persoas ás que lles pagamos un pequeno soldo, que se encargan de atender os clientes e de lavar os corpos entre un servizo e outro. Todos os días, ao saír da fábrica, paso por alí para ver que todo está en orde e preguntarlle ao persoal se precisa de algo, pero a verdade é que non dá moito máis choio. O peor que pode ocorrer é que algún incons resulte estragado polo ímpeto sexual dalgún cliente. Nese caso vou á central a por outro para repoñelo.
A cantidade de diñeiro que movemos entre as entradas e as barras das festas, e os cartos que paga o loitador por participar e deixarlle que elimine o incons, ademais dos servizos nos prostíbulos, é tal que o temos que mover até o noso almacén en bolsas de plástico, desas que se usan para botar o lixo da casa.
O choio segue sendo ilegal, pero iso pode cambiar hoxe mesmo, se o PROL gaña as eleccións á presidencia do país. Por primeira vez na miña vida, o resultado electoral é algo que me preocupa. A legalización da libre utilización dos incons suporía para nós unha porta aberta á expansión definitiva do negocio e que isto que estamos gañando agora mesmo sexa nada máis ca migallas en comparación co que podemos levar. Estariamos falando de comezar a promocionar os negocios nas televisións, nas radios, nos periódicos, de estar verdadeiramente na rúa e que se fale de nós como o que somos, empresarios e non como meros traficantes de carne, que é o que parecemos.
Desde hai un mes, non se fala doutra cousa. A xente parece estar obsesionada co tema e moitos tratan o asunto coma se fosen verdadeiros expertos na materia. O impacto económico que suporía o uso libre dos incons, os movementos sociais a favor e en contra, incluso visións relixiosas e cósmicas sobre a vida consciente e inconsciente. Había tempo que o país enteiro non se paraba a falar dun tema e iso reflíctese en todas e cada unha das esquinas desta cidade.
Son as 12 da mañá e antes de ir ao colexio electoral quero ir tomar unhas garimbas con Breixo, así podemos falar tamén da eliminación de onte. Tocoume estar no prostíbulo, e quero saber como foi a festa na que estivo el. Collo o móbil e busco rápido o contacto.
Cólleme despois de sete tons. A saber que cona estaba a facer.
—Boas neno, a que andas? –
—Que hai, meu!? Espertáchesme, fillo de puta. Onte foi boa… —a súa voz parece saída dunha cova.
—Mira, hoxe haberá que ir votar, non? Que che parece se imos tomar unhas birras antes, e así cóntasme como foi a película onte?
—Por min vale. Dáme unha horiña. Aínda non sei nin como me chamo.
Son as 15:00 e atopámonos nunha terraza na praza da Constitución. Non sabería dicir cal é a temperatura á que nos atopamos, pero a verdade é que me está pegando unha solaina na cabeza que me está deixando medio parvo. Hoxe vai un día caralludo para estar tomando algo e a praza está até arriba de xente. Despois do inverno que tivemos, a peña ve dous raios de sol e sae da casa en masa, coma se o fosen prohibir.
—Outra? —pregúntolle a Breixo ensinándolle o meu vaso baleiro.
—Veña, pero desta vez comes ti a miña tapa, eh? Estou que rebento.
Levántome e diríxome á entrada do bar. Ao fondo vexo o camareiro pasándolle un pano á barra.
—Dúas máis, por favor! —bérrolle desde a porta.
—Marchando! Xa chas levo eu á mesa —dime amablemente.
Neste bar saes comido con tres cervexas: zorza, patacas bravas, croquetas, ás veces incluso mexillóns. Encántame comer na terraza, pero claro, con toda a choiva que caeu neste inverno, non houbo ocasión de estar tranquilo tomando o aire, mentres enches o bandullo a base de cervexa e fritos.
Volvo xunta Breixo. O bar que hai ao lado tivo a xenial idea de sacar uns altofalantes pequenos e poñer un pouco de música. La Bolsa, de Bersuit Vergarabat, fai vibrar o ambiente e dálle ao aire un vaivén que alegra a alma. Hai un par de rapaces que incluso se animan a botar un baileciño.
Sos, sos, sos el único rabioso que hay
Esquivando la mirada
Da envidia verte mandibulear
Terminá con la pavada
Devolvé la bolsa…”
—Ben, entón hoxe que, gañamos, non? —pregúntolle a Breixo.
—Pois a verdade é que non o teño eu moi claro. Se palma o PROL acabouse o choio dos incons, xa cho digo eu…
—Home, poderiamos seguir como até agora, non? —contéstolle con enerxía positiva.
—Non, ho, tío. Se o CASO gaña as eleccións haberá moitísimo máis control sobre os incons. Ti pensa que eses mexa-na-cama quererán volver ao de antes. A que os incons vaian directamente a Cremación, unha vez sexa a transformación. Nin sequera se poderán utilizar nas fábricas de forma controlada como se fai agora. Un atraso, vaia —Parece preocupado—. Dígocho moi en serio, como o PROL non gañe hoxe xa nos podemos esquecer da festa.
Coa morea de cartos que me están a entrar no peto ultimamente… non quero que me corten a mexada. Doulle un grolo forte á cervexa que me acaban de poñer na mesa hai apenas cinco minutos e levántome optimista.
—Pois imos aló, chato, non hai tempo que perder —Sorrío confiado—. Hai unha papeleta por meter nunha urna.
*
Non me decato do que está a ocorrer. Por mor da miña estatura, a xente que me rodea convértese nun auténtico muro que me impide mirar máis alá do que teño fronte ao meu fociño. A muller que teño á miña esquerda levanta unha pancarta, na que podo ler: NON SOMOS CARNE en letras de cor vermella, simulando sangue. Aínda non sei como cona nos metemos neste enredo. Nós subiamos tranquilos pola rúa Colón cando, á altura de Príncipe, topámonos cunha miríade de xente que corría en dirección á avenida de Urzaiz e que, en cuestión de segundos, papounos coma se fósemos un peixe pequeno no medio do Atlántico. Por sorte vou con Breixo, que me fai de periscopio e vaime informando do que ocorre alá ao fondo.
—Tío, fronte ao Marco hai unha liña de monos armados coas escopetas esas de bólas. Parece que van disparar contra a xente —explícame preocupado.
De súpeto, todo cristo comeza a correr en dirección contraria a onde Breixo me explicaba que se situaban os antidisturbios, o que nos obriga a ir á carreira a nós tamén se non queremos quedar ao descuberto. Comezan a escoitarse os tiros e o persoal que nos rodea verte todo tipo de insultos contra os axentes. Coa xente un pouco máis dispersa, podo albiscar con máis claridade o lugar e, ao levantar a vista, caio na conta da magnitude da manifestación.
—Fillos de Puta! —berra un dos manifestantes que está ao meu carón—. Non somos escravos!
Breixo mira cara a min asustado, supoño que é a primeira vez que se ve nunha destas, pero a min non me colle de novato. Hai uns seis ou sete anos, toda a industria do metal de Vigo convocara unha folga xeral coas súas correspondentes manifestacións en protesta precisamente polo inicio do uso dos inconscientes para cubrir postos de traballo e eu, daquela, fora preso por incitar á queima de mobiliario urbano. Si que cambiou o conto… agora véxome metido á forza nunha manifa en contra do uso dos incons, e o meu voto nas eleccións vai ser a favor da liberación do uso dos transformados.
A rúa comeza a encherse de fume. A policía disparou gas lacrimóxeno que nos obriga a saír de alí na procura de osíxeno. Ao fondo vexo como un pequeno número de persoas se agrupan e comezan a lanzar todo tipo de obxectos contra os gardas. Botellas de cervexa, pedras, incluso as cadeiras do bar Ecos, ao que iamos almorzar antes de ir para a casa despois das noites de troula. Todo lles serve para intentar contraatacar.
—Sígueme, Cibrán! —obrígame Breixo colléndome do brazo.
No medio do bulicio, conseguimos fuxir cara a unha perpendicular no momento xusto no que os polis comezan a cargar contra a xente. Algúns dos manifestantes bótanse ao chan para evitar as hostias, pero a policía non ten ningún tipo de piedade e comezan a bater neles con toda a forza que lles deixan eses traxes de protección que levan. As protestas continúan rúa arriba mentres as sirenas póñenlle a banda sonora orixinal a semellante estampa. Berros, fume, sangue, lume, violencia, choiva de pedras… REVOLTA.
19 abril 2026. 22:05
Ráfaga do Xornal Diario
Presentadora:
Boas noites e grazas unha vez máis por seguir aquí con nós, neste seguimento minuto a minuto desta intensísima xornada electoral na que, co 90% dos votos escrutados, o PROL acábase de proclamar gañador destes comicios tan polémicos. Atrás queda un día no que se puideron vivir momentos tensos nas rúas dalgunhas das nosas cidades en protesta polas políticas liberais do partido de Ana Rivas. Achegámonos a Vigo, unha das cidades onde aínda agora seguen as manifestacións, nas que as forzas de seguridade tiveron que empregarse a fondo para dispersar as revoltas. Alí temos o noso compañeiro Brais Quintela. Boas noites, Brais. Que nos podes contar? Como se está a vivir este final de xornada?
Brais Quintela:
Ola, boas noites, Paula. Si, agora mesmo atopámonos na rúa de Urzaiz, epicentro deses disturbios que se prolongaron ao longo da xornada electoral, como dicías, contra as propostas do partido da candidata Ana Rivas, e que lles ocasionaron importantes danos a moitos dos negocios da zona, que se atopaban abertos ao inicio destas manifestacións, que, recordamos, non estaban autorizadas porque se solicitaron xusto o día no que o país estaba convocado ás urnas. Teño ao meu carón a Fernando, o dono desta cafetaría que está xusto detrás nosa. Cóntanos Fernando, como viviu esta xornada?
Fernando:
Pois mal, a verdade. Nós abrimos coma calquera outro domingo e montamos a terraza coma sempre e sobre as tres e media da tarde montouse rapidamente unha liorta; nin tan sequera nos deu tempo a gardar o material que moitos utilizaron de proxectil contra a policía. Ademais, as cargas continuaron na zona durante todo o día e mira como me deixaron isto. Rompéronme os cristais da entrada, as xardineiras que poñemos para delimitar a terraza… un desastre.
Brais:
Supoño que viviron no día de hoxe, momentos de medo, de preocupación, non é?
Fernando:
Si, claro, cando comezou toda a algarada pechámoslle as portas ao público e os que estabamos hoxe traballando non nos atreviamos a saír do local, polo que puidemos ver a través da cristaleira todo o que estaba a ocorrer na rúa. Houbo un momento incluso no que un grupo de policías comezaron a mallar nunha rapaza diante mesmo da nosa porta. Foron momentos moi tensos, nos que non sabes moi ben como actuar, pero vaia… mañá hai que abrir de novo, así que intentaremos arranxar canto antes os estragos.
Brais:
Moi ben, moitas grazas por atendernos e ánimo. Pois xa ves, Paula, as rúas arderon hoxe na cidade de Vigo, unha cidade, non esquezamos, cun importantísimo tecido industrial, que se verá afectado con total seguridade polo triunfo do PROL no día de hoxe e que moi probablemente experimentará nos próximos días a presenza policial nas rúas, para evitar así que se volvan repetir altercados coma os que hoxe puideron vivir os veciños do centro da cidade olívica. Sen máis, devolvemos a conexión.
Presentadora:
Moitas grazas, Brais, sempre ao pé da rúa. Momentos convulsos no noso país. Non, Jairo?
Jairo Davila:
Pois si, é evidente que o que hoxe se decidía nas urnas tratábase dun tema moito máis alá do político. Supón case algo sentimental, pero esa xente que hoxe se manifestou de forma ilegal, terá que aprender a convivir coa realidade de que as cousas non son sempre como un quere e que non todo vale á hora de amosar as reivindicacións que sexan. A partir de agora, o PROL ten catro anos de goberno, no que haberá moitas cousas que estarán ben e outras que non tan ben, pero isto é o que a maioría escolleu, e hai que respectalo.
Presentadora:
E ti, Alexandre, que é o que opinas destes altercados que ocorreron na meirande parte das cidades do país?
Alexandre Carballal:
Un ten que denunciar sempre a violencia, ese non é o camiño. Pero, por outra banda, entendo perfectamente a impotencia dunha parte da cidadanía que indiscutiblemente vai perder o seu posto de traballo a favor dos incons. É un momento estraño e cambiante para a nosa sociedade e só o tempo dirá a onde nos vai levar isto que eliximos como pobo democrático.
Presentadora:
Pois até aquí este especial Eleccións 2026. Moitas grazas aos nosos convidados Jairo Davila e Alexandre Carballal por acompañarnos ao longo da xornada, e grazas a todos os telespectadores por estaren aí sempre fieis á Cuarta Canle. Sen tempo para máis, boas noites e boa sorte.
Un bo capítulo. Sen violencia innecesaria e que fai que a lectura dos capítulos iniciais non sexa tan desaproveitada. Aínda así, sigo a pensar que a novela pode comezar no capítulo 5 sen problema. Paréceme unha boa escolla o do noticiario para evitar a exposición dos feitos por parte dun dos personaxe. A linguaxe periodística está moi lograda, incluso a diferencia entre os presentadores que se notan máis expertos e os reporteiros de campo, que adoitan estar de prácticas. O único defecto é que esta linguaxe periodística acaba por traspasarse ao dono da cafetería que utiliza palabras como proxectil e algarada.
Teríame gustado unha exploración máis profunda das prácticas sexuais, así como se fixo coas escenas violentas, pero niso parece que a novela segue o American Style. Esta novela merece ser publicada.
De novo, un capítulo interesante. O xogo co plano do noticiario funciona como recurso, sobre todo ao ser a xornada electoral. O fío narrativo segue a ter tanta potencia que é imposible non seguilo con toda a atención. Seguindo o que comenta Fran, eu tamén aceptaría ben máis detalles escabrosos, digamos. Ben das prácticas sexuais, ben doutros asuntos sobre os incons (a limpeza entre un servizo e outro, que imaxino pouco estándar e quizais difícil, ou os “desperfectos” que estes poidan sufrir, en fin…).
Con respecto a Cibrán, como lector penso que estaría ben algo máis de atención ás súas dúbidas. É un protagonista que acepta o que lle está a ocorrer, pero mostrando, de primeiras, unha actitude de sorpresa. Logo únese e, máis aínda, convértese nun máis da organización. Pero as dúbidas están aí (mesmo di que só está nisto polos cartos).
A novela abre máis posibilidades, agora xa mesmo de tipo empresarial, coa victoria do PROL. Estou desexando ver como continúa.
Estiven equivocado todo este tempo no referente ó das datas. A novela comezou no 2025 pero, como se indica neste capítulo, o fenomeno incons levaba daquela máis de 10 anos ocorrendo, enton sempre se tratou dun mundo alternativo a este, non dun posible futuro do noso propio. É un pouco confuso, asi e todo, cando un trata de conxugar ambos mundos, porque este inda ten moito do noso e o 2025 despista porque ó fin, aqui é futuro aínda.
Outro dia continuo, hoxe so viña dicir isto.
volvendo ó capitulo, e sendo directo, o meu interese na historia decaeu nas ultimas entregas. Ainda non dixerín o cambio de cibrán cara o lado escuro. Penso que unha persoa “normal” non fai cousas asi sen que se vexa vir de antes. Falar de realismo é absurdo, non pretendo apoiarme nesa palabra, simplemente como lector desta historia non me creo o que está facendo agora, sen amosar un coste psicoloxico ou uns pensamentos residuais mais fortes dos que estou lendo. A el dábanlle certa pena os incons, creo recordar. en fin, creo que teria sido mellor mostrar a sua deshumanizacion antes ou mais claramente se despois tiña que pasar por aqui sen pagar peaxe. É que ata lle da igual que sexa ilegal. Porque podia estar deshumanizado pero ser temeroso da ley, pero non sei, está como desconectado de todo, e iso non o vin ben representado anteriormente. Ata o toma con humor, sabes? no vexo un patron psicoloxico que me permita “coñecelo”.
Con respecto ós incons, en xeral, segue sendo moito peor o que pasa na nosa realidade, asi que tampouco logro ver a exclusividade desa actividade ilegal con eles. Eu dixera que a eses tipos non lles pode ir ben que se legalice a sua actividade e sigo pensando iso a pesar de que deches un par de argumentos en contra. Canto mais perigoso, mais cartos dará. Os que traficaban con alcohol na lei seca non sei eu se estaban desexando que rematase a lei. ou os que trafican con droga en paises nos que te executan por facelo. A razon humana non traballa así.
Con estes temas na cabeza non logro consolidar a historia que me presentas, é como unha jenga inversa sobre a que non podo asentar as novas pezas que me das.
Concordo con Lois no da incoherencia da actitude de Cibrán, que tan cedo aceptou o seu novo rol na vida. é menos pensando que lle queda menos dun ano de vida consciente.
Unha pregunta, como pode haber incons de 50 anos?
Bueno, na miña cabeza os incons aliméntanse e seguen físicamente ata que o corpo biológicamente morre coma o no, claro que non me parei a explicar iso. Evidentemente podo profundizar moito mais neste tipo de aspectos, ou amosar psicoloxiamente a cibran de forma mais detallada… son cousas que penso que son sinxelas de facer. Inda así a miña intención era facer unha historia de pim pam, baseándome un pouco na punk que tanto mamei… non sei pode ser que me pasara de escueto en algúns aspectos… pero nunca nada foi tan efectivo coma unha quinta nunha guitarra con distorsión hahahaha
En canto ao que comentas de que a nosa sociedade é peor… a ver intento falar da liberdade de torturar, matar e violar sen ningún tipo de sanción… é certo que o ser humano fai todo iso pero aquí pretendo amosar un mundo no que iso se fará con impunidade e que esté á man de calquera.
Penso que este cambio tan rápido no personaxe principal pode deberse a unhas presas repentinas por querer rematar a historia. Desde unha perspectiva de psicoloxía narrativa, é importante manter a coherencia e o desenvolvemento gradual dos personaxes para que os lectores poidan conectar con eles de forma máis profunda. Con todo iso, ánimo a Adri a seguir traballando para mellorar este punto. É poñerse a reescribir, a historia está ahí!!