‘Cartas desde a cadea’, de Rosa Luxemburg: Comentario crítico á edición galega
Xesús González Gómez.
Hai uns meses, Edicións Laiovento (Santiago de Compostela, 2024) deu ao prelo Cartas desde a cadea, de Rosa Luxemburg, en tradución e prólogo de Almudena Otero Villena. Cartas dirixidas a Sonja Liebknecht, a segunda muller de Wilhelm Liebknecht, o dirixente espartaquista asasinado ao mesmo tempo ca Rosa Luxemburg. Antes de comentarmos as cartas gustaríanos discutir, non a tradución, que acho boa, senón algunhas das cousas que se din na «Introdución» (p. 9-30), sobre outras pensadoras e pensadores e a súa posíbel concomitancia coa autora de Reforma ou revolución, e quizais tamén algunhas afirmacións que se fan sobre a propia Luxemburg. Antes de nada, Almudena Otero sofre un pequeno lapsus na páxina 13 cando escribe: «En xullo de 1914 comeza a Primeira Guerra Mundial, e o 2 de decembro (…) todos os deputados socialistas votan no parlamento alemán a favor dos créditos de guerra, agás Karl Liebknecht, amigo persoal de Karl Marx (…)» Quen era realmente «amigo», e pómolo entre aspas (léase a correspondencia Marx-Engels), era o pai de Karl, Wilhelm. Marx vello morreu en 1882 e Karl L. naceu en 1871.
E, sen querer exercermos de zoilos, digamos que a frase, «Socialismo ou barbarie», que Almudena Otero sinala como famosa frase de Rosa Luxemburg, en A crise da socialdemocracia[1], escrito coñecido tamén como Folleto Junius –o pseudónimo que usou a autora: no momento da redacción e publicación do escrito estaba no cárcere–, onde di exactamente –uso, claro, tradución castelá do escrito da comunista alemá– : «Friedrich Engels dixo unha vez: “A sociedade capitalista áchase ante un dilema: avance ao socialismo ou regresión á barbarie”». Frase que segundo os estudosos nunca escribiu o autor do Anti-Dhüring. Segundo Ian Angus, nun traballo moi documentado, «El origen del eslogan “Socialismo o barbarie” de Rosa Luxemburg», o verdadeiro creador (sic) da frase que se resumiría no slogan luxemburguiano foi, nin máis nin menos, que o logo coñecido como «renegado» Kautsky. En 1891, seguimos a Angus, o Partido Socialdemócrata alemán adoptou un programa (marxista) escrito conxuntamente por Eduard Bernstein e Karl Kautsky e que se coñece como Programa de Erfurt. Programa, como afirma Angus, moi coñecido polos socialistas europeos e no que Lenin baseou o seu proxecto de programa de 1896 para os socialistas rusos. En 1892, Kautsky publica un folleto titulado: O programa de Erfurt. Unha discusión dos fundamentos. E prosegue Angus: «O historiador Donald Sassoon escribe que o programa “se converteu nun dos textos máis lidos polos activistas socialistas en toda Europa” e o comentario de Kautsky “foi traducido a dezaseis idiomas antes de 1914 e converteuse no summa aceptado popularmente do marxismo” en todo el mundo.» Neste folleto, no capítulo 4, inclúese, dinos Angus, este fragmento:
«Se de feito a comunidade socialista fose algo imposíbel, entón a humanidade veríase incapaz dun maior desenvolvemento económico. Nese momento a sociedade moderna viríase abaixo, como fixo o Imperio Romano hai case dous mil anos, e finalmente recaería na barbarie.
»Tal como están as cousas hoxe en día a civilización capitalista non pode continuar; debemos avanzar cara ao socialismo ou caer de novo na barbarie».
E inmediatamente fai esta comparativa:
«Kautsky 1892: debemos avanzar cara ao socialismo ou caer de novo na barbarie (es heißt entweder vorwärts zum Sozialismus oder rückwärts in die Barbarei).
»Luxemburg 1915: avance ao socialismo ou regresión á barbarie (entweder Übergang zum Sozialismus oder Rückfall in die Barbarei).
»Rosa Luxemburg utilizou substantivos no canto de verbos, pero polo demais son o mesmo.». Angus acaba o seu traballo cunha constatación/afirmación da que é difícil disentir: «A súa gran contribución foi darlle a “Socialismo ou barbarie” un significado máis inmediato e fondamente revolucionario que o que o autor orixinal pretendía. As palabras proceden de Karl Kautsky, mais Rosa Luxemburg deulles alas.»
No apartado «Ideas» do prólogo, Almudena Otero escribe cousas que poden ser abondo discutíbeis, e que discutilas a fondo enchería diversos e grosos volumes. Mais maticemos algunha. Afirma Otero que nos anos sesenta a pensadora alemá Hannah Arendt «expresou a súa afinidade con Rosa Luxemburg» co gallo dunha recensión da espléndida biografía de Nettl[2]. Arendt podía afirmar a súa afinidade con Rosa Luxemburg (non esquezamos que a nai da autora de Orixes do totalitarismo era espartaquista e amiga da dirixente comunista), mais as diferenzas políticas e de pensamento entre Arendt e Luxemburg eran (e aínda o son hoxe) insalvábeis. Léase, por exemplo, Karl Marx e a tradición do pensamento político occidental[3], onde se pode ler a seguinte frase, repetida en diversas ocasións pola autora: «o marxismo, transformado en ideoloxía, era o único vínculo entre a forma totalitaria de goberno e a tradición del pensamento político occidental». O escrito de Arendt sobre Rosa Luxemburg[4] é interesante, mais é algo que non era a Luxemburg: antimarxista. Sobre as «afinidades» entre Simone Weil e Rosa Luxemburg, hai que dicir que pouco dan de si. Almudena Otero di moi ben «tan próxima e tan distinta a ela». O que acontece é que as distancias son moito máis grandes ca as proximidades.
Non queremos alongar moitos as discrepancias co que di Almudena Otero, mais cando esta cualifica a Rosa Luxemburg de «pacifista» penso que incorre nun erro manifesto. Que estivese contra as guerras imperialistas e/ou inter-imperialistas (como o era a que se denominou despois I Guerra Mundial), non tiña nada que ver co pacifismo. Que estivese nun principio contra a loita armada e contra as insurreccións, non quere dicir que fose pacifista. Como boa marxista, e iso si que o era, malia o que logo nos dixeron os stalinistas ou herdeiros do stalinismo[5], estaba contra as aventuras armadas, o terrorismo, etc. Mais, volvamos dicilo e salientémolo, non era pacifista, e non só cabe lembrarmos que se lanzou á rúa cando o levantamento espartaquista do 5 de xaneiro de 1919, aínda que nun principio estivese en contra, máis por motivos, digamos, organizativos e de hexemonía dentro do proletariado, que por motivos ideolóxicos. Revolta cuxas consecuencias custou a vida a máis de cinco mil revolucionarios, entre eles os dirixentes Liebknecht e Rosa Luxemburg, e en meses posteriores Leo Jogiches, Gustav Landauer, Eugen Leviné, Kurt Eisner, e outro/as. Non imos aburar a ninguén con citas ao apoio para afirmar que non era pacifista, abonden estas liñas dunha carta dirixida a Luise Kautsky, enviada dende a prisión de Wraclaw o 19 de decembro de 1917: «Ah!, si, os bolxeviques! Naturalmente, non me van moi ben agora co seu fanatismo pola paz. Pero a fin de contas non é a súa culpa […]»[6]
Algunhas discusión máis poderíamos engadir, pero abonda por hoxe. Na próxima entrega falaremos, xa que logo, do que inicialmente era o tema deste artigo: as cartas que Rosa Luxemburg enviou dende a cadea a Sonja Liebknecht, segunda esposa de Karl Liebknecht, o compañeiro de loitas, partido e morte.
[1] Rosa Luxemburg: Crisis de la socialdemocracia, Barcelona Ed. Anagrama, 1976, Prólogo: Clara Zetkin; introdución: Ernst M;andel; Lenin: «Crítica del folleto de Junius».
[2] John Peter Nettl, Rosa Luxemburg, México D. F, Ediciones Era, 1974. A biografía de Nettl é unha biografía «tipo» americano, é dicir, con pretensións de exhaustividade. A carón dunha moi abundante información, que se descoñecía até a súa publicación en 1966, ofrece unha serie de interpretacións abondo discutíbeis. Eu recomendaría a obra de Paul Frölich, Rosa Luxemburg. Vida y obra (Madrid, Editorial Fundamentos, 1976). Frölich foi compañeiro de loitas de Luxemburg e membro da Liga Espartaquista. Membro fundador do Partido Comunista alemán e do seu órgano central, Die Rothe Fahne. Foi expulsado do partido en 1928 por «dereitista» (sic): en realidade porque se opuña á política clase contra clase, en que os inimigos principais eran os socialistas e non os partidos burgueses, etc. Publicada en 1949 en alemán, é a biografía que aínda hoxe ofrece unha mellor aproximación ao coñecemento intelectual e político de Rosa Luxemburg.
[3] Hannah Arendt, Karl Marx y la tradición del pensamiento político occidental, Madrid, Ediciones Encuentro, 2010. Ediciones Encuentro, editorial cristiá, tamén é editora, por exemplo de Pío Moa, Aquilino Duque, e dun amplo etcétera de escritores que se reclamaron, e se viven aínda se reclaman, do franquismo ou do falanxismo e do fascismo.
[4] De Rosa Luxemburg, de Hannah Arendt existen dúas traducións ao español. A primeira foi publicada en Hannah Arendt: Walter Benjamin; Bertold Brecht; Hermann Broch; Rosa Luxemburg, Barcelona, Editorial Anagrama, 1971, en tradución de Luis Izquierdo. A segunda pode lerse en Hannah Arendt: Hombres en tiempos de oscuridad, Barcelona, Editorial Gedisa, 1989, tradución de Claudia Ferrari de Perinotti; esta última versión elude o erro cometido por Luis Izquierdo: transcribo: «Esto se puso de manifiesto cuando Leo Jogiches, el sucesor de Paul Levi en el Spartartakusbund, publicó tres años después […]», cando foi ao revés, Paul Levi foi o sucesor de Leo Jogiches, xa que este último (compañeiro uns anos e namorado permanentemente de Rosa Luxemburg) foi asasinado en marzo de 1919, dous meses despois de Rosa. A non ser que, claro, o erro fora cometido por Arendt, xa que a versión de Gedisa é unha versión corrixida pola propia Arendt anos despois de publicar os diferentes textos que conforman o volume.
[5] Lembremos que en Historia e consciencia de clase (Barcelona, Editorial Grijalbo, 1975) Lukàcs dedícalle dous capítulos: «Rosa Luxemburg como marxista», excelente escrito que afonda no pensamento de Luxemburg sobre o partido e as masas (e no «método» marxista usado por ela) e que case se inscribe na liña da pensadora xudía-polaca-alemá, e «Observacións críticas acerca de Crítica da Revolución rusa de Rosa Luxemburg», este último escrito bastante duro con Luxemburg e que durante moitos anos, demasiados, influiría decisivamente na valoración e consideración da dirixente comunista por parte de moitos pensadores marxistas, e sobre todo stalinistas, e mesmo non marxistas.
[6] A cursiva é de Luxemburg. Rosa Luxemburg: Cartas a Karl y Luise Kautsky, Barcelona, Editorial Galba, 1976, p. 226-7.