Carta aberta a Dolores Vilavedra
Iniciamos a publicación dunha serie de cartas abertas co título “Para dialogarmos sobre problemas que nos preocupan”, invitación ao diálogo crítico sobre a situación actual das nosas letras. A primeira carta leva por título “Entrando en materia”.
Xesús González Gómez.
No número 200, outubro-novembro-decembro 2013, tomo LI, da revista Grial, entrega que celebraba os cincuenta anos do seu nacemento, Dolores Vilavedra publicou un ensaio que, cando menos, merece algunha discusión: “Literatura galega, un fenómeno proteico”. Un traballo “que quere ser máis especulativo que categórico”, segundo as súas propias palabras. De momento, a recepción que tivo tal traballo foi –atreveríame a afirmar que como sempre– superficial. Unha afirmación: “As diversas iniciativas xurdidas na Rede queren paliar ese déficit informativo [sobre o libro galego], mais sen grande éxito cuantitativo, na miña opinión. […] seguen a ser nichos de minorías –máis ou menos amplas– interesadas na materia, pero non resultan eficaces para facer visibles e atractivas as nosa letras entre novos sectores sociais onde poidamos incrementar a base lectora” (afirmación que comparto, con puntos, vírgulas, parénteses, acentos, etc), serviu para esquecer o fondo do asunto e responder a esta aserción cun ar, algunhas veces, de dignidade ferida que non paga a pena comentar.
O traballo de Vilavedra é unha “especulación”, quizais con demasiada bibliografía, sobre a literatura galega dos últimos anos e a súa recepción lectora, sobre a crise actual e os anos de triunfalismo delirante que vivimos hai case unha década e algunhas especulacións máis que discutiremos no seu momento, sempre en diálogo aberto. O traballo, con todo, acho, céntrase, principalmente, na teima de editores, escritores, críticos e de todo aquel que se interesa pola literatura galega: como gañar novos lectores, que semella máis o título dun libro de auto-axuda do que outra cousa. Como gañar novos lectores non o sabe ninguén, infelizmente, e a crise da lectura, perdón, a crise da lectura de “literatura” é un fenómeno global, planetario; no noso caso, a crise vén acrecentada pola singular circunstancia política que vive Galicia desde hai séculos. Por tanto, esquezamos receitas: non existen.
Esa “circunstancia singular”, que levou, como ben afirma Vilavedra, “ao desprestixio do galeguismo entre a sociedade civil […] afastou o gran público do que se interpreta como o canon literario dun determinado grupo social” (1). Aquí, acho, Dolores Vilavedra non “especulou” abondo. A literatura, por si mesma, implica un acto de fe, unha afirmación: que, ao cabo, aínda é posíbel acreditar nas comunidades humanas, na posibilidade de convivir harmonicamente irmandados pola “cultura” que, aínda que rima con literatura, é outra cousa. Este pode ser un dos problema de por que ese afastamento, matizando, con todo, que non existe tal afastamento: non existe porque non existe coñecemento, e de algo que non coñecemos non podemos afastarnos. Non; ninguén se afastou da “literatura” galega –deixemos de lados casos individuais: non son “paradigma”, como se dicían antes, de nada. O “gran público” lector galego –unha invención como calquera outra: como a de, por exemplo, lector ideal, pero de momento vainos ser de utilidade– nunca se achegou á literatura galega por unha serie de carencias das que aínda “goza” a nosa literatura; carencias, por outra parte, que nacen ou proveñen da falta dun poder político –cómpre tamén non esquecermos que a literatura galega “moderna” non só naceu ou apareceu sen o poder político, senón que se desenvolveu, por raquítico que fose este desenvolvemento, contra o poder político, e con esa dupla condición non é posíbel, por moito que nos doa, a construción dunha cultura “normal” (2).
(1) Como lector, agradecería que deixase de se usar tanto a palabra “canon” –xa a mediados do século pasado o doktor Adorno avisaba dos perigos de usarmos conceptos tirados doutras disciplinas. Por outra parte, nos últimos lustros o palabrón púxose de moda a raíz do libraco de Harold Bloom O canon occidental, no que se defende un “canon” tipicamente americano, con algunhas concesións a outros lugares de occidente, e en cuxo fondo latexa, co argumento da defensa da estética, un determinado concepto da cultura ancorado no pasado, ou, mellor dito, na minoría branca norteamericana, que fixo un país no que o que non eran eles non estaban incluídos… agás para usalos de carne de “canón” nos seus exércitos.
(2) Poder político non implica ter un estado propio. A creatividade cultural non ten moito que ver coa existencia dun estado propio. Sobre o tema, en cueiros, véxase: Xesús González Gómez, “Ramón Piñeiro, un editor no franquismo”, A Nosa Terra, nº 1387, 24-30 de decembro de 2009, p. 26.
One thought on “Carta aberta a Dolores Vilavedra”