BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Claustro Corda Comensal’, pulso e equilibrio

Samuel Merino. ÁLEX SOBRINO.

César Lorenzo Gil.

Claustro Corda Comensal é un libro de poemas dos que, desafortunadamente, non abundan. Ten moitas calidades e case que ningún defecto, e amosan unha vía quizais pouco transitada pola literatura galega actual: Apuntamentos ao natural que non renuncian á claridade expositiva, incluso a certa narrativa, pero que saben conter, verso tras verso, unha potencia lírica compacta, profunda e capaz de amosar perfís novos e orixinais.

Samuel Merino (Mos, 1982) consegue neste volume converter nunha experiencia literaria un ingreso no hospital psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela. A partir da dor e o espanto, o escritor consegue o que parecería o máis difícil partindo dunha materia prima así: Pulso e equilibrio.

Aínda que nalgúns casos, sería posible puír un pouco máis os versos, estes flocos sobrantes son escasos no libro. En xeral, Merino afina a mensaxe, refina a metáfora, atopa o punto xusto de carga de cada imaxe que emprega para alumar o que observa.

Sobre todas as virtudes, Claustro Corda Comensal destaca polo seu óptimo ritmo. Proben a ler o libro en voz alta. Hai música, hai eco, hai eufonía.

E todo sen recorrer aos trucos do pseudosurrealismo ou a automatismos supostamente crípticos. Este libro fíncase no “aquí e agora” de cando foi escrito, para expresar, primeiro sente. Utiliza as palabras para traducir esa relación. Vaia, o que fai decontino a literatura, aínda que ás veces non o pareza.

É un acerto que o autor opere unicamente con ingredientes que percibe, que só bote man dos elementos que ten presentes. Hai unha evocación, pero é cotiá, de proximidade, coma se se impuxese construír a súa mitoloxía desde un constante reinicio da memoria.

A presenza dos versos de Leopoldo María Panero como citas provocan un diálogo moi interesante. É sabido que o poeta de Astorga viviu moitos anos da súa vida interno en psiquiátricos e o seu acompañamento durante toda a lectura serve para encadrar este libro nun abeiro coñecido, coma se o lector puidese utilizar este Claustro Corda Comensal como chave para outras miradas sobre o enclaustramento.

Claustro Corda Comensal, de Samuel Merino, Galaxia, 2023. 96 páxinas. 13,50€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *