Castor Calvo, o boxeador amigo de artistas e escritores
Xosé Enrique Acuña.
Foi emigrante, boxeou na Arxentina, retornou a Galicia para ser púxil profesional, un día quixeron matalo, e xa maior, non poucos o confundían con Ernest Hemingway. Andou a un tris de ser campión de España dos pesos medios, mais xuizoso e sabio, soubo retirarse a tempo. Trazas para a biografía de Castor Calvo, un dos grandes boxeadores galegos, dos de antes do 36, e que, nos días de éxito e combates, gozou dunha merecida e excepcional fama.
É en novembro de 1903 cando nace en Pontevedra Castor Calvo Moldes, fillo dun garda civil daqueles do fundador tempo do duque de Ahumada. Á natal casa da parroquia de Salcedo, no lugar do Pino, o primeiro matrimonio paterno achegaría cinco fillos, mentres que o segundo sumou outros cinco. De neno Castor evitou a dureza da escola e ao pai non lle quedou outra que colocalo de pinche en La Moda Ideal, un clásico comercio dos Soportais pontevedreses, para que crecese nun oficio no que pouco ou nada cumpriu. A seguinte decisión tomada polo seu rigoroso pai é envialo á Arxentina. Tiña tres irmáns alá, todos instalados perto da cordilleira dos Andes, na rexión do Cuyo, territorio lindeiro co Chile. Foi onde, sen ter sequera idade de desertar do exército do rei, chegou Castor en 1917 para traballar desde os catorce anos nos negocios familiares e mais tamén para estudar, alí si, en letras, números e contas.
A dar medras e facerse home na cidade de San Juan, a capital do Cuyo, despacha nun almacén onde se vendía de todo e pola noite frecuenta un ximnasio no que Castor despunta grazas ás súas naturais habilidades físicas e ximnásticas. Asistir a un combate entre Luis Ángel Firpo, a gran figura arxentina, contra o australiano Jim Tracey logra que quedase marabillado polo boxeo e de seguido animouno a calzar guantes e adestrar no cuadrilátero desde 1922. En categoría exclusivamente amateur comeza a pelexar no seu ximnasio até que en 1924, xa con ficha federativa, logra o seu éxito máis sinalado cando en San Juan lle gaña ao boxeador brasileiro Calilo Searamelha por K.O. no sétimo asalto. Unha contundente vitoria que lle fai pensar que o seu futuro pode pasar polo puxilismo pero, con prudencia, decide formarse como adestrador deportivo á vez que, xa dotado para a escritura, se converte en correspondente nesa cidade da publicación Firpo. Semanario boxístico.
Novas de Castor en Galicia
En 1925 chegan a Galicia as primeiras noticias do Castor Calvo boxeador. Certo día alguén se achegou pola redacción do diario pontevedrés Progreso para lle facilitar unha información ao seu reporteiro deportivo. O xornalista, que atendía polo pseudónimo de Zaavrel, e que en realidade non era outro que o poeta Xerardo Álvarez Limeses, non agardou moito en publicar a nova. Ía dos éxitos que na Arxentina estaba a lograr un “comerciante pontevedrés”, así se citou, nos seus combates no Stadium del Box de San Juan. Recepción dos éxitos ultramarinos do púxil galego que na práctica era paralela a unha decisión que Calvo estaba a piques de adoptar. Vendeu todo o que xuntara para retornar con vistas a desenvolver, agora si, a súa carreira deportiva no país que o vira nacer. Despois de que en Buenos Aires ollase sobrevoar a cidade aos aviadores do Plus Ultra —subido a un farol, sempre recordou— tomou o barco da súa volta tras case nove anos de emigrado na Arxentina.
Cando Castor chega a Galicia regálalles aos seus pais, dedicadas, as luvas de boxeo coas que disputara o combate contra Searamelha e con el trouxo tamén unha escultura, fundida en bronce en Chicago, coa figura atlética dun boxeador. Este regreso á península en 1926 foi sorprendentemente recollido nas páxinas deportivas da prensa de Madrid que, a maiores de lle adxudicar a Calvo un indefinido título de campión arxentino, tamén informou que fora excluído da selección de boxeadores que a Arxentina tiña previsto enviar aos Xogos Olímpicos, por se negar a adoptar esa nacionalidade. Nas mesmas páxinas apuntábase que o prometedor púxil ía en breve a emprender unha xira turística e formativa por Europa. Circunstancia que nin de lonxe aconteceu xa que a comezos de 1927 Castor Calvo convértese na gran fichaxe para o banco do Eiriña, o club de fútbol da cidade de Pontevedra que presidía Álvarez Limeses e do que eran seareiros sinalados o seu fillo Xerardo Álvarez Gallego, Castelao e Alexandre Bóveda.
Mais o adestrador de fútbol Castor Calvo poucos meses durou. A chamada do boxeo non tardou en chiar e ese mesmo ano concerta o seu primeiro combate en Galicia. O que celebra en Vigo contra o húngaro Estern Sandor para rematar cunha vitoria que chamou outra volta a atención dos cazatalentos e promotores madrileños. O certo é que Castor opta por esquecer o fútbol para se desprazar a Madrid e caer nas mans, entre publicitarias e deportivas, dun xornalista do Heraldo de Madrid chamado Antonio Gil Peláez que pasa a adoptalo e dirixilo. Calvo, que xa adestra e vive en Cerdedilla, é ofrecido polo seu manager para un combate de exhibición na noite do 10 de setembro do 1927 no Gran Cinema de Madrid contra Inocencio Pérez e mais para outro do mesmo tipo en decembro no Circo Price contra o italiano Oldani. Combates, os dous, entendidos como carta de presentación.
Anos e combates na elite
En xira orquestrada polo seu axente madrileño viaxa a Valencia e alí emerxen os primeiros trazos dun boxeador con gustos e modos ben distintos aos de tantos compañeiros de puxilato. Concede unha entrevista e nela sorprende declarándose lector de Maksim Gorki, Víctor Hugo e como galego, encárgase de subliñalo, da poeta Rosalía de Castro. Pero sobre todo, recalcou moi hábil ou moi ben dirixido polo seu xornalista protector, da obra do novelista valenciano Vicente Blasco Ibáñez. Unha preocupación pola cultura e a formación que noutra entrevista que lle fai Rienzi, de nome real Manuel Domingo e que tanto significou para o xornalismo deportivo, este periodista chega a escribir (…) que Castor Calvo era “tan galego como inglés era o binomio de Newton” ou como “alemá a crítica da razón pura”. Rienzi ofrece tamén un perfil de Calvo (no seu libro De Zamora al rey Gaspar y algo de Paulino Uzcudun), como o dun deses boxeadores románticos que no seus comezos se decidiron a subir ao cuadrilátero por conta dunha muller e que agora, pola contra, lle roubaba horas ao adestramento para ler a Valle Inclán e Baroja, “os seus literatos favoritos”. Opinións e declaracións que formaban parte desa mestura de espectáculo, propaganda e negocio que era o boxeo e de todo o que este deporte arrodeaba e movía e ao que Castor fai fronte xusto no momento nos que aborda os catro intensos e únicos anos que conforman a súa historia profesional como boxeador.
Calvo afirmaba nas entrevistas que lía a Gorki, a Blasco Ibáñez, a Valle Inclán e a Baroja.
Anunciado e aireado na prensa unhas veces como hispano-arxentino, como galego ou como puramente arxentino noutras, en xaneiro de 1928 xa vence en Barcelona o alxeriano Ben Youssef nun combate celebrado no Nuevo Mundo do Paralelo e dous meses despois, neste caso ante o cubano Estanislao Negro Frías, declaran o combate nulo. Uns enfrontamentos que o situarían en disposición de ser dos boxeadores capaces de disputar o campionato de España. Castor Calvo é xa un púxil ao que El Heraldo de Madrid lle concede foto en portada e que en Cercedilla, con moitas carreiras para lograr fondo, prepara o combate contra o gran figura do momento, Ricardo Alís, a celebrar no Monumental Cinema madrileño. Alís, que era nese momento campión de España, gaña por superioridade no quinto asalto. Seica Calvo cansara, narraron as crónicas, despois do terceiro asalto. Unha derrota, no medio da súa emerxente carreira, que lle produce unha lesión nunha das súas mans e que sempre o perseguirá. En marzo deste ano retorna a Galicia para preparar novos combates en Cantabria, Asturias e Madrid. Un nulo en Santander contra Amador Rodríguez, que malia todo Calvo sempre lembrou como un dos seus mellores duelos, e senllas derrotas no Teatro de los Campos Elíseos de Xixón ante José de la Peña e no madrileño Circo Price contra Vicente Lorenzo é o cativo resultado da xira. Inesperados reveses no ring que poderían cortar en seco as súas posibilidades de lograr enfrontamentos de calidade e prestixio, é dicir, dos de fastosas bolsas en xogo. Aínda así estes chegarán con novas pelexas nas que se reparten éxitos e fracasos. No mesmo 1928 un novo combate e derrota con Youssef no Nuevo Mundo de Madrid e un nulo con Giuseppe Oldani en Las Arenas de Barcelona. Para comezar 1929 gáñalle a Álvaro Santos no Circo Americano de Valencia e perde novamente con Ricardo Alís na capital catalá. A seguir, repite combates contra o alxeriano Ben Youssef, dos que gaña o que se celebra en xuño no Iris Park, tamén en Barcelona. Unha cidade que o fascinou até o punto que o púxil galego pensou seriamente aveciñar, montar un ximnasio, e na que, camiñando polas súas Ramblas do brazo, se retratou co presidente arxentino Hipólito Yrigoyen.
Os combates que seguiron nese 1929 racharon cos resultados negativos. Calvo gáñalle ao belga Henri van der Vyver no Frontón Urumea de Donosti e, no Parque de Las Cabañas de Vigo, ao Negro Frías nunha exitosa pelexa celebrada ante os seus paisanos que puideron ver o calzón de boxear de Calvo coa cruz de Santiago bordada sobre as dúas letras “c” do seu nome e apelido. Seareiros que continuaron a animalo e gozalo nun enfrontamento de exhibición no mesmo espazo ante Ino como meses atrás o fixera contra Cañoto nas festas compostelás do Apóstolo, no campo da Choupana, e presentado nesta ocasión como “campión de Castela”. En Madrid, meses antes, xa se exhibira pelexando co forzudo vasco Olaguibel nun programa máis achegado ao espectáculo e no que a bolsa, a repartir era o único obxectivo. Neste paso por Galicia, o Eiriña volve a solicitarlle a súa colaboración para volver adestrar aos futbolistas negro-amarelos e serán tamén os días nos que o escultor xordomudo Xosé María Acuña, de Salcedo como el, talla un busto coa figura do boxeador Castor Calvo que xa nesas datas confirma definitivamente a súa relación de noivo con Enma Vilanova, unha muller con sensible e delicada man para a pintura.
Nos vieiros da retirada
Comezado o ano 1930, e quizais por conta do desacougo que Castor sentía polos últimos resultados que acadara, chega a anunciarse que o púxil, un pouco desnortado, busca novos horizontes. Apúntase a Nova York e Milán como destinos posibles pero xa para o primeiros días de marzo lle programan un combate no Salón de la Bohemia Modernista de Barcelona contra Eduardo Daufi, que perde, e outro no Teatro Victoría de Lleida contra o vasco Juan Berasategui que nesta ocasión logra gañar por puntos. Resultados que sen dúbida sitúan a Castor Calvo nunha encrucillada decisiva. A de saber se chegou ou non a hora da retirada.
E esta confirmarase despois de celebrar os seus últimos combates profesionais, xa en Galicia. O primeiro en setembro de 1930 no Teatro Odeón de Vigo ante Jesús Rodríguez, Pantera de Arosa, que gaña, e xa o derradeiro —co título galego dos semipesados en xogo— contra Edelmiro Otero, Cañoto. Castor Calvo vai ser quen perda por K.O. no cuarto asalto. Era xuño de 1931 é este será o xusto momento no que o púxil pontevedrés decide, asisado, darlle fin á súa vida profesional como boxeador. Aquela que comezara nun ximnasio de San Juan cando era un emigrante galego máis nunha remota rexión arxentina. A partir desta data trata de procurar novos medios de traballo fóra dun deporte no que aínda así persistirá como asesor e adestrador dos seus compañeiros e amigos. Como exemplo, o de Ángel Sobral, como el formado de boxeador na emigración, neste caso brasileira, ao que axuda a conseguir o campionato de España dos medios. Castor non deixa de se adestrar para conservar o seu porte físico, fai de árbitro, aconsella a Pantera de Arosa e forma, desde 1931, boxeadores, todos promesas neste deporte, que pelexaban no campo de fútbol do Eiriña como Ferrón, Fandiño, Quintana ou o marinense Gesteiro.
Novos oficios, novos compromisos e tamén medos
En paralelo, e grazas ao seu prestixio e don de xentes, Castor Calvo conseguiu situarse como representante de Aguas de Mondariz e mais de solicitadas marcas de licores. O boxeador pasou a gañar moitos máis cartos ao vender Ponche Soto e o acreditado coñac Terry, en todas as súas gamas, que coas bolsas do seu tempo de boxeador na elite. Éxitos profesionais que non evitaron un compromiso político que, no seu caso, o ligou á esquerda, á república e ao socialismo. En xullo de 1931 o antigo boxeador militaba activamente na Juventud Socialista de Pontevedra e baixo a presidencia de Joaquín Loredo, Calvo era vogal da súa executiva local. Sempre atento e disposto ao deporte pasou a formar parte da directiva do Pontevedra Sporting Club e no seu abeiro fundou unha Juventud Atlética dotada de sección de boxeo. No mesmo ano, 1933, no que aínda se atreveu a subir ao ring para facer exhibicións de puxilismo xunto a Sobral, e xa consagrado nos seus negocios —chegou a vender Agua de Mondariz até en Marrocos e Xibraltar— sumou postos directivos no colexio de axentes comerciais e logra unha bonanza na súa vida á que vai a engadir a súa voda con Enma Vilanova.
Unha situación de benestar que estivo a punto de se torcer en xullo de 1936 cando, entre os pontevedreses colaboracionistas co golpe militar, alguén decidiu que había que ir polo Castor Calvo socialista. O músico dereitista que dirixía a banda da Garda Cívica, entidade responsable da maioría dos asasinatos, fixo por el e logrou, neste caso, que os que tentaron pasealo non o fixesen a noite que o tiñan planeado. Máis Castor, que chegou a saber nomes e apelidos de quen foran, tivo que pagar o prezo da liberdade e asumir a petición falanxista e militar de que organizase en setembro dese ano combates de boxeo no cine Coliseum de Pontevedra a beneficio do exército. Con Calvo a facer de árbitro, neles víronse obrigados a participar púxiles como Sobral, Pantera I e Pantera II, Cañoto, Cabaco, Lafuente e Ferrón.
Un músico dereitista de Pontevedra foi quen evitou que paseasen o ex boxeador de pasado socialista.
Fóra xa da idade de poder ir á fronte, outra misión “patriótica” lle foi encomendada nestes anos de represalias. Organizar e liderar un equipo de fútbol que xogase polas vilas de Galicia en misión de propaganda e que Castor foi quen de compaxinar, aínda cos tempos que corrían, cos seus labores de representación comercial. Chegado 1939, fóra dunha pequena etapa adestrando o Marín FC, Castor Calvo retorna aos seus negocios —aumentados con representacións de mobles Los Certales, toldos El Sol, seguros de automóbil CAP e até do gasóxeno Selgas— e asenta a súa familia cos nacementos das súas fillas Noemí e Mirian. Mais a chamada do boxeo sempre estaba aí presente e desta vez, no faiado do edificio dos sindicatos do réxime, instalaron un ring onde Castor Calvo pasou a ensinarlle puxilismo á toda a xeración de posguerra de boxeadores pontevedreses. Púxiles como Pintos, Martínez, Maquiera ou Malla Dorada combateron no antigo “cine de exploradores” e na praza de touros pontevedresa baixo a dirección e mestría dun Castor Calvo que, á fin, deixará o mundo do boxeo cando remataba a década dos 50 e nun momento no que a súa figura, xa barbada, era habitual e común nos faladoiros que a intelectualidade pontevedresa baixo o franquismo mantiña por bares e cafés.
Entre artistas e intelectuais
Na Pontevedra dos 40 e 50 que soportaba a Víctor Lis, convivía con Filgueira Valverde e que saudaba con total normalidade o comisario Carlos Caba, policía e escritor, Castor Calvo, cando paseaba con Enma, tamén tiña que lle dar a man, se con eles se cruzaba pola rúa, a aquel músico que —cando menos a el e se cadra non a outros— o salvara dun “paseo” seguro. Cousas e equilibrios dunha sociedade na que o retirado boxeador adestrou os seus pupilos do Frente de Juventudes, Celso Emilio Ferreiro traballaba para a odiada Fiscalía de Tasas e Sabino Torres dirixía o grupo de teatro da Falanxe. Co poeta de Celanova será con quen Castor, que foi sempre un gran lector, mantivo unha amizade máis cordal malia a diferenza de idade entre os dous. Celso Emilio chegou a recoller na súa prosa aventuras de mocidade do boxeador e nela desvelou, xa fose verdade ou mentira, que Castor se decidira a ser púxil logo de facerlle as beiras a unha moza de Santa Fe á que unha tarde lle mentira dicíndolle que era boxeador aínda sen selo. Días e anécdotas con Celso Emilio Ferreiro, os seus amigos da Peña do Birimbao, de conversas interminables —con moito coñac do que el vendía por riba da mesa— nos cafés Carabela, Savoy e Urquín, na taberna La Niña Bonita ou na fonda La Manchega. De falares e conversas, en voz baixa tantas veces, con Cruz Gallástegui Unamuno, Gonzalo Adrio, Virgilio Nóvoa Gil, Cuña Novás, Luciano del Río, Emilio Álvarez Negreira e máis tamén co seu cuñado, o poeta Cándido Viñas Calvo. O mesmo con pintores que protexía ou axudaba a lles manter a súa “vida bohemia” e carencias de posguerra. Laxeiro, o máis achegado e confrade, o tan galeguista Pesqueira Salgado, o debuxante e tamén trampón Ramón Peña e un Hipólito Rodríguez Soto, obreiro metalúrxico e esquecido pintor vigués que, obrigado a cumprir o servizo militar en Pontevedra despois de varios anos de cárcere imposta en consello de guerra en Vigo logo do 36, foi un dos íntimos do boxeador como igualmente o sería outro debuxante e pintor, Mario Granell, ao que tanto tratou nas viaxes que por motivos comerciais tiña que facer a Vigo un “viaxante” que, curiosamente, nunca quixo guiar nin posuír coche e que só utilizaba, malia o seu ambulante oficio, o tren, taxis e autobuses de liña para os desprazamentos.
Foi compañeiro e amigo de Celso Emilio Ferreiro, Sabino Torres, Laxeiro e Mario Granell.
Nestas xornadas viguesas o boxeador que case sempre portaba a xeito de gravata un simple e elegante lazo, gozaba da amizade de intelectuais tan de dereitas como Enrique Romero Archidona ou daqueles tantos que gustaban de pasar horas en rúas e tabernas, coa do Elixio de sede principal. Xornalistas como Xesús Nieto Pena, Celso Collazo, González Luengo, Víctor de las Heras e pintores como Carlos Maside, Urbano Lugris ou o gran Mario González. Tamén un José María Castroviejo, director de xornal e escritor, que certo día sorprendía a Castor Calvo agasallándolle cunha caricatura, por el mesmo realizada, e na que o autor de El pálido visitante plasmou a pluma o rostro barbado do vello boxeador.
En 1963, entrevistado no Park Club de Ferrol, o xornalista introducía a charla recoñecendo que o aspecto de Castor Calvo podería ter “confundido a máis de catro con Ernest Hemingway”. O caso é que Castor Calvo sempre mantivo unha imaxe e figura atlética mesmo superados os sesenta e cinco anos. Portaba por conta da súa barba, segundo outro xornalista –o seu amigo Víctor de la Heras que charlou con el na Taberna do Elixio— un “evanxélico aspecto”, como se de oficio tivese o de “vendedor de biblias”, subliñaba. Castor atreveuse nesta ocasión, corría o ano 1968, a ofrecerlle ao reporteiro a súa opinión sobre as novas lendas do boxeo: “Classius Clay non é mellor que Jack Dempsey”, pontificou. Xa eran, claro, tempos ben afastados dos seus, moi distintos. Tanto como para coñecer como por fin morreu o xeneral Franco e de, pola contra, non darlle tempo a vivir, quizais gozar, como os socialistas do partido da súa mocidade chegaban ao goberno. Con todo, xustiza poética, o 24 de maio de 1977, o día que morreu —cousa das campañas electorais en liberdade— nas rúas de Pontevedra soaba e vibraba A Internacional polos altofalantes. Foi o intre no que, tal como el mesmo escribira nunha fotografía dedicada a súa aínda noiva Enmiña, morría un home, un boxeador de “1,70, pelo negro, ollos castaños”.
Magnífica entrada, coma sempre.