Cecilia F. Santomé: “A maioría dos blogs de moda só producen contidos publicitarios”
César Lorenzo Gil.
Con esta entrevista iniciamos unha nova sección, que atende e pretende darlles alento a novas iniciativas na rede que usan o idioma galego. Porque os medios en galego importan, impórtannos.
Cecilia Fernández Santomé (San Simón da Costa, Vilalba, 1984) é a editora xefa de Coolt, unha revista dixital de tendencias en lingua galega que naceu canda o 2016. Das que consideran que o movemento se demostra andando, coida que para acabar coa carencia de medios en galego hai que construír medios en galego. Os criterios editoriais da revista: edición e coidado dos textos e un compromiso absoluto cos lectores, non coas marcas.
Coolt, como pronunciamos, con dous os ou á inglesa, case como “cult”?
Á inglesa, idioma no que cool é fresco, novidoso, que está de actualidade, que é tendencia.
“Cult” tamén é unha referencia á cultura.
As tendencias como espazo xornalístico non poden esquecer a cultura, digo máis, forman parte dela. Detrás da moda hai arte: no deseño, na música, nos libros. Hai expresión dunha sociedade que quere amosar o mellor de si mesma. Iso forma parte da cultura.
Por que unha revista dixital sobre tendencias?
Coolt é o resultado dunha idea que leva na miña cabeza moito tempo e que por fin fraguou. Desde sempre me gustou escribir e sempre tiven a esperanza de poder escribir daquilo que me apetecese. Despois de traballar como redactora web moito tempo, tamén no campo do marketing, quería facer un proxecto propio. Tiña claro que tiña que ser unha publicación en liña. O ano pasado por fin se deron algunhas circunstancias que me animaron a cumprir o desexo. Miña irmá Cristina Fernández empezou a colaborar comigo (de feito, é a redactora da revista), recibín apoio da familia e das amizades e logo de medio ano de traballo, por fin a idea, e a web, estaban conseguidas.
Por desgraza, para moita xente hai certa incompatibilidade entre falar de tendencias no mundo globalizado e utilizar o galego.
Esta pregunta recórdame a un comentario que nos fixo Sés cando a entrevistamos para Coolt. Dicía ela, con toda a razón, que case sempre lle preguntaban por que cantaba en galego, coma se fose algo estraño. A ninguén lle pregunta a unha cantante toledana por que canta en español, nin sequera se cuestiona que Dover cante en inglés. Pero o galego é como un estigma que tes que explicar no teu propio país.
Pode ser inxusto pero só cómpre percorrer un cacho a rede para ver que a maioría dos blogs de moda ou de cociña que se redactan en Galicia están en castelán. Por non falar da prensa profesional. O cómodo sería unirse a esa corrente maioritaria.
Eu nunca pensei que este proxecto puidese ir adiante noutro idioma que non fose o meu, o noso. Eu falo galego, coido que o galego serve para calquera ámbito e non fago maiores reflexións. É natural á miña arela de crear Coolt e coido que onde outros poidan ver debilidades, eu vexo vantaxes. A lingua axuda a identificar a orixe e o espazo da publicación, a relacionalo coa propia sociedade galega que crea e propón tendencias en diversos ámbitos. Faime máis doado convencer o público que lea a revista de que somos auténticos porque somos de aquí e pensamos nos lectores de aquí. Ou que, como foi o meu caso, a xente de aquí que non vive en Galicia mais quere seguir mantendo os vínculos coa súa terra.
Como é o formato de publicación de Coolt?
Queremos que sexa unha revista con ritmo de revista, polo tanto facemos unha edición mensual de contidos que imos enriquecendo cada semana con dous novos textos que completan as seccións habituais e nos permiten atender a actualidade.
Acaban de empezar pero seguro que xa hai plans a medio prazo.
Por suposto pero non son inamovibles. Gústanos ir pouco e pouco, seguras, analizando o que facemos e pensando moi ben cara a onde camiñar. Por exemplo, o noso obxectivo máis inmediato é ampliar a redacción. Queremos novas firmas, novos temas. Pero somos moi esixentes no proceso de selección. Recibimos varias propostas de persoas que queren escribir en Coolt de xeito voluntario (por desgraza, hoxe non hai outra maneira de manter unha revista dixital) mais necesitamos manter a coherencia da revista nesa ampliación.
En que consiste esa coherencia.
Sobre todo en dous conceptos: a integridade de Coolt como publicación xeneralista e independente e a calidade dos contidos. Da miña experiencia no marketing, pódoche dicir que o 80% dos blogs de moda e outras tendencias están pagados, dunha maneira ou doutra, é dicir, son publicidade, non información. As persoas que crean eses espazos de comunicación, unha vez que crean unha influencia, “véndense”, publican só aquilo que lles dá beneficio. Chegan a un punto onde incluso perden esas vantaxes polas que conseguiron atraer público e simplemente son repetidores das mensaxes que as empresas queren transmitir coa aparencia de información cercana e fiel mais que en realidade é puro anuncio.
Outra eiva que hai en moitas publicacións é a calidade dos contidos. En Coolt queremos textos que estean ben escritos a todos os niveis porque así han comunicar mellor e, sobre todo, lle transmiten ao lector o noso respecto. Unha publicación descoidada, na que non hai edición nin control, estalle dicindo implicitamente ao lector: pensamos que para ti serve calquera cousa. Esa non é a mensaxe que nós queremos mandar senón a antagónica: como te respectamos, sabemos que non che vale calquera cousa, a nós tampouco.
A nosa estratexia comercial é de compromiso e vontade a custo cero. Se non hai gastos, o proxecto pode vivir sen ingresos.
Cales son as súas fontes informativas?
Estamos construíndo a relación entre os creadores de tendencias, especialmente os galegos, e nós. De momento queremos deseñar unha ampla base de datos e unha axenda de eventos e actos de todo o tipo pero cos nosos recursos económicos e humanos, os procesos son lentos. Tampouco están axudando determinadas plataformas ás que lles pedimos colaboración. Non sei se por temor á competencia ou por interese, algunhas portas que pensabamos que iamos ter abertas, pecháronse con ferrollo.
Como funciona a súa estratexia comercial?
De momento non temos. Parécenos inmaturo o proxecto para albergar publicidade. Temos que enfocar o persoal co que contamos en crear contidos, en explicarlles aos lectores que é Coolt. Só levamos tres números. Fainos falta máis tempo. A nosa estratexia comercial é de compromiso e vontade a custo cero. Se non hai gastos, o proxecto pode vivir sen ingresos.
Mais a longo prazo vostedes queren ser unha revista convencional, e polo tanto con publicidade.
Por suposto. Estamos convencidas de que hai un público obxectivo para a revista e imos pelexar por atraelo a Coolt. De momento estamos moi satisfeitas coa acollida e contamos con que haxa moita marxe de mellora.
Vostede é especialista en marketing. Que papel teñen hoxe as redes sociais na difusión dun proxecto coma Coolt?
Os meus compañeiros dese sector dirían que o máis importante é pagar unha gran campaña nas redes sociais, colocar o nome de Coolt en todas as partes… Pero eu penso que neste momento, dado o modelo que seguimos, o máis importante é favorecer o que se chama tráfico orgánico. Debemos ter actividade nas redes sociais e converter o facebook, por exemplo, nunha sección máis da revista, con contidos atractivos que axuden a fixar a cabeceira e sobre todo a estender o concepto que a revista quere desenvolver. En tres meses xa temos máis de 700 “gústames” no Facebook.
Está moi ben. Biosbardia ten 141 en ben máis tempo.
O crecemento dáse grazas ao noso convencemento de que as redes sociais non só son un escaparate senón que teñen que funcionar como unha parte viva e autónoma da revista.
O libro é tendencia?
Si. Ou non. Neste caso non hai respostas acertadas, menos se falamos do libro en galego. Hai que ter en conta que a relación da sociedade galega coa cultura galega en xeral e co libro en particular non é unha relación normal senón que parte dunha discriminación habitual na maioría dos casos. O libro en galego non ten as mesmas oportunidades de difusión e coñecemento por parte dos lectores. En calquera caso de discriminación, fai falta, polo tanto, apoio institucional e no caso galego non o hai.
O libro galego si debe facer un esforzo por diversificar os seus intereses. Non debe quedar ningún tema sen tratar, para cada xénero editorial seguro que hai un público.
Hai que atender os grandes nomes pero tras Suso de Toro e Manuel Rivas hai moito talento e debemos facer o esforzo, en xeral, non só desde os círculos unicamente culturais, de dálos a coñecer, de presumir de creatividade.
Des que volvín do estranxeiro, doume conta de que aumentaron as voces creativas: hai máis escritores que publican, hai novas editoriais cuxos promotores poñen enriba da mesa o seu propio patrimonio persoal para sacar adiante libros en galego… Todo isto indica algo porque, como dicía, as condicións institucionais non son nada doadas para facer cultura hoxe en día en Galicia.