BiosBardia

O país dos libros en galego

Congreso sobre o Reino Medieval de Galicia: Máis panorama ca novidades

Desde a esquerda, a presentadora do congreso, Charo Lopes, e os historiadores Simon D. Doubleday e Pablo C. Díaz.

César Lorenzo Gil.

Entre os días 19 e 22 de setembro do 2022 celebrouse no Museo do Pobo Galego, no convento de San Domingos de Bonaval de Santiago, o Congreso sobre o Reino Medieval de Galicia, Regnum totius Gallaeciae, organizado pola Deputación da Coruña e cuxo organizador científico foi o historiador medievalista Anselmo López Carreira.

Na mesa de relatores estiveron Jaume Sobrequés, Simon D. Doubleday, Pablo C. Díaz Martínez, Martín Fernández Calo, Alberte Lago Villaverde, Mariña Bermúdez Beloso, Carlos Andrés González Paz, Carlos López Bernárdez, Carlos Baliñas, Xosé Miguel Andrade Cernadas, Ramón Yzquierdo Peiró, Héitor Picallo, Mercedes Brea López, Xosé Ramón Pena, Eduardo Pardo de Guevara, Antón Xosé Meilán García, Pexerto Saavedra e o propio López Carreira.

Os temas foron variados, e velaquí unha das características deste congreso que o relacionan máis co formato dunhas xornadas divulgativas e menos cun espazo de debate académico: intentouse dar unha panorámica da época medieval en Galicia, non tanto reflexionar, debater e extraer conclusións ao redor dun tema concreto.

Esta cuestión non é banal porque un dos ecos que se repetiu en moitos dos relatorios foi a necesidade de aclarar e explicar que foi o Reino de Galicia e como entender a súa dimensión cunha mirada actual e científica que supere a tradición historiográfica que o ocultou ou o distorsionou, especialmente desde o século XIX, cando a Historia pasa a converterse nunha disciplina sometida en teoría ao método científico.

Que López Carreira fose o promotor facía previsible que o congreso atinxise a dimensión política da Idade Media galega. O historiador ourensán é autor do imprescindible O Reino Medieval de Galicia, á parte doutras obras e documentos que reenfocaron o xeito de entender o papel da Galicia nuclear (e do propio nome Galicia e Gallaecia) entre os séculos V e XIII, fundamentalmente. 

Carreira propón na súa obra unha tese básica: Contra a tradición da historiografía española de considerar o territorio galaico (con capitais en Santiago e Braga) como marxinais na consolidación do reino cristián do noroeste da península Ibérica despois da invasión árabe do ano 711, en realidade ese territorio era protagonista, por razóns de índole política, histórica e cultural, ao punto de se recoñecer internacionalmente ese territorio nacente como Gallaecia ou Galicia, e non Reino de Asturias ou Reino de León (a partir do século X), como se estuda habitualmente nas escolas.

A tese de Carreira é polémica e discutida, incluso por algúns dos relatores do congreso, caso de Pardo de Guevara ou Baliñas, e matizada por outras moitas voces, incluída a de Andrade Cernadas, coautor xunto a Carreira dun dos seus máis recentes libros.

Polo tanto, foi un acerto convidar estas figuras (podemos sumar a Ramón Yzquierdo), pero chamou a atención que non se debatese sobre o tema que a día de hoxe segue a ser principal: “Como lle chamamos ao reino? É correcto chamarlle Reino de Galicia ao reino medieval?”.

É importante sinalar que o relatorio de López Carreira estivo dedicado á alternativa atlantista na que Galicia se sitiuou, do lado de Portugal e Inglaterra, cando apoiou a candidatura de Pedro I de Castela fronte á rebelión do seu medio irmán, Henrique II, na etapa ibérica da Guerra dos Cen Anos (1356-1387). Este tema si é un dos máis tratados polo historiador, pero fica fóra do cerne principal da súa devandita obra sobre o Reino Medieval.

Entre liñas e en base ás intervencións dos historiadores, tamén durante os coloquios, incluso entre os relatores da que poderiamos denominar como “escola nacionalista galega”, impúxose tacitamente unha explicación á disonancia entre que fóra do territorio o nome máis común para o Reino foise Galicia ou Gallaecia e dentro se usasen como obxectos políticos Oviedo ou León:

Oviedo foi o núcleo orixinario do reino cristián do século VIII, e León foi escollida como capital douscentos anos despois porque desde o punto de vista xeográfico estaba mellor situada para garantirlle á coroa o control sobre os dous grandes núcleos do territorio: a Galicia “nuclear” e Portugal, onde estaba o groso da poboación, e o leste e sueste do reino, onde se vai formando Castela, con pouca xente e recursos, pero moi exposta á violencia do primeiro emirato e logo Califato de Córdoba. Por exemplo, Doubleday, tras unha pregunta do público, tivo que admitir que en efecto o normal sería chamarlle Gallaecia ao reino, pero que nas fontes documentais o máis habitual era que se falase de León. O propio Carreira considera que especialmente a partir do século XI, cando Fernando I derrota a Vermudo III na batalla de Tamarón e se converte en rei por estar casado coa herdeira, Sancha I, o lóxico é falar dun reino composto por tres entidades que corresponden coas herdanzas dos fillos de Fernando e Sancha: Castela para Sancho, León para Afonso e Galicia para García. Anos despois, o rei Afonso VII, bisneto de Fernando I, consolida unha nova repartición territorial entre os seus fillos Sancho e Fernando, onde podemos diferenciar claramente os reinos de Castela-Toledo por unha banda e Galicia-León, pola outra, xa sen os territorios ao sur do Miño, que se independizaran pouco antes. Esta configuración muda de vez a mediados do século XIII, cando Castela incorpora a Galicia-León e moi pouco e pouco o territorio que coincide máis ou menos coa Galicia actual vai perdendo o seu anterior protagonismo político.

A presenza no congreso de figuras que se opoñen ao concepto de Reino de Galicia defendido por Carreira foi valiosa tamén porque os obrigou a aceptar xa esta nova realidade como un concepto popular e con certo calado fóra do ámbito académico, en clara contraposición e competencia co vello nome de Reino de Asturias ou Reino Astur-Leonés.

Aínda así, Baliñas aludiu xustamente a ese valor do Reino Galego fóra das aulas universitarias. “Afeccionados que na súa práctica diaria son marxistas e que logo escriben miles de páxinas para confundir os intereses da alta nobreza cos de todo o pobo de Galiza cun ton máis propio da historiografía do século XIX”, sobre Francisco Rodríguez e o seu libro sobre o século XIV, sen nomealo; ou: “Eu atravesei eriais para defender e apoiar a Camilo como político, pero a historia débena facer os historiadores”, desta volta directamente contra Camilo Nogueira, o primeiro autor que quixo redefinir o concepto sobre o reino coa publicación do seu libro A memoria da Nación. O Reino de Gallaecia

Os relatorios deste congreso panorámico, no entanto, tocaron aspectos moi diversos da Galicia medieval a través dos séculos e será interesante poder ler as actas, dado que en varios casos os relatorios quedaron incompletos por falta de tempo ou por certas digresións dos seus autores. Á parte do rigor de Pardo de Guevara, Pena ou Andrade, entre outros, foi moi interesante a intervención de Doubleday, historiador estadounidense que amais de dar a conferencia en galego, demonstrou estar moi ao tanto das tendencias historiográficas actuais e falou sen complexos, sen casar con ninguén, e con moitos datos novidosos. O mesmo pasou con Martín Fernández Calo, que era un dos poucos relatores, xunto con Picallo e Mariña Bermúdez, menor de 50 anos.

A entidade organizadora do congreso, a Deputación da Coruña, está facendo un esforzo por darlle visibilidade á idea do reino (no 2022 premiaron vinte proxectos que van divulgar o concepto entre o público xeral), pero como explicou no coloquio Alexandra Cabana Outeiro, alén de vídeos para as redes sociais e resumos de precario rigor, “no ensino non hai nin unha liña sobre o Reino de Galicia porque non hai profesor que teña tempo para compilar e comprender todo o material académico que se publica e convertelo en material didáctico”. 

Por último, deste congreso chama a atención a ausencia, máis alá da presenza dalgúns profesores, das universidades, especialmente da Universidade de Santiago de Compostela. En ningún momento se aludiu ao motivo desta ausencia, que parece flagrante no caso dun evento que non ocultou o seu carácter ambicioso no académico e profesional no científico. Que estivese a universidade neste congreso favorecería que se inocular no sistema circulatorio das institucións académicas unha “axenda propia” galega e superar así a distorsión entre unhas aulas nas que en efecto se estuda a Galicia medieval dun xeito profundo e ambicioso e un espazo xeral onde se pensa que a USC e outras ignoran a historia do propio país en base a preconceptos e tradicións xa superadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *