BiosBardia

O país dos libros en galego

Crónica da feira do libro de Madrid cun paraugas ao lombo

Feira do libro de Madrid. GUILLERMO FERNÁNDEZ/FLICKR
Feira do libro de Madrid. GUILLERMO FERNÁNDEZ/FLICKR

César Lorenzo Gil.

Este ano foi a primeira vez que estiven na feira do libro de Madrid que ten lugar nun dos paseos do parque do Retiro nestas semanas. Até agora a miña experiencia como comprador de feiras bibliográficas foran as de Santiago, Vigo, Ourense. Tamén estiven na de Monforte de Lemos e na de Melgaço. Non teñen nada a ver, son conceptos similares na forma pero tan distantes unha da outra que é ridículo comparalas. Só unha imaxe: na feira do libro de Vigo deste ano, a distancia entre os mostradores e a calzada por onde circulaban os coches era tan curta que a pouco que se xuntase un pouco de xente corríase o risco de ser atropelado. Na de Madrid demóranse vinte minutos a gusto en cruzala de punta a punta, por unha larga avenida de carruaxes.

É tradición que na feira madrileña chova. Como estaba avisado, alá me acheguei co meu paraugas pendurado ao lombo, coma os petrucios de Castelao, non por pose senón para ter as mans libres para espreitar os libros nas casetas. Apenas caeu unha bategada ao final da tarde. Cando abrín o paraugas, unha vara retorceuse e maldicín en galego. Unha paisana sorriume e díxome, tamén en galego: “Chove en Madrid. E cando en Madrid chove a cidade ponse nerviosa”. Non só en Madrid, pensei. En Vigo en canto caen catro pingas hai atascos, bucinazos e un rebumbio coma se en vez de auga caese xofre.

A feira de Madrid ten dúas facianas: a visible, a dos compradores que aproveitan o 10% de desconto ou se lle achegan a algún dos irmáns Reverte (Jorge e Javier) co libro publicado polo outro. “No, señora, el viajero es mi hermano, yo le doy a la historia”, e a oculta, a que lles importa aos editores e libreiros, a dos números de vendas. Esa feira secreta só sae á luz nos espazos das editoriais pequenas, onde son os propios donos os que atenden, moitas veces torpes contando moedas, nerviosos diante dos clientes, obsesivos recolocando os libros manoseados para que estean en perfecta disposición no mostrador.

O xornalista madrigalego Héctor Juanatey, que estivo de libreiro por un día no posto de Libros del K.O. explicábao graficamente en Twitter: “Até arranxei cadeiras… Menos vender libros, aquí pásanos de todo”

Cando te achegas, sorrín. Se abres tal ou cal libro e demoras máis dun minuto nalgún capítulo, morden os labios para non che falar. Se levantas a vista do texto, aproveitan: “¿Te gusta la literatura nórdica?”. Discretamente, contestei: “Un poco” e seguín co libro. O editor metido a mal vendedor xa se decata de que non son quen visita o seu posto para dar parola… e menos de literatura nórdica. “É a galega literatura nórdica?”, penso. “Non digas nada”, teño o costume de conversar comigo mesmo, “desde o centro somos tan norte coma Suecia pero moito menos visibles”.

Hai postos de literatura en italiano, en alemán, en francés, loxicamente en inglés… Mais as outras linguas ibéricas non existen.

Así é, Madrid é unha cidade curiosa. Non se pode definir como pechada. Nas súas rúas fálase unha ducia de idiomas (en voz ben alta), a súa posición xeográfica e a súa estrutura urbana moderna danlle un aspecto de cidade en crecemento perpetuo aproveitando o mar de nada que ten ao redor. Os seus habitantes presumen de cosmopolitas e nos rótulos comerciais hai gran porcentaxe de inglés: Health Center, Beauty, Gifts… mais tamén romanés, árabe, incluso vin textos con caracteres cirílicos, non sei de que país concretamente. Mais esas portas abertas, xa falando da feira, baten de fociños coa propia realidade cultural do Estado. Hai postos de literatura en italiano, en alemán, en francés, loxicamente en inglés… Mais as outras linguas ibéricas non existen. Euskadi ten un posto institucional, sorprendentemente con gran presenza de libros de tema abertzale; Catalunya e Galicia, nada. Ou case nada porque Kalandraka e Ediciones del Viento teñen un posto. Pregunto en Kalandraka se teñen libros en galego. Amablemente ofrécenme encargalos e que vaia buscalos en dous días.

A estatística da fila

Os libros que máis me prestan están nos postos máis afastados da porta principal da feira. Nalgúns tramos do percorrido apenas hai camiño entre a xente que se concentra alí onde hai algunha figura asinando. Os gardas de seguridade teñen que intervir ás veces para ordenar as filas. Cales son as máis numerosas? De facermos unha estatística por tamaño, as que a teñen máis longa son o marido de Alaska, Mario Vaquerizo, e o cociñeiro Jordi Cruz. Para que logo digan que a televisión está pasada de moda. Non todos os que esperan levan libros. Un par de mozos vestidos con gorros de Masterchef lévanlle a Cruz unhas culleres de pau para que llas inmortalice cun rotulador. Un señor duns cincuenta anos colle a Vaquerizo polas fazulas e chántalle: “No me iba de aquí sin tocarte. Te he traído una cruz de Caravaca bendita para que te proteja”. O representante e biógrafo de Fabio McNamara queda encantado co presente.

A televisión é unha plataforma de gloria efémera. Que llo digan ao ex presentador Pepe Navarro. Vaise encollendo a medida que se decata de que moitos o miran, quedan pensando se é aquel galán noitébrego que inventou o late night show en España o homiño de melena que se remexe inquedo na cadeira plástica. Tampouco ten moito choio a pluma brillante de Patricia Pérez, a presentadora de Telemadrid nacida na Caniza, irrecoñecible co seu fociño inchado no quirófano.

Entre os profesionais da escritura, pasa máis ou menos o mesmo. Ringleiras longas para os best-sellers entre a mocidade: Federico Moccia e, sobre todo, un tal Blue Jeans, pseudónimo dun rapazolo bolechudo de viseira ao que lle queda o pulso adoecido de tanta adicatoria.

De facermos unha estatística por tamaño, as que a teñen máis longa son Mario Vaquerizo e Jordi Cruz, a fila.

No outro canto da escada da fama, na mesma morea de autores cuxo nome recoñezo non ter oído nunca, o meu admirado Luis Goytisolo, tan só e desamparado que de seguro que esa experiencia lle valeu como inspiración para algún bo poema ou como inicio dalgunha novela.

Máis ambiente había nas casetas nas que ía asinando, en itinerante ampliación da campaña política de Podemos, Juan Carlos Monedero, ideólogo da formación da que todo o mundo fala, fiel á fasquía de impresor da década do 1920 (con lentes vintage e chaleque, camisa branca). Tamén tiña moita parroquia un escritor do que non anotei o nome e agora me deixa quedar mal. A faixa que adornaba o seu novo libro era reveladora: “El nuevo trabajo del autor que vendió 11.000 ejemplares de su anterior obra”. Escritores en galego: presuman de vendas!

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *