BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Conservación’ vs ‘Puxo pelo’

Imaxe do cadro ‘Compartments II’, (1979), de Graham Dean.

No grupo C nesta segunda xornada asistimos ao duelo entre César Lorenzo Gil e Marcos López sobre o tema: “Impulso primario”.

Conservación

O peso da man pechada no extremo do brazo debuxa unha traxectoria semicircular interrompida pola cara da rapaza que sente estoupar os ósos do nariz. Clic! Norberto N. R. leva os pantalóns por dentro das botas militares e unha bandeira atada no pescozo que lle cae de xeito descoidado por diante do corpo. É un fisioterapeuta de trinta anos, propietario dun ximnasio e afeccionado ao vale-tudo.

Sen tempo a laiarse da dor que sente na cara, a rapaza recibe nos pés a patada doutro home que a desequilibra e fai caer no chan nunha mala postura sobre un brazo que quebra. Clic! Ramón C. J. viste unha camiseta negra e un pantalón vaqueiro curto. Nos xemelgos musculados da perna esquerda ten tatuada unha esvástica entre aguias. Traballa de garda de seguridade, é membro do grupo ultra do club da cidade e socio do bar de copas “Lobo Negro” na zona do Náutico.

Ramón C. J. e Norberto N. R. enfróntanse a un fotógrafo que grava o suceso violento na puxa entre os manifestantes dos bandos opostos. Cando a rapaza intenta erguerse debilmente, achégase un terceiro agresor, un mozo con zapatillas Adidas e un suadoiro con capucha. Consegue darlle outra patada na cara que a deixa sentada e provoca unha fractura de pómulo e o descenso do globo ocular. Queda coa boca chea de sangue escorregando polo queixo. Clic! Jorge P. S. toca nun grupo Trash Metal que pon música ás arengas políticas extremistas. Os seus pais son militantes de peso no partido “Orden” que ten representación no Concello e facilitou a investidura do actual goberno.

O home do traxe pecha a carpeta deixando dentro as fotos e a relación dos sucesos.

Tamborila cos seus dedos enriba da cartolina da portada. Acaba de recibir unha chamada do Delegado interesándose por el, pola súa muller, e pola pasantía da súa filla no despacho dos Lema & Pesci. En segundo termo preguntoulle a súa opinión sobre aquel expediente. Ten un olfacto afiado logo de trinta anos remexendo na burocracia gris e tratar con políticos que só chaman para lembrar que unha man lava a outra. O terreo que pisa é quebradizo como unha costra de merda seca. Pónselle un tic nervioso nun dos ollos cansos, que están enterrados vivos na pel inchada e amarela que os arrodea.

“–Como está a pequena?

–A pequena, Ameijeiras, xa ten vinte e dous anos.

–Non me digas? En serio? Nós facémonos vellos e os novos teñen que ir ocupando o seu sitio. Faláronme moi ben de Elisita. Estiven con Lema nunha comida do Círculo de Empresarios. Seica é un cerebriño. E moi guapa tamén”.

 

Pásalle pola cabeza durante uns segundos que a rapaza da manifestación tamén terá un pai. O tic no ollo. Imaxina a súa propia filla Elisa golpeada e coa cara rebentada. Como acostuma desde que ocupa o seu cargo, nestas ocasións, deixa a solución do dilema en mans dun profundo instinto de conservación que o levará ata a decisión correcta.

Marcos López.


Puxo pelo

I

Puxo, puxo. Mira ben para el. Antes de se facer famoso e ir para Madrid estaba a quedar coma unha bombilla. Xa lle clareaba a croa e tiña que facer así e asá co pouco pelo que lle quedaba dediante para tapar as entradas. Buscai fotos de hai dous anos e veredes o cambio. Agora hai moitos adiantos. En Turquía fanche o tratamento enteiro por 2.500 euros. Anda careco quen quere! Aínda que calquera se fía dos turcos. Vas alá por pelo e volves coa cabeza toda furada sen que che prenda nada. Un amigo do meu fillo leva anos querendo e nada, non hai xeito. Non lle retona. As cabezas deben ser coma as terras, que as hai máis boas para a semente ca outras… Pero este non che foi a Turquía; ha de ir a boas clínicas e pagar ben diñeiro. Até quen sabe se se meteu na política para poder pagalo. Haiche xente con moito complexo. Alí onde somos nós hai un veciño que volveu de emigrado cunha perruca. Notábase tanto! Un dia veu un aire tolo e levantoulla. Todos botamos a rir. Nunca máis a puxo. Cambiouna por unha gorra. Cando ventaba, por riba da gorra ataba ben atada a carapucha dunha coreana. Non sei o que parecía.

II

O presidente do partido chegou ao dúplex canso de relatorios, entrevistas, briefings e pilates MAT. Sen tirar a chaqueta comeu de pé catro cogombros en vinagre e un pouco de maionesa untada en pan bimbo. “Moito mellor a que vén en frasco de cristal”, pensou. “Non me compensa gardar os sobreciños da cafetaría do Congreso”. Chamou a filla a Barcelona e logo á moza. Pero case non tiña cobertura e apenas lle puido preguntar de que cor levaba as bragas. Logo de facer a pera foi limparse ao baño. Ollouse no espello. Daba igual o tempo que pasara, non se afacía a aquel volume de cabeleira. Cofeou a melenaza: fixo sucos coas xemas dos dedos. Calquera peiteado despeiteado lle quedaba ben. “Se algunha vez me vai mal na política, podo usar unha porta xiratoria e anunciar xampú anticaspa”, riu el só coa súa ocorrencia. En automático, aparcou no sofá e estomballouse co Netflix de fondo. Pensaba nas intervencións nas radios e televisións combinadas para a mañá seguinte, nese membro da dirección nacional que estaba seguro que era un traidor, en que o Infiniti é bo pero o Tesla non é malo… Cando volveu en si, decatouse de que levaba todo o tempo, des que saíra do baño, arrancando pelos da cabeza, un tras outro, un tras outro. Mirou para a mata escura e algo crecha que se acumulaba sobre a súa camisa rosa asalmonada. Fixo unha pinza cos dedos índice e polgar, tomou outro pelo, negro, duro, groso. Turrou del até sentir como se desprendía do coiro cabeludo a cebola da raíz.

César Lorenzo Gil.

11 thoughts on “‘Conservación’ vs ‘Puxo pelo’

  1. O meu voto para ‘Conservación’. Botei en falta un chisco máis de violencia na narración da agresión, malia que sexa parte dun dossier, a malleira está a ser narrada, non é unha sucesión de fotos e, polo tanto, penso debería ter máis brutalidade e menos datos obxectivos sobre o alcance das lesións e os ‘non’antecendetes e ocupacións dos agresores. Polo demais, pareceume unha situación final ben orquestada e narrada.

    De ‘Puxo pelo’, síntoo, mais non conectei con el. Tampouco me chegou a necesidade de diferenza de narrador en primeira persoa a omnisciente entre os dous parágrafos, nin captei o obxectivo do primeiro parágrafo.

  2. Conservación

    Un relato duro e que da para moito pensar. É curioso como a “ficcionalización” dalgo que vemos nos medios cada día ten tanto poder de suxestión coma os feitos reais. Ou máis.
    Ó contrario que Duncan a min pareceume moi acertada a narración da malleira. Canto máis aséptica máis potente, unha patada na cabeza non deixa de ser unha patada na cabeza se narre como se narre. Non vexo que precise ser narrado con máis violencia (é dicir, con máis adxectivos). Diferente sería se logo da malliera a rapaza saise cantando bajo la lluvia. Pero non é así.

    O home do traxe tirará o expediente á basura, para que a súa filla siga ben e el conserve o cargo. Quedou ben claro no relato sen ter que facernos un esquema. Moi ben levado. Cada frase ten a súa intencionalidade. Pregunta pola filla e logo polo expediente. E di que os novos “teñen que ocupar o sitio dos vellos”. Estalle ofrecendo unha vida arreglada á súa filla se fai o que ten que facer. Todo pasa diante das nosas narices coma se tal cousa.

    Ademáis, aquí xógase con 2 acepcións do tema proposto. O impulso primario dos brutos da bandeira e o instinto do home do traxe, que para mais inri, é de “conservación”, co cal sae á luz outro xogo de palabras. Eses detalles pérdenme. Moi bo relato.

    Puxo pelo

    a primeira parte (mira que dar para 1 capítulos un relato a 500!) é moi simpática, está ben escrita (estou canso de dicir isto) e gústame o vocabulario elixido.

    A segunda parte é totalmente diferente, e é normal que o lector se pregunte por que. É obvio, non obstante, que a persoa da que se fala na 1º é o que aparece na 2º. Pero que na 1º fale del unha persoa e na 2º un narrador choca.

    Aparte de que é unha lectura amena, o único punto realmente interesante para min foi o final, nese arrancar os pelos sen saber por que. Aí xusto é onde ten o corazón o relato. Penso que a división en 2 partes obecede mais á dificultade que tivo o autor para deseñar o relato que á vontade de usar esta ferramenta para chegar a algures onde non podería ir sen ela.

  3. “Conservación”
    O mellor: A descrición aséptica da escena da malleira, porque así é como o “home do traxe” recibe a información, a través dun expediente. Para o meu gusto non lle resta potencia ningunha ó feito.
    O peor: Que ó final só pasa o que ten que pasar.

    “Puxo pelo”
    O mellor: O capítulo I. Reflicte moi ben a fala por medio do escrito. Por moito que se diga por aí adiante, escribir como se fala é unha das cousas máis difíciles que se poden facer. A anécdota final do tipo coa gorra e a carapucha, que parecía non sei que, matoume.
    O peor: O cambio de narrador para o capítulo II. Penso que a mesma voz do capítulo I podería ter contado todo o relato, coma unha conversa na taberna, e tería quedado máis simpático.

    Non deixa de resultarme curioso que os dous autores, para trataren de instintos primarios, botaran man de ambientes políticos…
    O meu voto é para “Puxo pelo”

  4. Imos aló.
    O meu voto egrexio vai para Conservación.

    O cheiro a soto escuro e funcionario gris enchoupado en tabaco domina o relato todo, e case podo sentir o zunido dos condutos do aire e o parpadeo dunha lámpada de neon a piques de expirar. É unha narración sobria, escura, monocorde, na liña do que quere contar.

    Puxo pelo é un relato con moita personalidade, moi ben escrito, mais non acabo de ver que era o que me quería dicir. Aínda lle seguín o fío na primeira parte. Despois, perdinme.

  5. O meu voto vai tamén para “Conservación”, e na miña opinión a escena da malleira si está narrada do mellor xeito posible, tampouco creo que necesite de máis violencia; o importante é que queda moi claro o que se está a contar.

  6. Conservación
    Gustoume o ton da primeira parte da narración. É dunha precisión cirúrxica. O nome dos personaxes cos apelidos en iniciais tamén me pareceu moi axeitado.
    Norberto é o prototipo de neonazi moi ben caracterizado en dúas pinceladas: corpo traballado, estética paramilitar e que non gusta precisamente de ler a Hesse ou García Márquez. O dramatismo da escena acrecéntase ao seren varios os atacantes e unha rapaza desarmada a agredida tan brutalmente. Inicio con impacto.
    A aparición do home do traxe foi… abrupta. Rompeu, para min, o ritmo da narración. O cambio do tempo verbal usado (do pasado ao presente) o paso de saber exactamente que pasa a non saber quen é o protagonista deixoume algo aparvado. Despois de lelo todo supoño que o home do traxe é un xuíz.
    A reflexión final, a apelación ao instinto de conservación non sei que o entendín de todo. Refírese a que decidirá segundo o que máis lle conveña para manter o seu posto? A pesar da súa empatía coa rapaz, cos seus pais? Se é así, é un conflito narrativo potente, quizais exposto un pouquiño tarde pero che fai pensar e iso sempre é bo.
    Xa mirado en xeral, o presunto informe (que tan ben narrado me pareceu) ten algo de impostura. Non é un informe xurídico nin policial: é un texto literario (e dos bos), polo que non me casa moito coa segunda parte. Na miña humilde opinión faríalle ben manter o mesmo tipo de narrador en todo o relato.

    Puxo pelo
    Vaia, un relato de 500 palabras con capítulos. O primeiro fíxoseme simpático e ben narrado nun ton coloquial, como de charla familiar do que fala do veciño. Está contado con solvencia.
    No segundo xa cambiamos a un narrador omnisciente estándar. Centrámonos no personaxe que puxo pelo: é un político. E chegamos ás dúas frases finais: aí está o relato, ata o de agora só nos puxeran en ambiente. É unha mágoa que non se gastase máis presuposto no centro da cebola: nese comportamento obsesivo de arrincarse o pelo enxertado e das consecuencias para a súa vida de fachenda. De tódolos xeitos, gustoume en xeral. Foi unha lectura que pagou a pena.

    Estiven dándolle voltas á cabeza, con bastantes dúbidas. Aos dous relatos nótaselles que están escritos por plumas moi solventes, aínda que ámbolos dous teñen cousas a mellorar. Vou decantar o meu voto por “Conservación”. Parabéns aos autores.

  7. “Conservación”
    Penso que o relato é un bo comezo para algo, pero véxoo coxo ou fáltalleme algo ou non sei eu.
    A pesar de que podo chegar a entender entender o porqué, non deixa de chamarme a atención que practicamente todos teñan nome e descrición menos a rapaza. Nin unhas tristes iniciais, nin unha camiseta do Bershka eslagañada para que sexa menos impersoal. Vexo fácil pensar coma os traxeados se mesmo o narrador, que aparenta querer que sintamos algo por ela, non lle dá a importancia que pide.
    Deixando esta reflexión aparte, dáme a sensación de que o final vai apurado por mor do cómputo de palabras, xa que non me casa co resto. Tampouco me queda claro se o diálogo se desenvolve na chamada que recibiu Ameijeiras ou é posterior.
    Penso que esta historia podería ser redonda ou mesmo un relato máis longo e ben interesante, pero así tal como está semella falto de revisión.

    “Puxo pelo”
    O comezo é brutal. Gustoume moito a diferenza de linguaxe que emprega cada narrador e non vexo apenas ningún problema formal. Con todo, a segunda parte frouxeoume, coma se non houbese seguridade en darlle tal final a tan bo comezo. A frase de peche, de todas formas, fai ben o seu traballo e non deixa ao lector indiferente.

    A min paréceme xenial que haxa capítulos nun relato breve e (vén un comentario xeral, non deste duelo), de feito, penso que o reto é xogar co mínimo de palabras e con diferentes posibilidades, non tirar para adiante e de súpeto parar en 494 coma a maioría dos relatos (si, eu cóntoas), que parece que se lles acabou a corda e tiveron que meter un final en pouco sitio. Isto é opinión moi persoal, só quería deixala por aquí 🙂

    O meu voto vai para “Puxo pelo”.

  8. Conservación, vin o eixo temático coa primeira ostia e iso gustoume moito, non entendín moito por qué se recalca ao final, se cadra foi percepción miña. De tódolos xeitos desfrutei moito desta narración a modo de crónica actual.
    Puxo pelo, gustoume a escolla do protagonista, creo que vexo máis instinto primario no desexo de evitar a calvicie que na acción final.
    Custoume moito decidirme desta vez, pero dou o meu voto á Conservación, polo ton de crónica, porque realmente vin desatado o instinto primario nel e gustoume o modo de narrar moi cohesionado co contido do relato.

  9. “Conservación”

    O título aporta significado ao relato, moi ben. Optimización de recursos a tope, sabe o que quere contar e como contalo. O ton antiséptico da violencia que remarca a súa crueza, o dialogo indirecto coas amenzas veladas, deume ata certa claustrofobia. Isto escribiuno un cirurxián. Aparte a idea é moi vixente e con moita pegada. Un gran relato, si señor.

    “Puxo pelo”

    Vaia, vaia, puxo pelo e adicouse a sacalo, poida que porque podía poñelo de novo, ou porque lle proía, porque do pelexo podre pouco se pode sacar. Este relato ten un aquel que me ten ben collido. É todo o contrario ao seu rival, linguaxe falada, frases a man chea, dúas escenas pouco harmónicas entre si. A primeira fantástica, a segunda con menos chegada pero tamén moi fresca. A imaxe do home a sacar os pelos ten moita forza.

    É un pouco tarde, voume deixar levar pola entropía, o meu VOTO vai para “Puxo pelo”, por marciano, arriscado e porque deixa claro que o pelo dos marráns non só se tira co soprete. Parabéns aos dous pola alta calidade do duelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *