BiosBardia

O país dos libros en galego

Coñece as oito plumaespadas da Liga Maruxairas do Outono 2021

Cinco autores e tres autoras. Tres deles coa estreliña de campión gravada na man. Coñece as plumasespadas que disputarán o trono da Liga Maruxairas do Outono do 2021 entre o 14 de outubro e o 2 de decembro.

Sabela González

Sabela González.

(Burela, 1981) Tradutora de formación e escritora por deformación, gaña o soldo dende 2008 xestionando proxectos internacionais de investigación na Universidade de Vigo, cidade que a acolleu como estudante e da que só marchou para facer un máster na capital e para se confinar na aldea á que lle gustaría chamar “fogar”. Entre 2013 e 2016 publicou a triloxía As Crónicas de Landereina (Ed. Galaxia). Logo deulle por ter un par de fillos e, parece, por quedar sen tempo de abondo para publicar algo máis. Gañou a Liga Maruxairas da Primavera 2021

David Botana

David Botana.

A David Botana faille moita graza falar del mesmo en terceira persoa. Opina que é coma mirarse de esguello nun deses espellos de Casa do terror. Naceu hai corenta anos vive en parella, ten unha cativa e traballa de mercenario do saber. Está prácticamente calvo e en proceso de deixar de ser, cito textualmente: “Unha puta vaca mariña”. En canto ao literario publicou contos en varias revistas, a maioría na editora Contos Estraños, segundo el: “A miña casa”. Tamén dirixe e xoga ao rol todas as semanas. “É outra maneira de contar contos”, aclara sen que se lle pregunte. Poida que o máis notable que acadou na súa efémera carreira literaria fose gañar o Terceiro torneo Biosbardia do que opina: “Aí creo que está o mellor que escribín e seguramente escribirei nunca”. Tamén quedou segundo na Primeira Liga Biosbardia e gañou a Segunda Liga Biosbardia. Di, reflexivo: “Esta xa é unha segunda casa para min e, se volvo é soamente para coñecer nova familia”. Eu penso que se está a ir de guai.

Lois Z

Lois Z.

Ourense, 1981. Estudou Bioloxía, vive en Santiago e adícase á compravenda de xogos de segunda man. Ten parella, unha filla e cinco gatos, “algúns somos bravos e outros mansos”, resume. Xoga ao rol e escribe críticas para Biosbardia cando o tempo –un ben cada vez máis escaso- llo permite. Gañou a I Liga Maruxairas.

Carlos Vega

Carlos Vega.

Naceu no 1997, a 30 dias de que acabase o verán. Comezou a escribir hai anos por celos dos libros de medo que tanto lía. Aos 19 anos buscou e achou fortuna en Inglaterra, sendo case nomeado herdeiro dunha fortuna de procedencia checa, en parte grazas a recoñecer un cadro de Mondrian. Gústanlle as cancións de Johnny Cash e Elton John. Tamén se xacta de coñecer un segredo crítico sobre o príncipe de Gales. Con todo isto xa ten 23 anos e pouco máis sabe escribir.

Pilar Vilaboy

Pilar Vilaboy.

Naceu en Ferrol no 1966. Vive en Vigo desde a década do 1990. É filóloga e traballa como bibliotecaria na Fundación Penzol. É autora da tradución ao galego da obra A praza do Diamante, de Mercé Redoreda (1992). Explica que a tradución lle serviu para intentar ser “unha escritora emotiva”. Esta é a súa segunda participación na Liga Maruxairas.

Daniel Ugarte

Daniel Ugarte

Nado en Santiago de Compostela en 1981, Daniel Ugarte é licenciado en Ciencias Políticas e especialista en Dereito da Propiedade Intelectual. Desde 2007 reside en Bruxelas onde traballa como xestor de programas europeos na Axencia Europea para as Pequenas e Medianas Empresas (EASME). Membro da Asociación Couto Mixto de Bruxelas, Daniel Ugarte é un dos responsables da organización de eventos que teñen como obxectivo presentar a cultura galega contemporánea  na capital belga. En 2019, publicou a súa primeira novela, O coala (Edicións do Peirao). Xa participara no III Torneo Biosbardia de Relatos.

Xerardo Méndez

Xerardo Méndez.

Colón, Panamá, 24 de xaneiro do 1964. Puido ter nacido, conta, o 9 de xaneiro, unha data máis sinalada porque houbo un asalto no medio do Canal, pero “escolleu agardar a que as cousas se calmasen”. Daquel trópico trouxérono para a terra de Caldelas como querendo enxertalo nun castiñeiro, pero a cousa non prosperou e acabou enxertado no asfalto da estrada de Ponferrada, antiga Nacional 120. Segundo foi medrando foille entrando o bicho de esborranchar papeis, e mesmo chegou a conseguir publicar catro libros en pequenas editoriais. Por razóns diversas, este home adquiriu unha tendencia a un certo solipsismo algo narcisista, que o levou a contribuír a  ese caos chamado internet en diferentes formas.  Para acabar de rematala, un día descubriu a posibilidade da autoedición, e o pobre aí anda, contribuíndo -en menor medida do que lle gustaría- á deforestación  inxustificada do planeta. 

Sofía Sicilia

Sofía Sicilia.

Ourense, 1996. Pasou a meirande parte da infancia en Allariz, a vila do seu pai. Mudouse a Madrid aos 18 anos para comezar os seus estudos de Psicoloxía e Danza. No 2016 recibiu unha bolsa para realizar un intercambio coa Universidade de Guanajuato, México, onde recibiu clases de Filosofía e Danza contemporánea. Ao volver a Madrid decide iniciar a carreira de Filosofía na UNED. Ademais, participa en diversos grupos de divulgación poética na cidade. No 2019 mudouse a Barcelona, onde frecuentaba o club Cronopios de literatura e artes escénicas, deu clases de ballet e seguiu cos seus estudos de Filosofía até a chegada da pandemia. Daquela voltou a Galicia e comezou un mestrado en Filosofía na USC, especializándose no itinerario estético. Acaba de marchar vivir a Nova York, premiada coa bolsa Fullbright en Estudos Artísticos e ao tempo comezou os cursos de doutoramento na Facultade de Filoloxía da USC. A súa tese versará sobre literatura comparada e as relacións entre as artes vivas (en particular a danza) e a literatura. Traballou na Fundación Vicente Risco, publicou artigos académicos en revistas internacionais como Verba Volant e Revista Bibliotecas Una. Actualmente traballa nunha peza de arte da performance CALIENTE, que se estreará na Gala Chasama 2021 en Nova York. 

6 thoughts on “Coñece as oito plumaespadas da Liga Maruxairas do Outono 2021

  1. Aproveito para saúdar aos compañeiros cos que xa participei neste torneo (Carlos, David, Lois), ás que me fixeron gozar cos seus relatos na última edición (Sabela e Pilar) a un vello amigo virtual (Xerardo) e a Sofía, coa que penso nunca coincidín pero coa cal tamén será un pracer compartir esta fermosa iniciativa do Biosbardia.
    Desexando que comece!

      1. Dicíalle onte á miña muller que te estás a convertir na miña musa, David.
        Na edición anterior tiven que facer un relato dunha foto túa, nesta outros dous.
        Vou rematar sendo un especialista! 😂

  2. Ola a todos e a todas;

    Encantada de volver topar os que xa participamos noutra Liga (David e Carlos). Alegría de topar a Daniel (coñecémonos de twitter), Lois Z (dos comentarios que facía sobre os relatos na liga) e mais a Sabela (fixemos un curso de literatura con Francisco Castro). E a benvida aos descoñecidos para min, Xerardo e Sofía. Disposta a pasalo ben e aprender moito convosco. Moita sorte a todos e todas!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *