Cinco excelentes narradoras catalás novas
Xesús González Gómez.
Será curioso mais non o é: a literatura catalá dos últimos dous anos –como mínimo–, perdón, a narrativa catalá dos últimos anos discorre á marxe dos premios literarios, coas excepcións debidas. Excepcións, por outra banda, que teñen moito a ver coa creación do premio Anagrama de novela en catalán; galardón que dá a impresión que fixo poñer ao día as pilas a algúns dos premios máis veteranos. Dito isto, pasemos ao tema de que queremos falar, que non vai da narrativa catalá en xeral, senón da aparición e asentamento dunha serie de autoras dunha calidade se non excepcional si excelente.
Unha das autoras que máis galardóns leva conseguido nos últimos anos (e esta é unha das excepcións) é Llucia Ramis (Palma de Mallorca, 1977), que no 2010 gañou o Premi Pla de Narrativa con Egosurfing e no 2018 o Anagrama con Les possessions (ambas están traducidas ao español). Ramis é xornalista e na biografía que dela se dá na Wikipedia non aparecen os meses que estivo a traballar en Ràdio-4 (Radio Nacional de España en Barcelona, emisora en catalán). Supoño que ela mesma está interesada en que no se recorde aquela xeira, na que estaba ás ordes dun inútil chamado Kicu Sanchís e da comisaria política colocada polo PP e que hai pouco foi proposta por Podemos para conselleira de RTVE, sen que, por sorte, se lle chegara a conceder tan ben remunerado cargo: Cristina Fallarás. Digamos que tal programa, «Els matins de Ràdio-4», nos anos en que foi dirixido por Sanchís era un dos peores programas de todas as emisoras existentes entón no Estado español e, como engadiría alguén nada esaxerado, parte do estranxeiro.
Les possesions é unha novela policéntrica, escrita en primeira persoa –mais quen fala non é un narrador, senón unha voz que, teoricamente, coincide coa persoa da autora–, áxil e rápida e estrutúrase, como se avanzou e deduciría o lector, na forza centrípeta do eu. Un lector ou lectora algo diletante pode considerar a novela como un libro de confesións, pero nada mais lonxe, tanto das intencións da autora como, o que é importante, do resultado final da obra: unha novela que intenta, e para min o consegue, atrapar o mundo mediante a palabra, un mundo que cambia porque a experiencia da narradora tamén cambiou e empúrraa a un descubrimento: que quizais moitas cousas carecen de nome.
Unha lectora ou lector afeita/o a Proust pode pensar, e eu coido que tería razón, que o que fai a autora e auto-posuírse mediante a escrita, como fixo o escritor francés: atopar os outros nos seus escritos. Ramis, nunha novela que demostra o crecemento e a plenitude dunha escrita poderosa, auto-posúese a través da literatura… e da súa propia saga familiar. Dá a impresión de que a escritora mallorquina fixera súas as palabras do narrador de La Recherche no último libro (O tempo recobrado): «A vida verdadeira, a vida finalmente descuberta e esclarecida, a única vida, xa que logo realmente vivida, é a literatura. Esa vida que, en certo sentido, habita a cada instante en todos os homes tanto como no artista»: esa vida que pode producir novelas e que produciu a presente, ou, por seguirmos con Proust, a autora non fixo máis que traducir mo libro que levaba nela como cada un de nós, seguindo ao escritor galo, levamos o libro en nós: só hai que saber traducilo.
A influencia de Proust na narrativa contemporánea é, digámolo así, pouca: é difícil ser discípulo de Proust –como de Cunqueiro, por exemplo– sen que o lector, a lectora, non deixen de se remitiren constantemente ao orixinal. Llucia Ramis conseguiuno: a pegada de Proust existe, mais o lector ou a lectora dificilmente se remitirán ao autor de La recherche, aínda que a autora mallorquina, nos parágrafos finais lembre, moito, a Proust: «As cigarras crepitan como antes, o sol fíltrase polas follas dunhas aciñeiras. O meu corazón, ratiño espantado, agáchase entre a follaxe. Quizais é mellor deixalo aquí, deixalo así. A lembranza inmutábel. Non queiras saber que aconteceu. Por outra parte, a curiosidade e a necesidade morbosa de esculcar que foi de nós, entendendo por nós o fantasma do que fomos, impúlsame a seguir adiante. Tomo ar e arranco.»
Se o rostro de Llucia Ramis é coñecido polos seus lectores (á parte de aparecer nos seus libros, é redactora de La Vanguardia e na súas colaboracións aparece a súa foto, como é costume en moitos xornais), o de Marta Rojals (La Palma d’Ebre, 1975) é descoñecido para os seus lectores e lectoras. Rojals, como, por exemplo, a italiana Elena Ferrante, non aparece nos medios de comunicación, a súa fotografía non foi publicada nunca e suponse que o nome con que publica os seus libros, é o seu verdadeiro nome, aínda que poida dubidarse. As entrevistas que concede son mediante e-mail.
Rojals publicou a súa primeira novela, Primavera, estiu, etcétera, 2011 á provecta idade de trinta e seis anos. (Lembremos que a primeira novela de Llucia Ramis, Coses que et passen a Barcelona quan tens 30 anys –2008– apareceu cando a autora contaba con trinta e un anos.) A novela de Rojals sorprendeu, sobre todo, polo cálculo perfecto da estrutura narrativa, entre outras cousas. Coa súa segunda obra L’altra, afondou nos atributos que a crítica concedera á súa ópera prima: capacidade imaxinativa, afinidade da lingua, predilección narrativa para xogar con planos temporais diferentes, unha fondura psicolóxica, máis débil na primeira novela, á hora de caracterizar uns personaxes rodeados de certo halo de misterio, tendencia a tratar temas centrais da condición humana, mais «expresados» por medio de personaxes «periféricos»: alcohólicos, inmigrantes, universo rural, a minusvalía, etc., e unha boa destreza á hora de argallar unha trama narrativa que require a participación activa do lector. Hai dous meses, en setembro, apareceu a terceira, e teoricamente, máis ambiciona novela de Rojals: El cel no és per a tothom (Ed. Anagrama). O de ambiciosa pola cantidade de páxinas (600) e polo tempo que cobre: de 1960 ao 2007. Como nas súas anteriores entregas, o cálculo de estruturas é moi ambicioso e responde aos obxectivos e necesidades da obra. Os planos temporais son dunha precisión case que matemática, o tempo histórico decorre marcas ou signos da época moi ben dispostos. Tan ben disposto que ás veces semellan cuñas publicitarias que portan en si unha mensaxe subliminal. O tempo persoal desprégase a partir das, chamémolas así, protagonistas da novela: dúas irmas xemelas cuxa relación sempre foi de competitividade, aínda que o que narra a novela é a historia dunha familia de clase media/baixa. Pai, nai, as dúas xemelas, un irmá pequeno e unha irmá maior que marchou da casa nun acto de rebeldía e que é o detonante da novela, indirectamente.
El cel no és per a tothom lese ben, con facilidade. O lector pode ficar abraiado pola capacidade da autora en ligar e vincular actos, escenas e viñetas que semellaban, nun principio, algo así como cadros ou disgresións narrativas que non viñan ao caso: todo o contrario: todo queda iluminado. E talvez aí radique o erro da novela: todo fica atado e tan ben atado que quizais ao lector só lle queda o consolo de «admirar» a autora por ser capaz de reconstruír un mundo peneirado pola vida de poucos personaxes; mais tamén pode o lector doerse de que eses personaxes sexan devorados pola «realidade», porque aquí se entrega realidade e máis realidade, e deste xeito as zonas «grises», ambiguas, etc., que na literatura adoitan resolverse de maneira indirecta, non-explícita, aquí desaparecen e o misterio que rodeaba nas anteriores novelas a certos personaxes (e mesmo a certos espazos) tamén desaparece aquí, completamente. Ora, avisemos, desaparecen aínda que nun principio, como nos bos melodramas, agáchanse os datos, que logo se descubrirán, ao lector: agáchanse, como nos bos melodramas, para captar e manter a atención do lector… e tamén, ás veces, para eludir a súa intelixencia (a do lector). Subliñemos, por outra parte, que Rojals, como nas súas dúas anteriores novelas, sabe crear personaxes verosímiles e situacións que se dirixen –golpean– ao corazón e os instintos. O que non quere dicir que esteamos perante unha mala novela, nin ante un folletín; non. A pesar dos, digamos, reproches que lle fixemos; a pesar de que lle viría ben un pouco mais de contención, unhas cantas páxinas menos e esquecerse de certa obsesión por querer atalo e controlalo todo, El cel no és per a tothom é unha obra, digamos, «respectábel», aínda que o lector ou a lectora –recoñecendo a calidade da novela e as calidades da autora– poden sentirse cansos de ler cando van pola páxinas 323, ou antes– ao se decatar que está ante unha ficción ben fabricada e honesta, non moi creativa e cunha escrita tan pulcra que acaba por fatigar, mais non ante unha obra literaria como o eran as dúas anteriores entregas.
Antònia Carré-Pons (Terrassa, 1960) medievalista, poeta, co-autora de libros sobre o voto das mulleres, novelista, deu este ano ao prelo o seu primeiro libro de relatos: Com s’esbrava la mala llet (Club Editor). Os relatos céntranse no universo da vellez, foxen da corrección e limpeza morais e miran de fronte os problemas da «terceira idade»: problemas que conducen, claro, á decrepitude e á morte. E para mirar ese universo, Carré-Pons usa do sarcasmo e da mala baba, sen límites nin condicións. Sarcasmo e mala baba que resolven as situacións máis dramáticas e penosas de maneira humorística, mais dun humor negro, negrísimo. Como pode imaxinar o lector, despois do dito, aquí non hai sentimentalismo de ningún tipo, aínda que os relatos que compoñen o volume estean inzados de sensibilidade e sentimentos. Sensibilidade e sentimentos que se aplican tal como son ao mundo da vellez e dan como resultados xiros sorprendentes e inesperados, como o relato «Doble sis» (Seis dobre –referencia á ficha do dominó), en que se narra unha cea entre dúas parellas: dunha, ela tivo un ictus e da outra e el quen o sufriu: o remate do conto é, sen esaxerar, esplendoroso. Ou «Una muntanya d’impedits», no que un avó con alzheimer lle resume ao seu neto o panorama que ve, etc. En verdade habería que comentar relato por relato, mais como o libro non está, en principio ao alcance do lector galego que reside en Galicia, digamos simplemente que este libro de relatos nos trae unha galería de vellos túzaros, mesmo egoístas e infantís que teiman en seguiren uns camiños que saben conducen, directamente, á terra de ningures mais que se converten en literatura, e da boa, mediante a ollada entre negrísima e piadosa de Carré-Pons.
Eva Baltasar (Barcelona, 1978) era xa unha voz recoñecida como poeta cando este ano publicou a súa primeira novela, Permagel (Club Editor) («permagel» é a capa de xeo que nunca se desxea), que se converteu rapidamente nun best-seller e concedéronlle o «Premi Llibreter», outrorgado polo Gremio de Libreiros de Barcelona e de Catalunya a obras xa publicadas. A novela narra, en primeira persoas, as vicisitudes dunha muller de corenta anos que non quere recoñecerse que xa non é unha adolescente. Unha muller que cando non pensa en se suicidar le a Kierkegaard encadea diversos traballos –o lector pode seguir as vicisitudes da protagonista como estudante de Historia da arte, como au pair en Escocia, como profesora de español en Bruxelas e como xornalista no momento do relato. Á parte, decepcionou as expectativas familiares por se saír do rego: non casou, non creou unha familia, non fixo nada do que se esperaba dela. Ademais, encérrase en si mesma; ten desconectado o teléfono fixo, apagado o móbil– o que, para a súa profesión no momento do relato, é un desastre (penso eu, aínda que na novela non aconteza ningún desastre por non utilizar eses aparellos tan fundamentais no traballo de calquera xornalista). Encérrase en si mesma porque é moi fráxil debido a unha serie de experiencias dolorosas que ocasionaron ese saírse do rego. Cando narra, describe, esas experiencias dolorosas, Eva Baltasar, en certo xeito, romantiza a dor, o que, pensamos, é desatinado e eiva certas partes da novela e mesmo pode producir un certo incomodo tanto a un lector como a unha lectora: poden consideralo, lector e lectora, como un certo chamamento/apoloxía ao (do) masoquismo. Cando o evita, consegue pasos dunha prosa brillante. Cando evita esa romantización da dor son os momentos en que se fala dos actos que realiza a protagonista para fuxir desas experiencias dolorosas: as aventuras sexuais con outras mulleres e as fantasías suicidas. Ao estar narrada a novela en primeira persoa o lector decátase axiña que a narradora non se suicidará. Cousa que ao mellor acontece nas dúas novelas que promete a autora, Boulder e Mamut, xa que a presente é a primeira entrega dunha triloxía.
Permagel é un relato ás veces demasiado disperso por querer escapar á linealidade narrativa. Tal dispersión quizais cansou a autora, xa que na última parte nótase certa fatiga, como se a autora tivese ganas de acabar dunha vez por todas; mais o humor negro que deita a novela e as opinións contundentes contra o mundo que a atravesa e de seguro que atraera a moitos lectores que se deixarán arrastrar pola prosa clara que narra as confusións morais desta muller que non quere deixar de ser adolescente. Outros, talvez máis diletantes, deixaranse arrastrar pola sexualidade homosexual que supera a calquera dos outros autores cataláns que a trataron con calidade literaria: Terenci Moix, Lluís Fernández, David Vilaseca, etc. E a maioría dos lectores e lectoras talvez se deixen arrastrar polas excelentes paxinas nos que a narradora vai descubrindo os cheiros e os fluídos dos homes e mulleres. Para min non é unha gran novela; é, iso si, unha novela que promete. Esperemos as dúas próximas novelas que conformarán a triloxía, aínda que vista a pouca «trama» ou «argumento» da presente, pensamos que Eva Baltasar vai ter que multiplicarse para poder superar a súa primeira novela sen caer nin en manierismos nin en auto-plaxios.
Para acabarmos este breve repaso, unha novela publicada no 2017 e que gañara a Premio Anagrama de novela en catalán ese ano: La memória de l’arbre, de Tina Vallès (Barcelona,1976), publicada pola editorial Anagrama e gañadora do premio de novela catalá do mesmo nome no 2017. La memória… é unha novela «curiosa». Curiosa pola súa sinxeleza: estruturada mediante capítulos breves, ás veces brevísimos, que se van axuntando para revelar a trama argumental: a decadencia do avó. A novela está narrada por un neno e dá a impresión de que a autora a escribise para salientar a importancia da vida familiar (ás veces semella unha oda a esta) e a necesidade da transmisión da memoria. Non obstante, talvez debido á idade do narrador, todo se nos presenta sen balbordos nin ruídos, con demasiada tranquilidade e mediante unha escrita algo inxenua que non é quen de dar conta das cousas difíciles de explicar. Talvez é debido a inverosimilitude do narrador. Porque o neno non dá a impresión de que está a narrar, nin a lembrar; dá a impresión de que está a escribir unha novela: é o perigo de escoller mal a persoa do narrador, quen dá a impresión de que está a escribir, a narrar, para xente da súa idade: de aí a ausencia de ruídos, balbordos e… problemas. De aí a oda á familia
Por outra parte, dá a impresión de que cando é un neno (ou un mociño) quen narra, ou cando se narran as vicisitudes ou aventuras dun neno ou nena, todo debe saír ben. Non deben existir estridencias, todo debe ser politicamente correcto. Isto acontece nesta novela… que en certos momentos semella unha narrativa dese xénero de tan recente creación que é a narrativa para mociños e mociñas ou infanto-xuvenil: unha narrativa que usa e abusa dos mecanismos de consolación. Non é que tal aconteza en La memòria de l’arbre, aínda que o vínculo entre neto e avó roce tanto o sentimentalismo como o kitsch e, polo tanto, eses mecanismos de consolación, mais que evita porque soubo fuxir do énfase que tantas páxinas enche en novelas protagonizadas e narradas por mociños ou mociñas.
Podiamos continuar recomendando lecturas de textos narrativos cataláns do último ano e medio (debo engadir que non lin algúns títulos que tiveron moito éxito, tanto de venda como de crítica, polo que só transcribo aqueles títulos que lin) que, para min, están por enriba da media da narrativa catalá, que hai tempo acadou a súa madureza:
Els dics, Irene Solà (relatos), L’Altra Editorial, Premio Documenta 2017
Les coses que realment han vist aquests ulls inexistents, Josep Lluís Badal (dietario e textos varios), Editorial Rata, Premio da Crítica Serra d’Or.
Els vulnerables, Julià de Jòdar (novela), Editorial Comanegra
Els barcelonins, Adrià Pujol Cruells (retratos antropolóxicos?), L’Avenç
La biblioteca fantasma, Jordi Masó (relatos), Editorial Males Herbes
El que pensen els altres, Clara Queraltó (relato),Editorial Proa, Premio Mercé Rodoreda 2017
Robinson, Vicenç Pagès (novela), Editoril Empùries
Il·lusions elementals, Ponç Puigdevall (novela), Edicións 62, Premio Joanot Martorell 2016
Els homes i els dies, David Vilaseca (narrativa completa, contén a novela póstuma El nen ferit), L’Altra Editorial.