BiosBardia

O país dos libros en galego

Comeza a Liga da Primavera de relatos

Teclas. MENTATDGT/PEXELS.

Sete duelistas participan na nova liga, que presenta algunhas novidades, pero o mesmo espírito dunha competición que está nas páxinas de Biosbardia desde hai cinco anos.

A primeira xornada publicarase o xoves, 28 de abril, e as restantes publicaranse nas seis semanas seguintes. Coma sempre, amais dos relatos, todos os autores deberán comentar e votar en cada duelo.

Os participantes nesta edición son todos veteranos:

Hai dous campións: Lois Z e David Botana, que intentarán colocar unha nova estreliña na súa camiseta fronte a cinco aspirantes: César Lorenzo Gil, Fran Fernández Davila, Ana Vigo, Carlos Vega e Xerardo Méndez.

Nesta ocasión participan sete duelistas para evitar empates nas cualificacións de cada duelo, polo que unha das novidades desta liga é que non haberá xornada preliminar e que en cada xornada un dos participantes “descansa”.

Nesta edición, ademais, as imaxes que se utilizan para inspirar cada duelo son en todos os casos fotogramas, como homenaxe ao cinema, unha das artes que máis influíu na literatura nos últimos cen anos. Amais de na imaxe, en cada duelo os autores terán que contar coas trabas, unha maneira de afiar o enxeño e a creatividade que xa formou parte da Liga do Outono 2021 e da I Copa Biosbardia.

Durante o 2022, seguramente no último trimestre, presentarase tamén o I Torneo de Novelas, unha nova competición creativa onde os autores non presentarán relatos, senón inicios de novelas, da que iremos informando ao longo dos meses, e que en Biosbardia desexamos que sirva para aprendermos e dialogarmos sobre narrativa, un dos fins primordiais das competicións creativas que levamos acollendo desde o 2017.

2 thoughts on “Comeza a Liga da Primavera de relatos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *