BiosBardia

O país dos libros en galego

Catro viaxes de Elena Fahlbusch. Capítulo Nove

Autocaravana. MARCO/FLICKR.

Damián Guede.

A copia do plan de rodaxe que usaba Ana estaba repleta de cores, adhesivos con avisos e anotacións de todo tipo. Desenvolvera o seu sistema ao longo dos anos e unicamente ela era quen de entender os detalles que incluía. Como ocorría con cada proxecto e con cada axudante de Dirección, a distribución de cores e o tipo de símbolos que usaba conformaban un código único. No seu caso, un ese maiúsculo en vermello na parte superior da páxina significaba escena con sexo. Para distinguir o explícito deste, engadía unha forma pentagonal que rodeaba o ese, tamén en vermello. Con trazo simple ou dobre, segundo o caso.

Detalles. Comproba todos os detalles. Outra vez. As notas mentais resoaban na mente de Ana con máis volume que noutras ocasións. Sabía que gravar sexo era delicado diante e detrás da cámara e aí non había lugar para omisións.

—Perdoa, ti sabes de onde son estes croissants?

A pregunta de Miguel colleuna desprevida, consultando a orde de rodaxe. Verificando, precisamente, a hora á que fora citado o actor.

—Como?

—Os croissants. Estes —Miguel abaneou un dos doces—. Son impresionantes. Quería saber se son dalgún sitio por aquí.

—Pois nin idea, a verdade. É cousa de Produción, pregúntalle a Alma, igual ela sabe.

Ana observou como se dirixía cara á xefa de Produción, volveu a mirada á orde de rodaxe para dar por verificada a presenza de Miguel e nese momento foi interrompida por un dos meritorios de produción. Os de figuración xa estaban alí.

A escena 54, o final da secuencia de Elena e Avelino dentro da autocaravana deste, era o colofón dunha cea na que unha conversa atravesaba asuntos propios dun ambiente de confianza e levaba a unha tensión en aumento. O sexo resolvía esa tensión, á que chegaban cun diálogo que avanzaba de maneira un tanto abrupta.

Roberto achegouse a ela. Mirouna aos ollos, uns intres, antes de falar. A Ana pareceulle un momento máis longo do que foi en realidade.

—Espero que non teñamos sexo duro, como en Apnea —dixo, cun sorriso cómplice.

—Cala, ho. Espero que non.

—Hai cousas que é imposible que sucedan dúas veces.

Os recordos viñeron á mente de Ana en tromba e fixeron que botase a rir.

—Esta xente é unha profesional —dixo.

Vinte anos atrás, rodando para Apnea unha secuencia na que unha parella facía o amor apaixonadamente nunha ducha, o actor que a protagonizaba golpeara o anteparo cunha perna. O golpe, seco e forte, fixo que todo o cristal escachase en centos de anacos que caeron sobre os actores, sobre Roberto, sobre Ana e sobre un sonidista que sostiña a pértega co micrófono.

—Vou repasala con eles. Sofía coñece cada segundo da escena. Miguel, xa sabes, dixo que co de hoxe xa lle chegaba. Veremos.

—Tranquilo, vai saír perfecta —Ana pasou a man polo brazo de Roberto mentres o dicía, e intentou que non se notase o estremecemento que sentiu.

Aquela era a única páxina do guión que estaba realmente coreografada. Ninguén quería repetir as escenas de sexo máis alá do estritamente necesario e iso levaba a un maior nivel de detalle que non se limitaba ao traballo ante a cámara. Na reunión desa mesma mañá, Ana encargárase de dar as indicacións pormenorizadas. Gravarían ao caer a noite do día seguinte, pero a preparación comezaba co traballo de iluminación. A partir dese momento só estaría presente o persoal que citou a continuación. O mínimo imprescindible. Héctor operaría unha das cámaras. Antía, a foquista, operaría a segunda. Oleg sería o único sonidista. Néstor, Olga, Alma e Irene, unha das auxiliares de Produción, completarían o equipo reducido xunto a Roberto e Ana. Os móbiles non só estaban prohibidos, como no resto das horas de rodaxe, senón que quedarían xunto ao equipo de apoio. Unicamente Ana e Olga, a script, poderían tomar fotografías. Estas estarían numeradas e formarían parte dun arquivo ao que só darían acceso temporal a Diego, o encargado do DIT.

Gustáballe traballar con xente de figuración que preparaba as escenas de sexo, a Ana. Adoitaban ser puntuais e respectuosos. E acataban as ordes con dilixencia, algo fundamental cando o que ocorría era unha morea de ordes, unha tras outra. Sempre daba a sensación, ademais, que cos de figuración non era preciso botar man da delicadeza coa que habitualmente trataban o elenco de intérpretes. Esta escena sería, porén, un chisco distinta a outras. O detalle co que estaba programada non deixaba ocos.

—Repasamos os movementos que necesitamos, vale? É o que vos mandei por correo e por teléfono, non hai variacións.

Ambos asentiron. Raquel, que ocupaba o lugar de Elena, e Gonzalo, que facía de Avelino.

—Vou dando as indicacións en alto para que vaiades quitando a roupa segundo vos digo.

Héctor non dixo palabra ningunha durante o ensaio, o que indicaba que na iluminación todo marchaba ben. Agora quítaslle a camisa. Con máis apuro. Ben. Un pouco máis sobre ela. Así. Movémonos acompasados, aí. Vale. Seguimos. Abrázalo coas pernas. Ben.

Curioso, non si?, díxolle a Olga cando remataron. Para a script, aquela era a primeira escena sexual. A axudante de Dirección lembraba perfectamente a impresión que lle causara a preparación dunha escena de cama, moitos anos atrás, cando aínda non tiña claras todas as fases do proceso. Ver actores e actrices de figuración simulando un acto sexual no que o menos importante era que resultase crible era unha experiencia un tanto chocante.

Durante a mañá e parte da tarde seguinte rodaron dúas escenas, a 52 e a 53, unha exterior e outra na autocaravana que levaba o personaxe de Avelino. Fora un dos puntos polémicos na Preprodución. Roberto insistía en gravar no interior da autocaravana, mentres Bosque trataba de convencelo de usar un estudio, reproducindo a estancia con fidelidade. Xa estaba falado con Urban e esa partida estaba incluída no orzamento. A pesar da insistencia, o director mantivo con firmeza o seu criterio. Ana entendía perfectamente as razóns. Era unha cuestión de interpretación á que só uns poucos atenderían. Roberto sabía que a percepción do espazo que ten un actor é un aspecto fundamental no seu desempeño. E o feito de actuar nun estudio tiña influencia. A amplitude detrás das zonas que aparecían en cámara (ou mesmo a ausencia de paredes ou teitos, cando estes non aparecían no encadre) era algo que estaba aí. O espectador non o vía e, de feito, non había maneira de intuílo. Ao contrario, máis ben, a mente de quen ve unha escena remata con lóxica as partes do espazo que non se mostran. Pero Roberto estaba convencido de que podía influír, de maneira apenas perceptible, nos movementos de quen está sendo gravado. E a experiencia de Ana dáballe a razón. Pero complicamos a gravación da 54, dixera Bosque. Abaratámola, si, pero hai que gravar sexo colgando cámaras polas ventás. Non conseguiu impor o seu criterio ao do director. Ana atribuíno á relación de admiración e de amizade entre ambos.

—Como foi onte?

A axudante de Dirección aproveitaba que os maquinistas remataban de axustar a estrutura que rodeaba a autocaravana na que rodarían a escena entre Elena e Avelino para falar con Roberto.

—Moi ben. A verdade é que moi ben.

—Vaia. Ben. Un alivio.

—O que supoño que quere dicir que non valeu de moito.

—Que non valeu de moito?

—Dáme que non. Son dous profesionais marabillosos, eu creo que nunca rodei con esta seguridade, sabes? Procesan as indicacións en canto llas dás. Onte foi como se ensaiáramos en stop-motion. Estes son os movementos, aquí, así, ti estás enriba, logo cóllelo por aquí, pasades a este lado… Unha soa explicación e a execución foi perfecta. Mágoa que non estivésemos gravando —Sorriu.

—Pero…

—Pero non creo que o fagan así. Dubido que Miguel lembre a secuencia de movementos tal como a deseñamos.

—É un tipo intelixente. Lembrará o que ten que facer.

—Non, se non digo que non o lembre. O que dubido é que queira facelo.

Produción montara dúas pequenas carpas a carón da autocaravana que posuía o personaxe de Avelino, de maneira que os actores tivesen un lugar no que refuxiarse se había que parar, repetir toma ou facer fronte a calquera imprevisto. Con moito detalle, como todo o que saía de Alma. Café, froita, varias butacas e un par de albornoces con zapatillas, nunha delas. A outra era unha estancia con dous camerinos independentes e unha pequena zona común como improvisada sala de maquillaxe e peiteado. Alí os atopou Ana.

Miguel entrou e sentou nunha das butacas coa mesma naturalidade coa que se movía en calquera outro lugar. Pouco parecía importar que viñese de pasar por unha sesión de caracterización xeralmente incómoda para os intérpretes. Sería no proceso de edición cando o montador, a instancias de Roberto, usaría os segundos que considerase de cada plano, pero estas escenas implicaban mostrar un nivel de detalle que habían de ter en conta. Do mesmo xeito que o facía cando o que se amosaba era maiormente téxtil. Miguel viña de ser analizado. Dermatoloxía é aquí?, preguntou el con sorna ao entrar na sesión. Tratábase de comprobar se había algunha marca corporal que o operador debera coñecer para priorizar un ángulo ou outro. Iso no caso de ser posible, algo que o encontro sexual entre Elena e Avelino facía difícil. O lugar, máis ben, era o que reducía a capacidade de elección.

—Estamos, chicos.

Ana deulles o aviso procurando que o ton non reflectise toda a carga nerviosa que, de non ser así, levaría. Conformábase con disimulala cando menos en parte, realmente.

—Vamos, logo. Hora de traballar! —exclamou Miguel.

Elena Fahlbusch levaba unha saia de algodón, dun azul mariño apagado, que caía ata os xeonllos. Ademais, unha camiseta, tamén de algodón, branca. Impreso en letras grandes, todas elas minúsculas, aparecía o nome Tom Joad. Nos pés, sandalias con tacón completo, de feltro. Avelino, o personaxe que interpretaba Miguel, vestía un pantalón marrón dun tecido que parecía a medio camiño entre unha peza máis ben formal e unha de roupa deportiva. De feito, remataba nun baixo con goma que deixaba á vista parte do nocello. A parte de arriba era unha camisa curta de liño, dunha cor clara que non chegaba a ser branco e cunhas liñas apenas marcadas que formaban cadros case diluídos. Tamén calzaba sandalias.

A tensión crecente, durante a cea, entre Elena e Avelino aumentaba ao rematar. Tomaban unha copa de licor e os comentarios máis persoais mesturábanse coas bromas de ambos. Nun momento dado, Elena cambiaba subitamente de expresión, levantábase sen deixar de miralo e sentaba enriba del. Agarraba a súa cabeza con ambas mans e comezaba a bicalo. Iso foi o único que fixeron como estaba planeado. O comezo da escena.

As dúas cámaras que operaban Héctor e Antía gravaban desde un bo anaco antes de que Sofía e Miguel desen por comezada a primeira toma. Afeitos a que non houbese indicación que sinalase o comezo, tomaron o tempo que quixeron. Miguel, para ser máis precisos, agardou a que Sofía decidise que estaba lista. A transición aos personaxes foi inmediata. Ana percibiuno no mesmo instante no que se produciu, o que lle fixo experimentar unha sensación fugaz á que non soubo poñer nome. En canto Sofía pasou a interpretar a Elena, Miguel mudou a súa expresión de xeito sutil, pero perfectamente identificable para quen coñecese a relación que o guión facía ver entre os dous personaxes.

Elena sentaba sobre Avelino e bicábao cunha mestura de decisión e sensualidade. A continuación, mirándoo aos ollos, quitaba a camiseta e comezaba a mover as cadeiras ritmicamente. Avelino, que se manifestara cheo de confianza, mesmo cun punto desafiante, durante a cea, sufría un cambio substancial e pasaba por un estado de estupefacción inicial. Pouco a pouco, daba paso a unha actitude máis activa, movido polo desexo, sen que esta chegase a abandonar totalmente a fascinación. Elena quitaba o suxeitador, volvíao bicar agarrando a súa cabeza con ambas mans e despois levábaa aos seus peitos. Avelino, logo duns momentos de inacción, abría os beizos para bicalos, acompasando os seus movementos aos de Elena. Ela comezaba entón a desabotoarlle a camisa. Non deixaban de bicarse nin de se mover, cada vez cunha pulsión máis rápida. Iso facía que quitar a camisa acabase sendo máis complicado do que prometía, cun dos brazos saíndo con dificultade da súa manga. O tirón co que acababa por desprenderse provocaba que se movese cara á súa esquerda, ao que ela continuaba deitándose sobre o sofá, levándoo a el consigo. Seguían bicándose e ela abrazábao completamente coas súas pernas. El decidíase a levar a súa boca cara o pescozo, primeiro, e o peito esquerdo, despois, de Elena. Esta usaba, entón, os seus brazos para comezar a baixarlle o pantalón, acción que el remataba erguéndose e quitándoo completamente. Antes de volver situarse enriba dela, mirábaa durante un segundo e, deseguido, collía a súa saia polos dous extremos e deslizábaa ata sacala polos pés. Despois facía o mesmo coas bragas. Deitábase na mesma posición na que estaba antes e entón penetrábaa. Aumentaban o ritmo nun frenesí no que se deixaban levar unha e outra vez. Unha e outra vez. As mans dela apertaban con forza as costas de Avelino. A excitación acababa levándoos a un orgasmo que exteriorizaban con fogosidade. Primeiro, ela. Un pouco despois, el. Seguían tendidos no sofá, na mesma posición. A diminución do ritmo facíalles volver de novo a mirarse aos ollos. Sen dicir nada. E a volver a bicarse, máis calmos esta vez pero sen que desaparecese unha cadencia rítmica que os levan do momento de pausa a un novo estado de axitación progresiva. Elena volvía abrazalo coas pernas e, nun xiro destas, ambos caían ao chan entre risas. As del mostraban aínda un punto de inseguridade.

—Vale, paramos aquí un momento.

Foi Ana quen deu a indicación, logo de confirmalo nunha ollada con Roberto, que atendía o combo xusto a carón da porta de entrada da autocaravana. Estaba programado facer un alto para recolocar unha das cámaras, que, dado o reducido do espazo interior, tería obstaculizado o tiro na toma anterior.

A axudante de Dirección achegouse deseguida á carpa que lles servía de refuxio aos dous intérpretes. Serán só uns minutos, díxolles. O que tarde Néstor en repoñer as marcas e o que nos leve montar a cámara de Antía e facer as comprobacións. Non obtivo resposta por parte de ningún. Miguel comía unha mazá e parecía estar coa mente noutro lugar. Sofía, mentres tanto, estaba sentada con expresión contrariada. Tiña a mirada fixa nun punto da sala e a súa actitude deixaba claro que unha conversa non era benvida naquel momento. Ana saíu e dirixiuse con discreción a Roberto para contarlle cal era a situación e avanzarlle que a química podía non ser a desexable na toma que quedaba por filmar.

Houbo que facer algúns retoques de maquillaxe. Pouca cousa. Non tardaron moito en ter todo preparado. Pola cabeza de Ana pasou a idea de que os elementos parecían ás veces aliñarse para que todo funcionase de maneira óptima. A idea de Roberto era usar unha soa toma no encontro sexual. Dúas, en todo caso, obrigadas polo necesario cambio de loxística. Ana pensou en que o habitual sería que algo non saíse ben, que as cousas fallasen no último momento ou que nos cambios previstos xurdisen inconvenientes. Non só non estaba a ser así, senón que a gravación seguía o mellor dos horarios programados por ela.

Deulles a indicación de que todo estaba listo. Vale, dixo Miguel. Mentres o dicía, ergueuse e quitou a bata. Ana non puido evitar a mesma sensación que produciu xestos esquivos nas demais persoas presentes, se ben no seu caso ocorreu en parte. A experiencia de ter participado xa nun certo número de escenas de sexo completou a súa reacción cunha sutil ollada aos xestos que unha persoa espida ocasionaba no resto do equipo. Unha persoa espida e segura de si mesma. O efecto foi inmediato nos que o rodeaban. As miradas pasaron a enfocar ao chan ou a calquera lugar nunha dirección oposta ao corpo de Miguel, froito dunha vergonza instantánea. E coas miradas, os movementos tornaron torpes. Sofía seguiuno, coa mesma seguridade. Ningún deles pareceu consciente do que a súa maneira de moverse producía no resto.

Foron ocupando o seu lugar. Miguel deitouse no chan e agardou. Sofía agardou a considerarse lista e púxose enriba del. As cámaras xa gravaban había un anaco. Nesta ocasión, unha delas encadraba a escena desde o chan, á altura deles, uns trinta graos á dereita do vector que formaban os seus corpos. A mesa quedaba, así, como un obstáculo parcial á vista, algo que sucedía tamén no resto dos enfoques.

Elena e Avelino sorrían. Mirábanse, aínda con parte do sorriso nos beizos, no que parecía dar fin ao sexo. Non era así. Elena volvía impulsar a súa pelve adiante e atrás, primeiro amodo. Avelino deixábase facer cunha expresión que indicaba unha lixeira confusión. O ritmo aumentaba. Elena erguía a cabeza e pechaba os ollos. Tiña a boca aberta.

A cara do pracer, pensou Ana. Xusto antes de ver, de esguello, unha sombra movéndose a carón da cámara de Antía, que non se decatara, concentrada na imaxe. Volveu a vista nun movemento sutil. Quedou sen reacción ao ver a Luc entrando na estancia. Aproveitara un oco a un lado de Tania para pasar. Case parecía imposible que un can como aquel coubese por aí. Entrou paseniño. Ao pisar o chan da autocaravana foi definitivamente percibido polo resto, que tamén reaccionou de xeito antinatural. Como se algo lles impedise moverse, a presenza do can foi advertida cun aumento da tensión, pero con poucos xestos. Case robóticos. Ninguén quería interromper a secuencia. Luc camiñou ata quedar a pouco máis dun metro dos actores, os únicos que non mostraron signo ningún pola compañía. Luc observounos durante un intre e logo deitouse no chan, coa cabeza ladeada. O encadre de Tania collíao nunha posición da que decidiu non alertar. Pasara por diante para quedar despois á esquerda da parella, no tiro de cámara. De telo deseñado, sería unha opción que non darían por factible. Luc non delatou de ningún xeito, nin cos movementos nin coa mirada, a presenza do resto do equipo.

Elena e Avelino chegaban a un orgasmo que, a pesar de suceder simultaneamente, parecían desfrutar sen ter en conta o outro. Esta vez, facíano con acougo, como se degustasen cada segundo que duraba. Mesmo desacelerando o ritmo para que se prolongase un pouco máis. Ana sentiu unha excitación que desbotou deseguida da súa mente, avergonzada.

 

 

3 thoughts on “Catro viaxes de Elena Fahlbusch. Capítulo Nove

  1. “—Estamos, chicos.”
    Ese chicos en cursiva, quere dicir que as personaxes realmente están falando en galego?

    foi interesante ver como se aborda unha escena de sexo nunha pelicula. tomeino todo ó pé da letra, quero dicir, case coma se fose un documental ou un “asi se fixo”. Despois, en canto á parte literaria, a ficcion, deixoume moi pouco pouso. Lóxico, porque o peso do capítulo está na parte descriptiva. Osea que si, recibín o que o autor quería que recibise. E o que recibín estivo ben feito. Só que non é o que me gustaria ter recibido. Non é o entretemento literario que eu busco nunha novela. E incluso sin querer dar o que eu busco, estando a capitulo 9 xa, dicía, ata sen querelo, tiña que estar dando ese algo máis para botar corpo de novela.
    Creo que xa fixen esta comparacion antes, pero hai ocasions nas que 2666 de Bolaño (magnifica obra) parece só descriptiva, terriblemente. E inda asi, eses fragmentos encaixan no puzle final conseguindo unha sinerxia que non logro ver aqui.
    Ata agora sempre lle botei a culpa ó narrador, pero ó mellor é só que a historia en si non ten interés.

  2. Interesante capítulo este polo instrutivo que resulta e o foco que pon sobre a dificultade das escenas de sexo nas películas. Para min creo que é un capítulo necesario, mesmo máis necesario do que me resultan o 90% das escenas de sexo no cine e na literatura. Gustaríame abrir aí un debate algún día sobre a necesidade imperiosa desas escenas. Para que son? Que obxectivo teñen as máis delas? Cal é a súa función no argumento á parte de enganchar a certo tipo de lector/espectador?

    Polo demáis coincido con Lois en que a estremísima sutileza coa que se plantea o conflicto dos personaxes fai que a novela limite co documental ou falso documental. Parabéns se esa é a intención do autor, aínda que, nese caso, eu pensaría outro formato para xustificar a linguaxe, non sei, un diario, un informe, unhas memorias. Un narrador en primeira pesoa daríalle algo máis de calor a un texto para que fai falla abrigo e raquetas.

  3. Despois de ler o vosos comentarios pouco mais teño que engadir. O tema da dificultade das escenas do sexo o vin reflectido a través dunha persoaxe da última película de Todd Haynes. Estoy de acordo que é un tema moi interesante para abrir debate.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *