BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Coidadora’, a resesa posmodernidade

María Marco.

César Lorenzo Gil.

Coidadora é a primeira novela de María Marco e con ela gañou o Premio Xerais 2020. Dicimos novela porque hoxe en día para recibir lexitimamente esa etiqueta apenas cómpre poñerlla no ramo a calquera obra. Mais en realidade, Coidadora é un conxunto —apenas literario— de textos de natureza e xénero diverso.

O fío condutor alicérzase na experiencia da narradora como coidadora da súa nai, que sofre unha demencia. Mais o seu peso específico na obra é cativeiro, o que deixa un resaibo incómodo: esa parte, a única que se nos dá auténtica, realmente literaria, foi realmente o cerne do proxecto ou, talvez, a escusa, o engado oportunista co que gañar vontades (unha obra que se presenta a un premio ten sempre a obriga de seducir, non un público borroso senón un grupo de persoas, o xurado, con nomes e apelidos que, ineludiblemente, sabe que unirá a súa propia auctoritas como xuíz aos elementos, digamos, paratextuais do proxecto premiado, e que se pode resumir nese slogan que tan ben se estiliza na contra deste libro: “aborda un tema de enorme actualidade”).

A literatura ten, sempre, que cinxirse á vida. E nesta obra esa unión é deficiente. Aparece por veces, sen madurar ou se cadra capada por unha voz narradora que pensa que o “relevante” non está aí senón na teoría, na acumulación de referencias, na autosatisfacción por conseguir brillantez nalgún que outro fragmento que encaixan máis en xéneros como o ensaio ou a columna xornalística.

Coidadora é unha obra posmoderna. Dun posmodernismo reseso, superado. 

Falla a a xerarquía e a complicidade co lector. Só hai exhibición. E aí ás veces consegue resultados brillantes, mais noutros casos só hai unha especie de postureo intelectual que se afinca en dous elementos: o referente moral da atención aos coidados e a constante alusión á ciencia, como modo superior da verdade.

Na obra cobra protagonismo a intertextualidade: diferentes fontes alleas aparecen baixo a discutible forma de materia prima para os relatos, sen entrecomiñar os fragmentos reproducidos. 

En definitiva, unha macedonia de textos, gabinete de curiosidades e teimas, cun perfil próximo á poesía, cos tics de certa arte contemporánea coa que o diálogo é explícito.

Mais todo semella construído sen raíz. O texto é simplemente un artefacto. As palabras non se asentan nunha busca da verdade nin na madurez dun discurso literario autónomo, senón unicamente no desexo wikipédico de compartir certas anécdotas ou teimas fascinantes.

A amálgama entre a terra esburacada, a condición da coidadora e outros elementos simplemente non liga, a autora non conseguiu axustar a fórmula para que a mestura fique equilibrada.

O libro, gramaticalmente, está escrito en castelán.

♦ Coidadora, de María Marco. Xerais, 2021. 184 páxinas. ♠18,50€

2 thoughts on “‘Coidadora’, a resesa posmodernidade

  1. Como lector a min Coidadora,gustoume…xa o dixen noutras páxinas.E sinto repetirme…o que me deixou abraiado foi ver á autora nunha entrevista no ZigZag da tvg. tentando un galego que non é seu idioma, moi forzado,con deficientes expresións impropias de calquera falante e que me deixaron moi clariño que é unha novela escrita por unha autora en castelán e que algún traductor pasou ao galego.Desde cando nun programa cultural sae falando alguén que non sabe galego…e que ten o Premio Xerais de Novela .Xúroo nunca vira tal cousa na miña vida!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *