BiosBardia

O país dos libros en galego

Conversas con Xavier Vence. A descuberta dun político

Portada de 'Temos dereito a un futuro distinto'
Portada de ‘Temos dereito a un futuro distinto’

César Lorenzo Gil.

A editorial Engaiolarte debuta cun libro de xornalismo. Temos dereito a un futuro distinto. Conversas con Xavier Vence, de Xan Carballa, é unha longa e profunda entrevista co portavoz nacional do BNG que de seguro sorprenderá os lectores. Porque Xavier Vence é un político en aparencia de curto percorrido, escollido hai apenas dous anos para o posto do liderado da fronte nacionalista. Mais en realidade, a pesar de ser máis coñecido nos últimos anos polos seus traballos derivados do posto de catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, a súa traxectoria nos colectivos nacionalistas vénlle de antigo, cando era un mozote chegado de Rodeiro a Vigo para estudar no instituto.

O libro asinado por Xan Carballa é unha pescuda global da figura de Vence. O autor da obra é consciente da necesidade de ir desvelando a propia vida do entrevistado ao tempo que cómpre explicar o seu ideario político, acender un debate co político e economista ao redor daqueles temas que hoxe en día máis comenta a xente.

Nesa dupla vía consérvase o equilibrio entre o Vence humano, íntimo, que usa a memoria para rememorar os seus anos de infancia e xuventude, e o Vence reflexivo, ideólogo e comentarista da actualidade política, social e sobre todo económica. Nese discurso alterno está un dos achados do libro. O outro: a capacidade para non afogar na conxuntura actual nos comentarios do entrevistado. Cando se fala da Galicia de hoxe, non se debuxa unha caricatura nin un bosquexo feito ás présas con vontade electoral. As reflexións son de longo alento, os diagnósticos e o sinalamento dos riscos e ameazas para o noso país parten dun deseño estudado. Esas “receitas” sobre o porvir poderán ser estudadas dentro de dez anos, tanto para saber que país tiñamos no 2014 coma que país quereremos construír daquela, cando moitas das cousas que anuncia o líder nacionalista galego xa estean a ocorrer.

Un líder descoñecido

O retrato que constrúe Carballa neste volume fortalece a figura de Vence. Primeiro, tíraa do habitual tópico no que calquera político nacionalista se ve envolto polos medios de comunicación máis vendidos. O portavoz nacional do Bloque preséntase como un académico mais tamén como un activista, con autonomía, ideas propias e unha clara vontade de recuperar aqueles movementos que converteron no pasado o BNG nunha forza capaz de optar a gobernar Galicia.

Ademais, grazas a este libro, atopamos un Xavier Vence ao tanto de todos os vectores que definen o noso país e en todos os desafíos presenta argumentos sólidos para intentar unha vía alternativa á actual. No libro debúllanse algúns temas polo miúdo, caso da dependencia enerxética, a carencia dunha banca propia ou a ameaza do envellecemento nun país con grandes áreas despoboadas. Vence non repite tópicos, ofrece alento e nótase que está atento aos novos camiños que a propia sociedade galega vaia tomando no futuro para acometer os novos retos que pasaremos como país.

Xavier Vence é un dos máximos expertos en Economía real que temos hoxe en Galicia. Os seus traballos están nas bibliotecas para os consultar e comprobar como si alertou de determinados perigos que hoxe se converteron en danos quizais irreversibles para a nación: o desequilibrio de poder entre o poder electo e moderno da administración autonómica fronte ao poder indirecto e vetusto das deputacións; a desconexión das caixas galegas das necesidades financeiras dos galegos; a imposición dun dogma neoliberal baseado en mentiras ou medias verdades.

O político sabe gardar eses recursos e coñecementos para o seu novo papel; no libro mostra toda a súa bagaxe mais agora xa non está no papel de técnico senón no de cabeza visible dun proxecto ideolóxico e organizativo que debería aproveitar este volume para iniciar de novo un traballo de difusión social do seu ideario. Porque o título de Xan Carballa serve tamén como trinque das novas ideas do BNG e tamén como primeiro paso na reconfiguración necesaria no mapa de siglas do nacionalismo galego.

Xavier Vence, de cativo, en Vigo.
Xavier Vence, de cativo, en Vigo.

Traballei durante once anos ao lado de Xan Carballa. Coñezo o seu perfil como entrevistador. Conversador curioso, capaz de atopar o enfoque a un tema fóra dos tópicos ou dos titulares, non dubida en pousar o bolígrafo para atender a esencia das palabras do seu interlocutor. Este seu novo traballo chega despois doutros traballos ao redor da biografía e o xornalismo de longo alcance. Igual que no pasado retratou a Francisco Carballo e a Valentín Paz Andrade, desta volta, o periodista consegue captar a dimensión poliédrica dun líder do novo tempo.

Podes descargar un extracto do libro Temos dereito a un futuro distinto, por xentileza de Engaiolarte.

Retrato de rapaz sen fotografías

One thought on “Conversas con Xavier Vence. A descuberta dun político

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *