‘Chan ou banco’ vs ‘O Segredo’
Xornada 1. Ana Vigo fronte a Marisol Gándara.
Chan ou banco
É un luxo vivir nos soportais do supermercado. Rosaura aprendeu a non poñerse nos zapatos dos que ateigan carros con cousas brillantes de cores e plástico. Na súa vez mira os que amorean miserias en sacos do lixo ou maletas vellas e prefire viaxar lixeira de equipaxe. Libérase nos baños das grandes superficies dúas veces ao día. Coñece a mellor hora para adentrarse no seu branco aséptico. Enche a súa botelliña de auga, ao axexo de que a pillen en falta, e prepárase para o ritual matutino do aseo. O cubículo gris parece xa parte da súa casa. Se tivese. Repasa o corpo por parroquias, con pulcritude e silencio e dá grazas polo acceso ao papel hixiénico. Aproveita cada gota de auga e lava os dentes sen demora para que ninguén se moleste. Temporal e precaria, tan parte do cadro de persoal coma as caixeiras ou o garda de seguridade, pero non está ben coller confianza.
O resto da mañá camiña entre os lineais coma unha nena boa que mira pero non toca e fascínase coas etiquetas. Soña que algún día mercará isto ou aquilo, que probará dos frascos e das botellas. Fáiselle a boca auga. Esfarélaselle a vontade e amasa o medo a roubar. Escapa. Fóra, o Ramiro repréndea por tardar e dille algo da noite, de marchar, de drogas. Rosaura asente, ocupa o seu lugar coa cabeza baixa e comeza a entoar o mantra dos bos días.
—Bos días, señora —executa mecanicamente. A moeda non soa e corre a tarde. Os clientes do Alcampo pasan coma se non existise, pero da aldea herdou os ollos das vacas.
Só ve un prado infinito mentres rumia un bolo antigo de frustración e impotencia. Decátase de que cae a noite cando sente o resío e chega a peor parte. Volverá el para arrincala do abismo das memorias e devolvela ao abismo do presente. Finxirá beber do cartón. Ben lúcida, sentirá o noxo cando el se fregue e queira meterlla, coma cada madrugada, pero esta noite ela durmirá no banco. Come algo de pan e mortadela que deixaron de paso. Cociña a última cea medindo o veleno a ollo. Culler, xeringa, goma no brazo. Espera. Cantarúxalle arrolos como se fose un boneco.
—Agora non fagas ruído —bísballe na orella sabendo que non dirá ren mentres o deita morto no chan, durmidiño coma un neno. Tápase co que queda dunha manta con dous cabalos brancos. Todo o que queda, todo o que falta, é unha historia triste de perdas e remorsos. Sóbelle un cheiro a suor vella. Imaxina que pola mañá, cando os atopen, levarana ao hospital para un baño, cando menos.
—Non era malo —di en voz baixa, coma se falase cos asistentes a un velorio que nunca terá lugar—. Non me pegaba —suspira para honralo. Pero a liberdade non entende de cadeas e deberlle a cona era un grillón demasiado pesado na súa conciencia. Ceibou unha. Xa pensará mañá na outra. Sente a calor listada da reparación. Adormece.
Marisol Gándara.
………………………………………………….
O Segredo
Prometéralle tanto diñeiro a aquela rapariga que estaba convencido de que non me defraudaría. Era coñecida como a mellor espía do país. Dela dependía que eu mellorase a miña xa privilexiada posición no futuro.
Agardei naquela canella escura durante uns minutos eternos. O lugar era perfecto para realizar o intercambio: unha papeleira que fedía a podredume salvaba as distancias entre dous bancos, próximos dabondo para poder vixiala, e afastados ata o punto de que ela non adiviñase a miña identidade.
Deixara o paquete cos cartos no interior da papeleira, tal e como acordaramos. A figura da espía emerxeu da escuridade xusto á hora establecida. Sentou no outro banco, silandeira, como indicaban as instrucións que o meu axente lle facilitara. Lancei sen pretendelo unha mirada de curiosidade ao paquete que aferraba entre as mans. Contiña o Segredo, aquel que lles servira aos meus inimigos para controlar as vontades da plebe. Perdérano de vista, e agora sería meu, despois de tantos anos na súa procura.
Transcorrido un tempo prudencial, a rapaza ergueuse. Achegouse paseniño á papeleira e realizou o intercambio. Despois seguiu o seu camiño, pasando por diante de min sen mirarme. O seu amplo abrigo ocultaba a súa nova carga.
As miñas alarmas disparáronse. Non quedaramos naquilo, supúñase que eu debía recoller o Segredo nun primeiro momento. E por que camiñaba tan rápido?
Precipiteime sobre a papeleira e a rapaza botou a correr, xa sen disimulo. Collín o paquete cos cartos e fun tras ela. Era veloz, e a min as festas con altas personalidades fixéranme perder a miña antiga capacidade atlética. Claro que, quen necesita correr, cando pode disparar?
Nunca destaquei pola miña puntería. Acerteilles a un transeúnte despistado e a unha rata antes de alcanzar o peito da rapaza. Caeu inerte, e o paquete co Segredo rodou polo asfalto ata alcanzar a Gran Vía.
Varios curiosos asomaran para comprobar a que se debera aquel estrondo, pero non me decatei. Só pensaba no Segredo, e achegueime a cara descuberta a por el, co revólver aínda na man e, cónstame, un xesto de loucura que de nada me serviría fronte a opinión pública.
Escoitei as murmuracións e os teléfonos ao fotografarme, vin unha multitude crecente que me sinalaba e xesticulaba, escandalizada. Non me importou tanto como debería. Case chegara ata o Segredo, e unha vez que o tivese, de nada servirían os pensamentos dos outros; eu sería o seu único dono.
Acheguei as mans ao paquete, que estoupou en mil anacos. Do seu interior xurdiu unha cabeza pequena e peluda, con orellas gachas e fociño alongado. Fitou para min cunha ollada burleira. Quixen atrapalo entre os meus dedos, pero o Segredo despregou as ás e elevouse no aire cun chirlo, sobre as cabezas curiosas da poboación.
Boa tarde, vou deixar as miñas impresisións e o meu voto para este duelo.
O relato ‘Chan ou banco’ pareceume moi bo, de principio a fin. O xeito de narrar esa relación baseada nun acordo tan denigrante pareceume fantástico e, tamén, como amosa en tan pouca extensión a vida e a relación de ambos protagonistas.
O relato ‘O segredo’ tamén me pareceu bo, pero o problema que tiven con el foi que é un tema moi manido de series e filmes. Ao tratar unha escena tan ‘clásica’, vista tantas veces, agardaba algo máis del. Non sei, faltoume algo.
O meu voto é para ‘Chan ou banco’.
Chan ou banco
‘Chan ou banco’: Parece-me um relato bonitíssimo. Creio que está súper bem escrito e escolhe com muito cuidado cada palavra utilizada. E penso que sabe estabelecer um ritmo lento que, longe de ser algo negativo, contribui a criar a atmosfera que justamente necessita o texto. E as personagens estão genais. Parabéns à autora!
‘O Segredo’: Também desfrutei muito deste relato, mas concordo com Xosé quando di que hai algo que está a faltar. Por outra parte, intuo o que queria conseguir a autora ao não revelar em quê consiste o tal “Segredo”, mas talvez me teria seduzido um pouco mais com alguma informação extra, alguma pincelada mais. De todas formas, não creio que seja um mal relato, em absoluto. Mas tinha uma competência difícil de bater.
O meu voto é para ‘Chan ou banco’.
Boas noites;
“Chan ou banco” foi o relato que me gustou máis de todos os que lin nesta xornada 1. Parabéns para a súa autora porque enganchoume desde o principio con Rosaura. Encantoume a metáfora “da aldea herdou os ollos das vacas”, penso que é moi gráfica e orixinal.
“O segredo” ten unha competencia moi forte. Resultoume algo aburrido e repetitivo abusando da palabra segredo e non me enganchou desde a primeira liña como o seu contrincante.
O meu voto para “Chan ou banco”.
Boas. Gusotume bastante este duelo, penso que do melloriño da xornada. Comezo o destripe.
“Chan ou banco” creo que, como se apuntou, poida ser o mellor relato da xornada. Ten moitas virtudes e poucas eivas. Encántame o ton lento, pausado, deprimente pero realista. Encántame a persoaxe principal, mirando as cousas que non pode ter. “Da aldea herdou os ollos das vacas”, xa só con esa frase ganaba. Gústame tamén o final. Como única eiva penso que igual o Ramiro precisaba algo máis de espazo, pero as cincocentas son crueles, sobre todo coas persoaxes secundarias.
De “O segredo” gústame sobre todo o ambiente irreal e paranoico desas pelis de espías estrañas e surrealistas onde tanto estás drogado, como te persigue unha burbulla xigante a pelexas cun mono a coitelo. O macguffin do “Segredo” váiselle das mans ao final e é unha mágoa (tamén se abusa da súa repetición). Ao principio hai algunha incogruencia co que o tipo agardaba que fixera a tipa e o que realmente fixo que el non era o que esperaba. Creo que aquí había que ir máis ao surrealista (si, inda máis) e máis a polo humor. Cando se revela parcialmente o segredo a cousa perde fuelle.
O meu VOTO vai para “Chan ou banco”. Parabéns á autora porque este é un dos relatos que quedan dun torneo.
Chan ou banco
gustame o narrador utilizado. É moi cercano a Rosaura (expresa os seus pensamentos a través da narracion ou aporta outros que a definen moi ben), pero á vez manten certa distancia con ela. gustanme varias frases, especialmente o da nena boa que mira pero non toca. É certo o que di Botana de que o tema Ramiro-drogas está pouco tratado. o relato pasou de puntillas por algo que no fondo importa bastante e temos que dalo por feito, como se as drogas fosen a wifi de quen non ten casa.
Outra cousa que me gusta moito, e que tomen todos nota disto, é que o impacto do final non está no acto de que Rosaura se cargue a Ramiro. O punto forte está na propia Rosaura, nas suas motivacions (o banco?), no que sente ó facelo, en como o fai (cantalle coma se fose un boneco, co cal ela é unha nena na comparacion, non unha nai co seu fillo) e ata en que se endureceu tanto (o titulo xa sona cru) que apraza os remordementos para outro dia como se tal cousa. A morte de Ramiro é un caramelo para o lector.
O Segredo
Vexo alguns problemas neste relato. Un deles son algunhas expresions escollidas pola autora soan a xa vistas, a redaccion xornalistica (non sei se se entende o que quero dicir) e non axudan a darlle carisma ó narrador, que é un 1º persoa e vive diso. Falo de cousas como “a miña xa privilexiada posicion”, “un tempo prudencial”, “que o meu axente lle facilitarar”…. e tamen a algunha sobreexplicacion a algun adxectivo que sobra. Tamen hai algo indescriptiblemente raro en que alguen que ten que pasar desapercibido por traballo sexa “coñecida como a mellor espia do pais”. En resumo, é un narrador un pouco redicho.
Outro problema é que non entendo que foi o que saiu mal no intercambio. Mellor dito, non sei por que lle saltaron as alarmas ó prota. A espia vai cara a papeleira e realiza o intercambio. É dicir, deixa o Segredo e colle a pasta. E tras iso segue o seu camiño coa “nova carga”. Que é o que está mal aí? Non qeudaran niso? Enton, en que quedaran? Non pode ser que fose en darlle o segredo en man, xa que el nos di que queria manter oculta a sua identidade. Para que vai a espia a ese encontro se non pretendia facer o cambio? Pola pasta? Pero se vai so por iso, para que levar o segredo encima? En fin, non o entendo.
“Varios curiosos asomaran para comprobar a que se debera aquel estrondo, pero non me decatei.”
Se non se decatou, como sabe que se asomaron? Narrar en 1º persoa ten certas “regras” ou limitacions que hai que ter en conta. Non podes narrar en 1º persoa as escenas como se estivesemos vendo unha pelicula. Cando narramos en 1º persoa a pantalla da TV está apagada.
O final estirase demasiado. Digo que se estira porque non hai tension (non hai perigo inmediato algun e a incertidume de se o ía coseguir resolveuna a tiros) nin tampouco sabemos que é o segredo, por tanto non sabemos que supón para o prota acadalo ou para “o inimigo” perdelo, excepto que semella ter algun tipo de poder relacionado co control mental. Case era mellor que non se falase del, total, non ten relevancia real na historia. E por esa razon tampouco funciona ben que o segredo sexa o que tome protagonismo nas ultimas liñas. A natureza do segredo non afecta ó funcionamento do relato. Un relato en 1º persoa funciona se o narrador -a sua circunstancia- é interesante para o lector. Neste caso iso quedou a medias, na miña opinion.
Chan ou banco
Non me gusta este relato. É demasiado bo. Fíxome sentir mal. Notei cada unha das penurias que pasa a protagonista.
A primeira frase é maxistral. En oito palabras descríbenos o universo e a actitude da protagonista fronte a el.
Despois desenvolve a personaxe. A súa teima pola hixiene mesmo na indixencia. A súa frialdade nunha situación na que o normal é deixarse levar polo odio ao mundo. As súas ganas de non molestar. Non é una táctica, non é psicopatía, é dignidade. A protagonista loita por manter a súa dignidade.
Tan bo me parece este relato que a metade de lectura non me importaba o final. Xa tiña a sensación de que pagara a pena o camiño. Aínda así, o final semella un extra, un regalo, pero un regalo ao que non lle saco todo o zume. Hai quen entende que ela só mata a Ramiro. Eu penso que morren os dous. Ata iso me parece bo: un relato, moitos finais.
O Segredo
Este relato vai pagar a peaxe de aparecer xunto ao mellor da xornada. Paréceme un bo relato que mantén a tensión e vai aumentando o ritmo ata o final.
Gústame moito a frase de «Acerteilles a un transeúnte despistado e a unha rata antes de alcanzar o peito da rapaza».
Porén, creo que se repite moito o termo «segredo», o que fai difícil que o final impacte. De todas formas, parabéns para a autora, que amosa ter boa man para a acción.
O meu voto vai para «Chan ou Banco».
É certo o que din nos comentarios, é unha liada aparecer xunto a un relato tan bo, pois aínda que O Segredo é bo, pouco pode facer fronte semellante conto.
Chan ou banco esta moi ben escrito. Dende as figuras que emprega, como a dos ollos de vaca, que é tremenda, ou o baño, no que aprecio o de que nesas circunstancias, a personaxe intenta manter a dignidade. O ritmo lento que ten, tal é como lle deben pasar os días é perfecto. O final esta moi ben tecido, centrando o foco en Rosaura e non na acción en si. Parabéns á autora, pois creo que fixo o relato da xornada.
O Segredo teno difícil porque conta cun estilo radicalmente oposto, con ese ton surrealista que non acaba de despegar ata que o Segredo despregou as ás. Penso que ten que traballar algunha frase que non lle encaixa, pero que se sabe sacarlle partido ao lado psicotrónico pode quedar algo que dende logo querería ler.
O meu voto vai para Chan ou Banco.