BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Corpos’, unha breve e interesante historia material da morte

Erica Couto-Ferreira.

César Lorenzo Gil.

Corpos. As outras vidas do cadáver, de Erica Couto-Ferreira (Pazos de Borbén, 1979) é un ensaio histórico sobre catro aspectos relacionados coa historia material da morte: a tanatopraxia, é dicir, os métodos que se empregaron ao longo do tempo para tratar e conservar os corpos mortos; a busca da inmortalidade mediante a técnica da petrificación; unha análise da personalidade e funcións dos verdugos e o vampirismo.

Cun ton divulgativo e áxil, Couto-Ferreira utiliza unha gran cantidade de fontes para cada un dos capítulos. Doutora en Historia, demostra a súa capacidade para a síntese e a xerarquización da información. Este é un libro moi útil para entender estes aspectos relacionados coa morte sen sensacionalismo truculento, pero tamén a salvo do academicismo.

No relativo ao estudo sobre a tanatopraxia, a autora repara nos variados xeitos nos que se tratou o corpo morto. Como ben explica, tras o falaz dito que afirma que a morte nos iguala, en realidade, máis alá do común final de todo ser humano, cada tempo, espazo e clase social dispuxo unhas normas específicas para o trato e conservación dos cadáveres. O libro vai seguindo a liña do tempo para entender como en cada momento a sociedade tratou o corpo dun xeito ou doutro. E tamén aproveita a autora para analizar determinados xeitos de tanatopraxia, especialmente a que ten a ver co embalsamamento, unha técnica que evolucionou e que fascinou a científicos e políticos. É moi interesante tamén comprobar como o poder se valeu historicamente dun cadáver relevante para emitir unha mensaxe. Desde a repartición dos membros dalgúns reis e emperadores, coma Federico II Barbarrubia, que logo de morrer en plena Asia Menor viu o seu cadáver espallado en varios lugares de enterramento, aos rituais que se exerceron sobre personalidades que se consideraban malvadas ou antisociais, e que se temía que de mortos fosen quen de peores atrocidades ca de vivos. Tamén é moi curiosa a breve historia que Couto-Ferreira escribe sobre a crionización, é dicir, o proceso de mantemento dun cadáver a moi baixa temperatura para conservalo en óptimas condicións coa esperanza de que no futuro a tecnoloxía permita a resurrección dos mortos.

Ao redor do uso do cadáver para a manifestación política, o libro recolle a experiencia dos petrificadores, maioritariamente italianos, que intentaron inmortalizar os cadáveres pola vía de convertelos en pedra. O caso máis famoso e novelesco é o proceso de momificación mineral de Giuseppe Mazzini, o carbonario e impulsor da unificación italiana pola vía republicana, que finalmente non foi a que frutificou. Mazzini, quen curiosamente era fillo dun profesor de Anatomía, foi o escollido por Paolo Gorini para demostrar o seu método de petrificación a base dunha técnica inspirada no Antigo Exipto, mais aproveitando todos os avances da química moderna. A historia da momia do pai da patria italiana serve como exemplo dunha práctica que foi recorrente no pasado inmediato. Abraham Lincoln, Simón Bolívar, Lenin ou Mao Zedong tamén foron embalsamados con técnicas distintas, pero co mesmo fin: espallar máis alá da morte unha personalidade única.

Neste capítulo chama a atención o debate que se xerou ao redor da petrificación, con dilemas tales como: Que pasaría se todos os defuntos se petrificasen? Habería nalgún momento que “reducilos a po” para facerlles sitio a novos defuntos?

É un acerto do libro, no capítulo dedicado aos verdugos, enfrontar no espello o reverso do cadáver: o causante da morte. Couto-Ferreira repasa a historia deste oficio, moitas veces caricaturizado ou ignorado. Como ben se conta no libro, as orixes do executor foron circunstanciais: Obrigábase a ser verdugo un estranxeiro ou alguén case ao azar. Logo os verdugos “profesionais” adoitaban ser condenados á morte que libraban da pena capital a cambio de exercela: “o executor redimíase matándose a si mesmo unha e outra vez” (p. 182).

O libro fai un sucinto percorrido tamén sobre o destino dos cadáveres axustizados. Desde a exposición pública á mutilación. A autora repara na dimensión escénica da execución e en como evolucionou a representación da execución de criminais en consonancia coa evolución das teorías humanísticas.

Moi interesante é o repaso que fai o libro dos relatos dos propios verdugos. Franz Schmidt, verdugo imperial do Sacro Imperio nos s. XVI e XVII; Mastro Titta, o verdugo máis famoso de Roma, que exerceu o oficio no século XIX e James Berry, executor moi famoso en Gran Bretaña grazas ao libro que publicou baseado nas súas experiencias.

Contodo, a parte na que vemos a autora máis cómoda, máis asentada, máis lúcida, é a última, a relacionada cos vampiros. Aí os coñecementos sobre o tema aparecen dun xeito natural, perfectamente enfiados, incluso co pouso fascinado de quen escribe de algo polo que sente paixón. Todos estes ingredientes suman e, malia que o tema do vampirismo é un ámbito do que hai sobrada bibliografía en calquera das súas facetas, en Corpos ten o lector unha oportunidade de coñecer os seus fundamentos básicos nun resumo de 70 páxinas, co interesante engadido sobre os usos do material cadavérico para, por exemplo, fabricar pigmentos (Couto-Ferreira faise eco da lenda que afirma que Delacroix usou restos humanos para o cadro A liberdade a guiar o pobo.

En definitiva, que se publiquen en galego libros coma este é unha excelente nova para garantir a diversidade da biblioteca galega e tamén estimular a confección de contidos encadrados no xénero do ensaio, pero que superen a panoplia de curiosidades habituais entre os ensaístas galegos. O libro é unha tradución, entendemos que da propia autora, xa que non aparece acreditado ningún tradutor neste volume.

♦ Corpos. As outras vidas do cadáver, de Erica Couto-Ferreira. Kalandraka, 2023. 368 páxinas. ♠19

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *