BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Carrusel’ vs ‘Reviravolta’

Xornada 4 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Guillermo Rodicio e Érica Couto.

Carrusel

Hai algo depredador na política. A procura do seguinte posto, o prestixio esquivo, o frenesí de ser quen dá a puñalada e non quen a recibe. Artemisa sábese centro dese xogo cando se levanta do escano e sobe firme ata o estrado. Coloca os papeis e alonga a espera ata que se fai un silencio absoluto: as técnicas non por clásicas deixan de ser efectivas. Nese compás olla para o chan do hemiciclo, desde onde lle devolve a mirada a estatua nun pardal en voo, o símbolo da revolución Hadži. Torce o xesto un microsegundo: qué mostra de debilidade, un paxariño minúsculo e banal para unha nación como a súa. Comeza o discurso e proxecta a súa voz, larga e fonda, ata o último recanto do parlamento. Non agasalla a ninguén cunha mirada directa, máis saborea o ambiente. Hai rancor, un chisco de exitación, respecto, unha faragulla de medo; saben que escoitan unha líder. Chega a parte en que pensara dedicarlle unhas liñas á súa nai, falecida apenas unhas semanas antes. Algo de empatía cara ao público vénlle ben co seu perfil duro. Mais mira un segundo uns papeis e dubida. As palabras escritas polo asesor fánselle agora edulcoradas, indignas daquela gran muller. 

Crúzalle a mente un recordo da infancia. Eran os días da revolución, que outros cativos viviron con pavor, mais non Artemisa. A súa nai fora das primeiras revolucionarias e, lonxe de agocharse, sacaba a filla todos os días e cantaruxando paseaban ata a praza Općina. A nena ficaba abraiada cos lemas dos predicadores, cos grupos de estudantes facendo enormes pintadas nos edificios, mais o que a fascinaba era o carrusel. Sempre o carrusel. O aparato, ideado polos enxeñeiros Godar, ocupaba o centro da praza. Consistía nunhas cadeiras metálicas, colgadas con cadeas a un eixe central onde había debuxados motivos dos demos do sur. Cada día, ás 6.03, quince disidentes políticos eran amarrados naquelas cadeiras e o aparato comezaba a xirar. Xiraba cada vez máis rápido, ata tal punto que non se distinguían no ar máis que formas borrosas, e as cores vibrantes dos Godar parecían crear símbolos danzantes. Primeiro había berros de dor, abafados pola ira da multitude. Despois a presión nas cadeiras alcanzaba un punto crítico en que todos os ósos crebaban, as capas de epiderme, músculo e víscera cedían dunha en unha e eran atraídas pola forza centrípeta a un mecanismo de recollida que se abría de xeito intermitente no centro. Nada ficaba dos corpos. Que poderosa era a limpeza de Hadži! Artemisa lembraba nalgunha ocasión sentir un nó de culpa no peito observando o espectáculo. Mais despois miraba a súa mai, que sempre ría, ría a estómago batente cando a máquina maxicamente pulcra volvía a decelerar. Canto aprendeu daquel riso. 

Artemisa reponse e continúa co discurso preparado. Todos lle recomendaron non facer ningunha alusión ao tempo revolucionario. Mais cando xa esta próxima a rematar, deixa caer:  

Se for necesario, revisaremos unha e outra vez as nosas previsións económicas, como un carrusel, ata que…

Non a pronuncia por separado nin fai ningún énfase especial na palabra. Mais pode palpar o pánico na ollada de inimigos e aliados. Si, un carrusel e non un paxaro ten que ocupar o chan dese edificio. Hai algo depredador na política.

………………………………………………………………………

Reviravolta

Tiña a cor das mazás maduras e do gran debullado. O sol batía no metal pintado ata poñerlles lume ás sereas e estrelas de mar do teito. Era un carrusel que O Preto, agora dono do trebello, trouxera de volta das Américas.

A carón del, o velliño miraba a roda dar voltas cos ollos convertidos en dous retallos de carne. Enguedellada nas randeeiras, a rapazada desfacíase no aire cos brazos en alto e as pernas que fuxían lonxe dos corpos.

—Teñen toda a vida por diante. Quen puidera…

—Que? —faloulle a sombra do Preto.

—Quen puidera volver a aqueles tempos, cando un era novo.

—Veña á medianoite.

Cando se envellece, pouco é o que se pode escoller, se cadra a sepultura. Por iso, coa noite enriba, o ancián entrou ranqueando apoiado no bastón ata o carrusel que durmía baixo a lona verde. A última badalada arrastrou o vello dentro do trebello.

Ardeu un sol artificial. Houbo música dourada e reflexos da cor do sangue. E voltas, moitas, que partían da caluga e empurraban cara atrás o tempo maldito. O vello tocou co recordo carne mol e carne preta, sentiu puños e vergoña, falou silencios e calou verdades. E en cada xiro, as estradas enlameábanse un pouco máis e os edificios perdían pisos, había menos coches e máis árbores, menos cemento e máis herba.

Co virar do carrusel, a cidade fixérase vila.

O vello volvía estar no campo da feira dos seus anos mozos. Púxose de pé sen axuda do bastón e quixo correr, pero as pernas tiraron con el. Os tempos eran novos, só el quedara vello e eivado.

Quince días para a feira, dixéronlle. Quince días de durmir ó raso e comer esmola, sen deixar o sitio na espera de que O Preto viñese coa súa roda milagreira. E cando viñeron os ambulantes, tamén chegou o carrusel montado nun carro. Era pequeneiro, con cabaliños de madeira que se xiraban cunha manivela. Cobraba as perras e tiraba do burro un mozo con cara de vello.

 —Onde está O Preto? Ese demo negro fíxome dar voltas así, para atrás. Eu quero volver, quero ser un vello no tempo dos vellos!

O mozo dixo que non coa cabeza mentres lle indicaba que subise nun dos cabalos pintados. Axudouno a gabear e seguiu turrando do fariñeiro que era, á vez, novo e vello. Deixaron atrás o campo da feira e, sen testemuñas, o mozo accionou a manivela e as bestas de madeira trotaron cara atrás.

—Has de volver ó teu tempo no teu pelexo. Un pasiño de cada vez, con días que forman semanas e meses que afogan en anos. Hai que lles dar tempo ás uvas para que maduren antes de facer o viño. Tes que ser novo antes de chegar a vello.

Parou a roda dos cabalos e o viaxeiro que fora vello chimpou do carro. Agora tiña doce anos e un camiño doutros setenta por diante. Ó Preto íalle saír caro.

7 thoughts on “‘Carrusel’ vs ‘Reviravolta’

  1. Gústame que nesta ocasión ambos autores deron voltas á imaxe, nunca mellor dito, e sacaron dúas historias moi orixinais.

    ‘Carrusel’: Este relato paréceme temible e fascinante a un tempo, porque dentro do uso imaxinativo do carrusel, reflicte dalgún modo a realidade, eses pasados escuros que non se mencionan, pero que están aí… Quedo con ganas de saber máis dese mundo e esa personaxe, mágoa do límite de palabras.

    ‘Reviravolta’: É unha historia ben construída, que xira arredor da nostalxia e ese desexo de volver á infancia, tan habitual nos últimos anos. Moi ben traído o elemento do carrusel, tan ligado á infancia. Neste caso, porén, penso que o seu rival foi algo superior, en orixinalidade e temática.

    O meu voto vai para ‘Carrusel’.

  2. Vaia mal rollo/bo relato que se marcou aquí a xente. Creo que isto é o que pasa cando se mira de máis a imaxe. De máis en plan ben, enténdaseme. Miras e miras para ela e entón entendes que chegaran aí os dous relatos, a estirar as cordas do carrusel. Dito isto, custoume moito decidir: eu, que son unha chunga, atopo migallas corrixibles en ambos, pero tamén tanto bo que me custa poñer un por riba do outro. Ainsh.

    “Carrusel”: O comezo custoume un chisco, pero a idea está moi ben levada e todo cobra sentido ao final. O peche é redondo. O dito, mal rollo, bo relato XD

    “Reviravolta”: Estas cousas das viaxes no tempo que saen mal póñenme mal corpo, hahaha. Por iso, tamén, tenden a gustarme. Son das de “non quero mirar, pero a ver que pasa logo”, sobre todo cando o medo ou o mal rollo, vaia, é discreto e vai ao sentimento, non tanto ao visual. O peche tamén me parece xenial, aínda que a redacción me resultou confusa nalgún punto.

    Ai, que difícil. O meu voto vai para “Reviravolta”.

  3. Pois si, como din as compañeiras, aquí péganse dous titáns. Menudo duelazo. Creo que tamén vexo ese esforzo por buscarlle unha volta de máis ás imaxes, e penso que cada autor/a o deu levado cara o seu lado sen baixa ningunha.
    O principio de Carrusel está moi ben composto, sabe onde quere ir e notase dende a escolla do nome da deusa cazadora. Consigue erguer un escenario tan detallado cun so paragrafo. O instrumento de política que describe non me acabou de convencer, pero o toque macabro que lle da si. Quero ver tamén unha relación entro o frenético da caza que cita ao principio e os movementos que me imaxino coa descrición, cos disidentes abaneando a tal velocidade que se volven borrosos. Igual é que eu me monto moita película, a saber. Dende logo, é un relato moi ben armado, e que, mais lonxe de se gusta ou non a idea, flúe perfecto a onde quere chegar. Chiscoume un pouco a forma que ten a prota de deixar caer o de carrusel. Quizais outra volta de torca?
    Reviravolta é un logro en si mesmo. fai tempo lin algo sobre o mal que saen as viaxes no tempo ao metelas en calquera cousa, pero parece que o autor ou autora deulle á excepción da regra. Gustoume moito como introduce o carrusel e o concepto da viaxe, case sen mencionalo explicitamente. Gústame a mensaxe e non sei moi ben por que, pero encántame que escollese Preto como nome. En xeral, pareceume un chisco máis orixinal no enfoque da foto. Debe ser porque que rabia que non se me ocorrera a min. Creo que, co xenial do relato, pódese esixir algo máis ao final, que me semellou algo curto.
    Os dous son relatos case sen fallas e síntome inxusto por escoller a gusto persoal. Non penso que ningún perda fronte ao outro. O meu voto vai para Reviravolta.

  4. Dous bos contos.souberon os dous facer algo interesante do carrusel poñéndoono centro da historia. Do primeiro “carrusel gusotoume a crudeza da política a latexar potente. Lembroume la infancia dun lider, a película na que sae Robert Pattinson. o de darlle a volta a imaxe guai do carrusel tmén está moi ben (aínda que non entendín como se fixo para convertela nesa nova guillotina popular, o mecanismo, vaia….) Non me gustou a frase que se escolle para dar a entender o que agocha en realidade Artemisa. algo forzado tamén o intento de darlle á historia a estrutura circular. Pero bueno, son defectos que lle vexo eu que non desmerecen un relato moi ben pensado. “Reviravolta” é simpático. Pero non só se queda nunha historia simpática. Ese ir e vir no tempo sen que se poida ser novo no pasado, e o xeito de regresar ao presente está ben argallado. Hai unha parte tamén que me lembrou as esceas doutra película: da máquina do tempo: a cada xiro había menos coches e máis herba, mennos cemento e máis herba… Neste conto o que me falta un pouco máis de pararse cos personaxes. Moi difícil escoller. Voto por Reviravolta porque creo que fixo un bo traballo con tan poucas letras en facer un relato sobre unha temática sobre a que xa temos lido e visto moitas cousas

  5. Que bos relatos entre dous grandes candidatos a levar a liga desta vez. Pouco van aportar as miñas palabras, pero aí van.

    Carrusel

    Outro enorme exercicio de ambientación que me fixo abrir a pestana da Wikipedia. Os Balcáns dos séculos dezanove (revolución Hadži) e vinte e un (parlamento, previsións económicas) unidos por un fío de odio que non se sabe onde acaba. É esa mestura a que me confunde. Non sei en que época está ambientado o relato, pero igual era esa a intención, amosar a atemporalidade do odio. Parabéns.
    P.D.: Non sei porque todo o tempo lle puxen a Artemisa a cara de Kolinda Grabar-Kitarović…

    Reviravolta

    Un relato redondo (ta-dan, chisssss!) e moi ben fiado. Hai moito oficio no texto que pon toda a súa forza na marabillosa escrita lírica e o dobre truco final. Gustoume o final, porque era o que eu ía imaxinando no medio da lectura. Porén, quédanme os personaxes por desenvolver, coma se fosen secundarios no seu propio relato. Aínda así, parabéns, xa me gustaría a min escribir así.

    En caso de igualdade, eu sempre premio o risco, polo que o meu voto vai para Carrusel.

    1. Pois levou o duelo Érica, que continúa a ser a miña némese xa desde o anterior Torneo en que nos cruzaramos. Xa lle tiña moito medo a este enfrontamento e por razón, aínda que polo menos estivo axustado ao desempate hahahaha.

      Mil grazas polos comentarios, estou tamén moi de acordo cos puntos débiles que lle víchedes ao Carrusel, sobre todo na parte final, cando constrúes tensión cara un final de conto e queda fraco aí, nótase máis.
      Tamén moi ben visto a trasfondo histórico Fran! Mira que deixara referencias un pouquiño veladas pero sacaches ata a presidenta de Croacia, que me serviu de inspiración (aínda que non creo que sexa necesariamente tan dura como Artemisa hahaha). Acertaches tamén en que a idea era que quedase unha especie de Balcáns atemporais onde non se soubese que época era e puidese ser calquera, falando do odio que revive unha e outra vez.

  6. ‘Carrusel’ Chocoume bastante un relato sobre a politica moi ben estruturado e narrado, que me deixou mal corpo, no bo sentido

    ‘Reviravolta’ Un relato que tamén funciona moi ben, e sabe aproveitarse dunha historia moi machacada pero que sabe darlle seu puntiño

    Meu voto vai para Carrusel

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *