‘Cela nova’ vs ‘Olladas de mica’
Xornada sétima e derradeira da Liga de Outono 2021. Duelo entre Pilar Vilaboy e Xerardo Méndez.
Traba: Os relatos só poden usar palabras cuxas letras estean contidas na seguinte oración: “Xosé Luís Méndez Ferrín de Celanova”. As letras proscritas si poden utilizarse en conxuncións e preposicións.
Cela nova
Xerardo Méndez.
Os micos óllanme na imaxe que non me fala; onde corre o Nilo serían vixías de deusa.
Non mediado o día, nuns ollos que me recordan neno nace sal e mancan. A idade levoulle a voz. Mal oe. Move aire e non di. Mírame. A vida vaise, e máis… Non dá falado. A voz é so ruído. Ruído e dor. Máis o lume… dixo o Celso.
O lume asa as mazás no mediodía. A carne recende, e o zume das uvas convida o sorriso da amizade. Andar ese carreiro é doado, é doce. Cismas: a ledicia é escasa, a vida un correr cara á saudade. Os días voan e ven a escuridade.
A coiraza nace noutros ollos: ollos que de mel son cuncas cando o día cae.
Ir e volver ao sono. Iso é. E non. Alén do sono. Alén. Onde viven os ollos dos micos. Non os da imaxe.
Olladas de mica
Pilar Vilaboy.
O meu nome é Rona e son familiar da mica que vai fuxir da súa ama, a que vai de mouro e semella anicarse. Esa imaxe onde mulleres e micos axexan na rúa a ver se se dan coordinado. Vou levar o —– á au-a e darvos o xuízo dun-a minina.
Son un animal aseado, por iso considero ofensivo que se fale das lavaduras do —– cando un se lava mal. A avoa arreo dicía que cando os —– lavan a cara, sinal de visi-a na casa. A mamá morreu cando nacemos meus irmáns e mais eu e criámonos con ela. A avoa foi un ser único que nunca nos ensinou a cazar. Xa somos varias xeracións de micos criados con amos e con comedeiros.
Á nosa maneira de falar dicímoslle maiar. Cando acoden á casa e invaden o meu lar, ulo e maio coma se fose un aviso. Cando se acomodan no sofá, eu cóome no medio para indicar que esa é zona de meu. E sexa de onde sexa, caemos de —– coma os —–. Somos animais azarosos é por iso se fala das nosas 7 vidas.
“Son moi seus”, oio dicir da nosa raza. Cualifícannos de desleais e reservados: o —– acari-a co ra-o e ra-u-a coas unllas, pero só o facemos coa cola porque carecemos de mans. Cando ansiamos mecos, arrimámonos para acadar un mioco. Son Rona porque mira que levo rosmado desde que nacín. Nin sei porque se di andar a —– , para referirse a andar sobre as mans e os xeonllos, cando a maioría dos animais mamíferos andan así.
O —– escaldado, da au-a fría foxe, e sei que vou escaldada. A ama, con ínfulas de narradora, ilusionouse cun concurso. Pero déronlle —– por le-re ou non sei o que lle sucede no concurso. Cada semana, un calvario. Amólase porque case non a elixen e vólvese soidosa e vai revendo polas análises que lle fan. Se cadra fixo mal en concursar. É mal sinal cando oe a canción “Ollos de —–“.
A muller é recelosa e con medo ao fracaso. Non lle dou lido o que narra para analizalo. O que si vin foi a imaxe da avoa cos micos e as mulleres, pero de onde sacaría esa imaxe? Oxalá, a ver se na derradeira xornada vira a cousa e vence o seu rival. Os derradeiros serán os —–. E a ver se volve a calma á nosa casa.
Antes de nada, parabéns a Xerardo e Pilar pola súa participación no torneo. Foi moi divertido competir contra vós.
A traba desta última xornada foi moi dura. Quitáronnos letras clave e non é doado narrar con esas limitacións.
Cela nova
Penso que o autor/a fixo ben en optar por un texto curto e coidado, case lírico. Non se desenvolve unha historia moi complexa, mal cando menos resulta evocador.
Olladas de mica
Gustoume que o autor/a tentase construír unha historia, mais penso que non fixo ben en obviar a traba e substituír as letras proscritas por guións. Penso que a dificultade dos relatos nesta xornada era precisamente forzarse a traballar máis o vocabulario e os recursos narrativos. Para min non é un caso comparábel ao que fixera Lois na historia de Cortázar. Naquel relato, o uso suxerido da letra proscrita, alén da brincadeira, tiña a función literaria de estruturar a narración, darlle ritmo. Penso que non é o caso nesta historia.
É por iso que o meu voto vai para Cela nova, que creo que responde mellor ao que nos pediu César.
Cela nova
A traba fixo que o texto resultase un tanto criptico pero non se senta mal de todo. O primeiro que quero dicir é que a ultima frase (Non os da imaxe) me caeu fatal nese final tan poetico. Tes unha frase tan boa e redonda para rematar o relato como “onde viven os ollos dos micos” e vas e encasquetaslle esoutra, coxa e manca, despois. Un pecado.
Globalmente o relato deixame un pouco en terra de ninguén. Hai unha mestura de cousas concretas (gatos, imaxe, o mediodia…) e difusas (semella que alguen querido polo narrador está morrendo) que non logro combinar. Tampouco o titulo me da pistas. Foi unha escolla arriscada elaborar un texto etereo cando as ferramentas linguisticas eran xa tan limitadas.
Veña, vou tentar desentrañala a ver que pasa.
A primeira frase parece mostar a unha persoa mirando unha foto na que saen gatos. Faise unha referencia a Bastet, deusa relacionada con moitas cousas entre elas os raios do sol.
Seguinte frase: situamonos pola mañá (non mediado o dia). Será unha mañá figurada? A mañá da vida? Recordame ó acertixo da esfinxe (moi felina tamen). Eses ollos teñen que ser os dun pai ou avó (depende da idade do narrador). Choran e tenta dicir algo pero non é capaz. Despois está a referencia ó lume e ese nome, Celso.
Seguimos co lume pero agora ó mediodia. Algo avanza, é o día ou é a vida? Falase de comida e de sabores. Parece algo bo pero en seguida aparece o paso do tempo para tapar a ledicia: chega a noite.
Aparecen outros ollos que fan que a escuridade sexa mais levadeira. Poderia ser que antes se falase de ver os maiores morrer e agora se trate dos fillos.
O final parece falar de algo ciclico, tipo reencarnacion ou algo asi. Voltamos, pechamos o circulo, ós gatos e ós ollos. Os gatos tamen son seres que relacionamos coa morte. A simboloxia está aí pero non acaba de revelarse a foto. A ultima frase insiste na imaxe do principio pero aqui si que estou perdido. De novo, o titulo non me di nada de axuda.
Cela (entre outros significados): Cámara principal dun templo clásico, onde está a imaxe do deus.
Cela nova é un corpo novo? Volvemos ó tema da reencarnacion, por iso o relato comeza con alguen agonico? E o lume… pode ser unha referencia ó fenix?
Eu que sei.
Olladas de mica
O/A autor/a puido evitar facilmente a palabra gato (quitando esa o rest ode guions son anecdoticos) no relato e non quixo, asi que non o vou tomar como pereza ou non querer cumplir a traba senon como unha especie de sinal que nos manda, porque está claro que fala da liga de relatos.
Ten o seu punto que a foto sexa un casting, que non deixa de ser un concurso, e o relato afonde niso. O que menos me convence da historia é que a conte un gato. É aí onde non vexo ningun esforzo. Entendo que o/a autor/a non pretendia narrar como un gato nin achegarse á vida dos gatos (son todo frases feitas), só queria unha vision achegada e ese alter ego que é a avoa. Podía ter sido unha neta ou a neveira.
Penso que xa psotos era mellor ir ó gran desde o inicio e non meterse a falar da vida ou gustos do gato. É complicado humanizar un animal nun relato, tes que xogar coa fantasia e realismo a un tempo, ou ben mesturalo co humor.
Voto por Cela nova, esta xornada é a de mostrar que menos é mais. A veces complicamonos demasiado.
“Cela nova”: Cústame entender a historia, pero paréceme fermosa e levadeira.Teríame gustado máis claridade, pero tamén sei que neste duelo é parte do mal da traba: non poder escoller as palabras máis acaídas pasa factura.
“Olladas de mica”: Teño dous problemas con este texto. O primeiro, algo que xa comentei noutra ocasión, o exceso de explicación, de obviedade. O segundo, que a solución de suprimir a palabra que non pode usar non me convence. Co da obviedade refírome a que me resulta simplón e aburrido un texto que comeza con “o meu nome é Rosa e son familiar de…”. Parece a nota que fas para logo escribir outra cousa. Eu non son quen para dar leccións, pero creo que se pode dar unha volta nos textos para expresar doutra forma, algo tipo “Miña prima chamábame Rosiña cando quería demostrar algo, coma o día que escapou da viúva roñona”. Eu que sei, dar a mesma información doutro xeito.
Espero que esta sexa a parte na que sacamos algo dos duelos. Está claro que o formato non axuda a dar o mellor de nós, as limitacións temporais e formais, tampouco, pero hai moito consello oculto que nos pode axudar, hai textos con solucións fantásticas que nos ensinan cousas novas e hai compañeiros sufrindo á par.
Malia o que comento no segundo parágrafo, velaí un conselliño que sempre me gustou: se alguén sinala moi clara e concretamente o que está mal no teu texto (libro, pero válenos), normalmente, trabúcase. Se sabe que algo falla, pero non é quen de explicar ben o que, ten razón.
En fin, o meu voto vai para “Cela nova”.
espero que nunca che toque un médico, un mecánico, un examinador, un avogado, un asesor fiscal ou un terapeuta que che diga que algo está mal pero non sabe explicarche o que (nin o por que).
Vaia mala pata que xusto sexa na crítica literaria onde sinalar clara e concretamente os erros é trabucarse. Que oe, iso pasa, igual que tamen se equivocan os médicos, pero ese encumbramento da incapacidade de explicacion deixoume pensando. Por outra parte, e aplicando o mesmo criterio, dame que é unha frase demasiado clara e concreta como para estar no certo, sería mellor algo como: “se alguen di que algo está mal no teu algo, trabucase; se alguen di que algo está xenial no teu algo, acerta”. Sabiduria universal.
A cita, que só digo que a min sempre me gustou, é esta:
“Remember: when people tell you something’s wrong or doesn’t work for them, they are almost always right. When they tell you exactly what they think is wrong and how to fix it, they are almost always wrong.”
Forma parte das 8 rules for writing que Neil Gaiman deu para The Guardian aló polo 2012, eu vinas en en Brain Pickings (agora The Marginalian). Especialmente no conxunto de “reglas”, e na miña experiencia persoal, para min é un consello magnífico.
A miña experiencia é que se hai dúas persoas que coinciden en que algo que escribín non lles gusta, algo de razón levan. Pode haber casos nos que teimo, porque é algo que para min é importante facelo daquel xeito, mais o máis habitual é que faga caso e tente corrixilo.
Oxalá alguén lle dixera ao Gaiman todo o que estaba mal en American Gods…
Eu penso que Neil Gaiman estaba a falar dun plano máis elemental das cousas. A cando alguén tacha algo sen esforzarse na explicación, dando como único argumento que iso esta mal e o pode facer mellor. Outra cousa é o coñecemento argumentado, que se respalda nunha teoría e sobre o que se poden facer melloras sustancíais máis alá de non: eu teño razón porque sí.
E o argumento de autoridade de que hei que non o digo eu, dixoo Neil Gaiman é un bo simulacro deste tipo de coñecemento.
Chego tarde e arrastro, e a ver se non mal. Toca sobre todo despedirse e darnos unha aperta dixital. Foi un pracer competir con Xerardo por primeira vez e con Pilar de novo. Agardo volver a vervos por estas terras dixitais.
“Cela nova”. O texto é moi críptico pero evocador. Prosa poética ou poesía directamente. Traza imaxes que curiosamente van moi ben coa foto, ese sol de mediodía. Eu penso que se fala do transo vital dalgunha maneira. E andan aí os gatos polo medio. Para min a última frase non existe, quedeime na magnífica penúltima frase se o autor mo permite. A solución para a traba estaba aí e era sinxela, texto curto evocador. Parece fácil pero non o é e por iso felicito ao autor ou autora.
“Olladas de mica”. As palabras riscadas céntranse no gato e poténciano dalgunha maneira. Eu non usaría o de mico para realzar iso inda máis, e só usaría o efecto nas palabras gatunas. A ese respecto está ben o recurso. Entendo que a todos nos custou afrontar isto, para min ten moito mérito a xente que non tirou de picardía, porque o afrontaron desde un punto de vista desde o que eu precisaría varios meses de tirar de diccionario. Eu son un escritor sen demasiada formación académica nestos eidos e non vos imaxinades o pampo que quedo cando leo as cousas frondosas e ricas que soltades por aquí. Pero tamén valoro moito a inventiva e a picardía que supón ir con todo cando non tes os recursos. Aquí o único que falta é máis gato, como dirían nos Simpsons, sempre me resultou moi difícil personalizar aos animais, e sen letras… En canto ao mensaxe meta… Ánimo para o autor ou autor@. Eu non comecei a gañar case nada ata o meu cuarto torneo (participara nun en Castelán antes e cruxíronme de mala maneira) e levei nos dentes tan severamente que case me caen. Quedádevos cos relatos que fixestes, fillos amados e tan imperfectos coma nos. Quedádevos tamén con quen se tome máis de dez minutos en dicirvos o que pensa, porque seguramente lle importe algo.
O meu VOTO vai para “Cela nova” polo elegante e evocador.
Batendo récords de chegar tarde: si son.
Meus parabéns aos dous autores por sobrevivir á Liga, que non é pouco¡
Cela Nova, como din todos os compañeiros, ten un ton lírico que lle acae moi ben, a brevidade funciona coa traba e o críptico encaixa moito coa figura do gato. Sinto que se perde un pouco na súa propia linguaxe. Así queda un texto de mitoloxía exipcia (Bastet é a miúdo ligada cos gatos ou Neith, tecedora do destino ou incluso indo ao Nilo en particular: Sobek, deus protector) que é moi esixente na súa lectura. Xogar cun texto tan abstracto, que practicamente se constrúe na cabeza do lector, é moi arriscado. Entendo que nos está a falar do ciclo vital e da reencarnación que o engloba. Pide moito compromiso e creo que na Liga triunfan os relatos que che deixan ir satisfeito despois dunha lectura.
Olladas de mica parece un relato que non atopou mellor forma de enfrontar á traba que riscala. Así deixa un sabor medio insatisfeito. Hai quen decidiu respectala e quen decidiu xogar con ela, pero este paréceme un método algo collido polos pelos. A historia chámame a atención, sempre é interesante buscar novas voces que narren. Pero de facelo así, penso que é necesario que o narrador busque personalidade. Algo máis alá dunha primeira persoa intercambiable. Aínda así, apreciei moito o xogo de dúas lecturas e penso que se o elaborase con máis tempo, quedaría o relato perfecto para unha última xornada. Ese aire apoteótico de batalla final xa o ten.
Creo que debería intentar buscar unha narración algo así:
https://www.youtube.com/watch?v=a0qBNigv6KY&ab_channel=BestTikToksDaily
O meu voto, apostando por esa revisión do relato, vai por Olladas de mica.
Bos dias compañeiras:
Celanova
Ainda que concordo coas compañeiras en que resulta un tanto criptica, pareceme que o ton lírico e de frases espalladas quedalle moi ben Gustame o recurso.
ollasas de mica: tamen me gustou moito, neste caso reseñar as palabras referidas ao gato con espazos, que sen dúbida amosan bastante creatividade á hora de elaborar o relato
O meu voto vai para cela nova