Compostela: Ler (e desler) a cidade, ou cando unha guía tamén toma partido

Emma Pedreira.
Hai unha tradición de libros de viaxe que non trata tanto de desprazarse como de aprender a mirar. Desde Marco Polo e a súa crónica do asombro —onde o mundo é sempre un pouco máis do que parece—, pasando por Nellie Bly emulando a Phileas Fogg nunha carreira contra o tempo, ata as viaxes imaxinarias de Xabier P. Docampo ou as cidades imposibles de Italo Calvino, hai algo en común: a escritura como forma de observación consciente. Viaxar non é só moverse o mesmo que comer non é unicamente alimentarse.
Pero tamén escribir é volver e ao volver, inevitablemente, idealizar, deformar, reordenar. Como ese Sinbad de Cunqueiro, onde a viaxe xa non é o acontecemento senón o relato que se fai dela, un regreso cheo de memoria e pequenas traizóns á realidade. Porque toda viaxe contada é, no fondo, unha segunda viaxe.
E aínda hai outra tradición, máis incómoda e máis reveladora, que é a das viaxes que nunca aconteceron e, porén, condicionaron a maneira de ver o mundo. A Carta do Preste Xoán é talvez o exemplo máis claro dunha xeografía inventada que durante séculos foi lida como verdade, un territorio fabuloso que organizou desexos, expedicións e imaxinarios. Non había mapa, pero si había o relato e iso chegaba para movernos do sitio.
Entre esas tres liñas —a observación, o regreso e a invención— constrúese boa parte da literatura de viaxes. E quizais tamén a súa trampa, a de pensar que mirar é inocente. Quizais por iso seguimos lendo libros que, en teoría, só deberían servir para orientarnos, libros que non se sabe ben onde hai que colocalos ou se fai falla unha clasificación, a priori. Non son exactamente narrativa, nin ensaio, nin tampouco simples guías prácticas ou divulgativas. Ocupan ese territorio intermedio tan incómodo para as etiquetas como fértil para a lectura, lugares panópticos de privilexio para a olladela discreta, que as marxes para iso sempre foron idóneas. Ademais, no caso que nos ocupa, que é observar unha cidade de complicado trazado medieval e recunchos difíciles como é Compostela, os textos, sexan como sexan, deixan de ser textos para converterse en mapas.
Nestes días de ollar cornixas na procura de aberracións estéticas na cidade da pedra, fágome con dúas publicacións de Alvarellos: Santiago de Compostela desde dentro, de Marilar Aleixandre, e Gárgolas de Compostela, de Benxamín Vázquez. Dúas propostas que, baixo a aparencia de guías para a camiñada por un determinado espazo, acaban formulando unha pregunta máis incómoda: que é o que fai literario un libro? Porque ambos nacen como guías. E, porén, ambos desbordan ese xénero e fano, precisamente, porque toman partido. A paisaxe intensifícase coa experiencia humana e a súa perspectiva. Os ollos cara arriba no caso das gárgolas, os pés sobre o enlousado de laxas e pozas da chuvia na camiñada aleixandriña.
En Santiago de Compostela desde dentro, Aleixandre propón unha guía sensible, ecolóxica e feminista, que percorre a cidade a través de itinerarios e visitas singulares, pero tamén a través da memoria, da experiencia propia e da imaxinación. Hai aquí unha vontade explícita de afastarse do turismo de catálogo para construír un itinerario cultural e de lecturas. Hai complicidade entre o escrito e o vivido que se transformará, logo de varios paseos, nunha experiencia literaria en voz alta ou, polo menos, en pé e en movemento. Cando deixamos de ser peripatéticas para ler sempre acomodadas en sofá, cadeira, cama?
O interesante é que o libro non se limita a describir lugares para pasar a interpretalos en base ao vivido, lido, sentido e recollido desde unha memoria particular moi existente xa noutros libros (definitivamente literarios) de Marilar Aleixandre. A autora introduce unha cartografía en feminino dese territorio das mulleres que incorpora figuras e presenzas, unha coñecidas amplamente, outras silenciadas, e dialoga coa tradición literaria que atravesa Compostela, convertendo a cidade nun palimpsesto.
Mais esa mesma operación, que resulta necesaria e estimulante tanto para o paseo como para a lectura, é tamén parcial. Non pode ser doutro xeito. Aleixandre escolle, insiste e traza para nós uns percorridos e deixa outros na sombra. A súa Compostela é unha proposta política, non por nada atravesamos unha polis sólida e argumentada pero non amosa unha totalidade (imposible e tamén innecesario facelo) e nesa parcialidade reside tanto a súa forza como o seu límite.
Se o libro de Aleixandre traballa a cidade desde dentro, coa ollada perpendicular aos pés, o de Vázquez obríganos a levantar a cabeza. Gárgolas de Compostela parte dun elemento aparentemente secundario: esas figuras pétreas que funcionan como desaugadoiros para construír unha lectura simbólica da cidade.
O autor selecciona unha serie de gárgolas do miolo máis céntrico da cidade (Hostal dos Reis Católicos, San Martiño Pinario, Pazo de Raxoi, Casa da Parra) e propón unha viaxe que mestura historia, curiosidade e interpretación mitolóxica. Mais aquí o equilibrio inclínase claramente, de novo, cara á subxectividade. As gárgolas convértense en máscaras, en restos dunha imaxinería de sabor medieval que o autor reconstrúe cunha liberdade que, por momentos, queda máis á banda da fabulación que da análise. E iso pode ser, ao tempo, fascinante e problemático.
Fascinante porque abre o campo do imaxinario e devolve ás pedras unha voz que non sabiamos escoitar, moi probablemente. Problemático porque esa voz é, en boa medida, unha proxección da lectura persoal que non sempre dialoga co límite entre interpretación e invención.
Neste sentido, o libro chega nun momento especialmente significativo. O recente debate arredor da restauración —cualificada por algúns como “detallista”— das portadas do Hostal dos Reis Católicos volveu poñer o foco sobre estas figuras: que facemos con elas, como as miramos, ata que punto as transformamos ao querer conservalas e, na súa conservación, estragamos o fondo coa forma.
As gárgolas, que sempre estiveron aí, convértense así en campo de discusión contemporánea e o libro de Vázquez, sen pretendelo, entra nese diálogo.
Ambos os dous títulos comparten colección e formato, pero sobre todo comparten unha tensión: a de seren útiles e, ao mesmo tempo, exceder esa utilidade. Porque unha guía convencional busca orientar e estes libriños, en cambio, buscan afectar. E fano a través dunha escritura que toma partido: a de Aleixandre, desde unha mirada feminista e ecolóxica que reorganiza a cidade; a de Vázquez, desde unha subxectividade que proxecta sentido sobre a pedra.
A pregunta, entón, non é tanto se son literatura ou non. Senón que tipo de lectura esixen.
♦ Santiago de Compostela desde dentro, de Marilar Aleixandre, Alvarellos, 2019. 108 páxinas. ♠14,90€
♦ Gárgolas de Compostela, de Benxamín Vázquez, Alvarellos, 2022. 146 páxinas. ♠16,90€






