BiosBardia

O país dos libros en galego

Catro autoras, catro autores; todo listo para a Liga Maruxairas da Primavera 2021

Mercenarios da Guerra dos Trinta Anos. DANIEL HOPFER.

O 25 de febreiro bota a andar a Liga Maruxairas da Primavera 2021. Será a primeira dunha nova xeira estable de competición en Biosbardia, onde haberá dous campionatos regulares por tempada (Liga da Primavera e Liga do Outono) alén doutras competicións e torneos.

Desta volta, por primeira vez, Biosbardia conseguiu reunir tantas autoras coma autores, catro, unha paridade que nos satisfai moito porque adoita ser máis complicado convocar autoras para a competición. Será unha liga do reecontro con vellas caras coñecidas, caso de Sabela González, Guillermo Rodicio ou Érica Couto, que xa participaran en anteriores torneos. Debutan Anxo Vacca e María Pais e recuncan da II Liga Maruxairas Ana Vigo, Carlos Vega e Fran Fernández Davila.

Érica Couto

(Pazos de Borbén, 1979). Di de si mesma que reparte o seu tempo entre a investigación, o ensino do sumerio, e a literatura fantástica. Publicou relatos en Contos no nicho (Urco) e en varios volumes de Contos estraños. Escribe e xestiona o blog de rarezas bibliográficas En la lista negra, e constitúe o 50% do podcast de literatura fantástica “Todo tranquilo en Dunwich”. É a autora de Cuerpos. Las otras vidas del cadáver (GasMask Editores, 2017) e Infierno. El más allá en la Mesopotamia antigua (Aurora dorada, 2020).

Fran Fernández Davila.

Fran Fernández Davila

Enxeñeiro de Minas e Enerxía, e MBA en Responsabilidade Social Corporativa pola Universidade de Vigo, leva máis de vinte anos traballando no mundo do frío industrial. Comezou a escribir en xaneiro de 2016 cando asistiu ao seu primeiro obradoiro de escrita creativa. Entre outros certames, é ganador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, en 2017, por A Senda de Sal; o XVII Certame Literario de Relato de Aventuras ‘Antón Avilés de Taramancos’ do Concello de Noia, en 2018, coa novela Alana; e o XII Premio de poesía Victoriano Taibo do Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello de Gondomar, de 2019, co poemario Mover os Marcos.

Sabela González.

Sabela González

Conta de si mesma: “Nacín o mesmo día que a MTV e tres antes que Fernando Alonso, en Burela, aínda que daquela nos ían nacer a Lugo. Gústame dicir que son de Cervo dende que a miña familia se mudou alí pero, dende hai xa abondo anos, son viguesa de adopción. O que máis me gusta do mundo é escribir e debuxar, e espero que algún día me poida dedicar a facelo a todas horas. É autora da triloxía As Crónicas de Landereina, publicada por Galaxia.

María Pais.

María Pais

María Pais é do Morrazo (por circunstancias da vida naceu en Xenebra no 1986) pero di que pace onde lle sae traballo así que ao final é de todas partes ou de ningún sitio. Ve moito cine clásico porque está de balde en internet, le de todo (moito a Jane Austen) pero publicar só publicou fanfics románticos. O paraíso para ela é unha tarde de lectura no seu rincón onde ten a man o Sansón, flores e doces. Agora sae pouco así que se animou a participar na Liga Biosbardia para que os demáis lle digan se pode seguir soñando con estirar un conto e conseguir algo que se pareza a un libro xeitoso.

Guillermo Rodicio.

Guillermo Rodicio

Naceu en León no 1990. Estudou Dereito e Filoloxía. Na actualidade é monacal opositor. De todo o que le, algo se lle escapa e acaba intentando escribir. Gañou algúns premios por contos, outras historias súas viron a luz por diferentes vías, a maior parte agardan a súa quenda no caixón. Tamén dirixe un obradoiro literario na Coruña, híbrido de grupo de amigos e burato negro de tramas.

Anxo Vacca.

Anxo Vacca

Nado no 2002 (camariñas) creceu en Arteixo pero con pais e o corazón posto na costa da morte, escribe con influencias diversas dende os monologos de Bill Hicks ata os mangas shoujo pedorros pasando por Castelao e Shakespeare.
Carlos Vega.

Carlos Vega

Naceu no 1997, a 30 dias de que acabase o verán. Comezou a escribir hai anos por celos dos libros de medo que tanto lía. Aos 19 anos buscou e achou fortuna en Inglaterra, sendo case nomeado herdeiro dunha fortuna de procedencia checa, en parte grazas a recoñecer un cadro de Mondrian. Gústanlle as cancións de Johnny Cash e Elton John. Tamén se xacta de coñecer un segredo crítico sobre o príncipe de Gales. Con todo isto xa ten 23 anos e pouco máis sabe escribir.

Ana Vigo.

Ana Vigo

Nacida en Pontevedra. Considérase a si mesma “devoradora e creadora de historias dende que teño memoria. Para min, ler, escribir, debuxar e imaxinar son actos tan necesarios como respirar”. Graduada en Comunicación Audiovisual pola USC, actualmente é redactora xefe e coordinadora da sección cultural no diario dixital TimeJust. Autora da novela La búsqueda de los dioses (Luhu Editorial), confesa que ten outro puñado de narrativa aínda no caixón. É autora de relatos curtos dispoñibles en diferentes antoloxías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *