Colecta virtual-popular para publicar un libro
César Lorenzo Gil.
Arestora, varios proxectos editoriais en galego buscan financiamento na plataforma de colecta de micromecenado (tamén coñecido como crowdfounding) Verkami. Son proxectos diferentes mais que explican as dificultades do sistema cultural propio para conseguir innovar en formatos e ideas.
O sistema é doado: os promotores dunha iniciativa editorial comparten os riscos cun grupo de futuros usuarios que en vez de esperaren a que o produto naza, deciden incorporarse ao proceso desde antes de que se efectúe, comprometéndose por adiantado economicamente co proxecto. Se a iniciativa consegue a cantidade de diñeiro que considera mínima para botar a andar, os mecenas reciben os beneficios pactados; se non, devólveselles a achega financeira.
No caso editorial, este modelo só se diferencia do procedemento habitual nesta primeira fase xa que unha vez que o libro estea publicado, amais de chegar aos mecenas, terá un percorrido comercial semellante a calquera outro libro. De feito, en moitas ocasións, o investimento que se precisa non é tanto para asegurar a viabilidade da tiraxe como para lograr fondos para o labor de difusión e de comercialización dunha maneira máis eficaz.
Vexamos agora algúns dos proxectos máis interesantes que están en marcha e nos que podes participar.
‘Mulleres bravas da nosa historia‘ é un proxecto de colección infantil promovida pola editora Urco. Seguindo a liña de iniciativas como ‘Pequeña y grande‘, de Alba editorial ou os ‘Antihéroes’ e ‘Antiprincesas’, de Chirimbote, a serie homenaxeará figuras femininas relevantes da nosa historia. Os dous primeiros volumes están dedicados a Rosalía de Castro e a María Vitoria Moreno. As ilustracións serán de Eva Agra e cada texto estará escrito por unha autora relevante: María Lado e Eli Ríos escriben as dúas primeiras biografías, respectivamente. Os mecenas recibirán, segundo a súa achega, diferente beneficios. Chama a atención a busca da implicación de librarías, establecementos aos que os promotores lles outorgan descontos se participan no financiamento.
Bestiario do vestiario. Neste caso, busca financiamento para a publicación dun libro concreto, cunha edición de 500 exemplares. O autor do libro é Martiño Suárez, que xa publicara a meirande parte das 50 historias que se ofrecen neste volume nunha sección do diario dixital xa desaparecido Dioivo. O promotor do proxecto é Carlos Meixide, autor autoeditado que agora explora a posibilidade de ser editor doutro autor. A implicación de Meixide é tal que algunha das recompensas para os mecenas inclúe libros da súa autoría. A obra de Suárez vai na liña de coleccións como ‘Hooligans ilustrados’, de Libros del K.O., un achegamento literario ao fenómeno deportivo cun enfoque xornalístico.
Co mesmo concepto nace Os nosos, un percorrido por aqueles futbolistas e adestradores que estiveron vinculados na vida aos dous equipos máis representativos de Galicia, o Celta e o Deportivo da Coruña. Amais do contido da obra, este proxecto confésase parte do percurso vital dos seus promotores, a xornalista Noela Rey e o historiador Héctor Pena, parella no persoal e tamén no profesional neste volume que quixeron utilizar esta obra como orixinal maneira de simbolizar a súa relación (Pena e Rey casaron durante a campaña de financiamento do libro). De feito, o primeiro lector da obra foi o gato co que ambos conviven, Coco. A idea veulles feita: Noela Rey é celtista mais aínda así namorou de Héctor Pena, deportivista. Este “amor imposible” deulles pé a pensar en cantos nomes, quizais moitos descoñecidos para os afeccionados ao fútbol galego, viviron unha paixón compartida por dous escudos tan incompatibles a priori.
E noutras plataformas tamén. Eu veño de apoiar a edición dun libro de poemas de Alberte Momán aquí:
http://ppl.com.pt/pt/livros-de-ontem/chuva-cadaver