Carta a un mozo aspirante a crítico literario

César Lorenzo Gil.
Querido amigo:
Disme que te queres dedicar á crítica literaria. Non á académica, senón á xornalística, á que tanto pode aparecer na prensa coma nas redes sociais. O primeiro que se me ocorre responderche é: Para que? Que necesidade tes de meterte neste oficio non pago, vilipendiado, decadente e considerado innecesario por tantos? Non che era mellor facerte bookstagrammer? Pénsao ben: É só faceres unha foto co móbil do libro, escribires catro liñas (se caes na soberbia de redactares máis xa che adianto que case ninguén chegará ao final) e vía. Ou booktoker: É certo que neste caso algo de traballo vaiche dar. Aínda que graves un vídeo de medio minuto, non ha ser chegar e encher, que á parte de que gravarse dá traballo, logo hai que montar e usar con tino os efectos. Non deixes de lado o Facebook. Sei que para a mocidade, esa plataforma parece un asilo, cheo de vellos e fotos de primeiras comuñóns, pero conta con que é aí onde máis tempo pasan a meirande parte de autores, libreiros e editores. Que a fenda xeracional non che arrebate o quiñón máis lucido da túa posible audiencia.
Se tes fas influencer literario neste país só tes que ter en conta un detalle: Dá sempre bo tempo. Que cada libro que presentes sexa unha obra mestra, por favor. Non ocultes o teu entusiasmo, ben ao contrario, esaxérao. Nunca fixo mal afirmar que tal ou cal obra é o mellor que liches no ano, ou incluso en toda a túa vida. E iso pódelo repetir acotío. Quen é ninguén para discutirche cantos “mellores libros” podemos ler? Dálle as grazas ao escritor do libro e, se queres xa ser o xenro ideal, tamén á editorial por “traer ás librarías” tan gozoso título. Canta máis ledicia amoses, mellor che irá. Canto máis parezas un “simple lector apaixonado” e menos un analista, máis éxito. Non só gañarás “gústames” e “corazonciños”, senón que verás como, pasiño a pasiño, o teu status dentro do sistema vai mudar.
Verás: Se te defendes ben na composición fotográfica (as flores sempre visten ben) e dominas os adxectivos meliorativos, así coma sen querer, só coa paciencia da formiguiña que vai cargando fotos día a día, subirás coma a escuma no leite. Algúns editores contactarán contigo para mandarche novidades. Tamén os autores pelexarán pola túa atención e agarimo. Pronto has ter un andel de obras autografadas. Non temas se agora a túa biblioteca persoal parece cativeira e andas a rascar nos petos para poderes comprar o teu próximo libro. Os autores autoeditados irán felices a Correos con tal de ver unha foto da súa obra no teu perfil. Despois, sen te decatares, os xornais empezarán a pedirche opinión para algunha desas brillantes reportaxes sobre “os mellores libros do século” que se publican cada seis meses. Aí non sexas papiolo: Mete o teu alcume dixital con @ e todo. Toda difusión é pouca e aínda que a tal reportaxe apareza no papel, quen máis quen menos leva un móbil consigo e non lle custa nada buscarte e seguirte. Porque cantos máis seguidores teñas (sen baixar nunca o entusiasmo, recorda: na nosa literatura publícase, como mínimo, unha obra mestra cada semana) máis fácil che será entrar no rodicio dos xurados de premios, asinar columnas na prensa, recibir convites para xornadas… Que non che entre pavura se ves que te usan como “alcanfor” porque os máis dos xurados xuntan maioritariamente membros présbites. Non che van zugar a mocidade; no peor dos casos falaranche de Carlos Casares e outros escritores esquecidos.
Unha vez nesa posición, xa nin terás que escribir nada. O que ha valer será a túa foto co libro. Non esquezas responder os agradecementos do autor nos comentarios. Algunhas frases que sempre funcionan son: “Por fin alguén escribiu deste tema” (o tema é o máis importante: Grávao na pel). “O teu libro emocionoume como había moito tempo que non me pasaba”.
Se nalgún momento, por humana debilidade, se che dá por dubidar da mestría dunha obra, Deus te libre de dicir algo negativo do libro! Podes acudir aos repositorios onde os máis insignes críticos literarios da nosa literatura gardan todas as súas intervencións para usar algunha das súas mellores frases crípticas. Se eles as escriben desde hai trinta anos será por algo. Fíate dos mellores. E para cando algún antisistema che rosme que es un “ser de luz” e que tanto che dá xan ca perillán, e que a literatura galega necesita separar a fariña e o farelo, responde, sempre: “O silencio é ben peor ca unha crítica negativa”.
Porque se a pesar deste meu consello, optas por facer crítica literaria argumentada, clara, independente, que só repare no texto e non no nome do autor ou da editorial, só gañarás sona de malandro e de verter sobre os teus textos as excrecencias da túa libido insatisfeita ou monopaquista. Gañarás o odio literario, que é o meirande na escala. Os escritores ofreceranche “unhas hostias” e laiaranse desconsolados no seu muro de Facebook (recorda, aí están todos); os editores reclamarán das túas críticas nos suplementos literarios. Ninguén aplaudirá as túas críticas negativas, temerosos de que ese caudal de odio se dirixa despois cara a eles. Serás un proscrito, dirán de ti que es un snob ou un rancoroso. Non descartes que tamén insinúen que es un maltratador. Tamén que es bobo coma un cepillo ou que non sabes ler. Minto, algún escritor intentará convencerte de que lle leas de segundas a súa obra, porque seguro que así lle encontras as esencias que che pasaron desapercibidas na primeira entrega.
E prepárate, ademais, para que cando publiques unha crítica negativa, os catro coitados que te seguen pensen que se un libro é merecedor de que escribas un comentario así, tamén é merecedor de ir mercalo á libraría.
Convén que vaias entrenando o teu “chatgtp” coas túas recensións xa publicadas,. de xeito que poidas escribilas de xeito semiautomatizado. Cero esforzo e moita ganancia.
Non te esquezas de incluír un repertorio de frases coma estas: “Cómpre, xa que logo, saudar positivamente a nova obra de…”; “Estamos diante dunha nova obra mestra…”; “Escrita desde as marxes e o feminismo… temos que congratularnos da última obra de…”; “Trátase dunha autora insubmisa co rol…. que amosa a súa afouteza aó rachar cos clixés…”; “Uns relatos que, agardamos, interesarán aos lectores e lectores máis novos e novas…”; Estamos, porén, diante da nova obra dun autor tor de ampla e solida traxectoria que o confirma como un referente…”
Moi bo 🙂
Vin ler este artigo despois de ver a varias persoas dárense por aludidas e porse a botar pestes del. Curiosamente, ainda que hai outra xente falando de libros en galego, foron as contas que están ben posicionadas dentro deste tema. Casualidade, supoño.
Tamén podemos engadir, que para ser crítico literario necesitas un mínimo de pensamento crítico e comprensión, para abrir unha rede social, non.
Quedo pampa vendo como se critica este artigo polo comentario de que as flores visten ben. Non sei que capacidade crítica pode ter alguén que non entende que ese comentario non vai en contra das flores nin das fotografías con elas, senón de que é un xeito de sacar fotos bonitas sen facer moito esforzo. Que capacidade de análise van ter se non che dan os miolos para entender algo tan sinxelo. Iso, ou que hai moito interese en manipular a mensaxe porque deches na chaga: todo lles parece marabilloso e os escritores actuais que lles poden deixar un comentario ou darlles difusión son os creadores, ano tras ano, de obras mestras que lles cambiaron a vida. Pero non lles preguntes por Fole ou por Carvalho Calero, que non saben de quen lles falas. Eles non poden compartir as súas fotiños (con flores ou sen elas) e entón carecen de interese.
Moita queixa de que cada quen pode ler o que queira, e niso estamos de acordo. O que me gustaría saber é en que parte deste artigo se di o contrario.
Isto é o que pasa cando te collen na allada: teñen a costume de escribir que todo é fantástico e ninguén lles diga nada que no momento que reciben unha crítica lexítima non son capaces de argumentar a súa postura sen caer nunha manipulación tan ruín.
Pola miña parte, ben se viu quen se dou por aludido e quen non (ou, polo menos, quen ainda dándose é capaz de encaixar unha crítica). E iso xa o di todo.
Moitas grazas 🤗