BiosBardia

O país dos libros en galego

Comprar libros galegos (en Galicia e de papel) pola internet

carriño

César Lorenzo Gil.

As plataformas de venda de libros pola internet están hoxe no seu mellor momento. O aumento da seguranza nas transaccións, a ampliación da porcentaxe de usuarios da rede e a imbricación dos hábitos de navegación, recomendación e compra explican por que hoxe o negocio de venda en rede é xa unha importante parte da porcentaxe do negocio de grandes cadeas de librarías físicas en toda Europa.

Mais nesta reportaxe non falamos nin de Amazon nin de Casa del Libro nin de Wook (páxina web líder en venda pola internet en Portugal) senón de como comprarmos libros, editados en galego e en formato papel, a través da rede.

En Galicia non existe ningunha plataforma creada desde cero co fin de vender libros unicamente pola internet. O máis parecido foi o proxecto Lonxa de Letras, iniciativa da Rede Galega de Quioscos, creada no 2011 como xeito de xeneralizar a venda de libros en galego tamén nos quioscos. A idea parecía boa. Aproveitaba o gran número de quioscos para distribuír literatura comprada na rede sen ter que pagar os temidos gastos de envío (aínda que había a posibilidade de pedir que chos mandasen á casa). Mais pouco e pouco foi esvaecendo e hoxe, aínda que en funcionamento, ten o catálogo de títulos sen actualizar. No seu momento, ademais, espertara a polémica entre o sector das librarías. Algúns destes establecementos consideraron que había competencia desleal nesta proposta.

Mais do gremio das librarías non xurdiu unha idea semellante e as únicas plataformas son extensións de negocios con establecementos con domicilio postal, mostrador, andeis e almacén. Andel é o máis elaborado destes proxectos. A libraría con sede en Vigo buscou ampliar a súa base de clientes coa proposta andelvirtual, catálogo en liña de títulos e autores en lingua galega. O catálogo está actualizado e de cando en vez os seus promotores engaden textos de recomendación e ofertas especiais. Aqueles clientes que se comprometan a realizar dúas compras ao ano poderán desfrutar das vantaxes do Club Andel, que supón condicións máis favorable nos custos de envío, acceso privilexiado a ofertas e un desconto xeral do 5% en todos os títulos.

O desconto, tan fundamental nas técnicas de mercado noutros sectores, no libro ten baixa incidencia. O prezo do libro, polo momento, é fixo e só se consenten descontos do 5% en libraría agás casos especiais (libros descatalogados, especialmente). Este factor loxicamente impide a competencia entre librarías pero tamén garante que poidamos facer negocio con plataformas “da casa” cunha vantaxe sobre as demais: os envíos virán desde máis perto.

Esa é a filosofía da libraría Aira das Letras. O seu establecemento físico está no centro de Allariz pero ten un servizo de envíos a toda Galicia cos gastos de envío incluído no prezo, que xa leva ese desconto do 5% do que falamos. Aira das Letras funciona coma unha libraría, non coma unha plataforma de venda pola internet. Hai que pedir os títulos por correo electrónico, confirmar o pagamento por transferencia bancaria e esperar os prazos que á libraría lle marcan as distribuidoras e editoriais. É un modelo tradicional de relacionarse cos seus clientes aproveitando as vantaxes da rede: maior alcance do seu traballo, maior facilidade das comunicacións. Para quen faga gasto na libraría Aira das Letras ofrece descontos noutros establecementos e servizos na área de Ourense.

Tamén apostou con decisión a Libraría Abrente polas posibilidades da venda pola internet. Situada en Bueu e ofrecendo produtos editoriais desde o 1979, no 2013 lanzáronse ao reto de vender pola rede coas ferramentas propias do comercio electrónico. Ao igual que no caso de Andel, o seu espazo web é un catálogo amplo no que escoller os títulos que se envían a calquera recanto só con validar as compras recollidas no carro virtual. O mesmo modelo é o que empregan dúas veteranas librarías galegas: Cartabón, de Vigo, e Pedreira, de Santiago. É arestora o sistema máis utilizado –a lista de librarías galegas é longa– aínda que ningunha conseguiu perfilar unha área de comercio electrónico accesible, moderna e onde estean claros os gastos de envío, os tempos de envío e outras informacións.

É materia pendente deseñar unha libraría virtual galega cómoda e completa ao xeito doutros proxectos con grande éxito noutros lugares. O investimento necesario, os medios loxísticos e de comunicación e a necesaria complicidade do comprador de libros son elementos que o día que se acheguen conseguirán que comprar libros en papel e en galego desde a casa sexa aínda máis doado.

2 thoughts on “Comprar libros galegos (en Galicia e de papel) pola internet

    1. Graciñas por comentar. Biblos é unha iniciativa moi interesante cuxo labor sobardaba un pouco os límites do tema desta reportaxe. Mais agradezo que sinales que tamén ofrecen venda pola internet. Apertas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *