BiosBardia

O país dos libros en galego

Chichi Campos vs Lois Pereiro ou como a poesía segue dominando a cultura

Lois Pereiro, á esquerda, e Chichi Campos. XAN CARBALLA.

Manuel Veiga Taboada.

Creo que a ninguén con coñecementos literarios académicos se lle ocorrería comparar as obras de Xesús Campos, máis coñecido por Chichi Campos (1952-1991), e as de Lois Pereiro (1958-1996). É máis, supoño que case ninguén pensará que Xesús ou Chichi Campos escribise ningunha obra que mereza a cualificación de literaria.

Para empezar, Chichi —abreviemos chamándolle así— é coñecido apenas por aquelas persoas que tiveron algún trato persoal con el. Sobre o Lois, polo contrario, non é necesario estenderse, posto que, entre outras cousas, mereceu que se lle dedicase o Día das Letras Galegas.

Non obstante, ambos compartiron, non só a época que lles tocou vivir, senón tamén moitas das súas inquedanzas. Ambos ademais coñecíanse e tratábanse. Distinguíronse, iso si, polo seu carácter, máis introvertido o de Pereiro, máis intervencionista o de Campos.

Os dous son expoñentes do escepticismo e a crítica que xerou nalgunhas persoas novas o final da ditadura e a transición á democracia. Son, como se dicía daquelas, dous desencantados. Polo mesmo motivo creo que se converteron en creadores aos que paga a pena volver neste momento, cando o ciclo de consensos da época comeza a ser cuestionado.

Tanto o Chichi coma o Lois son sensíbeis á política e á sociedade que emerxeu naquel tempo, aínda que non actores protagonistas dela. A súa conciencia de artistas vese afectada tanto polas componendas dos líderes coma polo baleiro humano do neocapitalismo en cernes. Os dous fan desembocar a súa frustración na creatividade e na toxicomanía. Pero un, Chichi, escúdase nun humor externo, paródico e carnavalesco, e o outro, Lois, nun romanticismo de novo cuño, pesimista e soterrado.

Chichi Campos e Manuel Veiga Taboada na redacción d’A Nosa Terra. XAN CARBALLA.

A obra escrita de Chichi Campos concéntrase no libro, do que tiven o gusto de preparar a edición, que leva por título Estampas do mundo elegante, editado no seu día por A Nosa Terra e reeditado hai pouco, con algúns textos engadidos, por mediación do seu fillo Nicolás Campos.

Chichi inclúe case sempre debuxos, baixo os que presenta uns textos rápidos, caricaturescos, con moitos detalles e de crítica incisiva, pero sempre coa tenrura suficiente para que os aludidos non sentisen a ofensa.

Á pregunta de se isto é literatura, cabería responder que a literatura nunca debería vir condicionada polo xénero, senón pola calidade. Chichi Campos é sempre un estilista fino e un observador moi lúcido, alguén que comprende que as persoas e a realidade na que se moven son sempre complexas.

Lois Pereiro tampouco foi recoñecido desde un primeiro momento como un poeta do noso sistema literario. Foi na derradeira etapa da súa vida cando ese recoñecemento se produciu. Tampouco el era dado a asistir a actos ou a publicar moito. Lois, igual ca Chichi, dedicou a súa vida a vivir e, como de paso, a ir cultivando a súa obra, pero sen centrarse nunca excesivamente nela, sen convertela na súa única finalidade, ás veces mesmo esquecéndoa un pouco.

A alta sensibilidade inspira os creadores, pero tamén en moitos casos os bota a perder, fainos menos capaces de resistir os maos tempos. Tal vez para esta clase de persoas todos os tempos son maos e por iso, se cadra, é habitual que os leve unha morte prematura.

A obra de Chichi é valiosa e só a preponderancia que aínda mantén a poesía sobre os demais xéneros literarios, sobre todo en ámbitos como o galego, explica ese enorme desfase entre a consideración da súa obra e a de Pereiro. A poesía, coa súa apelación ao incognoscíbel, conserva un prestixio que aínda se lle relea a outros xéneros.

Pero, acaso certos artigos de prensa de Umbral ou do noso Diego Ameixeiras non teñen, a fin de contas, a calidade dun poema? Non producen unha similar vibración no noso interior?

Cómic de Chichi Campos sobre un texto de Lois Pereiro, publicado en A Nosa Terra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *