Carta a Novoneyra
Francisco Álvarez «Koki».
Dende aquel tempo:
en que empezamos a soñar,
estabas ti na poesía.
Logo con pasos pequenos,
empezamos a seguir o teu camiño.
Ti eras xa a poesía,
os recantos das cousas ditas en mil nomes.
Nos abriamos o pranto no berce xuvenil
e espertamos.
Abrimos a porta e detrás da neboa,
albiscamos O Courel, e escoitamos a túa palabra rompente.
Agora eu dende lonxe fago coma as arañas,
e tezo silandeiro unha bágoa dende os rañaceus, polo Atlántico,
até chegar a Fisterra.
Non sei como agradecerche tantas palabras
que fixeron terra, monte e mar no meu peito.
A morte non importa porque sempre queda
o son dos recunchos e a memoria faise aire
que viaxa pola terra que nos abraza.
Até entón: Amigo NOVONEYRA, falamos.