BiosBardia

O país dos libros en galego

Catro viaxes de Elena Fahlbusch. Capítulo dez

Freada nunha estrada. PIXHERE.

Damián Guede.

Cando Ana chegou ao lugar no que quedara con Saúl ameazaba chuvia. Unha situación coa que non contaba unha semana antes e que obrigara a programar un plan be para utilizar no caso de auga. Ás veces, organizar previsións de rodaxe tendo en conta o tempo era apostar. Os equipos de dirección con experiencia sabían moverse mantendo varias posibilidades de traballo paralelas, pero sempre chegaba un momento no que había que tomar unha decisión. Oito días antes comezara a aparecer no horizonte da previsión meteorolóxica unha ameaza imprevista, primeiro en forma de opción pouco probable. Para Ana, esa consulta era parte do seu traballo diario. Co paso dos días, a probabilidade ía crecendo, pero dun xeito paulatino. Xa o vivira moitas veces, sabía onde había que situar nesa ocasión o punto de non retorno. Así o chamaba.

Considerábase quen de facer unha viraxe importante na planificación da gravación a partir do domingo , o día antes da visita de Saúl. Era unha marxe de manobra pequena, pero a experiencia facía subir o nivel de confianza. Falou con Roberto, que llo transmitiría a Bosque, e con Alma. Incluíu a Héctor na rolda de contactos, xusto a continuación. O domingo decidimos, díxolles. Logo resumiu o cambio de escenas que implicaría e quedou en enviarlles esa sección do plan de rodaxe. Unha primicia, engadiu.

Quedaran nunha cafetería, a carón da parada de bus que comunicaba coa vila na que vivía o pai de Saúl. Ao chegar non o viu. Non foi ata que sentou nunha das mesas da terraza e oíu que unha voz chamaba por ela. Ao volverse, viu a Saúl. Xusto a continuación viu a razón pola que non reparara nel a pesar da ollada previa ao interior da cafetería. Non viña só.

—Esta é Raquel—dixo.

Esa foi a presentación. E, como se fose o máis habitual, sentaron os tres á mesa e pediron algo. E falaron cunha presunta naturalidade que nai e fillo sabían irreal. Pero, como se coñecer á parella do seu fillo fose un dos acontecementos previsibles no día, actuaron sen dar a maior importancia ao asunto. Sabendo que actuaban. Ana atopouse nunha situación que non lle era allea, a de disimular a emoción espontánea en favor dun obxectivo prioritario. Pensou nos anos de traballo cerca de moreas de intérpretes e no que iso a levara a aprender do oficio. E durante uns segundos, mentres o camareiro levaba as consumicións e Saúl e Raquel falaban entre eles, lembrouse do pequeno papel que aceptara facer nunha curtametraxe dun antigo compañeiro de facultade. Había bastantes anos. Os únicos títulos de crédito nos que figuraba como actriz. Tres días de rodaxe nos que coñeceu ao que sería, despois, o pai de Saúl.

Ao chegaren á localización, Ana rematou de confirmar o que xa intuíra na cafetería. A visita era unha mostra de amor co engadido do entorno dunha gravación de cine. Un pouco fachendoso, pensou Ana. Traela por ver de cerca un equipo de cine. E a continuación desbotou, antes de que se convertera definitivamente en palabras pensadas, o pensamento de que non era a ela a quen visitaba.

—A condición é non molestar.

—Xa sei, mamá.

Saúl respondeu con expresión resignada ao comentario da súa nai, que non foi quen de evitalo a pesar de consideralo innecesario xa no momento en que o soltaba. Deixounos ao seu aire e dirixiuse a comprobar que todo seguía o horario previsto. En principio, pensara en que Saúl a acompañase durante a xornada, pero a situación fíxolle actuar con cintura e cambiar de idea sen que parecese que había tal idea. A inocencia miña, pensou, responsabilizándose por non ter indagado máis nas razóns do seu fillo para pasar un día con ela. Na rodaxe. De todas formas, quen tería valorado como unha delas a presencia doutra persoa?

Alicia Noval falaba con Sofía. Iso foi o primeiro no que reparou Ana. Coincidira ata en dúas películas coa actriz que interpretaba o papel de Beatriz e mantiña con ela, desde entón, unha relación moi afable.   Mesmo cariñosa, se ben na distancia que media entre mensaxes de teléfono esporádicas. A alegría ao verse foi mutua. Intercambiaron algunhas preguntas rápidas e volveron ao ritmo que imprimía o horario coidadosamente pautado.

—Vexo cando tes o oco para comer e trato de achegarme

—Perfecto, Ana— respondeu Alicia, cun sorriso e unha caricia no brazo esquerdo.

—Por certo, non me chegaches a dicir que che parece o personaxe.

—É unha delicia, tiñas razón.

Roberto concibira o papel de Beatriz como unha distorsión de Elena Fahlbusch, un alter ego que representaría, no fondo, unha versión da protagonista. A versión era un tanto extrema para ser, de primeiras, interpretada como tal, pero baixo a pel dunha muller que non parecía ter un criterio ético moi asentado como guía, latía outra personalidade. Elena recollía a Alicia nunha área de descanso, logo de que Luc se achegase a ela. Sorprendida polo movemento, acababa falando con ela e ofrecéndose a levala. A pesar de manter certo escepticismo, a conversa durante o traxecto ía descubrindo a unha Alicia interesante, observadora e incisiva.

As primeiras escenas do personaxe que estaban programadas tiñan lugar nunha estación de servizo na que, segundo o guión, Alicia era sorprendida por un dos encargados roubando dous produtos de alimentación. A maneira de responder desta, revolvéndose, levaba o asunto a unha tensión violenta que aumentaba ata a intervención de Elena, que aparecía de súpeto. A negociación de Ana co supervisor ofrecéralle varios momentos de risa, algo que agradecía especialmente por escasos. Resultara ser unha persoa colaboradora e con sentido do humor, o que a levou a parar, desde que conviran as condicións da gravación, un par de veces alí. Por iso o afecto co que se saudaron e as facilidades que atopou o equipo. A última hora da mañá debían abandonar as instalacións, ese era o prazo incluído no prezo. O engadido do agradecemento, logo dos títulos de crédito, completaba o acordo. Houbo un engadido de café e bolos ao cátering, pero iso xa foi por conta do supervisor.

O roubo viña a dar nun momento de aceleración do ritmo da acción, que agardaba, nun episodio de suspense, un movemento que parecía inminente. A carga de violencia residía na intención do encargado que a sorprendía. Adiviñábase, primeiro, e era confirmada, despois, cunha invitación pouco amistosa a acompañalo á parte traseira do negocio. Elena aparecía entón de maneira imprevista detrás do encargado, que suxeitaba a Alicia con forza pero sen que a posición corporal o delatase con moita evidencia. Ambos volvían a mirada. O encargado analizaba a nova situación con rapidez e a súa cara non denotaba un cambio na súa actitude. Máis ben parecía poder enfrontarse á novidade, logo de avaliar a situación. Nese intre, Elena pronunciaba o nome de Luc e o can avanzaba desde un dos estantes, que o ocultara ata entón. Luc miraba ao encargado que suxeitaba a Alicia e daba un paso. Ao facelo, mudaba lixeiramente a súa expresión. Iso, a figura de Luc e a maneira de miralo, era suficiente para que o encargado relaxara lixeiramente o modo no que agarraba a Alicia. Elena aproveitaba o momento para dicirlle a esta que saíse e subira ao coche. Ela e máis Luc non se movían durante uns segundos. Despois, Elena dedicáballes unha frase e saía. Luc quedaba quieto ata que a súa dona, ao cruzar a porta automática de cristal, chamaba por el de novo.

Durante a comida, Saúl estaba máis faladeiro que de costume. Ana reparou en que quizais xa o estaba pola mañá e iso levouna a un pensamento fugaz sobre se tiña diante a un Saúl diferente ao que coñecía. Raquel e máis el facían moitas preguntas. Ambos mostraban entusiasmo despois de ver o proceso que seguiu todo o equipo para rodar todos os planos que necesitaron na estación de servizo. Non apreciaron a complexidade do engarce de horarios de convocatoria, estipulados ata o detalle, que fixo posibles dúas ou tres tomas por cada plano. Nin que os movementos de cámaras, equipamento de luz, ou microfonía que viron estaban minutados para que os cambios ocorreran con rapidez.

—Como facedes co can?—preguntou Saúl.

—Como facemos… para?—respondeu Ana.

—Pois para indicarlle o que ten que facer.

Ana puxo un xesto de estrañeza.

—Eu diría que non facemos nada—dixo.

—Nada? Ou sexa, non lle explicades? Dalgún xeito, digo.

—Despois podedes preguntarlle a Sofía, pero ata onde eu sei, apenas se lle fai entender nada.

—E el actúa?—interviu Raquel.

—El actúa, si. Poderíamos dicir que si.

—Pero é incrible, non? É dicir, vimos como gravaban varias tomas de cada plano e el sempre fixo o que tiña que facer—esgrimiu Raquel.

—Pois así é. Mirade, vouvos presentar a Alicia. Se cadra podedes preguntarlle a ela.

As dúas actrices gañaran confianza con facilidade nas horas que compartiran desde que se coñeceran, algo que sorprendeu a Ana. Alicia alegrouse de dispoñer dalgún tempo para falaren, así que continuaron a charla xunto a ela, que tamén aportou algunha idea sobre Luc.

Pola tarde tocaba unha escena de estrada. Unha conversa entre Elena e Beatriz que transcorría despois do incidente na estación de servizo. Ana observou desde a distancia ao seu fillo e a Raquel. Fíxoo con disimulo, pero foi consciente de que apenas era necesario. Había moito ao seu redor, antes que a presenza da axudante de dirección, que provocaba a atención da súa curiosidade. Dirixíronse a ela, non obstante, despois de que Roberto se lles achegase e falara con eles durante uns intres. Contáronlle con emoción que o director lles ofrecera ver a escena desde o coche cámara. O último dos planos previstos recollía o traxecto de estrada no que gravaban desde un punto de vista distinto, que na montaxe sería combinado con outros dous. Unha vez desmontaran de Faco a andamiaxe que o cubría (nunha operación que debía ser rápida, Héctor insistía nese aspecto, preocupado por manter a coherencia na luz), as dúas actrices serían enfocadas desde un coche cámara que circularía en paralelo xunto a elas. Plano sinxelo, dixo Roberto nun momento no que acudiu a Ana para preguntarlle se tiña idea de onde quedaran os seus auriculares. De certo que o era. Estaba pensado para unha única toma, xa que non precisaba son.

Na mente de Ana apareceron pensamentos sobre a xestión da emoción dos fillos. Lembrou momentos que levaran a Saúl a un estado de sorpresa ou de alegría e en todos aparecía sendo un neno. Non foi quen de traer á memoria unha situación dese tipo nos catro ou cinco anos anteriores. Iso causoulle unha sensación de angustia repentina que tratou de desbotar movéndose. Foi por un café, consultou de novo a orde de rodaxe, deu un paseo de verificación e procurou que ninguén se decatase do que lle pasaba.

O último plano era o máis doado de gravar. O coche cámara xa viña preparado cun car mount. Tecnicamente, non era un coche cámara, como explicara Roberto durante a preprodución. Bosque manifestara certas dúbidas sobre ese plano. Non entendía por que gravalo así se a liña paralela, ao levar un vehículo circulando ao carón, ía desenfocar por momentos o punto clave, que era a conversa de Elena e Alicia en Faco. Podendo facelo desde a propia furgoneta, dixera.

Co que ninguén contaba era cun accidente. Nin Sofía, que conducía, nin Alicia, que viaxaba no asento do acompañante, ambas interpretando aos seus personaxes. Por suposto, tampouco o resto do equipo. Especialmente, os ocupantes do coche desde o que se filmaba. O técnico que o conducía, o operador encargado da cámara e os pasaxeiros que viaxaban nos asentos traseiros, Raquel e Saúl.

Sofía sentiu o rebentón no instante no que se produciu, o que lle permitiu agarrar o volante con máis forza nun xesto instintivo que foi louvado polo perito da compañía de seguros que se presentou pouco máis tarde. Aínda así, foi incapaz de evitar o violento bandazo de Faco cara a dereita e o impacto contra o muro exterior dunha vivenda. Afortunadamente, a firmeza de Sofía e a freada que iniciou reduciron a velocidade de impacto e fixeron que este sucedera nun lateral, nunha traxectoria oblicua ao muro. A reacción do condutor do vehículo que gravaba foi inmediata. En canto percibiu o cambio brusco de dirección da furgoneta premeu a fondo o pedal para detelo. A freada quedou marcada no asfalto.

Ana foi unha das primeiras persoas en achegarse, correndo e presa dos nervios. Saúl, pensaba repetidamente mentres avanzaba, quedando case sen respiración. Saúl.

Saían do coche cando o alcanzou. O condutor e o operador non sufriran dano, pero os outros dous ocupantes golpearan a cabeza. Raquel, contra o respaldo de adiante; Saúl, contra unha das pezas da estrutura que soportaba o brazo co que se guiaba a cámara. Tiña unha pequena brecha na fronte. Catro puntos de sutura que foron aplicados alí mesmo polo persoal de asistencia que acompañaba sempre as escenas consideradas de risco potencial. Nada de gravidade.

A peor parada fora Alicia. Faco colidira polo lado no que viaxaba e, a pesar da acertada manobra de Sofía, houbo de ser trasladada ao hospital. O diagnóstico acabaría por observar dous traumatismos, unha vértebra rota e unha fractura de clavícula. Ao espectacular do propio accidente sumouse o despregue que o sucedeu. Unha ambulancia, dúas patrullas da garda civil, a persoa encargada da empresa aseguradora… Ata o lugar chegou mesmo o alcalde do municipio polo que pasaba a estrada na que rodaban, alertado por un veciño.

Ana foi unha das últimas en achegarse ao hospital para visitar a Alicia. Antes quixo ocuparse de que Raquel e Saúl subiran de volta no bus xa sen o susto no corpo. Foi difícil para ela calibrar o estado real de ambos, pois á emoción de ter pasado o día entre o equipo de rodaxe de Catro viaxes de Elena Fahlbusch uníase a experiencia do accidente. Non parecía terlles causado unha impresión negativa, unha vez que Ana lles transmitiu que a situación de Alicia non era grave. Máis ben diría un que marchaban orgullosos de ser parte dun momento tan destacado da gravación. Despedíronse coa promesa de avisala cando tiveran chegado. Ao estar arrancando o autobús, Ana pensou se xa non era o mesmo Saúl que o que vivira con ela ata había pouco. Semanas, pensou.

No hospital atopou a unha Alicia de bo humor. Cerca dela, Sofía, que quixera acompañala na ambulancia e decidira quedar como elemento de apoio xunto á accidentada. Ana supuxo deseguida que se sentía culpable. Alicia mostrouse comprensiva co sucedido, se ben o rebentón dun pneumático era algo que en principio debería terse evitado e que xerara un diálogo telefónico tenso entre Bosque e Alma. Ana foi a encargada de axudar a Alicia cos últimos trámites e acompañala despois ao hotel. Alí, logo de que Sofía marchase, aínda tomaron un café e cearon algo rápido. A actriz coñecía o procedemento e, á fin, confesoulle a Ana que o que ocorrera non fora tan malo como podía ter sido. O seu papel xa estaba gravado e agora a compañía de seguros tería que afrontar unha indemnización segundo o convenio que, cando menos, relaxaría a necesidade de cumprir con compromisos de maneira inmediata.

Acabou chegando a casa case de madrugada. Antes de facelo, decidiu volver á localización onde sucedera o accidente por comprobar que todo o equipo fora definitivamente desmontado e non quedaba ninguén alí. Xa na casa, estivo dez minutos deixando que a auga da ducha caera sobre ela. Despois, puxo o pixama e foi á cociña para preparar unha infusión e cotexar o plan de rodaxe. En principio, non tería por que sufrir modificacións. O azar quixo que as escenas que rodaban ao día seguinte non precisaban de Faco, co cal habería tempo para a reparación. Tería que falar co chapista para confirmar os días que lle serían necesarios.

Niso andaba cando recibiu unha chamada que a alertou. Non eran horas nas que se recibisen chamadas. Era de Roberto.

—Ana.

—Que pasou, Roberto?

—Nada, nada, tranquila.

—Como tranquila? Que pasou?

—Nada malo, Ana. Hai un cambio e precisaba falar contigo.

—Un cambio? Un cambio de que?

—Acabo de escribir unha escena e vou engadila.

—Acabas de escribir unha escena? Unha escena nova?

—Nova, si.

—Pero… Roberto, non podemos meter unha escena máis agora.

—É necesaria. Ten que ir, Ana.

—O guión é definitivo desde hai meses. E onde poño unha escena máis no plan de rodaxe?

—Vai ser unha escena clave. Temos que facela, Ana.

A axudante de dirección gardou silencio. Non podía ser, a esas horas, e despois de todo o que pasara durante o día. Por fin, respirou fondo e preguntou:

—Como é, a ver?

—É unha escena entre Elena e Beatriz.

—Beatriz? Pois iso danos marxe, porque Alicia botará unhas semanas ata estar recuperada.

—Non temos tanto tempo. De todas formas, a escena é nun hospital.

—Nun hospital?

—Si. Nun hospital. Con Alicia ferida por un accidente.

—É unha broma.

—Non é, non. Revisei a gravación do coche cámara, o que levaba ao teu fillo, e hai dous segundos e medio moi interesantes. Perfectos. E aí veume a escena.

Ana volveu quedar en silencio.

—Segues aí?—preguntou Roberto.

—Sigo.

—Necesitarei unha habitación de hospital, cun corredor anexo de hospital, unha cama e algún aparello, falo con Alma. Haberá figuración, un médico sen texto e algúns pacientes polo corredor. Con catro temos abondo.

—Pero, Roberto…

—Di.

—Cando queres rodar con Alicia?

—Canto antes.

—Alicia non pode. Ten rota unha clavícula, unha vértebra…

—Iso pasa perfectamente por un mal que requira hospitalización, a que si? Cun pouco de caracterización extra.

—Roberto, Alicia está de baixa desde mañá.

—Xa.

—Xa? Como que xa?

—Xa sei, Ana, xa sei. Pero tamén sei que teño a mellor axudante de dirección. Se non o consegues ti, non o consegue ninguén. Por iso te chamo. Porque podes facelo.

—Que pretendes? Que gravemos unha escena sen documentación? Ou que modifique o día en todos os papeis para que ninguén se decate?

—Ana.

—Que??

—O que fagas estará ben.

5 thoughts on “Catro viaxes de Elena Fahlbusch. Capítulo dez

  1. “Ás veces, organizar previsións de rodaxe tendo en conta o tempo era apostar. Os equipos de dirección con experiencia sabían moverse mantendo varias posibilidades de traballo paralelas, pero sempre chegaba un momento no que había que tomar unha decisión. Oito días antes comezara a aparecer no horizonte da previsión meteorolóxica unha ameaza imprevista, primeiro en forma de opción pouco probable. Para Ana, esa consulta era parte do seu traballo diario. Co paso dos días, a probabilidade ía crecendo, pero dun xeito paulatino. Xa o vivira moitas veces, sabía onde había que situar nesa ocasión o punto de non retorno. Así o chamaba.”
    esta parte é tediosa. osea, como organizou unha actividade ó aire libre ten que estar atenta ó tempo. iso pasanos a todos os mortais, non o tes que explicar como se o proceso mental de estar atento ó tempo fose algo fantastico que só afecta ós cineastas. ler esto é morrer, é morrer en vida entre estertores de gran de sufrimento, en serio. non é porque estea mal escrito, é que non ten o mais minimo interese é como ler o temario das oposicions a tecnico de facenda cando non ten intencion de opositar a tal cousa. no perdon. é como ter que reler o temario dunhas oposicions que xa aprobaches. si, iso é mais preciso.

    Así, entramos na escena de saul totalmente desubicados, pensando na chuvia e na rolda de contactos, e nos plans de rodaxe. proba isto: Escribe os capitulos como queiras e despois deixa pasar uns dias, colle un doc en branco e escribeo de novo o mais rapido que poidas, sen deterte a recordar frases concretas, so co que te acordes no momento. con sorte acordaraste das cousas importantes e non da palla. pois aí o tes.

    a situacion de Ana co fillo pareceme ben tratada. ten boas escenas e boas reflexions. Ata chegamos a ver que Ana non é so un drone espia. Por desgracia dura pouco e enseguida volvemos á tónica habitual. O narrador divaga coma se fose un 1º persoa, pero sen as vantaxes que ten o uso da 1º persoa. Comeza a falar dunha escena, despois cambia a Ana e a un supervisor que non sei de onde sae nin quen é. que supervisa? despois diso volvemos falar do roubo, cunha descripcion tan fisica que perde todo o sentido, coma se a forma de transmitirlle ó lector o roubo fose a traves dunha cámara de vixiancia e non dun narrador. Poderia entender que describiras asi unha escena de tiroteo tipo o bo o feo e o malo entre 3 personaxes que buscan algo uns nos outros ademais de matarse. pero isto é so un roubo nunha tenda e non ten mais percorrido, nin sequera imos volver ler mais nada sobre alguns dos actores desta escena.

    A cousa anímase despois coa volta a saul e o accidente, que está narrado de forma fria (podian ter morto todos e seguiria sen haber emocions), pero polo menos está narrando algo que non pasa todos os dias. non é que chova por sorpresa, va.

    que a ver, eu creo entender certa intencion global. a choiva é un imprevisto, raquel tamen, alicia en certa forma na historia, o accidente e tamen a nova escena. ata o comportamento de luc. os dialogos gustaronme tamen. por certo, roberto vai incluir as imaxes do accidente na pelicula?

  2. Esta novela lémbrame aos gags dos Simpson onde interveñen suecos. É moi difícil conseguir unha frialdade tan estrema nunha narración. Ten que ser intencionado e agardo que ao final haxa un fin xustificado para esta travesía. Queron un Admunsen e non un Scott. Quero que sexa como esa película danesa, Wordet, (A palabra) creo que se chama (perdoade pero escribo de memoria no móbil dende un avión sen conexión a internet) onde o final xustifica de sobra todo o frío que pasa o espectador.

    E este capítulo é o paradigma da conxelación, do cero absoluto que se contaxia do narrador a todas as personaxes. Dáselle a mesma importancia ao tempo que vai cando Ana atopa o seu fillo (até agora pensaba que era un neno, o que lle quita dramatismo ao seu conflito) que a un accidente de coche con feridos. O narrador amósaos case coma o mesmo tipo de imprevisto. Mesmo Ana, que no mesmo día que coñece a súa nora ve como o seu fillo abre a cabeza, acaba o seu día arranxando os detalles da rodaxe e preparando unha nova escena para un director tan narcisista que nin pregunta como está ela nin o seu fillo. Ata que estremo de insensibilidade se pode chegar resultando crible?

  3. Boas de novo!!!

    Coincido cos compañeiros en canto o da frialdade do narrador. Se ben é certo de que se trata dunha terceira persoa, excédese na súa obxectividade. Como lector preciso dun pouco de paixón narrativa que me faga vibrar. Por exemplo, na parte do accidente, cóntase coma quen conta que alguén está indo ao traballo. Fáltame un pouco de vida no texto en xeral.

    En canto so ambiente laboral, segue estando moi logrado, ao igual que nas entregas anteriores, creo absolutamente o entorno; as problemáticas das rodaxes, o tempo atmosférico, os cambios de guión, a rodaxe con animais… paréceme que este aspecto está conseguido.

    Creo que xa o comentara en outras ocasión, pero me gusta moito o de ir metendo as partes do guión.

    Dende o meu punto de vista o único punto a tratar sería esa falta de enerxía por parte do narrador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *