BiosBardia

O país dos libros en galego

Codreanu e os escritores galegos (I)

Corneliu Z. Codreanu e a súa muller, Elena Ilinoiu.

Xesús González Gómez.

En 1989, as Publicacions de la Universitat Autònoma de Barcelona deron ao prelo o libro de Francisco Veiga La Mística del ultranacionalismo (historia de la Guardia de Hierro), Rumania, 1919-1941. Francisco, ou Francesc, Veiga naceu en Madrid, mais de pais galegos. O seu pai era o pintor Luís Veiga Docampo. Mais a, ou as, curiosidades (sic) de que quereriamos falar hoxe non van por este camiño, aínda que son sobre o, digamos, tema central do libro de Veiga. Ou, mellor dito, sobre un dos personaxes centrais dese libro: Corneliu Zelea Codreanu, o fascista romanés fundador da Lexión do Arcanxo San Miguel e, posteriormente, da famosa Garda de Ferro. Lembremos que nesta última agrupación política militaron, escritores coñecidos como Mircea Eliade, E. M. Cioran, Vintila Horia, George ou Jorge Uscatescu, e algunhas figuras «menores» ou menos coñecidas por estes pagos. Cabe lembrarmos, tamén, que a España de Franco, coa Arxentina de Perón, foron os países que máis gardas de ferro acolleron despois da Segunda Guerra Mundial, en que Romanía foi aliada dos nazis e o goberno romanés, daquela dirixido polo xeneral Antonescu, aliado á Garda de Ferro, dirixida por Horia Sima despois do asasinato do seu máximo dirixente e fundador, o devandito Codreanu; diciamos que o goberno romanés foi dos aliados de Hitler o que mais se implicou no asasinato masivo de xudeus. (Non estará de máis lembrar que, xuntamente con Horia e Uscatescu e moitos máis, Sima refuxiouse en España e aquí morreu tranquilamente de morte natural, como tantos centos de nazis e fascistas acollidos pola ditadura española.).

É máis que evidente que estes «datos» que se acaban de dar non son as «curiosidades» de que quería, ou quero, falar. As curiosidades, infelizmente, son outras. Antes de nada, outros datos. Corneliu Zelea Codreanu, segundo todas as informacións dispoñíbeis, era fillo de pai de orixe polaca –que cambiou o seu apelido, Zelensky a Zelea, para que soase máis romanés, e adoptou o seu segundo apelido, Codreanu– e de nai alemá, mais foi criado no culto á romanidade e o odio aos xudeus. Estando no cárcere, Codreanu dixo que o visitara o Arcanxo San Miguel, e fundou un grupo de extrema dereita, antisemita, ultranacionalista, ultracatólico que bautizou como a Lexión do Arcanxo San Miguel, que pasaría logo a denominarse Garda de Ferro. A historia e longa, e o devandito libro de Veiga explica moi ben o que aconteceu. En 1938, enfrontado ao rei de Romanía Carol –cuxa amante, para grande escándalo era xudía–, tan ultradereitista coma o propio Codreanu, é detido con diversos dirixentes da Garda de Ferro despois de que asasinasen un correlixionario próximo a palacio, e condenado a traballos forzados nunha mina de sal. Na cadea, Codreanu afirma que o visitaba Xesús-Cristo. E o 30 de novembro dese 1938 é asasinado con outros militantes da Garda pola policía. Logo de diversos asasinatos e a abdicación de Carol, baixo a éxida de Horia Sima, a Garda de Ferro formou goberno co xeneral Antonescu, até que en 1944 Romanía foi invadida polas tropas rusas. Antonescu foi fusilado, e Sima refuxiouse primeiro en Berlín e, finalmente, en España, como dixemos. Engadamos que Codreanu, a Garda de Ferro, matou miles de compatriotas seus, que as disidencias internas no partido as acababan a tiros, e que asasinaron miles de xudeus. Mesmo se acusa a Codreanu de matar un prefecto de policía.

Supoño que máis dunha lectora e dun lector que siga estas liñas preguntarase onde están, onde ficaron as curiosidades.

Cando Codreanu foi detido e moito máis cando foi asasinado, a prensa falanxista española «se desmelenó», que diría un castizo madrileño. Día si e día tamén falábase do tema, oficiábanse misas pola alma  do romanés, convertían a súa vida nun paralelo da vida do «ausente» (ambos «poetas», ambos asasinados polos seus inimigos, etc.). E os himnos e escritos sobre o líder de Garda de Ferro encheron páxinas e páxinas deses xornais[1]. E non só aquel 1938, senón que tamén os seguintes, e durante os anos da posguerra, até 1949/50, anos en que debía o xeneralísimo andar en conversas cos estadounidenses, había que agachar certas cousas que, quizais, os molestaban: máis, de seguro, a certas capas da poboación do que ao seu goberno. Agachalas, non suprimilas ou reprimilas.

En fin, vaiamos ás curiosidades. Naquel 1938, e posteriormente, algún escritores galegos, uns coñecidos hoxe e daquela, outros máis «secretos», dedicáronlle loanzas ao fascista romanés. Mais, antes da morte deste, xa foi saudado o romanés polos falanxistas españois e por escritores galegos que, ou militaban na Falange ou a ela se achegaron por diversos motivos.

O máis madrugador foi Álvaro Cunqueiro. Cando, en abril de 1938, dous dos lexionarios da Garda de Ferro que viñeran para axudar á rebelión militar caeron na fronte de batalla, o mindoniense dedicoulle unha das súas «letras», que publicaba sen asinar en El Pueblo Gallego. Foi o 7 de maio, en portada do xornal vigués e en letras maiúsculas apareceu a «Letra del “Capitán” Codreanu de Rumanía»: os seus seguidores denominaban a Codreanu capitán, aínda que nunca alcanzou ese grao militar, cousa que si obtivo, durante a I Guerra Mundial, seu pai. O futuro autor de Merlín e familia acababa así a «letra»:

«Ahora que un poeta rumano ha saludado con una bella elegía a sus dos camaradas caídos en España, vaya a Codreanu el saludo de la Falange de España, que sueña que un día las mismas hermosas banderas canten del Finisterre al Mar Negro sobre las tierras de la romanidad redimida. Entonces será el tiempo dulce de la voz de Sihleanu, aquel poeta triste que soñaba que:

                       

»“Para el viento el alba es un buen regazo…”

 

»¡Que el viento de tu espada, capitán de Rumanía, sólo logre dormirse en el regazo del alba de la libertad de tu patria tan bella!».

Para quen non coñeza estes textos cunqueirianos, que raramente excedían os 900 caracteres, espazos á parte, velaí algún dos seus títulos: «Letra de saludo a Alemania», «Letra del nuevo imperio», «Letra sobre unos versos de Byron en los muros del alcázar de Toledo», «Letra del Duce el día que el imperio dedica a España», «Letra y saludo a la esposa del Caudillo de España», «Letra de un crucero de España que se llamará “José Antonio”», «Letra de José Antonio y la firme tierra de Colombia», etc, ben que hai algunhas que tratan de temas non directamente políticos, pero son as menos.

O 26 de xuño dese mesmo 1938, Cunqueiro publica no mesmo xornal, a «Letra del capitán de Rumania forzado en una mina de sal». Esta letra, escrita en ton poético, acaba así:

«De esta letra, por la memoria santísima de Ion Motza y Vasile Marin, muertos por Dios y por España en tierras de Castilla, se hace profecía hoy. El Capitán Codreanu dejará un día el pozo minero que ciega la piel y rompe los labios, para rehacer camino hacia Bucarest. Estarán en flor los campos, y los jinetes en los prados, y en los pasos de las altas montañas, los soldados de la Legión de San Miguel Arcángel y en las puertas de Bucarest un caballo blanco, que, para, cuando lo monte el Capitán de Rumanía, las gentes pidan a Dios de gozo lo que el himno de Rumanía pide: ¡Sostén, Señor, con tu mano el pueblo rumano!».

Pode ser, aínda que non o afirmaría, que Cunqueiro dedicase algún escrito máis a Codreanu. Se así foi, a verdade é que non o coñezo. Cando Codreanu foi asasinado, os órganos de prensa falanxistas dedicáronlle loas, poemas e, escritos etc. El Pueblo Gallego non podía ser menos, e así, o 2 de decembro de 1938, dous días despois da morte de Codreanu, aparecía no xornal vigués unha «Letra de la pasión y muerte de Corneliu Codreanu, Capitán de la Guardia de Hierro», que, de seguro –e na próxima entrega verase o porqué desta afirmación– foi escrita, pensamos, por José María Castroviejo. (Non se esqueza que Cunqueiro dende setembro daquel ano estaba xa en San Sebastián, como redactor de La Voz de España.).

Esta «Letra», de tamaño case o dobre das escritas por Cunqueiro, iniciase da seguinte maneira:

«Un duro destino se cernía sobre la altiva cabeza de Corneliu Codreanu, noble y leal Adelantado de la muy cristiana Rumanía. Torvas miradas hebreas acechaban la rubia apostura del joven Capitán, enemigo de juderías y levantador de las juventudes nacionales», continúa o escrito neste ton poético afirmando logo que: «Había oído siendo mozo la voz de Dios convocándole a la dura tarea de salvar su pueblo», e seguindo tal consigna abandonou todo pola patria e lanzouse á loita política e mesmo: «mató a tiros, ante el mismo Tribunal que actuaba de defensor, a un prefecto de raza judía que pretendió ultrajarle» (serían tempos de guerra, e de antisemitismo militante e delirante, pero Castroviejo non se decata de que está a definir a Codreanu como o que era, un simple matón: ao cabo o prefecto seguro que non estaba armado e non esperaba a agresión de Codreanu). Fala un pouco, sempre nese ton que máis que poético é relambido, ton, por outra banda, que é marca distintiva e rexistrada –malia os Trapiello e compañía– dos escritores falanxistas, cando non se dedicaban (ou se dedican) ao puro insulto e á ameaza, digo, fala un pouco relambidamente das paisaxes romanesas e ao tempo que afirma que pola súa «orgullosa pobreza (sic), por su arrogancia, le odiaban logias y “ghettos” y habían jurado su muerte». Mais, en realidade, quen ordenou a súa morte foi rei Carol de Romanía, e guetos e loxas (masónicas, claro), mais que xurar a súa morte, fuxían del e os seus, que asasinaban por un «quítame allá esas pajas». Con todo, non deixa de escribir que «hoy nos llega confusa y un poco extraña la noticia de su muerte», e acaba Castroviejo afirmando que la figura de Codreanu lembra «la joven apostura de nuestro JOSÉ ANTONIO y, como JOSÉ ANTONIO, supo llegar a la muerte, portando la suprema carga de la Jefatura, sin impaciencias, desalientos ni cobardías.».


[1] Sobre as semellanzas entre a Garda de Ferro e o franco-falanxismo, son recomendábeis as páxinas que lle dedica Furio Jesi, no seu altamente recomendábel Cultura de derechas, Barcelona, Muchnik Editores, 1989, p. 35-43, «Mitología fascista en España y Rumanía».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *